Máis que CIG-Autonómica

Demandan uns servizos públicos galegos, sen recortes, sen privatizacións e sen copagos

As Federacións da Área Pública da CIG (Administración, Saúde e Ensino) concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza para manifestar o seu rexeitamento ás medidas de recorte na función pública contempladas nos orzamentos de 2012, que pretende aprobar hoxe o goberno do PP. Denuncian que os orzamentos reducen, unha vez máis, os salarios dos empregados/as públicos/as e destrúen o emprego público co conseguinte deterioro dos servizos públicos, mentres se consolidan privilexios do persoal directivo e altos cargos. Fronte a iso, demandan uns servizos públicos galegos, sen recortes, sen privatizacións e sen copagos.

Nos orzamentos para 2012, as retribucións dos empregados públicos fíxanse na mesma contía que no 2011, o que implica a consolidación da rebaixa salarial do ano 2010, o que supón unha perda real de poder adquisitivo ao situarse a taxa de variación interanual do IPC galego no 3,1% xa no mes de novembro. Isto acumulado á suba do IPC do 2010 e 2011, xunto co recorte do primeiro ano e a conxelación do 2011, vai supor unha perda de arredor do 15% do poder adquisitivo. “Mantense e afóndase na redución salarial do persoal que traballa na Administración”, afirman.

Fronte a iso demandan a restitución dos salarios, cunha suba salarial de, como mínimo, o IPC real; un plan plurianual que permita recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos, que superou, por termo medio, o 15% e a inclusión da cláusula de revisión salarial.

Emprego Público

Os orzamentos para 2012 manteñen ademais a taxa de reposición de efectivos nun 10%. Isto supón na práctica, segundo denuncian as federacións de Administración, Ensino e Saúde, a desaparición da Oferta de Emprego Público, eliminando as posibilidades de promoción profesional dos empregados/as públicos e colapsando progresivamente o funcionamento da Administración por falta de persoal.

A CIG considera que as ofertas de emprego anuais teñen que abranguer, como mínimo, o 100% da taxa de reposición, e que hai que recuperar ou pór en marcha a carreira profesional.

Contratación en precario

As federación da área pública da CIG manifestan, xunto a isto, o seu rexeitamento  aos contratos a tempo parcial e o uso e abuso da contratación de persoal laboral de carácter temporal para a realización de obras e servizos polo capítulo de investimentos (asistencias técnicas), ademais do uso e abuso das acumulacións de tarefas mediante a contratación temporal de persoal laboral e o nomeamento de persoal funcionario interino sen adscrición a praza.

“Solicitamos”, explican, “a creación en RPT das prazas que son imprescindíbeis para o funcionamento dos servizos”.

Privatizacións

Tamén denunciaron que continúan as restricións aos chamamentos de persoal funcionario interino e/ou laboral temporal, que se reducirán en todos os ámbitos da Administración. “Isto terá como consecuencia unha maior privatización dos servizos públicos e uns colectivos empresariais agradecidos polas privatizacións dos servizos públicos”, advirten.

A CIG defende, no canto disto, a cobertura de todas as vacantes resultantes de calquera tipo (xubilacións, situacións de incapacidade permanente ou temporal , excedencias voluntarias ou forzosas... etc. )

Transparencia e desigualdade

Séguese a tratar con criterios, que definiron como “escurantistas” as retribucións do persoal de alta dirección non sometido á negociación colectiva, especialmente o das entidades da Administración paralela, das cales non se vai dar información á ningún órgano onde estea representada a parte social.

Por iso exixen a regulación, nos orzamentos, das retribucións destes directivos igual que  o resto dos altos cargos da Xunta, que, engaden, deberían ter absoluta transparencia.

Consideran que estamos, pois, ante un proxecto de orzamentos elaborados a partir da renuncia aos ingresos que poderían derivarse do imposto do patrimonio e da consolidación da dilapidación no relativo ao gasto en asesores, recurso a asistencias técnicas, prebendas a altos cargos e persoal de alta dirección dos entes e demais. Fronte a isto manifestan que se ten que apostar por adoptar unha serie de medidas, coma a reforma fiscal, para que muden as políticas impositivas, obrigando a pagar máis a quen máis teñen; a supresión do plus de altos cargos; atacar a fraude fiscal; apostar por unha banca pública; reducir os concertos educativos, sanitarios, de benestar...  “Tense que apostar por unha política seria de ingresos e  non de recortes desproporcionados”.

Galería de imaxes