Novas por contido

A Dirección Xeral de Función Pública achega os borradores dos temarios para os procesos selectivos derivados da OEP extraordinaria da Lei 20/2021 (lei da temporalidade). Os sindicatos temos de prazo para presentar alegacións ata o xoves 17 de novembro, para o que podes contactar coa CIG.

En cada unha das descargas que van de seguido, podes atopar os temarios para diferentes escalas/especialidades/categorías do mesmo subgrupo  de persoal funcionario (e equivalente grupo de persoal laboral).

Nunha reunión con Función Pública previa á mesa sectorial a CIG preguntou polas datas para a resolución de procesos selectivos pendentes.

Segundo o director xeral ESTA SEMANA (14 ao 18 de novembro) sairán publicados ou os actos de elección de destino ou as tomas de posesión de:

  • Corpo de xestión (subgrupo A2), tanto promoción interna como libre.
  • Corpo administrativo (subgrupo C1), tanto promoción interna como libre.
  • Terapia ocupacional
  • Medicina

A semana que vén sairán as do corpo auxiliar, promoción interna e libre.

Do resto de escalas da OPE Social están examinando alegacións.

Sobre o proceso de persoal subalterno (agrupacións profesionais) dará información na mesa sectorial do 15 de novembro.

Dende a CIG-Administración Autonómica denunciamos a rebaixa da calidade dos menús escolares pola inflación. 

Vimos de remitir un escrito ao conselleiro de Educación en demanda de que se revisen e actualicen as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares. O gasto que se destina é de aproximadamente 2,30 € por alumno/a e día, que inclúe os produtos de alimentación e limpeza. Un investimento que non se ten actualizado nunca, cando as familias están a pagar 5 euros, máis do dobre do que realmente se está a investir na alimentación dos seus fillos e fillas.

Na CIG consideramos que ese incremento debe ser de, polo menos, un 20% sobre as contías vixentes, en función do tipo de comedor (A,B,C,D,E,F) e do tipo de alumnado, se son de Educación, Infantil/Primaria ou Educación Secundaria.

Denunciamos que os comedores escolares dos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que teñen un servizo de cociña quente, centralizado e xestionado directamente polo persoal de cociña, encargados de comedor, máis a dirección dos centros, estanse vendo moi afectados pola inflación.

Xa os anos de pandemia (Covid 19) tiveron un importante impacto no prezo e aumento do consumo dos produtos de limpeza e desinfección así como nas luvas, bobinas de papel etc.. A escaseza provocada polo aumento da demanda repercutiu nunha suba moi considerable dos prezos de mercado, sendo estes produtos de uso común no día a día tanto nas cociñas como nos seus respectivos comedores para poder minimizar os riscos en canto a seguridade alimentaria e saúde dos comensais que fan uso deste.

Inflación desbocada

A inflación que estamos a sufrir desde o curso escolar 2021-22, e que perdura neste curso 2022-23 está provocando unha alza dos prezos dos alimentos considerados como básicos (grans, verduras, froitas, produtos lácteos e proteínas) imprescindíbeis na dieta diaria para a alimentación do alumnado. Unha suba que afecta especialmente aos produtos frescos.

Esta situación está obrigando ao persoal de cociña a modificar os menús e, por conseguinte, a reducir a calidade da materia prima empregada para a súa confección, empregando produtos de segunda, terceira e cuarta gama (non perecedoiros) en detrimento de produtos frescos (perecedoiros). Estamos diante dunha situación moi complicada que produce unha grande carga de traballo e presión no ámbito laboral ao persoal de cociña, ao non ter os recursos de materias primas necesarias para realizar o seu traballo coa calidade profesional que deben mostrar os servizos públicos que se ofrecen.

Calidade, saúde e necesidades nutricionais

Na CIG consideramos que os menús escolares teñen que ir orientados cara unha alimentación de calidade, saudábel e sostíbel, adaptada ás necesidades nutricionais de cada grupo de idade. Nese senso, o xantar é, ademais, a comida máis importante do día, polo que non se pode reducir a calidade dos alimentos para poder manter este servizo.

Unha boa alimentación favorece a saúde, serve de prevención contra moitas enfermidades producidas polo déficit nutricional e é fundamental durante a etapa de crecemento do alumnado.

