Novas por contido

Dous meses despois das anteriores mesas de negociación, rematamos o mes de decembro cun maratón de asuntos a despachar en poucos días, algúns deles tras anos de atrasos.

O venres 20 e o luns 23 de decembro participamos en varias xuntanzas nas que se aprobaron diversos asuntos: OEP-2024 (de Función Pública e de escalas sanitarias), RPT do Consorcio, outra RPT de funcionarización (condutores), RPT de creación de prazas por sentenzas xudiciais, acordo para a “correcta” finalización da estabilización no SPIF, e procesos selectivos para ingreso en A2, B/C1 e C2 pola “modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo”.

OEP 2024 DA DIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO PÚBLICO E ADMINISTRACIÓN DE PERSOAL

  • Non recibimos ningún documento cos criterios ata última hora, e do número de prazas foinos entregado en papel o venres 13 de decembro de 2024. Non existiu negociación.
  • O grupo B segue indo a C1 (non existe).
  • Positivo que existan prazas para discapacidade intelectual, pero inaceptable que a totalidade da oferta de subalternos/as sexan nesta modalidade sen opcións para as persoas que non teñan discapacidade.
  • Promoción interna separada: limitada a 4 corpos e 1 escala. Restrinxen as escalas que poden participar. Non facilitan manterse no posto ou na localidade
  • Despois de 10 anos seguen sen crear prazas de arquivos centrais obrigadas pola Lei 7/2014 (só o teñen 3 consellerías). Tampouco crean os arquivos territoriais da Coruña e Ourense. Están incumprindo a súa proba lei.
  • Vergoña que unha oferta de emprego do ano 2024 sexa aprobada a finais de decembro. Aspiramos a procesos áxiles: que oferten a comezos, convoquen a finais, e remate como moito un ano despois.
  • Tribunais: seguirán a ser 5 persoas nomeadas a dedo, sen control sindical. Demandamos que a paridade non sexa para o total da oferta, senón para cada convocatoria.

CIG votou en contra. CCOO e UGT abstivéronse. CSIF tamén votou en contra. Descargar o texto aprobado

RPT DO CONSORCIO

Esta foi unha RPT metida a calzador, sen negociar, en dous días o que non fixeron en oito anos, que afecta a máis de 1.800 postos. Non se homologan postos análogos aos existentes en Política Social (con niveis e CE inferiores). Haberá que agardar 3 anos a que haxa homologación (veremos se cumpren). Establecen itinerancias que consideramos innecesarias e sen clarificar en que van a consistir.

O punto foi aprobado, desta vez co voto en contra dos catro sindicatos. Descargar a proposta aprobada

RPT DE FUNCIONARIZACION A C1 E C2 (condutores/as)

Non concordamos con que o plus de dispoñibilidade horaria e o plus convenio sexa considerado como complemento específico diferenciado, xa que a percepción do seu importe queda sometido á efectiva prestación do servizo que habería que acreditar con carácter mensual, o que podería dar lugar a posibles abusos de poder. Coñecemos casos de castigos coa non realización de traballo, o que podería afectar ás retribucións. 

CIG vota en contra. Pola súa parte, CCOO, CSIF e UGT votaron a favor. Descargar a proposta aprobada

OEP 2024 DE PERSOAL FUNCIONARIO DE ESCALAS SANITARIAS (Lei 17/89)

Habilitan que se convoquen prazas adicionais por previsión de xubilacións (nos dous anos seguintes). Ao noso ver, isto crea incerteza e sorpresas por non coincidir o que se oferta e o que se convoca, e hai o risco de deixar fóra xente que aproba por non efectivizarse unha xubilación.
Promoción interna: limítanse a dicir que se respectará o mínimo (25%), e restrinxen as escalas que se poden presentar. A CIG aspira a que sexa do 50% en cada clase, e do mesmo que pedimos reciprocamente en todas as escalas, que se permita participar horizontal e verticalmente a todo persoal funcionario, de calquera escala, que cumpra cos requisitos.  
En canto ao exercicio de galego, habilitan a que as convocatorias establezan o carácter eliminatorio ou non, o que permitiría que superase o proceso alguén cun cero de nota en galego.

