Novas por contido

Centos de traballadores e traballadoras dos centros dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar percorreron o martes 14 as rúas de Compostela en manifestación para reclamar a reposición das condicións laborais do V Convenio; denunciar os excesos de traballo e as consecuencias que isto ten na atención a usuarios e usuarias e exixir o cese da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato.

A manifestación, convocada polo comité intercentros e apoiada polos catro comités provinciais de Traballo e Benestar, percorreu as rúas da capital de Galiza desde a Porta do Camiño até o edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, onde entregaron no rexistro máis de 5.000 sinaturas en apoio ás súas reivindicacións.

Durante todo o percorrido corearon consignas nas que reclamaban a reposición do artigo 19 do convenio colectivo, que garante unha serie de dereitos laborais que, segundo denuncian, non están a ser respectados. Neste sentido portaban numerosos carteis nos que se subliñaba que “Non queremos cartos, queremos conciliar” en referencia ás interminábeis quendas de traballo e os poucos descansos a que teñen dereito.

Xunto a estes, tamén portaban outros carteis con fotos de compañeiras e compañeiros que malia non poderen asistir por estar traballando, si apoiaban as súas reivindicacións, deixando claro que, se non en corpo, si en imaxe participaban na mobilización.

Acompañando as sinaturas entregaron tamén un escrito no que se denuncia que desde a entrada en vigor da Lei 1/2012 de medidas de emprego público da Xunta de Galiza e a suspensión vía Lei de Orzamentos do artigo 19 do V Convenio colectivo único, as condicións laborais  “nos centros de traballo, residencias de maiores, centros de atención a persoas discapacitadas e centros de menores que prestan servizo 24 horas ao día e 365 días ao ano” son de máxima precariedade”.

Entenden que isto redunda de xeito importante na saúde das traballadoras e traballadores, como tamén na propia calidade da atención que se presta.

Unha situación da que responsabilizaron á consellaría de Traballo e Benestar, que “incumpre sistematicamente a obriga de negociar as carteleiras anuais dos centros de traballo na procura dunhas quendas harmonizadas que permitan a conciliación da vida familiar e laboral” e da que malia as reiteradas denuncias dos órganos de representación, comités de empresa, sobre as condicións penosas de traballo, nunca obtiveron resposta da consellaría. “Enrocouse na aplicación extrema dos recortes do convenio colectivo, descansos, compensación de festivos e domingos, amortización de postos e a non formalización de case que 500 contratos ano por acumulación de tarefas”.

Ante isto, o comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza denuncia esas condicións, demanda o cumprimento do mantemento e planificación dos servizos sociais públicos; a reposición das condicións laborais do V convenio; a dotación adecuada de recursos humanos e materiais nos centros e o cese da conselleira.

{phocagallery view=category|categoryid=21}

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...