Novas por contido

Os acordos asinados polos sindicatos estatais impiden recuperar tanto o nivel emprego público de 2009 como o poder adquisitivo.

O mércores 17 fomos convocados á Mesa Xeral de Negociación para tratar os Orzamentos de 2019 e a súa Lei de Medidas. A negociación consistiu en que nos contaron o que van facer dicindo que se non hai melloras é porque no Acordo de Madrid cos sindicatos estatais non se contemplan e o que se contempla non obriga. Apenas hai melloras e as destacaremos aquí.

Limitados polos recortes do Acordo de Madrid asinado polos sindicatos estatais:

Consolídase a perda de poder adquisitivo

Para a CIG esta “pseudonegociación” vese limitada polos acordos asinados polos sindicatos estatais tanto en Madrid como en Galiza, aos que esta central sindical xa manifestou a súa oposición no seu momento. As subas salariais están ligadas ao PIB e non aos incrementos do IPC, que en 2018 está xa no 2,2%, mentres que o incremento acordado para este ano é do 1,62% (1,5 durante 12 meses e 0,25 máis durante 6), o que implica unha perda de poder adquisitivo do 0,6%. Unha perda da que é responsábel o goberno Rajoy e cómplices necesarios os sindicatos que negociaron á baixa a suposta “recuperación” salarial. Todo isto nun contexto no que se pide a indexación das pensións ao IPC, para CCOO, UGT e CSIF no caso do salario das persoas empregadas públicas, non vale.
Neste momento non hai ningunha norma que obligue a que a suba salarial sexa a que se fixa nos Orzamentos, o único que obriga é o acordo dos sindicatos co PP. Aínda que no Acordo de Madrid a suba prevista para o 2019 é do 2,25%, nestes Orzamentos consignan un 1,75%, e veremos cal vai ser o IPC do 2019 e se seguimos perdendo cartos.

Non se creará novo emprego no sector público, porque pactaron conservar a taxa de reposición.

Ademais do aspecto retributivo, a crítica da CIG tamén se estende ao mantemento dunhas taxas de reposición que van impedir que se recupere sequera o nivel emprego público que había no ano 2009. A CIG lembrou que a imposibilidade de aumentar a cifra total de persoal na Xunta está fixada no acordo asinado en Madrid e referendado en Galiza pola Xunta e os mesmos sindicatos.
Para a CIG, a taxa de reposición do 100% establecida na normativa básica só afecta ao ano 2018, para o 2019 non hai ningunha norma limitativa máis que o compromiso do Acordo de Madrid de limitar a convocatoria de novas prazas ao número de persoas que se xubilan o ano anterior.
Dende a CIG pedimos que se tumbe o Acordo de Madrid e que a Administración non se autolimite. Que se convoquen todas as prazas vacantes e que se negocien procesos de estabilización e unha promoción interna global.

Limitacións do cobro do 100% en situacións de IT

Función Pública Introduce unha serie de cambios na Lei 2/2015 de emprego público de Galiza, como o cobro do 100% en caso de baixa médica que, en todo caso, terá que agardar a xaneiro, e a ampliación do permiso de maternidade.
Estes orzamentos contemplan por fin a recuperación do dereito a cobrar o 100% do salario en caso de baixa por Incapacidade temporal (IT). Dereito que foi suprimido en 2012.
Malia isto a CIG criticou a redacción proposta pola Xunta, ao limitar o pagamento dese complemento até o 100% ás retribucións fixas do primeiro mes de baixa, o que impediría o cobro de incrementos retributivos que se poidan producir ao longo dunha baixa, como por exemplo os trienios.
A este respecto a CIG denuncia o papel do goberno Feixóo que se negou a recuperar este dereito, so pretexto dunha lexislación estatal que, porén, non condicionou a outros territorios que si o repuxeron. Mais tamén denunciamos a vergoñenta complicidade das organizacións sindicais estatais que daban por feita esta recuperación que non por moi anunciada se chegaba a  efectivizar e pola que haberá que agardar aínda á entrada en vigor dos orzamentos da Xunta, en xaneiro de 2019.
Como o persoal do Estado xa cobra o 100% das retribucións en caso de IT a CIG solicita que se cree un fondo de continxencia para pagar as IT’s que se produciron ou producirán estes 6 meses ata a entrada en vigor destes orzamentos, co fin de que non se recorte o salario de quen está de baixa neste semestre.

A CIG céntrase na recuperación real de dereitos

1. De entrada e como medida paliativa para recuperar a perda de poder adquisitivo no 2018 ao situarse a suba salarial no 1,62% e o IPC interanual no 2,2% no que vai de ano, deberíase incrementar o fondo de continxencia nun 0,6% do Capítulo I simplemente para non perder poder adquisitivo, e que despois se asigne a través dunha contía a incluir no complemento específico e análogo para o persoal laboral, ou a través do instrumento orzamentario que eles consideren para que o persoal non padeza os recortes do Acordo de Madrid.

