Novas por contido

Dende a CIG pedimos explicacións sobre a supresión de todos os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas 2024, o incumprimento do compromiso da EGAP de elaborar os temarios para os procesos selectivos e a insuficiente oferta en linguaxe administrativa galega, xunto coa de igualdade ou COMDIX.

Non recibimos resposta a ningunha das queixas e escritos que a CIG remitira a Sonia Rodríguez-Campos. A directora da EGAP argumenta agora que non se puideron levar a cabo os actos das Letras polo cambio estrutural das consellarías, argumento tan insuficiente como feble, pois entón terían que terse paralizado todas as demais actividades da Escola tamén.

Cando lembramos o compromiso de elaboración dos temarios, a directora da EGAP bota a pelota enriba do tellado de Función Pública dicindo que a Escola está aberta ás propostas, mentres asistimos á privatización dos temarios da escala de orientación laboral (grupo A2), licitados e asignados vía contrato menor de servizos e tramitación ordinaria á empresa Noroeste de Valor Asociados, S.L. cun orzamento base de 17.847,50 € (difusión o 25-03-2024), e sobre os que se advirte de que se trata duns temarios de apoio, non oficiais e que contan cun aviso de exención de responsabilidade por parte da empresa.

A secretaria da EGAP gabouse de ter tres materias cunha gran demanda en relación ás prazas ofertadas: linguaxe administrativa 900 prazas/5.000 solicitudes, COMDIX 850 prazas/5.601 solicitudes e igualdade e violencia de xénero 1.889 prazas/11.911 solicitudes. Levamos moitos anos con ofertas moi insuficientes de formación sen que sexan un problema a solventar, senón un motivo incomprensíbel de satisfacción na xestión por parte das persoas responsábeis, tendo en conta, ademais, que as e os traballadoras/es contribuímos con cada nómina ao financiamento da nosa formación. Ás nosas preguntas, balóns fóra, porque todo depende doutras instancias; no caso dos cursos de linguaxe administrativa dependen de Normalización Lingüística, dado que a EGAP se limita a dar soporte. Pois ao mellor ese mesmo é o problema!

Outras queixas e demandas da CIG foron: a opacidade do rexistro de formadoras/es da EGAP (como a dos criterios de selección de persoal empregado público e outras/os docentes, e as remuneracións); o incumprimento da carta de servizos da EGAP; a baixa calidade, o incumprimento de horarios ou ausencia de enquisas de valoración nalgúns cursos; a necesidade de formación específica para as distintas escalas, que non ten resposta; e que o persoal de AGACAL non está incluído nesta formación. A directora e todas as/os responsábeis presentes non contestaron. Tamén nos chamou a atención a cantidade salientábel de fondos que van destinados aos convenios coas entidades locais.

Na xuntanza quedáronnos moitas cousas no tinteiro por imposibilidade de tratalas todas en tan pouco tempo, pero a CIG vai seguir demandando máis galego, máis transparencia, temarios públicos e oficiais para todas as categorías, máis calidade, e máis e mellor formación, e imos insistir en darlle solución a todas e cada unha das problemáticas que nos afectan, polo que xa estamos a traballar no seguinte Consello Reitor deste 2024. Se queres facernos chegar as túas suxestións, envíanolas a través deste formulario. 

  

 

 

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Xoves, 29 Outubro 2026

Primeira xuntanza con Educación por un Acordo para o Persoal Non Docente: unha perda de tempo

A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente. As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...