Novas por contido

O Acordo de condicións laborais do persoal do SPIF foi aprobado na Comisión de Persoal do luns día 12 de febreiro

Despois dun tempo de loita e mobilización para conseguir a negociación real dun Acordo de condicións de traballo para os compañeiros e compañeiras do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Galiza (SPIF), a Administración convocara para o pasado 8 de febreiro unha primeira xuntanza coa que se iniciou un proceso negociador con Función Pública que, tras varias idas e voltas co borrador do Acordo, rematou na Comisión de Persoal do luns día 12 onde quedou aprobado co voto favorable de todas as organizacións sindicais (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

A negociación que levaba sendo paralizada pola Xunta dende hai meses foi difícil, xa que en apenas uns días querian que tragaramos co primeiro borrador que nos puxeron diante (que era un Acordo exclusivamente para o persoal funcionario), pactado en despachos ás costas da representación do persoal, e acompañada dun anuncio electoral do Presidente en funcións o día 23 de xaneiro coa intención de dividir ao persoal e perder a forza conxunta que temos as traballadoras e os traballadores para conseguir melloras nas condicións laborais.

Aínda así, quedan moitas cousas abertas e non podemos dicir con iso que estamos satisfeitos co resultado da negociación, produto por unha parte das présas electorais de “última hora” e por outro da actitude do resto das organizacións sindicais ás que xa lles valía o primeiro borrador. Agora tocará negociar e vixiar no caixón de xastre que é a comisión de seguimento do Acordo.

Para a CIG-Autonómica era esencial que os dereitos laborais atinxiran a todo o persoal, independentemente da súa relación xurídica coa consellaría e do tempo de duración do contrato. Así e grazas á presión mobilizadora, conseguimos que se acollera a todo o persoal. De xeito que un Acordo que inicialmente a Xunta e o resto de sindicatos querían limitar só para o persoal funcionario (700 traballadores e traballadoras) grazas á CIG extendeuse aos 2.200 que compoñen todo o servizo en alto risco.

Foi asumido por todos o sistema único de cartelera para todo o ano con quendas de 10 horas e unha semana tres días e a seguinte catro (LMSD-MXV) que propuxo a CIG no 2022 co Acordo marco regulador elaborado por consenso do persoal despois de ter feito asembleas ao longo do país e xa con anterioridade nunha Proposición non de Lei (PNL) presentada pola CIG no Parlamento no ano 2019. Ao non ter posibilidade de alongamento de xornada (agás en lumes de nivel 2) redúcense os abusos, porén os descansos previstos son insuficientes e reclamamos máis días de descanso de compensación para igualarnos ao cómputo horario anual que temos na actualidade. Para nós a compensación non podía ser exclusivamente económica.

As franxas horarias e o reparto das tarefas ordinarias dentro de quenda non se regulan neste Acordo, farase a proposta na Comisión de Seguimento. Sí introduciron as demandas da CIG de establecer unha hora para xantar ou cear e estender as funcións do V Convenio mentres non se negocien outras específicas, co que esperemos se rematen coas circulares “ordeno y mando” da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Tamén queda fóra a compensación en tempo de descanso como sí se tiña no V Convenio Colectivo Único antes dos recortes do 2012, para este traballo tan perigoso onde a fatiga acumulada aumenta o risco laboral de accidente, e polas que seguimos pelexando no xulgado.

Respecto do plan formativo, será impartido pola EGAP ou a AGASP, dentro dun plan que será negociado.

A mobilización do persoal instou á negociación

Levaban paradas as xuntanzas das organizacións sindicais coa Consellaría do Medio Rural para preparar o borrador do Acordo dende o mes de novembro, a pesar de que a consellería comprometeu un calendario con reunións todas as semanas e non respostaba nin as alegacións. Reuniuse daquela activada pola mobilización e volveu agora outra vez grazas a mobilización do 25 de xaneiro. Así, cada vez que a CIG fixo propostas apoiadas polos traballadores e traballadoras coas mobilizacións, producironse movementos de convocatorias e de avance nos dereitos laborais e na loita contra a precariedade, xa que parte das propostas da CIG foron asumidas polas outras organizacións sindicais e pola Administración, o que confirma o acerto das propostas do noso sindicato.

