Máis que CIG-Autonómica

25N Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A CIG chama aos homes a sinalar as agresións machistas «como un acto repugnante que hai que erradicar», e convoca o 25N o Encontro Nacional de Mulleres da CIG e unha manifestación en Pontevedra ás 12:00 horas, para exixir a erradicación de toda forma de violencia machista.

En 2024 a campaña para as celebracións do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres da CIG pon o foco no agresor e interpela aos homes para que rexeiten as agresións dos seus compañeiros.

Segundo a CIG, lonxe de erradicarse, cada vez se interpoñen máis denuncias por violencia machista e aumenta o número de casos tanto de feminicidios como de agresións sexuais. Isto tendo en conta que mesmo se sabe que a maior parte das agresións sexuais fican, por desgraza, sen denunciar.

Ademais, a falta de datos oficiais actualizados sobre as violencias que se producen no ámbito laboral, a última macroenquisa na que se aborda esta cuestión en toda a Unión Europea data do ano 2019. En todo caso, os datos tirados daquela confirmaban que o 17% das agresións sexuais suceden no ámbito do traballo e que case a metade das mulleres maiores de 16 anos declaran que en algún momento da súa vida se sentiron acosadas.

Hai agresións porque hai agresores

Tendo en conta estes datos, en 2024 a CIG deulle un xiro á campaña interpelando aos homes, porque «se hai agresións é porque hai agresores». Trátase dunha campaña na que se demandamos dos homes que non comungan con este tipo de condutas «a súa maior implicación, para non consentir que nos círculos de relación entre iguais, nos círculos de relación entre homes, se consinta ou non se sinale como agresión machista, como un acto repugnante que hai que erradicar».

A CIG chama a construír novas masculinidades, rompendo coa masculinidade hexemónica tradicional, entendendo que sen facer este cambio, vai ser inevitábel que sigan indo en aumento as agresións contra as mulleres. Xunto aos agresores poñemos o foco tamén nas empresas consentidoras porque non contan con protocolo de acoso ou contra as violencias, unha eiva intolerábel que dende a CIG se tenta suplir proporcionando formación a delegados e delegadas para que saiban como actuar nestes casos.

Diante desta situación, a CIG seguirá loitando para que os protocolos que existen se poñan en funcionamento e que non se minimicen os casos de agresión nas empresas, convidando aos delegados e delegadas da central sindical a denunciar na Inspección de Traballo.

Hipocrisía da Xunta de Galiza

A CIG denuncia a hipocrisía da Xunta de Galiza e, a xeito de exemplo, lembra que mentres fan campañas pola erradicación da violencia, logo non contan con protocolos de acoso dirixidos ao persoal da propia Xunta, como é o caso do persoal docente da Consellería de Educación, que nin sequera ten un plan de igualdade.

No caso do I Plan de Igualdade da Administración Xeral da Xunta, aprobado con 15 anos de atraso en novembro de 2023, e co voto en contra da CIG por carecer dos mínimos legais, non foi incluído, por exemplo, ningún protocolo contra a violencia de xénero.

A CIG denuncia tamén a hipocrisía de rebaixar o rango das políticas de igualdade ao cargarse a Secretaría de Igualdade e ao compartimentar igualdade e violencia machista en dous organismos diferenciados: a Dirección Xeral contra a Violencia e a Dirección Xeral pola Igualdade.

Ligazón ao díptico en PDF

Xornada de mobilizacións

Neste 25N a CIG celebra o XIV Encontro de Delegadas nas dependencias da Biblioteca Municipal de Pontevedra, na cal, entre outras cuestións, o Gabinete Técnico Confederal ofrecerá unha palestra sobre identificación e actuación ante as violencias no traballo, un evento que rematará cunha manifestación, ás 12:00 horas, dende alí até a Praza da Peregrina.

A CIG fai un chamamento a participar tamén das mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres de Galiza, da que a CIG fai parte, que están previstas xa na Coruña, As Pontes, Carnota, Cee, Chantada, Compostela, Fene, Lalín, Laxe, Lugo, O Carballiño, O Porriño, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Val Miñor, Vilalba e Vigo. Chama, ademais, a sumarse, alí onde non haxa convocatoria da MMM, ás mobilizacións que convoque o movemento feminista galego.

 
A violencia machista ten moitas formas. Combatámolas todas! Este 25N participa nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres de Galiza!