Novas por contido

Viñeron compañeiros/as ou chamaron aos locais da CIG para comunicarnos que querían restrinxirlles o teletraballo dende unha determinada data. Segundo relatan, non se podería teletraballar nin os luns nin os venres. Ante esta información algún/a xefe/a confirmounos que había ordes de "enriba" para restrinxir o teletraballo "por razóns de servizo".

Na Comisión de Persoal do día 27 de marzo preguntamos á directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), sobre se había algunha instrución para a restrición do teletraballo os luns e os venres. A directora negou a maior dicindo que non existía ningún tipo de restrición.

Porén, despois da Comisión de Persoal referida, resulta que persoas de diferentes servizos teimaron en que se segue a falar da modificación dos días nos que se permitiría teletraballar. Mesmo varias persoas dunha das subdireccións da DXEP dixéronos que lles comunicaran dun xeito verbal que a partires de maio non se poderá teletraballar nin os luns nin os venres.

Ante estas informacións, cremos que é necesario lembrar varios aspectos:

1º Unha resolución de teletraballo só pode modificarse por outra resolución. Hai que seguir o procedemento establecido na Orde. Non valen ordes verbais nin correos electrónicos.

2º A nova resolución debe de ser motivada. Non se pode denegar ou restrinxir o teletraballo de xeito discrecional, pois daría lugar a discriminación duns/dunhas traballadores/as a outros/as, e isto está prohibido expresamente e de xeito transversal polo ordenamento xurídico. Por ende, a motivación debe de ser suficiente e real. Non vale inventar motivacións pois entón estariamos ante unha resolución inxusta; e ditar unha resolución inxusta a sabendas de que inxusta, ten un nome que todos e todas coñecemos.

3º Se na modificación aléganse “razóns de servizo”, segundo a xurisprudencia teñen que individualizar esas razóns de servizo e dicir cales son exactamente. Non vale, que de súpeto aparezan razóns de servizo simultaneamente en varios servizos. Isto é moi, moi estraño. Ademais, as “razóns de servizo” non pode ser eternas. E se resulta que son permanentes, teñen que estar moi ben xustificadas: debería de haber algún cambio na organización que faga imposible teletraballar algún determinado día. E ese cambio ten que ser verdadeiro e non implementado coa única causa de impedir o teletraballo.

4º Cando desaparecen as razóns de servizo, debe volverse a situación anterior.

5º As razóns polas que non se podería restrinxir o teletraballo a uns días ou prohibir noutros son as seguintes:

a) Non permitir teletraballar determinados días vai contra o espírito da norma: se hai que concentrar o teletraballo en martes, mércores ou xoves, por poñer un exemplo, dificultaría moito máis conseguir a rateo do 40% esixida na orde, de tal xeito que impediría “de facto” a realización do mesmo.

b) Non permitir traballar en determinados días a unhas persoas e permitirlle a outras, dentro da Administración da Xunta de Galiza, cando non haxa razóns que xustifiquen as diferencias dun xeito obxectivo, supoñería unha discriminación duns/dunhas traballadores/as sobre outros/as. E esta, insistimos, está prohibida polo ordenamento xurídico.

Dende a CIG invitámosche a que nos comentes as situacións que se vaian dando no teu servizo en relación a este tema. Na CIG estamos dispostos a escoitar e a denunciar. Tamén queremos dicirche que non tes que conformarte co que che digan. É moi típico dos de “enriba” invocar unhas “razóns do servizo” sen que esas “razóns” se expliquen ben. Máis que “razóns” son opinións e desconfianza cara os traballadores e traballadoras. Non tes que deixarte pisar.

Para rematar, unha pregunta o aire: quen serán os de "enriba"? Pensamos que non se refiren ós santos, anxos, arcanxos ou outros seres celestiais... Pero nesta administración todo é posible.

Outras novas recentes

Martes, 13 Outubro 2026

Fondo de Acción Social de 2025: listaxe definitiva de persoas admitidas

No DOG do 13/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...