Por todo isto é importante que os centros escolares aporten un xantar equilibrado e básico para compensar a carestía da vida das familias e minimizar a repercusión da suba dos prezos na saúde e no rendemento escolar do alumnado. Na CIG defendemos uns servizos públicos de calidade cunha atención integral en toda a etapa de escolarización na que a alimentación completa e saudábel é parte fundamental e demandamos que, de contado, se actualicen os investimentos para garantila.

O pasado mércores 02 de novembro o Servizo de Persoal da Consellería de Medio Rural comunicou ás organizacións sindicais unha listaxe con varios postos de “Axentes Forestais” (desde hai varios anos a denominación correcta é Axentes Ambientais, pero é o que ten non querer saber nin preocuparse do seu persoal) para ser cubertos a través das listas de contratación de personal interino.

Cal é a nosa sorpresa que ao comprobar os códigos dos postos a cubrir observamos que hai varios deles que non foron ofertados previamente en comisión de servizo para o persoal funcionario de carreira.

Esta situación inaceptable ten a súa causa en que o persoal funcionario de corpos especiais leva máis de 10 anos sen ter un concurso de traslados, o que lle imposibilita exercer os seus dereitos de mobilidade e conciliación da vida laboral e familiar.

Pero o despropósito non remata aí, xa que un día despois de achegarnos a listaxe, tiveron que retirar o posto co código MRC995010127640007 AXENTE SERVIZOS PERIFÉRICOS-COMARCA FORESTAL: TERRA CHA porque a persoa que o ten en propiedade xa está reincorporada ao seu posto.

Por todo isto, solicitamos ao Servizo de Persoal da Consellería de Medio Rural que corrixa o seu erro e que antes de ser ofertados os postos a través das listas de contratación de persoal interino se oferten en comisión de servizo para poder ser solicitados polo persoal funcionario de carreira.

Función Pública interpreta as convocatorias ao seu xeito. Que se salve o máis agudo!!

O venres 4 de novembro tivemos a xuntanza coa Subdirección Xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal solicitada pola CIG e secundada polo resto de sindicatos para tratar as cuestións derivadas da baremación dos procesos selectivos da chamada OEP Social.

Introduce Función Pública a xuntanza dicindo que debido a que como xa se lles formularan cuestións durante os períodos de acreditación de méritos decidiran pedir a Política Social un informe sobre a consideración de catálogo de servizos sociais.

A consellería de Política Social emitiu ese informe no mes de marzo de 2022 e despois de todos estes meses Función Pública decidiu “sacalo” na xuntanza. O informe recolle que a prestación dos servizos sociais recollidos no catálogo vén regulada por varias normativas (Decreto 61/2016, Decreto 192/2015 e Decreto 149/2013), polo que aínda que un centro ( por exemplo un do SERGAS) non estea incluido dentro do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, se o persoal que traballa nel si que fai funcións que estean incluídas dentro do catálogo e a persoa responsable que certifica os servizos prestados así o acredita, vaise puntuar igual que ao persoal das residencias e centros da Xunta que prestan servizos dentro do catálogo.

É dicir, teríanse en conta dentro do apartado de prestación de servizos que vén redactado do seguinte xeito:

Experiencia profesional, entendida como os servizos prestados nalgunha das actividades descritas no catálogo de servizos sociais, ao que fai referencia o artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, en calquera Administración pública, como persoal laboral na categoría e grupo no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia ou como empregado público na mesma categoría, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación e desempeñe o seu posto no indicado catálogo de servizos sociais.

Esta redacción aparece en todas as convocatorias da OEP Social a excepción da categoría de Auxiliar de Clínica, na que non se fai referencia ao catálogo de servizos sociais, polo que non estaría afectada por este criterio.

Transmitímoslle as dúbidas e inquedanzas que a CIG estivo a recibir ao longo destes días e meses sobre as desigualdades existentes á hora de emitir os certificados de servizos prestados, dependendo do órgano que os emitise. Función Pública considera que todo o que están a facer está ben feito e é o máis legal aténdose as bases das convocatorias, que teñen que facer caso aos informes recibidos. Manifestan que terán en conta a documentación presentada durante o período de acreditación de méritos e aquelas emendas que consideren oportunas presentadas nos prazos de reclamación á baremación provisional.

Semella que as irregularidades cometidas por eles durante os períodos de acreditación de méritos e de reclamación son unha minucia.

