Novas por contido

O "II Acordo para a mellora do emprego público e condicións de traballo", asinado en Madrid por CCOO, UGT e CSIF, pon en perigo a convocatoria do concurso de traslados horizontal.

Na enésima xuntanza polos criterios xerais dos concursos de traslados que tivemos o 18 de abril de 2018, Función Pública manifestou que pretende eliminar o concurso de traslados horizontal de persoal laboral recollido no V Convenio Convenio Colectivo.

A xustificación que dá Función Pública é que a convocatoria do concurso horizontal causará problemas na aplicación do acordo de estabilidade.

A solución de Función Pública pasa por contar co beneplácito das Organizacións Sindicais para recortar unha vez máis o V Convenio e eliminar de xeito “transitorio” o concurso horizontal. Así, na vindeira semana remitirá unha proposta neses senso.

A CIG rexeita recortar o V Convenio e considera un insulto e unha ofensa para o persoal laboral que despois de seis anos agardando polo concurso de traslados, Función Pública pretenda sacar adiante un concurso capado e só para os grupos IV e V.

A desfeita sería considerable tendo en conta que este podería ser o último concurso de traslados de moitos laborais de facerse efectiva a funcionarización que pretende executar Función Pública e da que non temos máis que o nome.

Dende a CIG esiximos con carácter inmediato un concurso de traslados de todos os grupos e categorías con carácter anual, tal e como recolle o V Convenio.

Agardamos non ser os únicos nesta demanda....

Outras novas recentes

Mércores, 27 Mai 2026

Persoal da promoción interna de 2023 da Xunta exixe que se respecte o seu dereito a ter destino definitivo

Concentración en San Caetano ante a falta de solucións e información transparente por parte da Consellaría de Facenda Centos de compañeiras e compañeiros da promoción interna de 2023 concentrámonos este mércores 27/05/2026 diante do complexo da Xunta de Galiza en San Caetano para exixirlle á directora xeral de Emprego Público e ao conselleiro de Facenda unha solución de...
Venres, 22 Mai 2026

“Quen vai de última?” A vergonzosa opacidade nas listas de PSX e xerocultoras/es

A vergonzosa realidade que estamos a vivir nos centros do Consorcio e da que a Xunta de Galiza permite mirar para outro lado. Vas ao supermercado a facer a compra, hai cola e preguntas "quen vai de última?". Alí danche un número e sabes que se respecta a quenda. Pois ben, traballar para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar hoxe en día é peor que ir ao...
Venres, 29 Mai 2026

Inacción da Xunta ante o risco do radón

A CIG esixe transparencia inmediata sobre os resultados das medicións do radón A CIG denuncia publicamente a gravidade da situación no edificio dos Xulgados das Cigarreiras, na Coruña, dependente da Xunta de Galiza, onde existen sospeitas fundadas de que os niveis de radón poderían ser moi elevados, poñendo en risco a saúde do persoal. As medicións foron feitas con data...