Novas por contido

O luns e mércores tivemos Mesa Xeral e duas Comisións de Persoal, onde se trataron diversos asuntos. En Rogos e preguntas van moitisimos asuntos que poden ser do teu interese.

PROCEDEMENTO PARA O ACCESO AO RÉXIME EXTRAORDINARIO DO GRAO I DA CARREIRA PROFESIONAL

A proposta de Orde sobre o procedemento para o acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional do persoal empregado público da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia foi aprobada na Comisión de Persoal do 25 de marzo.

Modifican algúns prazos e crean unha comisión de seguimento (para variar, así exclúen aos sindicatos discrepantes). Non aceptan ningunha das alegacións da CIG, denunciamos que este acordo exclúe a parte do persoal e que, nese senso, estanse a obviar recentes sentenzas xudiciais do Tribunal Supremo que condenan esa discriminación.

Aprobado co voto favorable de CCOO e UGT, e en contra de CIG e CSIF. Publicaríase no DOG o venres 29 de marzo. Descargar texto da Comisión de Persoal.

CRITERIOS XERAIS DOS PROCESOS DE FUNCIONARIZACIÓN DE PERSOAL LABORAL FIXO

O DXFP expón cambios nos números da batería de preguntas e nas preguntas por cada grupo. CIG reiterase nas alegacións presentadas e manifesta que hai moitas particularidades do persoal afectado ás que este documento non dá unha solución. Resposta do DXFP: “Xa se verán no seu momento”.

CIG denuncia que xa tivo coñecemento deses cambios dende hai días e pide explicacións e denuncia falta de negociación real e que este é un exemplo máis do oscurantismo das negociacións paralelas que manteñen Xunta, CCOO e UGT. Resposta do DXFP: “Mi despacho suele quedar abierto y es posible que alguien entrara y se hiciera con el documento”.

Aprobado na Comisión de Persoal do 25 de marzo, co voto a favor de CCOO e UGT, e en contra de CIG e CSIF. Descargar texto.

A funcionarización será no grupo equivalente de funcionarios, coa salvedade do recollido nos acordos de bombeiros forestais (grupo V a C2) e de legoeiros (grupo IV a C1). Comentan que pola normativa educativa algunha escala ten que ser do grupo B (técnico superior). Ao longo de abril queren pechar a negociación do decreto de funcionarización. Pretenden ir ao máximo de funcionarización do persoal laboral. Contemplan crear algunha escala máis. Manifesta o DXFP que se están a rexir polo disposto na lexislación básica do EBEP e na LEPG. Di que practicamente o 100 % do persoal laboral fixo cumpre o disposto nesa lexislación. As 577 prazas de funcionarización da OEP 2018 mais as 11 prazas de admón. Xeral da funcionarización desta OEP 2019 virán a negociación coas OOSS no mes de abril.

Unha vez xa funcionarizado o persoal laboral fixo, o persoal laboral temporal pasará a funcionario interino, tal e como contempla a Lei de Medidas do 2017. 

CIG denuncia que as distintas casuísticas e preguntas que plantexa o persoal laboral fixo a respecto da funcionarización non teñen resposta nestes criterios xerais. Como exemplo exponse:

  • Que vai pasar coas persoas que teñen unha ou varias prazas en excedencia se solicitan o reingreso? Resposta de Función Pública: “Se non hai prazas de laborais para reingresar, difícil o vexo”.
  • É certo que o persoal coidador a extinguir da categoría III-99 non se vai funcionarizar? Resposta: “Xa se verá”. Lembra o DXFP que as sentenzas xudiciais deste persoal non as reclasificou. Só lles recoñece os efectos económicos.
  • É certo que a axuda de discapacidade de 180 € do V Convenio vaise incluir no complemento de funcionarización ou que a diferencia das pagas extras dos laborais respecto aos funcionarios vanse prorratear nas 14 pagas anuais? Resposta: “ Xa se verá tamén”.