Dixeron que transmitirían as nosas queixas ao director xeral de Función Pública, pero que de non chegar a unha solución “sempre está a opción das demandas individuais das persoas que se consideren afectadas”.

Manifestamos a nosa indignación e que esa é a maneira que ten a Xunta de apoiar a aquelas persoas que decidiron deixar outras oportunidades laborais para dedicarse plenamente á Xunta. E aínda se preguntan por que hai listas de contratación onde non hai xente... pois aí teñen a resposta, polo bo trato que lle dan....

Aquí está a gratificación da Xunta de Galicia!!

Tras pasar previamente pola Mesa Xeral, aprobouse na Comisión de Persoal do 2 de novembro unha Oferta de Emprego Público (OEP) correspondente a prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autonóma de Galiza para o 2022, para a posta en funcionamento de novos servizos públicos.

Aparte de ser algo novo, por ser a primeira OEP de entidades instrumentais que lembremos, o documento está inzado de eivas. Non consta ningún tipo de xustificación da necesidade desta OEP, nin de cales van ser eses novos servizos, nin en que entes instrumentais se van prestar e peca tamén de algo fundamental, como é o anexo das prazas.

Esta oferta de emprego, así, baleira e sen xustificar, resulta escandalosa se temos en conta que se trata dunha OEP adicional, mentres na Administración Xeral mantense a taxa de reposición pola que non se convocan prazas a maiores nin se cobren servizos novos con emprego público, o que abre a porta á privatización dos servizos públicos.

Engordando a administración paralela

O director xeral da Función Pública (DXFP) informou na Mesa Xeral previa de que se trata de “prazas necesarias para a posta en marcha e funcionamento de novos servizos cuxo establecemento veña imposto en virtude dunha norma estatal, autonómica ou local”.

Dito iso, engadiu que ían incorporar 80 prazas en base ao “acordo da Secretaría de Estado das Administracións Públicas” nos seguintes entes: Galaria, SEAGA, SPI (Sociedade Pública de Investimentos SA), XesGalicia e Portos de Galicia.

En cambio, na Comisión de Persoal o DXFP falou de 85 prazas en troques de 80, dato que non podemos contrastar ao non dispoñer do anexo de prazas.

Na CIG concluímos que aínda que é positivo que se aumente o emprego público, ao menos deberiamos poder valorar se eses novos servizos os podería realizar directamente a Administración Xeral na vez de acudir aos entes instrumentais porque o que está a facer aquí o goberno do PP é o contrario ao que vende: está a engordar a administración paralela.

En canto ás convocatorias derivadas desta OEP, o documento aprobado indica que se poderán contemplar procesos de promoción interna de conformidade cos convenios colectivos que sexan de aplicación en cada unha das entidades instrumentais convocantes.

Como novidade respecto ao primeiro borrador, Función Pública retráctase da súa intención inicial de que a quenda de persoas con discapacidade (supostamente 6 prazas) compútase na OEP da Administración Xeral, de xeito que finalmente computará nesta OEP de entes instrumentais.

Estando sempre a favor da creación de emprego, a opacidade total desta OEP levounos a que a CIG votase en contra mentres que CCOO, CSIF e UGT abstivéronse.

O concurso de corpos xerais rematou (e xa eran horas) en xuño deste ano coas tomas de posesión; pensabamos que con isto minguaría a adxudicación e prórrogas de prazas en comisión de servizos. Non foi así: abonda botar unha ollada ao cadro que segue para decatarnos do despropósito: 

  XANEIRO - XUÑO XUÑO- NOVEMBRO
COMISIÓNS DE SERVIZO 206 832
PRÓRROGAS DE COMISIÓNS 178 511
TOTAL 384 1.343

Así podemos observar un incremento de case o 400% de cobertura de prazas o cal é unha mofa para o persoal funcionario dos corpos xerais que esperan e esperan por concursos cuadrienais (para o resto do persoal, como escalas e corpos especiais ou persoal laboral, o concurso de traslados é ciencia ficción). 

O recen aprobado Decreto de Mobilidade, de marcado carácter discrecional, perpetúa o enchufismo e o amiguismo para conquerir prazas de nivel, poder cambiar de localidade ou conciliar mellor. Do concurso aberto e permanente tan demandado só temos pobres declaracións de intencións, acumúlanse anos de inacción e vista a boráxine de comisións de servizo, quen o vai crer?

