A CIG-Autonómica reclamou o cumprimento da legalidade por parte da Xunta a respecto do uso do galego, tanto nas comunicacións internas como no contacto coa cidadanía. Nestes senso, criticouse que o goberno do PP teña recuado “de golpe 27 anos”, instalándose nun “bilingüismo preautonómico” moi lonxe da norma de Fraga ou Albor. Dende a CIG-Autonómica instouse á Xunta que cese nos ataques indiscriminados á nosa lingua e defenda o dereito de toda a cidadanía deste País a vivir en galego.
“Estamos pasando de súpeto á preautonomía”, afirmou Alexandre Banhos, representante da CIG-Autonómica no Consello Reitor da EGAP, quen denunciou, en comparecencia de prensa xunto ao responsábel da CIG-Autonómica, Manuel Gallardo Canitrot, o incumprimento da normativa lingüística na administración galega. Banhos destacou que dende a chegada do PP á Xunta de Galiza se ten retrocedido “de golpe” 27 anos en materia de normalización, de xeito que as comunicacións internas volveron recuperar o formato das dúas columnas: español e galego. “As comunicación dentro da administración fanse no bilingüismo preautonómico, baixo a escusa de que tanto español como galego son linguas oficiais”.
Non obstante, explicou, segundo o regulamento da administración, esta deberá usar normalmente a lingua galega, tanto para as comunicacións internas como coa cidadanía. Punto que claramente non se está a cumprir.
Ataques continuados
Pola súa banda, Canitrot criticou o “ataque continuo” do goberno do PP á lingua galega, que baixo a escusa de que o español está discriminado dedícase a atacar ao galego, e a incumprir a lexislación a respecto da obriga de atender aos administrados/as na súa propia lingua.
Canitrot lembrou que o Estatuto de Autonomía recolle que a lingua propia da Galiza é o galego, aínda que o castelán teña tamén rango de oficialidade. Porén, criticou, “o goberno do PP está a potenciar que ocorra o contrario: converter ao español na lingua propia da Galiza”.
Neste senso, advertiu que, lonxe de ter avanzado dende a aprobación do Estatuto en 1981, esta norma recolle máis dereitos lingüísticos que os que podemos exercer neste momento. Por iso, exixiu á Xunta que defenda o dereito de toda a cidadanía deste País a vivir en galego.
O discurso da imposición
Alexandre Banhos criticou o discurso manexado polo PP a respecto da suposta imposición do galego, discurso cuxa primeira medida efectiva se ten plasmado precisamente na modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública, que bateu un marca histórico na súa tramitación lexislativa. “A imposición da que falan limitábase a que unha das probas de acceso se tiña que realizar en galego”, lembrou.
Esta modificación, apuntou Banhos, o que permite é que os empregados/as públicos poidan actuar en todo momento como cidadáns, de xeito que os administrados perden os seus dereitos a seren atendidos na súa propia lingua. “Agora son os cidadáns os que se teñen que adaptar ao que a administración impón, impedíndoselles exercer os seus dereitos”. A este respecto lembrou que o Consello de Europa xa ten emitido dous informes nos que se advirte que no noso País non se respectan os dereitos lingüísticos. “É moi fácil vivir en castelán na Galiza, pero é case imposíbel facelo en galego sen atoparse con moitas complicacións”, apuntou.
Esta cambio na política lingüística provoca que o galego vaia en paralelo ao castelán, trasladando a idea de que é desnecesario e polo tanto inútil. “Cando a alguén lle din que o galego non é necesario estanlle restando ao plusvalor que representa esa lingua”, lamentou.
Os cursos da EGAP, en castelán
O representante da CIG-Autonómica criticou que os últimos cursos presentados pola Escola Galega de Administración Pública se fagan en castelán, logo de que o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, afirmase que a formación dende a EGAP se ten que realizar en bilingüe, “porque nós non imos discriminar a ninguén por razón de lingua”.
Así os temarios dos cursos e a súa ensinanza estase desenvolvendo en español, de xeito que aos/ás empregados/as non se lles vai impartir formación que os capacite para atender debidamente aos administrados/as en galego.
Alexandre Banhos indicou que estas políticas representaría a un grupo que defende posicionamentos lingüísticos extremadamente minoritarios, pero que contan cunha grande influencia. Neste punto sentenciou que “quen non defende a lingua está incapacitado para defender o noso país en calquera outro punto”.