Novas por contido

O concurso de traslados para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración Xeral da Xunta de Galiza, tralo pase polo penúltimo trámite da Comisión Superior de Persoal o luns 3 de maio, co voto a favor de UGT e CSIF e o voto en contra de CIG e CCOO, está xa sentenzado para a súa publicación no DOG que será con certeza en cousa de días (cando leas isto, é posíbel que xa o teñas no DOG).

Os sindicatos e Función Pública negociamos o concurso ao longo do mes de abril. Partiamos dun primeiro borrador infumábel que aos poucos foi mudando para ben tras aceptar a Administración parte das nosas extensas alegacións, mais que ao final deu un paso de cangrexo.

Tras recoñecer certa vontade negociadora en Función Pública, o feito de que se incluísen algunhas das nosas alegacións, que outras, despois dun compromiso previo botáranolas abaixo, e de que parte dos postos que podían ir a este concurso queden adiados a futuros concurso coa incerteza de garantías bastante fráxiles, queremos debuxar cales son as liñas mestras desta convocatoria.

O principal obstáculo foron as prazas: non podiamos aceptar un concurso no que se agochasen prazas (entre elas, os niveis 28 e 26, os postos abertos a outras administracións -A11- e moitos ocupados por persoal en adscrición provisional). Finalmente estamos ante o maior concurso en moitos anos (2010=1.598 prazas, 2007=1.307, 2004=1.141), no que segundo Función Pública se ofertan todas as vacantes existentes, incluídas as prazas de código A11 e as ocupadas en adscrición provisional. Quedarían fora do concurso as que están propostas para a súa amortización ou para sufrir cambios importantes nas relacións de postos de traballo e, especialmente, as prazas de niveis altos (28 e algunhas 26). Para estas últimas, comprometeuse Función Pública a negociar e convocar de inmediato un concurso específico ao que poida acudir todo o persoal, inclusive aquel que leve menos de dous anos no posto, previa modificación da Lei da función pública. Malia o compromiso adquirido nunha negociación de despacho, onde non está recollido en documento ningún que isto será así, e tendo en conta que esta Administración anula e suspende acordos cando lle ven en gaña,  a CIG non pode apoiar a aprobación de algo de tal relevancia baseado na expresión de boas intencións futuras, como si fan UGT e CSIF.

No que son as bases, tamén tivemos atrancos, avances a finalmente un retroceso:

  • na fase de resultas aceptaron que se poida escoller unha segunda localidade;
  • na formación corrixiron o número de horas mínimas dos cursos de formación mais non aceptaron substituir a actual valoración de tramos por outro mais xusto de número reais de horas de cada curso; aceptaron estender o recoñecemento aos cursos xenéricos de ofimática e non so aos particulares da empresa Microsoft, mais non engadiron novas modalidades xenéricas de cursos; recoñeceron o curso de nivel superior de galego, e os estudos das escolas oficiais de idiomas;
  • na conciliación, obrigatoria por lei, substituiron o restritivo “funcionario” polo mais xenérico “empregado público”, mais non outros modelos de familias como as monoparentais ou aquelas nas que o cónxuxe non sexa empregado público;
  • volven incluír a valoración da permanencia no posto ..


Esto son uns simples trazos, pois a explicación polo miúdo das moitas horas de discusións levaría varias decenas de páxinas.

Seguindo coas bases, houbo dous aspectos básicos que nos levaron a decidir finalmente o voto contrario da CIG:

  • Grao consolidado: o texto inicial partía dunha puntuación mínima baixa e premiaba significativamente os incrementos de grao. No proceso negocial a CIG solicitou, e función pública aceptou, aumentar a puntuación mínima e diminuir os incrementos. Mais a última hora recuaron co que volvemos á postura inicial da administración e CSIF. O que conseguen os nosos amigos foi poñer atrancos aos postos base, pois quen ocupasen xefaturas ou postos en libre designación levarán un plus no incremento da súa puntuación.


  • Antigüidade: dunha banda, non aceptaron a nosa pretensión de primar o tempo traballado na nosa administración respecto doutras, e ao tempo, recuou Función Pública no que previamente xa nos recoñecera, de darlle mais peso á antigüidade.

    Para entender esto último é preciso ter claro que nun concurso non importa a puntuación absoluta de cada apartado, senón a puntuación relativa respecto dos demais apartados. Partiamos dunha puntuación máxima por antigüidade de 4,5 puntos con 30 anos de servizo, ao que a CIG alegaba que era escasa en relación aos demais apartados (por exemplo, quen tivese o máximo de formación, tiña tantos puntos como quen tivese 20 anos de servizo).

    A proposta da CIG foi de incrementar a puntuación de antigüidade e acurtar o tempo para conseguir o máximo, e así nolo recoñeceu función pública, pois pasaron ao máximo de 5,5 puntos con 27,5 anos de servizo. Por contra, CCOO defendeu incrementar os anos para obter o máximo. Esto, que de primeiras parece mais xusto, so vai en perxuizo, precisamente, da antigüidade. Finalmente, como aceno cara CCOO, a cousa quedou en 5,5 puntos con 37,5 anos.

    A consecuencia do que satisface a CCOO é que cos mesmos anos de servizo, a maioría do funcionariado vai obter menos puntos por antigüidade. Esto é, que estirando a mesma puntuación, cada quen obtén, como é lóxico, diferentes puntos, pero todos sempre conseguirán unha puntuación absoluta menor e, por suposto, tamén unha puntuación relativa inferior. Esto é, que a antigüidade perde importancia en comparación a outros baremos.


En definitiva, que estamos ante un dos maiores concursos que lembramos en canto a número de prazas, que evolucionou positivamente dende os borradores iniciais, que finalmente empeorou en aspectos básicos xa conseguidos durante a negociación pola pouca visión de CCOO e o elitismo descarado do CSIF a favor de quen ocuparon postos de libre designación, e que adía para un concurso específico os niveis altos.

Chegados a este estado das cousas, a CIG non puido apoiar o presente concurso de traslados. So nos falta agardar polo cumprimento do compromiso dese concurso específico xa con novas relacións de postos de traballo, e pola reforma da Lei da función pública para garantir que todo o persoal poida participar nel así como para solucionar a situación de limbo en que se encontra o persoal doutras administracións.

Outras novas recentes

Mércores, 19 Febreiro 2025

A directora da EGAP di que non suprimiu os actos conmemorativos oficiais do Día das Letras Galegas 2024 porque enviou un vídeo por email

Ante a denuncia da CIG a responsábel da EGAP manifestou que non suprimiu nada, só cambiou o «xeito» no que se celebran as nosas Letras con respecto a anos anteriores.  A xuntanza complementaria (06/02/25) ao consello reitor de 26 de decembro de 2024 trouxo cola e temos que ir por capítulos. Dado que a dinámica habitual da dirección da EGAP é dar a calada por resposta, por...
Luns, 17 Febreiro 2025

RPT IET e Vivenda. Información xenérica (resumo MSF e MX 14/02/25)

O venres 14/02/25 participamos en dúas mesas de negociación nas que se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT do Instituto de Estudos do Territorio, 2) RPT de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Na rolda aberta de intervencións, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu algunha (pouca) información de varios asuntos. RPT do Instituto...
Xoves, 13 Febreiro 2025

Convocatoria formación continua de idiomas

No DOG de hoxe, 13 de febreiro publícase a RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2025 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza e das entidades locais, así...