Novas por contido

A CIG acorda esta modalidade de prestación de servizos cunha normativa que busca a súa consolidación, universaliza o teletraballo e mellora a nova regulación marco incorporada ao EBEP. 

Trátase do teletraballo ordinario que ven substituír a regulación do 2013 e que non é comparable ao teletraballo Covid derivado da emerxencia sanitaria. Porén a pandemia mostrounos que se pode teletraballar e que necesitabamos unha regulación máis universal e organizada por unidades para que todos e todas poidamos acceder nas máximas condicións de igualdade.

A solicitude é individual e voluntaria, está suxeita a autorización, os medios os proporcionará a Xunta (dáse o prazo máximo dun ano, pero a inexistencia de medios non paralizará a autorización, podéndose usar medios própios), e non se derrogan as anteriores concesións. 

Con esta regulación non desaparece o posto físico de traballo e os dereitos laborais serán os mesmos que no traballo presencial, aos que se engaden outros polas condicións especiais do traballo dende o fogar.

O servizo público garántese cunha atención presencial na unidade do 40%, un mínimo que pode ser rebaixado. Estableceremos quendas de teletraballo de xeito compartido,  evitando a percepción social negativa de cara ao persoal empregado público.

Poderemos teletraballar o 50% das xornadas mensuais, aínda que este máximo pode ser superior en base a un plan individual de traballo. O persoal de unidades que combinan a atencion ao público, como as oficinas agrarias comarcais, os centros educativos ou os rexistros, poderán teletraballar tras un informe motivado baseado nas circunstacias específicas da unidade. Tamén poderá solicitalo o persoal con réximes combinados de servizos.

O teletraballo non é un permiso senón que é unha modalidade de traballo. Polo tanto, os permisos e licenzas serán os mesmos que na presencial, e tamén se deben respectar horarios e flexibilidades por conciliación. Somos conscientes de que o teletraballo facilita a conciliación sobre todo no aforro de tempo nos desprazamentos pero non é unha medida de conciliación en si mesma. 

Aínda así, este réxime laboral na nosa sociedade é profundamente novidoso, polo que temos que intentar evitar os seus efectos negativos. Preocúpanos a individualización do traballo e das relacions laborais, os riscos sicosociais derivados do illamento e de compartir o espazo casa-traballo, unha volta atrás á corresponsabilidade no fogar que supoña retroceso na igualdade entre homes e mulleres, as diferenzas entre servizos pola baixa dixitalización dos expedientes, ou a falla de control fronte a externalización coa proliferación de asistencias técnicas.

Para a vixilancia e control do Acordo, os sindicatos imos recibir información periódica. E caso de que non funcione, ou simplemente conveña modificalo, marcamos unha vixencia de tres anos.

Este Acordo ten que ser acompañado por outros plans que mitiguen os seus efectos polo que perseguimos os seguintes compromisos: elaboración dunha vez por todas do Plan de Igualdade da Xunta no que se inclúa a diagnose específica do teletraballo, un plan de dixitalización específico, e a actualización dos dereitos de conciliación. 

A nova normativa do teletraballo entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no DOG. Porén, algúns departamentos están xa a desbloquear as solicitudes de teletraballo, como Cultura, Vicepresidencia ou Política Social.

Compre, ademáis, a mellora da comunicacion activa para facilitar a representación e defensa do persoal pola CIG. Recorda que ademais da páxina web e doutras canles de difusión temos un sistema de consultas en liña e unha rede de locais para que contactes connosco.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...