Por esas razóns a CIG votou en contra. Votaron a favor: CCOO, CSIF e UGT. Descargar a proposta aprobada

MODIFICACIÓN DA RPT DE ADMINISTRACIÓN XERAL E ESPECIAL (sentenzas xudiciais)

  • Tardaron moito en dar cumprimento ás sentenzas (a maioría de sentenzas teñen ata 10 anos).
  • Os postos do Parque de Illas Atlánticas non van coas condicións económicas pactadas.
  • As persoas tituladas superiores lingüistas (I-40), levan toda unha vida en precario contratadas como fixas-descontinuas e a media xornada. Hai demanda de cursos de galego, e daría para xornada completa, pero non lle dá a gana.
  • Advertimos dalgún erro nas equivalencias de categorías/escalas.

O punto foi aprobado co voto en contra dos catro sindicatos. Descargar a proposta aprobada

ACORDO PARA A CORRECTA FINALIZACIÓN DA ESTABILIZACIÓN POR CONCURSO NO SPIF

A DXEP presentounos unha proposta de Acordo para habilitar a baremación de todas as persoas candidatas nos procesos por concurso de incendios, porque verificaron que os autobaremos, e a revisión de dúas persoas por praza nestes procesos estaban moi alterados pola decisión de aceptar os meses de inactividade do persoal fixo-descontinuo. Afirman que noutras escalas/categorías nas que existe persoal fixo-descontinuo non se dan estas circunstancias, e que de existir algún erro puntual resolverán via recurso de alzada.

A CIG manifestou que na negociación das convocatorias xa advertiramos da valoración do tempo do persoal fixo-descontinuo, e que rexeitabamos as autobaremacións, e agora veñen as consecuencias. Foi unha situación xerada pola DXEP e polos sindicatos que apoiaron as bases das convocatorias. 

A CIG reclamou á DXEP fai moitos meses a revisión do baremo de todas as escalas afectadas, así que a pesares das eivas do texto que nos presentan, votamos a favor. O mesmo voto emitiron os outros tres sindicatos.

A DXEP afirmou que os procesos por concurso-oposición tamén poderían ver atrasado o momento do nomeamento, pero non quixo comprometer datas, deixando a cuestión para a “comisión de seguimento”.

Descargar o texto aprobado

Procesos selectivos para ingreso en A2 | B-C1 | C2 pola “MODALIDADE ESPECÍFICA DE PROMOCIÓN DO PERSOAL LABORAL FIXO”

As bases son similares ás do ano 2023, e aínda que manteñen algunha eiva, recollen as correccións que aceptaran nas anteriores. En consecuencia, CIG votou a favor, o mesmo que fixeron os outros tres sindicatos.

Descargar a proposta aprobada

Outras novas recentes

Luns, 02 Febreiro 2026

Xuntanza do CSSL de Medio Ambiente (17/12/2025)

O 17 de decembro tivo lugar unha reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Ambiente, na que se trataron diferentes cuestións relativas á seguridade e saúde laboral do persoal. Durante a xuntanza puxéronse á disposición dos membros do Comité as avaliacións de riscos da Caseta do Gardarríos de Xubia e do Distrito Ambiental XVIII (Gondomar). Así mesmo,...
Venres, 30 Xaneiro 2026

Convocatorias de concursos-oposicións: bombeira forestal xefa de brigada e bombeira forestal

No DOG do 30/01/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala técnica do...
Luns, 26 Xaneiro 2026

Orde de confección de nóminas do persoal da Administración autonómica para o ano 2026

No DOG do 26/01/2026 publican a ORDE do 23 de xaneiro de 2026 pola que se ditan as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2026. Fíxase un incremento retributivo para 2025 do 2,5 % e para o 2026 establécese un incremento fixo do 1,5 %. Con efectos do 1 de xaneiro de 2026, o persoal funcionario que desempeñe...