Novas por contido
10-11-20 Manifestación defensa Souto de Leixa 1
Varios centos de persoas participaron os pasados mércores 17  e sábado 20 de novembro nas manifestacións convocadas en contra das intencións da Xunta de privatizar os servizos de atención a persoas con discapacidade "Santiago Apóstolo" da Coruña e "Souto de Leixa" de Ferrol. Desde a CIG-Autonómica esíxese á Xunta que manteña este servizo público, xa que é a única vía para garantir a cualidade asistencial e a continuidade dos empregos de traballadores e traballadoras que acumulan
anos de experiencia.

As rúas de Ferrol e Compostela acolleron o pasado sábado unha nova manifestación en contra das políticas privatizadoras que está a pór en práctica a Xunta de Galiza, e que neste caso afectan á xestión do centro de educación especial "Souto de Leixa." Estas privatizacións implican confirmar unha política de apertura da xestión dos servizos sociais á empresa privada, poñendo a satisfacción de necesidades básicas da cidadanía ao servizo do beneficio de empresas privadas.

Desde hai anos o CEE "Terra de Ferrol" (antigo "Carmen Polo") comezou un proceso de segregación da parte de alumnos/as menores de 21 anos dos/as alumnos/as maiores de 21 anos, que actualmente conviven no mesmo centro. No ano 2005 iniciáronse as obras para a división física do centro, creando unha residencia para alumnos menores de 21 anos con unha capacidade para 35 residentes e a remodelación da parte dos alumnos maiores de 21 anos, quedando así divididos fisicamente os dous centros.

Xa co bipartito, no ano 2008, estabeleceuse unha distribución do persoal laboral, escribíndose daquela unha parte á Vicepresidencia e outra á Consellaría de Educación. Finalmente, en 2009 constituíse formalmente a denominada parte de maiores, baixo nome CAPD "Souto de Leixa" e que vai ocuparse dos alumnos de máis de 21 anos. Na actualidade hai 117 traballadores/as no CEE Terra de Ferrol, dos cales 55 son postos vacantes, coñecidos como interinos, mentres que o resto dos postos están ocupados por persoal laboral fixo.

O pasado 13 de outubro, nunha rolda de prensa onde estaba o Delegado Territorial da Xunta na Coruña mais os Secretarios Xerais das Consellarías de Educación e Traballo, anunciábase a xestión privada do Souto de Leixa; mais en ningún momento a Xunta de Galiza se dirixiu ao Comité de Empresa ou Comité Intercentros para negociar esta problemática. Desde entón, os traballadores e traballadoras viñeron desenvolvendo un calendario de mobilizacións na defensa deste servizo público e dos seus empregos.

Dende a CIG-Autonómica advertimos que privatizar estes servizos suporá o despedimento dun elevado número de traballadores e traballadoras con experiencia adquirida ao longo de moitos anos desenvolvendo as súas funcións e substituílos por outros en situación de maior precariedade laboral. O respecto pola xestión pública dos servizos sociais é un elemento clave á hora de asegurar a súa calidade. Non son posíbeis uns servizos públicos de calidade sen unha forte presenza do sector público nesa área de actividade.

Desde a CIG-Autonómica esiximos, xa que logo, que se manteña o carácter público da xestión que se realiza neses centros de referencia nas comarcas de Ferrol e A Coruña,  e denunciamos que estamos diante dunha actitude de eliminación permanente de servizos públicos por parte do Partido Popular no goberno galego  e de converter a actividade que se estaba a desenvolver desde a Administración Pública Galega nun negocio.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...