PROCESO SELECTIVO A2-ESCALA TÉCNICA DE ESTATÍSTICOS

Aprobado na Comisión de Persoal do 25 de marzo, co voto en contra de CIG, CCOO, CSIF e UGT. Descargar.

PROCESO SELECTIVO A1-ESCALA DE LETRADOS

A CIG pregunta pola razóns de mudar a data de realización do primeiro exercicio de 10 a 4 meses posteriores á data de publicación da convocatoria no DOG. O DXFP di que a última oposición xa rematou hai un ano, que o dos 10 meses foi un erro no seu momento e que resposta a unha petición expresa da Asesoría Xurídica Xeral. A ver quen é o listo que prepara esta oposición con tan pouco tempo por diante, a menos que xa a teña medio vista.

Aprobado na Comisión de Persoal do 25 de marzo, co voto en contra de CIG e CCOO, a favor de CSIF, e abstención de UGT. Descargar.

PROPOSTA DE DECRETO DE OFERTA DE EMPREGO 2019

Tratado na Mesa Xeral do 25 de marzo e votado na Comisión de Persoal do 27.

Con respecto aos datos referidos á tasa de reposición, o DXFP informa de 282 xubilacións de persoal laboral, 219 de persoal funcionario, 38 falecementos, 47 excedencias sen reserva de praza, que suman 586 prazas, menos 43 reingresos, dá o total de 543 prazas de acceso libre.
Retiran o da promoción interna separada para o acceso á Escala de Axentes de Inspección na especialidade de vixiancia de estradas e enviarán unha proposta para modificar o acordo de legoeiros (outro acordo que asinan, e incumpren).

Se no anexo I (acceso libre) hai prazas de corpos e grupos que coincidan con prazas dos anexos II e III, os procesos serían por concurso-oposición, de non ser así, serían por oposición. Di o DXFP que en dúas ou, como moito, tres escalas, o proceso selectivo sería oposición.

No anexo II (estabilización) salvo erro están incluídas o 100 % das prazas de funcionarios e de persoal laboral. No anexo III (consolidación indefinidos non fixos por sentenza xudicial) en teoría están incorporadas todas as prazas creadas en RPT ou pendentes de creación.

CIG esixe a posta a súa disposición dun buzón de postos de todas as prazas. Denunciamos que, por exemplo, na escala de arquivos non figuran todas as prazas.

Funcionarización do persoal laboral fixo (anexo V): Están incluídas todas as escalas, non só de Política Social, tamén as do resto de consellerías. Quedarían por incluír as prazas de auxiliares coidadores pendentes de crear a escala (171 prazas). Pretenden acumular procesos de distintas OEPs.

Promoción interna: Desconcerto total. Está por ver se o persoal laboral fixo se pode funcionarizar na categoría que adquira por promoción interna e que pasará se non colle a praza obtida.

SPDCIF: di FP que con esta OEP e coas anteriores están contempladas todas as prazas de 12 meses do SPDCIF. Apunta que non sacaron ningunha praza de xefe de brigada porque están pendentes de saber como vai quedar o número de brigadas no conxunto do servizo.

Inspectores consumo: valorarán a posibilidade de sacar unha promoción interna separada.

Na Comisión de Persoal introducen algúns cambios:

  • Introdúcense dentro da promoción interna separada as escalas de inspectores/as de Consumo e de axentes de inspección de Consumo.
  • No anexo I acceso libre hai algúns cambios no reparto de prazas en admón. Xeral e en admón. Especial que non afectan ao total de 543 prazas deste anexo I.
  • Retiran a parte referida ao acordo de legoeiros.
  • Referénciase esta oferta ao Acordo de Concertación do Emprego no senso de que os procesos selectivos van ser como se contempla no citado acordo.

Non aceptan ningunha das nosas alegacións. Queda aprobado co voto en contra de CIG e CSIF, e a favor de CCOO e UGT. Descargar.

