Novas por contido

Para os actos de elección de destino dos grupos A2 Informática e Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas que terán lugar o vindeiro 30 de novembro producíronse sucesivas retiradas de prazas das listaxes orixinais. Tamén sucedeu no caso da escala de Arquitectura Técnica para a que aínda non hai data. Por que se retiran estas prazas? Por que saen unhas e outras non?

A propia Administración indica que se retiran prazas, no caso do A2 Informática, porque estas van ser modificadas substancialmente nas súas características e / ou amortizadas. Ao principio ofertaron 16 prazas para, finalmente, ofertar 8, unha grande oferta se temos en conta que o persoal funcionario que vai tomar posesión o vindeiro venres son, precisamente, oito tamén, habendo prazas vacantes que non ofertan.

O caso do ETOP´s vai polo mesmo rego, tampouco ofertan todas as prazas vacantes que xa están orzamentadas. E por suposto tamén para a escala de arquitectura onde un escrito da Consellaría de Medio Ambiente avisando de que "se vai amortizar" chega para sacala da listaxe sen que haxa unha proposta de modificación da RPT enriba da mesa nin data orientativa para a súa execución. Está claro que o obxectivo principal da Administración é reducir persoal propio.

Dende a CIG-Autonómica demandamos que, nas tomas de posesión dos procesos selectivos, se oferten prazas en destino definitivo, xa que isto é o que marca a normativa vixente, a cal só contempla o destino provisional de xeito excepcional, que estas prazas fosen ofertadas previamente nun concurso de traslados e que se oferten todas as que cumpran estas condicións. Non entanto a demora na resolución destes procesos conleva que en moitos casos só se poidan ofertar postos de xeito provisional. Neste caso, debería facerse con postos base e con vacantes puras.

Só no caso de que non existan vacantes puras suficientes para unha toma de posesión, deberíanse de ofertar todas as prazas estean vacantes, iso si, todas, e non unhas si e outras non coas mesmas características, que é o que pasa nestes dous procesos selectivos. Esiximos un criterio uniforme. A potestatade autoorganizativa da Administración non é unha carta blanca para que faga o que lle pete, moito olliño porque hai situacións que poden rallar no tráfico de influencias que, se se demostran, poden conlevar responsabilidades penais.

Está claro que a Xunta aproveita estas tomas de posesión para facer limpeza, para amortizar postos, para botar persoal interino a rúa, en definitiva, para destruír emprego público. Postos que seguen orzamentados, xa que o Capítulo I non mingua, son aproveitados para xustificar a redución de persoal e eses cartos que se aforran son destinados á contratación de Asistencias Técnicas, xustificando que non teñen persoal. Un círculo vicioso que ten como obxectivo final a privatización paulatina dos Servizos Públicos.

Os servizos informáticos, sen ir máis lonxe, engloban un negocio suculento ao que non queren renunciar. O pasado 19 de novembro a CIG-Autonómica denunciou que a Xunta de Galiza adxudicou contratos de servizos informáticos por 2.700.000 €. Asistencias Técnicas de empresas tan coñecidas coma o Corte Inglés, que despois andarán pululando polos edificios administrativos (San Caetano, San Lázaro, Gaiás...) facendo o traballo que lle corresponde aos nosos compañeiros e compañeiras informáticos. Só nos últimos tres anos gastáronose 35 millóns de euros neste tipo de contratos, un burato sen fondo cando hai persoal propio ao que poñen a mirar para a parede porque “non están para cambiar un tóner”, como dixo un día literalmente a secretaria xeral da AMTEGA, Mar Pereira.

Esiximos a Función Pública que nestas tomas de pose se oferte o maior número de prazas posibles. Polo mantemento do emprego público e contra a amortización de postos de traballo.

Nota remitida aos medios

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 13 Novembro 2026

Agacal, Gain e Intecmar quedan para a seguinte OEP de funcionarización

A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse. Sen convocatoria á CIG para as negociacións...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...