Novas por contido

As persoas á fronte da EGAP escúndanse na falta de medios para a privatización da elaboración dos temarios de promoción interna e libre do persoal da Xunta de Galiza, un antigo compromiso que a EGAP incumpre ano tras ano.

Na CIG levamos moitos anos lembrándolle á EGAP o compromiso de elaboración dos temarios, tanto no referido á promoción interna como á libre. Até o de agora as respostas sempre foron evasivas, e remitíasenos á responsabilidade de Emprego Público neste asunto ou dicíasenos que a Escola estaba aberta a propostas.

Mentres, no ano 2024 asistiamos á privatización dos temarios da escala de orientación laboral (grupo A2), licitados e asignados vía contrato menor de servizos e tramitación ordinaria á empresa Noroeste de Valor Asociados, S.L. cun orzamento base de 17.847,50 €, e sobre os que se advirte de que se trata duns temarios de apoio, non oficiais e que contan cun aviso de exención de responsabilidade por parte da empresa.

Xa en 2025, por parte da dirección da EGAP maniféstasenos aos sindicatos que a Escola non está en condicións de garantir que a elaboración de temarios a poida levar a cabo só a EGAP, e apunta á «externalización», teimando  en que se trata dunha cuestión que hai que falar con Emprego Público, de quen solicita a coordinación neste asunto. Segundo a responsábel da EGAP, a tarefa é inacabábel, porque os temarios necesitan ser actualizados constantemente, e non hai persoal especializado na EGAP que poida levar a cabo nin a elaboración nin a actualización. