Novas por contido

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa. 

O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos públicos, dado que afecta á calidade do servizo ao eliminar a programación educativa, as xuntanzas coas familias, a preparación dos materiais e as avaliacións de resultados, que son vitais para o desenvolvemento educativo das crianzas de 0 a 3 anos.

Nese senso, as instrucións da Dirección da Axencia e da Xerencia do Consorcio son claras: nada de proxecto educativo, só tempo de atención directa asistencial dentro da xornada laboral.

Até o de agora, case un 6% da xornada laboral dedicábase a elaborar programacións, atender ás familias, avaliar, deseñar ambientes de aprendizaxe ou preparar materiais, entre outros, tal e como recolle o Regulamento de réxime interior das escolas infantís.

Dan a orde de programar o período de adaptación 

O día 9 de abril chega ás escolas unha circular de parte do equipo de atención educativa (que depende da xerencia adxunta, servizos centrais) na que se lle ordena aos centros que se programe o proceso de familiarización (período de adaptación). Tamén se lles pide que avalíen a avolución de cada crianza e fagan os informes en tempo de atención directa. A intención da Xunta é clara: cargar sobre as costas das traballadoras a responsabilidade da calidade do servizo, sen tempo de traballo para facer as tarefas que marcan a diferenza cos centros privados.

Denuncia perante a ITSS

Dende a CIG acabamos de denunciar na Inspección de Traballo as ordes contraditorias que emite o Consorcio: o tempo de traballo é todo de atención ás crianzas e, por outro lado, danse ordes de programar o período para acoller as crianzas e familias no curso que entra.

Queremos programar, avaliar, ter reunións dos equipos, titorías, e todo o que marca a lexislación, pero con tempos habilitados para tal fin.

Acabáronse os tempos de “tempo por tempo” e se non o tes, “tempo do teu”!!

Acabouse esa práctica abusiva do Consorcio de esixir ás traballadoras tempo da súa vida persoal como se se tratase de voluntariado.

 

Outras novas recentes

Martes, 25 Agosto 2026

En que plan estamos? U-los recursos para desenvolver a ampliación da formación do funcionariado incluída no novo Plan da lingua galega

O novo Plan da lingua galega promete aumentar a formación do funcionariado sen contar cos recursos precisos Urxe unha solución para o persoal laboral da categoría de titulado/a superior lingüista ao non se corresponder a carga de traballo coa xornada parcial aprobada pola RPT O día 13 de xullo de 2026 publicouse no DOG a Resolución do 6 de xullo de 2026 pola que se nomean...