Novas por contido

Nova labazada xudicial á Xunta polo recurso de casación en interese de lei que interpuxo contra unha sentenza gañada pola CIG.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar unha sentenza na que se confirma que a Xunta recortou ilegalmente unha parte da paga extraordinaria do ano 2013. O alto tribunal galego resolve deste xeito en reposta a un recurso de casación en interese de lei presentado pola Xunta contra unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Vigo, gañada polos servizos xurídicos da CIG.

Esa sentenza inicial do xulgado vigués -coincidente co criterio de todos os xulgados que até este momento teñen ditado sentenzas en recursos promovidos pola CIG por este motivo-, indicaba que era ilegal descontar con carácter retroactivo a parte proporcional dos meses de xaneiro e febreiro de 2013, toda vez que a Lei de Orzamentos para ese exercicio non se publicou no DOG até o 1 de marzo, obrigando á Xunta a devolver o correspondente a eses dous meses.

Para a CIG chama poderosamente a atención a baixa catadura moral da administración dirixida polo Partido Popular cando fundamenta dun xeito catastrofista, en palabras do propio TSXG, o seu recurso contra a sentenza gañada pola CIG, entre outros aspectos, na situación “gravemente danosa para o interese xeral polo quebranto que supón para os intereses públicos de natureza económica ao supor o aboamento dos funcionarios públicos autonómicos de parte da paga extra, cuxo impacto valora en 23 millóns de euros, unido ao caos organizativo e a insuficiencia de créditos orzamentarios para atendelos”.

O mesmo Núñez Feijoo a quen non lle tremeu a man para roubarlle ao seu persoal 23 millóns de euros no ano 2013 parece que lle doe agora ter que devolver ese diñeiro.

A sentenza implica a obriga de publicación no DOG e pecha definitivamente a cuestión da paga extraordinaria de 2013, ao definir que a Xunta recortou ilegalmente unha terceira parte do complemento específico.

A CIG esixe unha vez máis da Administración Autonómica o compromiso de pagamento a todo o seu persoal desa parte proporcional da paga extra do 2013, unha vez que o Tribunal Superior confirma un dereito que xa viña sendo recoñecido polos diferentes tribunais do contencioso.

No caso de que o goberno galego siga a facer ouvidos xordos ás resolucións xudiciais, poderemos confirmar que a Xunta despreza absolutamente o seu persoal e obrígao a ir persoalmente aos tribunais de xustiza para gañar individualmente, aínda que teña custas para a Xunta, agardando a que a maioría do persoal non o faga e así ver reducido o que definiu como “un quebranto” para as arcas públicas. Nese caso, o compromiso da CIG manterase en estender todo o posíbel os xa máis de 1.000 recursos presentados tanto en vía administrativa como xudicial contra o recorte da paga extra.

Outras novas recentes

Mércores, 28 Xaneiro 2026

O persoal intérprete de língua de signos: máis precariedade nos centros educativos da xunta

O persoal Intérprete de LÍNGUA de Signos Española (ILSE) que presta servizo nos centros educativos públicos da Galiza dende o curso 2003/2004, leva anos sufrindo un deterioro progresivo das súas condicións laborais, cada vez máis afastadas da realidade profesional actual e das esixencias do traballo que desenvolve a diario nos centros. Esta situación non é froito da...
Martes, 27 Xaneiro 2026

Oposicións SPIF. Concursos de traslados pendentes (CP 26/01/26)

Asistimos á Comisión de Persoal do luns 26 de xaneiro. Os puntos da orde do día eran uns procesos de SPIF (concurso-oposición e estabilización). Na rolda aberta de intervencións, a CIG pediu información do estado dos concursos de traslados e a previsión dos que están pendentes. PROCESO SELECTIVO DE XEFE/A DE BRIGADA-B E BOMBEIRO/A FORESTAL-C2 Son procesos de...
Venres, 30 Xaneiro 2026

O Tribunal Constitucional suspende o plan da Xunta do “2 X 1” da dependencia

A CIG xa advertira da barbaridade que introduciu a Xunta na lei de medidas que, coa escusa de axilización de trámites, cargábase as mínimas garantías do procedemento de dependencia na vez de aumentar persoal nas equipas de valoración de dependencia O Tribunal Constitucional admite a trámite o recurso de inconstitucionalidade contra os cambios legais da Xunta metidos a...