Novas por contido

Despois de ter solicitado a CIG unha xuntanza coa Consellaría, esta convocounos á comisión de seguimento. Acceden a tratar outros asuntos que exceden do ámbito da comisión, ao igual que os outros sindicatos, o cal xa é algo positivo.

1. Coeficientes redutores

A consellería coméntanos que está a actuar “politicamente” e que falaron co “grupo parlamentar no Congreso e no Senado” (sic) para impulsar unha lei que recolla os coeficientes redutores. Non sabemos con que grupo pero todos/as entendemos.

Comentámoslle que nos parece moi ben, que a CIG tamén se reuniu, pero COS GRUPOS parlamentares, incluído o grupo popular, pero que a cuestión que agora demandamos é outra, alternativa e simultánea a esta actuación.

Tampouco deixamos de demandar, e o fixemos en todas as instancias, a inclusión do persoal do Servizo de Gardacostas no Réxime Especial de Traballadores/as do Mar.

Lembramos que a instancia da CIG a consellaría solicitou ao ISM os coeficientes redutores por asimilación de funcións. A resposta do ISM foi negativa pero a consellería NON RECORREU. Un recurso podería posibilitar logo ir ao xulgado para reclamalos. Por que non recorren ou por que non o fan de novo?

Pero hai unha terceira vía complementaria que xa puxemos con anterioridade en coñecemento da consellería, e que incluso nos foi recomendada polo INSS, como é a solicitude de aplicación de coeficientes redutores por razón de actividade. Esta vía recollida no artigo 206.2 da Lei xeral da Seguridade Social, require a iniciativa conxunta das organizacións sindicais máis representativas e da Administración da que dependa o persoal.

Do manifestado hoxe por nós, as outras organizacións o apoiarían, polo que só falta que a Administración se pronuncie.

Lembrámoslle que para iniciar este camiño xa se comprometeran a aportar toda a documentación e estatística relacionada coa morbilidade como:

1. Idade absoluta e por tramos do persoal.
2. IT dos últimos 5-10 anos (xa que moitos dos trastornos musculoelesqueléticos están agochados nas IT - as mutuas non recoñecen cando esta o factor idade - ).
3. Accidentes laborais dos derradeiros 10 anos.
4. Incidentes/accidentes sen baixa. Isto tamén foi solicitado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral e non se facilitaron.

E o único que aportaron foi unha táboa coas idades. Consideramos que antes de que remate o ano teñen que ter previamente aportado a documentación e iniciado conxuntamente con nós a solicitude. Van estudalo.

 2. Creación de escalas no grupo B

Actualmente hai titulacións que se poden obter en centros da propia consellería para a obtención do título de técnico superior. No caso de patróns/patroas e mecánicos/as, esta Administración está facendo trampa, pois esixe un título de técnico (medio, cando non se especifica) e a maiores un titulo profesional que habilite para o desempeño de funcións QUE SON PROPIAS DO TÍTULO DE TÉCNICO SUPERIOR.

Noutros casos como no dos axentes ambientais se creou unha escala no grupo B para que o persoal con titulación poida acceder dende o subgrupo C1.

O xeito de dignificar a profesión, de pór en valor as titulacións impartidas pola propia consellería, de facer atractiva a escala para as persoas que se titulan é crear novas escalas no grupo B.

Descoñecen se existen outras escalas no grupo B, e aproveitamos para lembrarlles unhas cantas, que aínda que sen efectivos xa están creadas (delineantes, axentes de xestión ambiental, educadores infantís, xefes de brigada, etc). Tamén van estudalo.

3. Segunda actividade e aptos con restricións

Aquí si parece que teñen algo que aportar: van a facer cambios normativos a través da lei de medidas fiscais e administrativas para ter en conta algún outro factor a maiores da idade, como certas restricións e tamén tratarán de facer una proposta para regular as funcións.

Parécenos correcto que se aveñan a desenvolver isto. Seguimos sen incrementar as prazas para segunda actividade. Non cumpren o 5% previsto no Decreto nin na Lei de creación do servizo. Solicitamos unha vez máis e como mínimo, unha para cada base e a sua cobertura inmediata, aínda que tamén podería optarse por outros modelos.

Lembramos que, aínda que os postos de segunda actividade van na RPT cun complemento específico básico, a consellería aclarou por escrito que van respectar o complemento do posto de orixe, como indica a lei, polo que se respectarían as retribucións íntegras. Porén, a CIG segue a demandar que se indique este compromiso na columna de observacións da RPT, para maior tranquilidade de todos e todas xa que entendemos que este é un dos motivos polo que non hai demanda das prazas.

