Novas por contido

O sector da administración autonómica da Confederación Intersindical Galega (CIG-Autonómica), quere manifestar o seu apoio á concentración auto-organizada por numerosos opositores e opositoras aos procesos selectivos da administración nacional de Galiza, convocada para o mércores 22 de xullo ás 11:30 horas no complexo administrativo de San Caetano en Compostela, quenes rexeitan a ampliación extraordinaria de prazo para concorrer aos procesos selectivos, así como contra o máis que posíbel adiamento dos exercicios.

A ampliación extraordinaria de prazo ven motivada, segundo xustifica a Dirección Xeral da Función Pública, pola modificación da Lei da Función Pública que derroga a obrigatoriedade de realizar un dos exercicios en galego, modificación “express”, nunca vista pola súa celeridade, e que supuxo a convocatoria da primeirísima Mesa Xeral extraordinaria de Negociación de Empregados Públicos, como cuestión primordial e mais urxente a tratar segundo o parecer do goberno coa chegada de Alberto Núñez Feijoo á Presidencia da Xunta de Galiza.


A este respecto, a organización sindical CIG mobilizou aos seus delegados e delegadas para a realización dun acto de protesta na referida Mesa Xeral que contou co rexeitamento dos sindicatos CIG, CCOO e UGT, e o apoio do CSIF á medida demagóxica do Partido Popular, continuando con outra concentración o día en que a modificación da Lei foi tratada e aprobada polo Parlamento de Galiza.

Unha vez aprobada esta medida que vai na liña de exterminar a presenza do idioma propio de Galiza, do  idioma dos nosos antergos, consistente inicialmente en respostar nun formulario tipo test a un cuestionario redactado no idioma que nos define como galegos, sucumbindo así ás esixencias de  “Galicia Bilingüe”, FAES, UPyD, Falange Auténtica e CSIF, quenes antepoñen o dereito do servidor público a elixir a súa lingua ao dereito dos cidadáns, a Dirección Xeral da Función Pública amplía o prazo para participar nos procesos selectivos que, moitos deles, xa foron convocados no ano 2008, creando unha enorme inquedanza entre quenes xa levan moitos meses preparando os exames, ampliación defendida pola asociación profesional CSIF, rexeitada pola CIG e na que non se manifestaron CCOO e UGT.

A Dirección Xeral da Función Pública, en resposta ás protestas dos candidatos e candidatas, publicou unha nota informativa na que, segundo eles, os prazos previstos para a realización dos exercicios vaise respetar. Mais a nosa experiencia nos di que se finalmente o conseguen, sería algo nunca visto na administración galega, algo do que o sindicato dubida, e que valora como unha mera escusa para calmar os ánimos. Non se pode esquecer que, trala publicación da ampliación de prazo (20 días naturais), haberá que agardar a que cheguen todas as solicitudes (inclusive as que se presenten en embaixadas), revisalas, confeccionar o listado de admitidos e excluídos, publicalo no Diario Oficial de Galiza (DOG), abrir un prazo de subsanación de defectos, novamente agardar a que chegue a documentación complementaria dos excluídos, revisala, e finalmente confeccionar un novo listado definitivo a publicar no DOG. Sinceramente, a CIG dubida moito da palabra dada polos responsábeis políticos da Función Pública.

Entende a CIG que, consecuencia indirecta desta decisión é a dilatación dos prazos e a posibilidade de que entremos no 2010 sen que comecen os exames da oferta do 2008.

Contra esta decisión, CIG-Autonómica está traballando na liña de interpoñer recurso contencioso-administrativo por entender que non se axusta a dereito, pendente do que diga a nosa asesoría xurídica.

A CIG preguntase se detrás desto pode haber intereses ocultos, pois a recente ampliación do prazo vai acompañada doutras medidas: en días pasados fomos informados polo Director Xeral da Función Pública de que os sindicatos xa non proporán membros para os tribunais de selección. Estamos a falar dos órganos colexiados, formados por cinco membros, nomeados por Función Pública, tres deles a proposta da propia Función Pública, un da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e un quinto proposto polas organizacións sindicais. En total, cinco membros que supostamente actúan a titulo individual, pero que a realidade é que as decisións moitas veces xa viñan dadas, ou polo menos, era habitual que os catro membros designados pola administración tivesen unha postura común chocando co parecer do único membro designado polos sindicatos.

A retirada da presenza nos tribunais de selección do membro proposto polas organizacións sindicais, quen na inmensa maioría dos casos limitábase a un papel de control ou vixianza, supón que o tribunal en pleno vai ser designado pola Dirección Xeral de Función Pública e, inda que non vai contar con membros de caracter político, si vai estar composto por persoas que ocupan postos de traballo de “Libre Designación”, polo que a súa suposta independencia é posta en dubida pola Confederación Intersindical Galega.

Dende a CIG reinvicamos que para garantir a total compentecia, capacidade e imparcialidade dos membros dos tribunais de selección se proceda a escoller a estes a través dun proceso público regulado por unha convocatoria na que estean prefixados de antemán os méritos que se puntuaran e a puntuación asignada a cada mérito coas correspondentes listaxes nas que se dea audiencia aos interesado; desta maneira si quedaría garantida a  competencia, capacidade e imparcialidade dos tribunais, xa que o persoal da administración que así o desexe podería presentar a súa solicitude de participación e nomearíase sempre aos candidatos máis idóneos en virtude da súa formación, competencia e capacidade, independentemente do credo ou relixión política á que pertenzan.

A CIG sempre mantivo, e mantén, que os tribunais de selección deben estar compostos por persoas escollidos por sorteo, non designadas nin por responsábeis políticos nin sindicatos. Mais agora, o conxunto do tribunal vai estar composto por empregados públicos de dubidosa independencia e designación exclusiva dos responsábeis políticos da Función Pública e goberno.

No DOG do martes 21 de xuño, publicanse os nomeamentos dos primeiros tribunais. Dunha banda chamamos a atención sobre a má fe de Función Pública por ocultar as suas intencións, comunicado fai so uns dias. Doutra banda, a publicación pretende desmobilizar a concentración do mercores. A este respecto, abondan os exemplos de procesos nos que se producen continuas autorizacións de prórrogas nos prazos máximos entre nomeamento de tribunal e computo de prazos, polo que o feito de nomear un tribunal non garante os prazos. A CIG anuncia un novo contencioso.

En vista desta perigosa suma de acontecementos destinados a eliminar o galego da administración galega, de acabar coa trasparencia dos procesos selectivos e de soterrar a independencia e imparcialidade dos tribunais, a CIG manifesta o seu apoio á concentración convocada e na que estaremos presentes.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Decembro 2024

A Xunta quere aprobar unha moi escasa Oferta de Emprego Público do 2024

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación. E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Mércores, 18 Decembro 2024

RPT do Consorcio: morrer matando

Durante anos sen convenio, sen trienios... e agora queren meter o acelerador para que apandemos con todo o que queiran impoñer A directora xeral de Emprego Público e o xerente do organismo propoñen niveis e salarios máis baixos que na Xunta para o persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar. A nova RPT chega nos últimos días do ano 2024, non negociada, inzada de centos de...