Agora toca pór en marcha e vixiar o cumprimento de todos e cada un dos puntos recollidos no Acordo, mais tamén de que o anuncio electoral do Presidente en funcións de alongar o tempo de traballo de 6 a 9 meses sexa xa unha realidade en 2024. Cuestión respecto á que denunciamos que esta promesa electoral non foi introducida neste Acordo nin levada ao Comité Intercentros para facela real coa extensión dos contratos.

Ante a cantidade de trapalladas que estamos a escoitar en foros e a ler en informas conxuntos doutros sindicatos, facemos un chamamento a seriedade e a calma. Á vez debemos lembrar que na CIG levamos feito un traballo continuado e constante na defensa do persoal, pese aos paus nas rodas da nosa pretensión de acadar unha funcionarización con garantías e dereitos laborais coñecendo a letra pequena. Seguimos!

Cronograma de actuacións e traballos polo Acordo Marco

É curioso ler que se nos acusa de non achegar nada e torpedear a negociación deste Acordo. Pois ben, os feitos e a cronoloxía falan por sí sós, a non ser que algúns interpreten que a mobilización do persoal e a denuncia pública sexan accións que na vez de manifestar a opinión e vontade dos traballadores e traballadoras sexan pedras do camiño da Administración.

 

DATA FEITO
Marzo de 2022 Enviámoslle á Xunta a nosa proposta de Acordo Marco Regulador das condicións do persoal do SPIF
Xullo de 2023 Queixa dirixida á Valedora do Pobo por mor da ausencia de regulamentación das condicións laborais do persoal do SPIF
1 de setembro de 2023 Presentamos no Rexistro Central da Xunta máis de 700 sinaturas do persoal para solicitar un Acordo Marco Regulador que partira dos dereitos do VCCU
9 de novembro de 2023 Convocatoria da primeira xuntanza do Acordo de condicións do persoal do SPIF
13 de novembro de 2023 O persoal mobilizouse xunta coa CIG para demandar un Acordo de condicións para todos e todas con traballo estable todo o ano
22 de decembro de 2023 Presentamos alegacións ao documento de borrador que nos enviou a Consellería do Medio Rural o día 5 de decembro de 2023
25 de xaneiro de 2024 Mobilización do persoal en San Caetano. Levabamos dous meses e medio sen novas da Administración
1 de febreiro de 2024 Nova xuntanza do Acordo

Outras novas recentes

Martes, 19 Agosto 2025

A CIG critica a caótica xestión do Goberno galego en materia de persoal de incendios

Alertamos de que se están a facer chamamentos en plena vaga de lumes sen tempo para formar en prevención. Dende a CIG-Autonómica denuncia a caótica xestión da Xunta de Galiza en materia de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), até o punto de que a día de hoxe aínda non se coñecen nin as vacantes que están por cubrir. Temos datos de...
Venres, 22 Agosto 2025

Máis de 45.000 persoas bótanse á rúa en toda Galiza contra a política forestal do PP e en solidariedade coas persoas afectadas pola vaga ...

A CIG reclama medidas inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias, e un servizo público único, de xestión directa e dependente da Xunta de Galiza, para traballar na prevención e respostar ás multiemerxencias do medio natural e rural durante  todo o ano. Un total de 29 localidades de todo o país acolleron o 21 de agosto mobilizacións multitudinarias...
Mércores, 20 Agosto 2025

‘Por un Monte Galego con Futuro’ convoca protestas contra a política forestal do PP “que queima os montes e as casas”

A CIG fai un chamamento a participar nas 26 concentracións que terán lugar en cidades e vilas de todo o país este xoves 21 a partir das 20:00h A plataforma ‘Por un monte Galego con Futuro’ convoca mobilizacións para denunciar que a actual vaga de incendios que está a padecer Galiza é consecuencia directa da política forestal do PP, unha política forestal que, tal e como...