Por outra banda a consellería comenta que en relación aos aptos con restricións están buscando unha fórmula que permita crear algún tipo de postos que poidan utilizarse para estes casos e mentres duren as restricións. Que o están a tratar con Función Pública. Á CIG parécenos correcto.

4. Vacantes das escalas técnica e executiva

Temos información da próxima xubilación de persoas destas escalas, e tamén sabemos que non se estiveron a cubrir estas prazas. Débese establecer un sistema de promoción interna e non amortizar ningunha das prazas que queden vacantes. Toman nota e advertimos que estaremos pendentes para a próxima oferta de emprego.

5. Recoñecementos médicos

Recoñecen que teñen un problema co Real Decreto 505/2024 de recoñecementos médicos. Din que fixeron consulta co ISM porque a norma esixe estar no RETM. Advertímoslles que ou se soluciona isto ou todo o servizo vai quedar inoperativo e que isto é unha máis das incongruencias de non ter integrado ao persoal funcionario de gardacostas no RETM.

6. Baixas, carteleiras e acordo

Na anterior comisión de seguimento instamos á consellaría a que solicitase establecer un sistema áxil de cobertura de baixas, permisos, vacantes, etc., como o dos centros de ensino ou política social, onde as baixas se cobren incluso ao día seguinte de comunicalas. Fíxose algo? A consellaría confesa que non.

Este é un dos maiores problemas e condiciona a elaboración das carteleiras: a falta de persoal e a desidia en atallar a súa falta. Desta situación derívase que non se cumpra co acordo e que se teña que recorrer a acordos singulares en cada unidade para garantir a prestación do servizo e os dereitos do persoal.

A isto hai que sumarlle a falta de efectivos por non convocar as 10 prazas de patrón/patroa e as 13 de mecánico/a pendentes da OEP do 2022. A maiores, a administración debe abrir as listas de contratación pois nestes momentos só hai 2 patróns/patroas nas listas e ninguén en mecánico/a.

Ou se soluciona todo isto, que xa o temos demandado en innumerábeis ocasións, ou vai ser imposible que este servizo funcione correctamente.

Entendemos que a comisión de seguimento non só debe velar pola aplicación do acordo senón para detectar cales son as eivas ao e que melloras se poden recoller e temos un acordo de hai 18 anos e polo tanto, respectando o sentido do mesmo si hai posibilidades de modificar determinados parámetros contemplados nel. E temos tamén acordos posteriores doutros colectivos que contemplan outras opcións para organizar o servizo e mellorías con respecto ao de gardacostas polo que deberían tomarse como modelo.

CONCLUSIÓN

Dende a CIG imos estar vixiantes e ver si hai vontade de cambiar as cousas:

  • Neste próximo semestre temos que ver que hai propostas a través da lei de medidas de ir dando solucións novas para a segunda actividade e postos con restricións.
  • Imos ver si facilitan a documentación necesaria para activar a vía do artigo 206 da LXSS para establecer coeficientes redutores para o colectivo (independentemente das iniciativas que estamos tendo dende a CIG ou das que tome a propia administración noutros eidos).
  • Esperamos tamén que confirmen a resposta que lles dean dende o ISM sobre os recoñecementos.
  • Vixiaremos para que tamén na lei de medidas e falando con Función Pública creen as escalas no grupo B.
  • E esperemos que en setembro se plantexen crear un modelo para cubrir de xeito preferente as baixas ou vacantes do servizo, independentemente de que na próxima lei de Orzamentos se comece a considerar de unha vez por todas como un sector prioritario ao Servizo de Gardacostas.

Outras novas recentes

Venres, 26 Xuño 2026

A CIG esixe explicacións pola falta de postos na elección de destino de corpos xerais

Dende a CIG solicitámoslle a Emprego Público que nos aclare posto a posto a tremenda desfeita que está a facer nos procesos de elección de destino dos corpos xerais. Temos moitísimas queixas de persoas traballadoras que están nestes procesos e que non saben o motivo de que se “comeran” tantos postos. Non sabemos se en Emprego Público pensan que só son “dúas ou tres persoas...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27. Os...
Venres, 19 Xuño 2026

Plantón sindical a Educación na negociación da RPT ata que non negocie un acordo para o persoal non docente

O pasado venres 12 de xuño a Consellaría de Educación convocou ás organizacións sindicais (OOSS) para negociar unha modificación da RPT sen aportar documentación algunha o que precipitou ter que adiarse esa xuntanza para o día de hoxe, venres 19 de xullo a petición da parte social e logo de remitir un borrador para a mesa. Hoxe, venres 19, a CIG e as outras OOSS presente na...