Novas por contido

Comezando polo máis xeral, esta é a situación dos concursos de traslados:

  • Corpos xerais: temos o primeiro borrador, e a previsión do DXFP é que estea convocado en maio (sen máis especificación). É dicir, que se cadra estaría convocado antes do verán. Veremos.
  • Corpos especiais e escalas: estamos a finais de marzo de 2019, e nada se sabe. Non hai previsión, o director xeral de Función Pública nada di. O último que tiñamos (fai xa varios meses), era que prevían convocar o de veterinarios antes do de corpos xerais. Agora xa nin iso. Para os compañeiros e compañeiras destas escalas, é interesante botar un ollo ao concurso de corpos xerais, pois ese sería o modelo que previsiblemente lles será de aplicación no futuro (lonxano?).
  • Persoal laboral: por se a alguén non lle quedou claro, co Acordo de Concertación que asinaron CCOO e UGT, este concurso pasou a mellor vida. As categorías a funcionarizar non o van ter nunca máis. E se quedase algunha categoría non funcionarizable, xa veremos no futuro lonxano que é o que pasa.

Coa colaboración de CCOO e UGT, Función Pública meteuse en cincuenta mil fregados, e os concursos de traslados non lle son unha prioridade. O problema para reclamalo xudicialmente é que ainda que a lei fala de concurso anual, esto é como o dereito á vivenda ou ao traballo que establecen a Constitución: non deixa de ser unha declaración de intencións, pois non hai maneira de reclamalo xudicialmente.

Respecto do concurso de corpos xerais, a Dirección Xeral de Función Pública enviounos un borrador coa súa proposta de convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais, con prazo ata o día 5 de abril para que enviemos alegacións. O normal sería que a continuación tivesemos algunha xuntanza para sentarnos a discutilo, pero tal e como está a actuar ultimamente o director xeral, xa non sabemos se teremos algunha xuntanza para negociar ou se se limitará sentarse con algúns sindicatos amigos no seu despacho.

A cousa leva "algo" de retraso, non? Fora alá por xuño do 2017 (en nada fará dous anos), cando Función Pública remitira aos sindicatos unha proposta de "baremos xerais" aplicable a todos os concursos. Daquelas o obxectivo era: simplificar os trámites, reducir os tempos de resolución, automatizar, etc. Tivemos unha chea de borradores, xuntanzas, alegacións, ata que por xuño do 2018 a cousa ficou ata hoxe.

Dos diferentes méritos desa proposta de baremo xeral, destacaban dous aspectos nas discusións:

  1. Na súa proposta, a Administración facía desaparecer a valoración das titulacións superiores ás requeridas para acceso ao grupo do empregado público. A xustificación do DXFP, que a CIG non comparte, é que hai máis de 2.000 titulacións diferentes, que enlean a celeridade do concurso.
  2. A valoración da formacion evolucionou, para ben e para mal:
    • Van valorar todos os cursos, non só unha selección deles como era ata agora.
    • A puntuación vai ser individualizada para cada número de horas, non por tramos como ata agora.
    • Partiamos dunha proposta de FP de que os cursos caducaban aos dous anos. Ao longo da negociación pasamos a cinco, despois a oito, e posteriormente a 10. A CIG defende que non caduquen, e o máximo que ofreceu o DXFP foi fixar unha situación transitoria, que se concreta nestas bases en que os cursos anteriores ao 1/1/2020 non caducarán, pero os posteriores xa non puntuarán a partir dos dez anos.
    • A relación de entidades válidas para a formación quedou reducida respecto da última palabra do DXFP, quen falaba de considerar os cursos do ISSGA, Instituto da Muller, etc. Quedarían fora tamén segundo este borrador, os cursos das escolas oficiais de idiomas.

Ainda pendente de estudar a proposta polo miudo, outro aspecto destas bases que non son do agrado da CIG é que rexeitamos os méritos específicos, que non deixan de ser unha barreira que dificulta a mobilidade do persoal. Para a CIG, a empresa debe formar ao persoal, e a puntuación por experiencia debe ser igualable por formación. 

Se queres aportar algo, podes contactar coa CIG.

Outras novas recentes

Xoves, 29 Mai 2025

Menores vulnerables en mans de empresas privadas. Quen os protexe?

Cando o que importa non é o servizo, senón trincar pasta! Recentemente, veñen de publicarse dúas novas no DOG (Resolución do 12 de maio de 2025 e a Resolución do 23 de abril de 2025) que fan referencia a que os concursos polos que dous centros de menores, o de Casa da Quintán en Ponte Caldelas (oito prazas) dirixido a menores con medidas de protección e problemas de saúde...
Xoves, 05 Xuño 2025

Endogamia e enchufismo na Xunta de Galiza para cubrir máis de 800 postos da Administración Autonómica

O martes 3 de xuño quedou aprobada na Comisión de Persoal o modelo de bases para a cobertura dos postos mediante concursos específicos, unha forma de provisión de postos pensado nalgunhas xefaturas de seccións, direccións de centros e sobre todo xefaturas de servizo, que non sexan nin de concurso ordinario nin de libre designación. Trátase 861 prazas que van dende o nivel...
Martes, 03 Xuño 2025

Concursos específicos; cese interinos/as; estado concursos; e máis (CP 03/06/25)

O martes 3 de xuño participamos na Comisión de Persoal na que quedou aprobado o modelo de bases para a provisión de postos mediante o concurso específico, figura creada principalmente para xefaturas de servizo, algunhas seccións e dirección de centros. A proposta da Xunta foi rexeitada polos catro sindicatos con representación na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT)....