PROPOSTA DE DECRETO DE OFERTA DE EMPREGO 2019 DE ESCALAS SANITARIAS (LEI 17/1989)

Na Mesa Xeral do luns 25, CIG pregunta de onde saen estas prazas e pola promoción interna. Di o DXFP que son prazas da taxa de reposición ordinaria e remite a entrega de datos á Comisión de Persoal do mércores 27. Tamén di que a promoción interna negociarase cando as convocatorias.

Na Comisión de Persoal do mércores 27 expoñen que os datos da taxa de reposición ordinaria son 9 prazas de xubilación, 1 excedencia voluntaria sen reserva de praza e 1 reingreso. Como CIG alegamos que non temos datos de se hai máis prazas susceptíbeis de ser ofertadas.

Aprobado co voto en contra de CIG, CSIF e UGT, e voto a favor de CCOO. Descargar.

ROGOS E PREGUNTAS 

Carreira Profesional: están a facer xestións coa Intervención Xeral e co CIXTEC para pechar as nóminas máis tarde e que así se poida cobrar xa na nómina de abril. Publicarana no DOG o venres ou o luns.

Batería de preguntas de funcionarización: publicarán parte nesta semana e o resto na que vén.

Convocatorias estatísticos A1-A2 e letrados A1: publicaranse na vindeira semana.

Negociación de procesos selectivos: en abril-maio virán a negociación varias convocatorias de prazas de Servizos Sociais, veterinarios, administrativos C1 e auxiliares de clínica.

Concurso de traslados de corpos xerais: na Mesa Xeral do luns 25 limitáronse a dicir que o mércores poderían avanzar algo. Efectivamente o mércores entregan o borrador de bases, con prazo de alegacións ata o 5 de abril. Asegura que son unhas bases similares ás do concurso de gardacostas. Contan poder publicalo en maio.

Concurso de gardacostas: pendente de publicar as bases.

OEP extraordinaria: contemplan aprobar unha OEP extraordinaria no segundo trimestre do ano coas prazas do Consorcio (unha vez aprobada a RPT), coas prazas do acordo de legoeiros e con máis prazas a funcionarizar.

Seaga: CIG pregunta se é certo que vai seguir facendo extinción este ano. FP non ten unha resposta. Limítase a dicir que na modificación da RPT de Medio Rural vanse crear os postos.

RPT Medio Rural: contan pechala en abril.

Publicación da modificación do decreto de listas: Continúa pendente do informe da Asesoría Xurídica para remitir ao Consello Consultivo.

Comisións seguimento acordo técnicos SPDCIF, veterinarios e axentes ambientais: unha vez rematadas todas as negociacións abertas.

Habilitación da bolsa de horas por conciliación: (un dos puntos estrela do Acordo de Concertación) non o contemplan a corto plazo.

Eliminación dos comedores escolares de menos de 250 comensais: non hai resposta ao ruxe-ruxe.

Aplicación V Convenio persoal Fundación Cidade da Cultura: tería que negociarse.

Carreira profesional Consorcio: non teñen dereito porque non están integrados na Xunta.

Proceso selectivo Subinspección Urbanística: primeiro exame antes de agosto.

Promoción interna: exames previstos na 2ª semana de maio, pero non confirman datas. 

Outras novas recentes

Venres, 17 Xaneiro 2025

Concurso de traslados de enxeñaría, enxeñaría técnica, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias: elección de postos

No DOG do 17/01/2025 publican a RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento da xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo...
Venres, 17 Xaneiro 2025

Tempos de programación: o Consorcio minte, coma sempre

Volve mandar a circular que retiraran sobre os tempos de programación dicindo que “negociaron” coa representación do persoal O 31 de outubro de 2024, representantes do Comité intercentros, dos comités de empresa das catro provincias e representantes de Política Social, Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS) e Consorcio, reuníronse para negociar a restitución dos...
Mércores, 15 Xaneiro 2025

Apertura do prazo de solicitude das listas para o desempeño transitorio de prazas do Servizo de Prevención de Incendios Forestais

Abren o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista para o nomeamento de persoal interino para o desempeño transitorio de postos reservados a funcionarios do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios...