Novas por contido

Coa nómina deste mes (para as persoas que aínda seguen traballando na Xunta) pagouse un 25% da paga extra de Nadal de 2012 e xa imos polo 75% recuperado (mentres as/os empregados do Estado xa lle devolven con esta nómina a totalidade do 100%). Ademais, deuse a circunstancia de que algún persoal funcionario que foi á Xustiza respecto da eliminación dos complementos específicos das extras de 2013 tamén lle abonaron estes nunha nómina adicional. Porén, outra xente aínda segue agardando pola execución da sentenza pois os xuros de demora non saen dos petos dos irresponsables políticos que causaron a desfeita.

Si, o impacto de recibir unha nómina máis alta do habitual, así sen esperalo, causa alegría, e dúas xa nin contamos, pero non nos esquezamos: 1) de que o diñeiro era noso, que llo prestamos á forza sen xuros e 2) de como chegamos aquí, do que houbo que pelexar, e aínda se está a pelexar con estes temas, e canto tempo pasou desde entón.

Que as traballadoras e traballadores públicos somo un arma electoral é algo evidente: cando nos quitaron a paga extra fómolo en sentido negativo e se nos apuntou co dedo como clase privilexiada, agora que nos devolven o que era noso, tamén. Curiosamente, o tempo, neste caso si puxo á clase privilexiada no seu lugar: a das xubilacións millonarias, a das contas en Suíza, a dos pagos en B, a das sociedades opacas en Panamá, etc.

Moitas notas de prensa e espazos nos xornais e nos telexornais téñense reservado para o tema "paga extra funcionarios" sen tratar obxectivamente o fondo da cuestión: que intentaron recortarnos retroactivamente e lles saíu mal (e iso recoñeceu a Xustiza respecto a 2012 e está recoñecendo respecto do 2013), que nos devolveron a cachos, facendo coincidir con citas electorais, máis tarde que o persoal público da Administración xeral do Estado e que ese diñeiro era noso e que houbo que pelexalo.

Por certo, para as persoas que estaban traballando na Xunta no 2012 e xa non o están, teñen que facer unha solicitude á consellaría respectiva. Ver anexo.

O próximo prazo, se nada se torce, será en setembro, probablemente coa precampaña das autonómicas e de aquela de novo se volva falar de que "Feijóo cumpre", que se fixeron os deberes e que bonito é todo. Pois a verdade é que os deberes fixémolos nós, a quen se nos quitou o diñeiro á forza, sen pagar xuros, e fíxoos, dende logo, a cidadanía que sufriu os recortes nos servizos públicos. E non, Feijóo non cumpriu, cumprimos nós. De feito nin quere cumprir co que di a Xustiza coa paga extra do 2013. Tampouco cumpriu cando dixo que o da Lei de medidas de 2012 era temporal e logo incorporou parte destas medidas na actual Lei de emprego público no 2015. Por non cumprir, non cumpriu nin co que non lle custaba cartos: concursos de traslados permanentes, promoción interna...

Outras novas recentes

Luns, 11 Agosto 2025

Listado prazas toma de posesión Medio Rural

Dende a CIG poñemos á vosa disposición o listado completo de prazas que resultaron da funcionarización para o C1, C2 e AP de Recursos Naturais e Forestais da Consellaría de Medio Rural. Estas praza teñen agora varios procesos pendentes de toma de posesión. Descarga aquí o listado.Aproveitamos para denunciar de novo como a funcionarización consolida e perpetúa as...
Xoves, 14 Agosto 2025

A CIG e os outros sindicatos esiximos solucións aos problemas das gardas e seguridade dos axentes ambientais de Patrimonio Natural

E solicitamos ter unha reunión, en canto remate a vaga de lumes, coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No día de onte, 13 de agosto de 2025, enviouse comunicación aos axentes ambientais do Servizo de Patrimonio Natural das catro provincias galegas de que acudiran a apoiar nos incendios forestais. Esta comunicación foi feita principalmente por wassapp e por...
Xoves, 07 Agosto 2025

Comisión de persoal (01/08/25): a constatación dunha discriminación salarial entre o persoal da Xunta

Asistimos á Comisión de Persoal do 1 de agosto para aprobar as modificacións de tres relacións de postos de traballo (RPT) que, con cousas boas e malas, tiñan un nexo en común: o incremento do complemento específico de entre 5.000 e 6.000 € para unha elite de postos de niveis 28 e 30, das escalas de letrados/as e de finanzas, co argumento da necesaria homologación cos seus...