2. Retomamos o Plan de renegociación da débeda salarial. Que se contemple no fondo de continxencia as cantidades detraídas do recorte dos complementos específicos e cantidade similar para o persoal laboral dende o 2013.

3. Nos Orzamentos do ano 2012, o pior momento da crise, o Capítulo I de Administración Xeral representaba o 20,69% do orzamento de gastos. No 2018 a contía era 18,54%. A falta de datos sobre o orzamento de gastos e gastos de persoal do 2019 intuímos que seguirán a tendencia do ano anterior podemos dicir que a Xunta no 2018 en relación ao peor ano da crise gastou 230.294.840 euros, polo que propoñemos que eses 230 millóns se sumen ao fondo de continxencia para a futura carreira profesional.

4. Derrogación da lei 1/2012 de medidas na súa integridade e recuperación dos artigos suspendidos do V Convenio Colectivo, en especial o 19.

5. Ao derrogar a lei 1/2012 hai que establecer a xornada laboral en 35 horas semanais para todo o persoal funcionario e laboral da Xunta sen prexuizo das xornadas especiais ou das compensacións horarias por elas.

6. Recuperación do Fondo de Acción Social.

7. Ao derrogar a Lei 1/2012 e como se derrogaría a suspensión do plus dos altos cargos habería que incluir unha disposición derrogando tal plus e asignando esas cantidades ao fondo de continxencia.

8. Opoñémonos a modificar a Lei de Emprego Público no sentido de restrinxir a Carreira Profesional. Hai que establecer que a Carreira Profesional debe ser para todas as persoas empregadas públicas, como se fai no SERGAS.

9. Opoñémonos á modificación dos artigos 14 d) e 17.2 f) da LEPG porque iso implica que os concursos específicos se convocaran e resolveran por consellerías atomizando máis o sistema de relacións laborais na Xunta.

10. Respecto ás modificacións relativas á protección das vítimas da violenxia de xénero pronunciámonos a favor.

11. Non admitimos as limitacións establecidas sobre a segunda actividade para quenes traballan no monte ou no mar.

12. Rexeitamos a taxa de reposición que impide convocar todas as vacantes, os procesos de consolidación e estabilización e unha promoción interna global.

Conciliación e permisos: 22 semanas no permiso de parto e propostas da CIG

O director xeral de Función Pública anunciou na Mesa que a Xunta vai introducir unha modificación no permiso de parto, ampliando a 22 semanas o que agora mesmo está en 20. Ao tempo anunciou a dispoñibilidade a aumentar o permiso para a outra persoa proxenitora mais non deu máis datos, escusándose no posíbel incremento que se produza a nivel do Estado.
A CIG, sen deixar de amosar o apoio a calquera avance que se poida producir nesta materia, lembrou a posición sindical xa expresada hai un ano: que os permisos de maternidade e da outra persoa proxenitora teñen que chegar a 12 meses, con idéntica duración e con carácter intransferíbel. Tendo en conta isto, a CIG advertiulle á Xunta que nada impide para que se dean xa os pasos necesarios nese camiño e se produza un incremento importante en ambos permisos.
En materia de conciliación a CIG demandou, como xa fixera no mes de maio na dirección xeral de Función Pública, a adaptación da sentenza do Tribunal Supremo no que fai referencia a non computar como día de permiso o primeiro día se este cae nun día feriado. A proposta da CIG afecta a permisos como o de lactación, por matrimonio, unión de feito, por parto ou acollemento ou o doutra persoa proxenitora. A CIG foi máis alá e propuxo que todos os permisos se computen en días hábiles como acontece na actualidade co permiso por falecemento ou enfermidade grave. Xunto a isto solicitou a modificación para flexibilizar o goce do permiso de paternidade dentro do primeiro ano de vida da crianza.
Tamén incorporou outras propostas que serán todas elas debatidas nunha nova reunión que terá lugar a semana próxima.
A CIG demandou ademais fixar como deber inescusábel a atención ou coidado de crianzas, maiores ao cargo ou persoas con discapacidade cando teñan recomendado un repouso domiciliario e ampliación do dereito de conciliación do persoal público até os 14 anos de idade das crianzas, incluíndo o curso escolar no que cumpren os 14 (agora está nos 12 anos de idade).

Outras novas recentes

Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...
Xoves, 12 Decembro 2024

UGT torpedea e crispa a negociación do I Plan de Igualdade de Portos de Galiza (05/12/24)

Esta foi a reacción á postura manifestada pola CIG de rexeitamento a dar validez tanto á proposta de plan de igualdade como de diagnose elaboradas pola Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta antes da constitución da comisión de igualdade, que Portos puxo enriba da mesa. A xuntanza de constitución da Mesa de Igualdade de Portos de Galiza foi, cando menos,...