O colmo da historia esta a suceder agora cando para a elección de destino das persoas que logo de moito esforzo e sacrificio superaron a promoción interna non se lle van poder ofertar prazas na súa localidade, aínda que as haxa, porque priorizan as comisions de servizo sobre todo o demais.

As comisións están a ser a fórmula estrela de provisión de postos.. E así seguimos, pois as escalas da Administración especial levan moitos anos esperando polo concurso e na Administración xeral xa cumpría ter outro de maneira urxente.

Concurso aberto e permanente xa!!!!!

Algo é algo” ou “menos dá unha pedra”. Ambas expresións resumen á perfección a actitude servil amosada por CCOO, CSIF e UGT na Comisión de Persoal que tivo lugar o 2 de novembro onde, co único voto en contra da CIG, certificouse que o persoal empregado público galego continuará a perder poder adquisitivo.

A situación é verdadeiramente grave e ten o seu xerme no “pacto de perdas retributivas” asinado en Madrid por CCOO e UGT e que foi ratificado na Comisión de Persoal do 2 de novembro cos votos de CCOO, UGT e CSIF, que tragaron o caramelo envelenado en forma de suba do 1,5 % que o único que fai é atenuar unha continua perda de poder adquisitivo.

A realidade que amosan os datos é incontestable. A suba salarial prevista para este ano 2022 do 3,5 % (2% + 1,5%) amósase insuficiente nun contexto inflacionista cun IPC interanual do 7,3 % e que na práctica supón que a perda de poder adquisitivo dos salarios públicos galegos neste ano 2022 vai ser cando menos do 3,8 %.

O director xeral de Función Pública manifestou que “tentarán” que a suba do 1,5 % con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2022 se faga efectiva coa nómina de novembro.

Na Comisión de Persoal do venres 28 de outubro aprobouse un novo sistema de carreira profesional, os criterios dos procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021, e unha nova organización dos órganos de representación sindical do persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración Autonómica. Van aquí os textos finais e a información que xa publicamos.

Carreira Administrativa do persoal funcionario

Despois de que UGT, CCOO e Función Pública paralizaran o grao II no segundo semestre de 2020 (cando tiñan que regulalo para que entrara en vigor en 2021) póñeno en marcha facéndolle perder un ano de cobro ao persoal dos grupos C1, C2 e AP. No primeiro semestre de 2023 sairá a convocatoria para aquel persoal que teña 11 anos de antigüidade a 31/12/2021 e con efectos de 2022. As contías á cobrar serán do 60% do importe no 2022, o 80% no 2023 e o 100% no 2024.

Foron tres as sentenzas que gañamos, así que non lles quedou máis remedio á Administración, a CCOO e a UGT que incluír ao persoal interino. Non se recoñecen os efectos retroactivos dende o 2019 ao persoal interino que cumprira cos requisitos. En relación a isto estamos á espera de que se resolva o incidente de execución de sentenza para determinar si é un dereito que ten un carácter ex novo ou non.

Recoñecen o dereito á carreira a aquel persoal que no 2019 non cumpría os requisitos, polo que se vai abrir un novo prazo para o acceso ao grao I para aquelas persoas que teñan unha antigüidade de máis de 5 anos nesta Administración dende o 31/12/2021.

Pero ollo, CCOO e UGT danlle o visto e prace  a unha cláusula onde se di que de ampliarse o ámbito subxectivo se reformularán as porcentaxes e as contías. Iso quere dicir que si o teu compañeiro da mesa do lado reclama algo e se lle dá a razón iso vai repercutir no que ti cobras.

Manteñen uns importes que afondan na brecha salarial, ao ser os do grupo superior (2.589,12 €) máis do triplo dos do grupo inferior (801,48 €).

A pesar de que hai avances porque se viron obrigados a acatar as sentenzas, seguen facendo trampa cos efectos retroactivos, polo que o noso voto non foi favorable.

Importes anuais de cada grao da carreira segundo subgrupo

A1 2.589,12
A2 1.812,00
C1 1.291,20
C2 991,80
AP 801,48

Porcentaxes a cobrar do grao II

2022 60 %
2023 80 %
2024 100 %


Complemento de desempeño do persoal laboral (equivalente á carreira do persoal funcionario)

Ao igual que no caso do persoal funcionario interino, vense obrigados a recoñecer este dereito ao persoal laboral temporal e indefinido. Pero fan o mesmo cos efectos retroactivos, polo que tamén esperamos polo incidente de execución de sentenza.

