Novas por contido

A CIG pide a demisión de Sonia Rodríguez-Campos (directora da EGAP)

O sindicato presenta máis de 30 demandas e reclamacións sobre a xestión da EGAP e 285 propostas de cursos recadadas de entre as traballadoras e os traballadores, afiliación e persoas delegadas do sindicato, ante a ausencia de oferta formativa para moito persoal e diante da diferenza abismal entre a oferta e a demanda en formación como a linguaxe administrativa galega, a igualdade ou a formación do Marco Galego de Competencias Dixitais

Dende a CIG criticamos e denunciamos a falta de negociación para a planificación e deseño dun plan anual de formación e actividades para todo o persoal da Administración xeral da Xunta e entes instrumentais que estea ben elaborado e estruturado, e que dea resposta ás necesidades de formación reais e actuais en todas as áreas temáticas, sen exclusións. En todo o proceso de elaboración do plan de formación o persoal e sindicatos non cortamos nin pinchamos, todo é decisión unilateral da directora da EGAP. Este proceso é moi sinxelo e básico, a diferenza do que fan outras escolas de administración pública, e consta destes 2 pasos:

1. Envío aos sindicatos dunha circular unha vez ao ano para recibir achegas nun prazo estipulado.                                          

2. Recepción das achegas dos sindicatos (a maioría ignoradas ano tras ano) e, sobre o esquema do plan de formación anterior, repetición da maioría das actividades e das mesmas persoas formadoras para o ano seguinte.  

A opacidade é absoluta á hora de decidir e deseñar ano tras ano os plans de formación en calquera aspecto que nos veña á cabeza, como calquera dos seguintes:    

1) En que temáticas se forma ao persoal e en que temáticas non? A normativa establece que se faga público o “inventario” actualizado de áreas formativas da EGAP co persoal formador de que dispón cada unha. A día de hoxe permanece sen facerse público. → Todo é decisión unilateral da directora da EGAP  

2) A que categorías profesionais e persoal se lle imparte a formación da EGAP e a cales non? Todas as categorías e todo o persoal temos dereito a recibir formación!  → Todo é decisión unilateral da directora da EGAP

3) Cales son os datos de situación de xénero da formación impartida pola EGAP? → Só a directora da EGAP o sabe

4) De onde saíron os criterios de selección das persoas que acceden á formación da EGAP? Foron  impostos sen escoitar ningunha alegación da representación do persoal.  → Todo é decisión unilateral da directora da EGAP                              

5) Onde se imparte a formación da EGAP? Maiormente en Compostela. → Outra decisión unilateral máis da directora da EGAP

6) Que criterios se empregan para decidir en que modalidade (teleformación, presencial, telepresenza, mixta ou autoformación) se imparte cada curso da EGAP e cal é a súa duración?  → Outra decisión unilateral da directora da EGAP

7) En que horario se fan os cursos? Maioritariamente é fóra do horario laboral; a conciliación nin existe nin se a espera → Outra decisión unilateral da directora da EGAP    

8) Cales son os criterios de “inscrición de oficio” na base de datos de empresas e persoal formador? → Só a directora da EGAP o sabe...

9) Que foi do compromiso de elaboración de temarios oficiais da EGAP? Mentres, as consellarías pagan inxentes cantidades de diñeiro público a empresas privadas para que elaboren uns temarios "de apoio, non oficiais e con exención de responsabilidades por parte da empresa.  → A directora da EGAP bota balóns fóra

10) Que foi dos cursos para promoción interna que establecen os Estatutos da Escola?  A directora non sabe ou non contesta...

Consideramos que a xestión da EGAP é insostíbel, e este 2024 foi o colofón, coa supresión de todos os actos das Letras Galegas, un feito inxustificábel e inadmisíbel, sintomático da deriva que leva a EGAP de malfacer, privatización, mala xestión, precariedade e ineficiencia do gasto público. O incumprimento dos estatutos da EGAP e os fins para os que se creou é reiterado, con especial dedicación a borrar do mapa a existencia dos compromisos da Escola coa normalización e co galego, lingua empregada cerimonialmente nos actos de inauguración e clausura, pero pouco máis.

É total a opacidade e falta de respecto cara á transparencia e a render contas de en que se investen os orzamentos públicos da Escola. A falta de transparencia sobre a base de datos de empresas e persoas seleccionadas, contratadas e retribuídas para dar formación, titorizar, coordinar e dirixir os cursos da EGAP é absoluta, pese a ser obrigada a súa publicidade. Con respecto ás retribucións e número de cursos por ano, así como no relativo a súa acreditación e criterios de selección, non temos ningún dato. A falta de rotación para que non sexan as mesmas persoas sempre é pasmosa. 

Sobre a precariedade na que traballa o persoal da EGAP tamén hai moito que dicir, así como sobre a situación tan lamentábel da biblioteca, con persoal temporal de empresas privadas atendéndoa tras demandas por contratacións fraudulentas, e con moitos fondos da Escola sen tan sequera catalogar nin actualizar. 

Todo isto non sería posíbel sen o silencio cómplice do Consello Reitor da EGAP, cuxo principal rol semella ser a observación calada e a adulación gratuita, e que só conta coa voz discordante da CIG. As xuntanzas deste consello reitor son un mero paripé, e as enquisas ao persoal que dean a coñecer o nível de satisfacción global ou as necesidades reais brillan pola súa ausencia, xunto a unha clara baixada da calidade da formación. As empregadas e os empregados públicos agardamos anos para poder acceder a un sinxelo curso de linguaxe administrativa, ou mesmo á formación en igualdade ou aos cursos de competencias dixitais, xa só fixándonos na formación transversal, porque no referido á formación específica ou técnica hai áreas enteiras de formación ignoradas e desatendidas; por non falar do persoal ao que se exclúe totalmente da formación da EGAP, como AGACAL. O desfase entre a demanda real existente das traballadoras e traballadores e a oferta da EGAP é abismal, e fala por sí soa, moi elocuentemente, dunha moi mala xestión.

Por toda esta situación, dende a CIG pedimos a DEMISIÓN DA DIRECTORA DA EGAP.

 

Outras novas recentes

Venres, 10 Xullo 2026

Listaxes provisionais de axudas aprobadas do Fondo de Acción Social

No DOG do 10/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Fan...
Xoves, 02 Xullo 2026

A CIG exixe a Gain que identifique e publique os postos antes da elección de destino da estabilización

A solicitude da identificación dos postos presentada pola CIG o 3 xullo de 2025 non recibiu resposta da Dirección da Gain até a data, incumprindo a lexislación vixente. A CIG vén de reiterar a súa reclamación ante a Axencia Galega de Innovación (Gain) para que publique e identifique os postos de traballo que serán ofertados no acto de elección de destino do proceso...
Sábado, 04 Xullo 2026

Carreira profesional e concursos F0425, F0326 e F0525 (CP 03/07/2026)

Na rolda de intervencións da Comisión de Persoal do venres 3 de xullo preguntamos polas solicitudes da carreira pendentes de resolución, así como pola concreción de datas das distintas fases dos concursos F0425, F0326 e F0525.  Resolucións pendentes da carreira profesional  Preguntamos pola situación na que está a tramitación das solicitudes, dado que nos consta que a día...