Novas por contido

Asistimos a unha xuntanza con Sanidade pola Oferta de Emprego Público (OEP) de escalas sanitarias (Lei 17/89) do ano 2024 (a poucos días de rematar o ano).

Segundo nos transmitiron as persoas responsables políticas da consellería de Sanidade, a OEP vai ao máximo permitido por lei (110% das vacantes), que cuantifican en 15 prazas desagregadas do seguinte xeito:

Clase  Prazas ofertadas  Reserva discapacidade
 Inspectores/as médicos/as  5  
ATS/DUE 4 1
Licenciado/a en farmacia 4  
Licenciado/a en Psicoloxía 2 1

Informan de que todas as vacantes son debidas a xubilacións (14), incrementado nunha polo 110%. Pero as ofertadas por clase non se corresponden coas xubilacións en cada unha delas, se non que hai unha reordenación de efectivos. Estas serían as xubilacións de cada clase: 7 inspectores/as médicos/as, 0 ATS/DUE, 2 licenciado/a en farmacia, 0 licenciado/a en psicoloxía, 4 en mediciña, e 1 FISP.

O decreto que aprobará a OEP, habilita a que as convocatorias poidan incrementar as prazas ofertadas en función das xubilacións que se prevexan para os dous seguintes anos (e que se restarán das seguintes OEP). Iso pode soar ben, pero introduce un certo grao de incerteza no sentido de que as persoas candidatas non saberán pola oferta cal vai ser o número final de prazas convocadas, e en todo caso, as persoas que superen o proceso non poderán coller praza mentres non se produza a efectiva xubilación (e se esta non se produce nuns anos determinados, decaería do seu dereito).

En canto á forma de acceso, será a de concurso-oposición, pero sen especificar cal vai ser a porcentaxe de cada unha, quedando a decisión para cando se aprobe a convocatoria, outra incerteza que pode influír na decisión das persoas a presentarse ou non.

A composición dos tribunais de selección será paritaria, pero non para cada tribunal, senón para o conxunto deles, o que pode facer que non se respecte un mínimo de paridade nalgún dos tribunais. A maiores, solicitamos que os sindicatos volvamos a estar presentes nos tribunais, como medida de vixilancia do seu funcionamento interno.

Da promoción interna din o que é obvio: que respectarán o mínimo legal, que é do 25%. A CIG quere que esta sexa do 50%, en procesos separados do acceso libre, vertical dende calquera escala do subgrupo inferior, e tamén horizontal dende outras escalas do mesmo subgrupo, sempre reciprocamente en todas as escalas.

Sanidade vai na mesma liña do PP, de que o idioma propio de Galiza continúe na senda da desaparición: os futuros funcionarios e funcionarias das escalas sanitarias poderán obter praza sen ter nin o máis mínimo coñecemento do idioma galego, pois a proba de galego pode non ser eliminatoria.

A consellería non quere comprometerse a poñer prazos para a publicación da convocatoria, polo que poden pasar anos ata que a máquina se poña en marcha.

Xa está convocada a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, para o venres 13 de decembro. Probablemente quede aprobada nunha Comisión de Persoal para a semana seguinte.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 13 Novembro 2026

Agacal, Gain e Intecmar quedan para a seguinte OEP de funcionarización

A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse. Sen convocatoria á CIG para as negociacións...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...