Tamén se perde un ano do grao II do persoal dos grupos III, IV e V, por culpa da paralización do mesmo por parte de Función Pública e CCOO e UGT.

As contías e porcentaxes serán igual que no caso da carreira do persoal funcionario.

Pero o colmo de todo isto é que privan do dereito á carreira ao persoal laboral fixo, que superou procesos selectivos asimilables aos de funcionario de carreira convocados por Función Pública e que non se queira funcionarizar. Entendemos que privar deste complemento a este persoal non ten que ver con razóns orzamentarias (a Xunta estima que menos do 10% do persoal laboral fixo non se vai funcionarizar, así que falamos de menos de 500 persoas), polo que queda á vista cales son as razóns da Xunta para non incluílos: unha chantaxe para que se funcionaricen á forza.

Por isto tamén votamos en contra desta proposta.

Os importes, non garantidos

O máis preocupante das novas carreiras profesionais para o persoal funcionario e laboral é que non están plenamente garantidas porque introducen un novo concepto de dispoñibilidade orzamentaria que deixa aberta a posibilidade a futuros recortes en forma de modificación das anualidades e/ou nas porcentaxes de pagamento previstas, así como nos importes a percibir.

 

Na Comisión de Persoal do 28/10/2022 aprobaronse os criterios de bases comúns para os procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021. Nesa xuntanza houbo cambios de última hora que non constaban na documentación entregada previamente por Función Pública.

Se é do teu interese, aquí tes o texto definitivo cos cambios de última hora: descargar.

Esto é o que publicamos como resumo da Comisión de Persoal:

Aquelas bases que comezaron sendo xerais e comúns para todos os procesos derivados da Lei 20/2021, esnafráronse logo de 7 borradores e outras tantas mesas de negociación. 

A Xunta mudou unilateralmente o sentido deses criterios. A pesar de que a CIG non apoiamos nin a Lei 20/2021 nin a súa réplica galega, estivemos a traballar co fin de avanzar cara unhas bases equilibradas. E así aceptáronse moitas achegas da CIG, pero quedaron atrás ou se mudaron a última hora outras de gran importancia, como: recoñecer o tempo traballado noutras categorías, aumentar o valor da experiencia profesional entre a nosa administración e o resto de administracións, valorar o período de inactividade do persoal fixo descontinuo, etc. 

Non nos conformamos e máis se non veñen acompañadas dun acordo de mobilidade e de promoción interna serio. Votaron a favor CCOO e UGT (para variar); CIG e CSIF votamos en contra.

Outras novas recentes

Xoves, 31 Xullo 2025

Privatización do servizo de vixilancia de explotación de estradas

O pasado 10 de xuño, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) publicou na páxina de Contratos Públicos de Galiza a documentación relativa á contratación da conservación ordinaria e vialidade invernal das estradas dependentes da Xunta de Galicia. Nos pregos desta licitación figuran os requisitos e tipo de persoal con dedicación exclusiva que deben contratar as empresas...
Mércores, 30 Xullo 2025

A CIG pide a retirada da denominación sexista «Valedor do Pobo» da fachada do edificio da institución

A entidade está a negociar cos sindicatos o seu I Plan de Igualdade, que chega 18 anos tarde ―contando con que a súa aprobación sexa en 2025 A pesar de que dispoñemos cada vez de máis lexislación no eido da igualdade, o seu incumprimento é sistemático por parte das administracións, sen que teña consecuencias que as disuadan do contrario. A lexislación obriga ás...
Martes, 05 Agosto 2025

A traxedia de O Porriño pon o foco na Xunta para garantir a seguridade das traballadoras/os e usuarias/os

Melloras necesarias nas residencias da Xunta, garantindo a seguridade do persoal traballador e das persoas usuarias.A tráxica morte de Teresa de Jesús González, profesional do Servizo de Atención no Fogar (SAF), non só puxo de manifesto a necesidade urxente de abordar o acoso laboral, senón que tamén fixo saltar as alarmas sobre a seguridade nas residencias da Xunta de...