Máis que CIG-Autonómica

A CIG vén de celebrar o Encontro Nacional de Mulleres da CIG no contexto da campaña do 25 de Novembro, Día internacional pola eliminación das violencias machistas, cunha xornada de formación e debate que tivo lugar en Lugo o pasado día 22 de novembro.

Nesta xornada amosamos o noso apoio ás compañeiras do sector da limpeza que están mantendo unha folga na loita por un convenio digno.

Na CIG Autonómica temos por diante moitas loitas que librar para a eliminación da violencia que a Xunta segue a exercer sobre as mulleres traballadoras da administración autonómica.

As ratios de persoal en categorías onde a maior parte dos cadros de persoal son mulleres son completamente abusivas. Categorías como limpeza, cociñas, coidadoras, auxiliares de enfermaría, enfermeiras, técnicas de educación infantil, xerocultoras, etc, traballan con ratios que son excesivas e non se revisan dende hai moitos anos, o que provoca cada vez máis problemas de saúde derivados da carga de traballo que se traducen en baixas por enfermidade. Estas baixas a maior parte das veces non están sendo cubertas, polo que o resto das compañeiras teñen aínda máis sobrecarga laboral e rematan por caer tamén enfermas; moitas acaban por sufrir restricións para o desenvolvemento do seu traballo. E isto tamén é violencia, violencia en contra das mulleres traballadoras e violencia en contra das persoas usuarias dos servizos públicos, xa que redunda na calidade da prestación destes servizos.

Violencia en contra das mulleres tamén son os atrancos que esta administración está poñendo ás traballadoras en contra do desfrute da conciliación familiar e laboral, unha violencia exercida en contra das mulleres e das súas crianzas. A falta de conciliación laboral provoca estrés, ansiedade, esgotamento, depresión, sobrecarga mental e física. Derivan en problemas tanto físicos como sicolóxicos graves.

Violencia tamén é a funcionarización do persoal laboral das categorías peor pagadas, categorías moi feminizadas na súa maior parte, que están a sufrir unha merma económica nos seus trienios e a ausencia total e absoluta dunha negociación dos dereitos que este persoal laboral tiña recoñecidos no V Convenio Colectivo.

E a Xunta parece non ter ningunha inquedanza por mellorar estas situacións; despois de máis de 15 anos aprobase CO VOTO EN CONTRA DA CIG un Plan de Igualdade que non corrixe nin mellora a situación de desigualdade que existe entre as persoas empregadas públicas na súa administración. Non corrixe a discriminación salarial das mulleres cando están en suspensión de contrato por risco no embarazo ou aleitamento, ou que están en IT por embarazo, situacións onde non se actualizan as bases de cotización con trienios, subas salariais, etc.

A Xunta tampouco recolle ningunha nova medida no Plan de Igualdade sobre conciliación da vida laboral e familiar á vista das necesidades detectadas na diagnose. Negociouse un Plan de Igualdade apuradamente, sen intención de mellorar a situación laboral das traballadoras da Xunta, onde a administración negouse a negociar antes do plan o Protocolo de Violencia de Xénero, onde non se fixo unha auditoría retributiva. A Xunta negociou a desleixo, e o seu único afán foi asinalo ás carreiras e sacalo de enriba.

SEGUIMOS NA LOITA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS NO TRABALLO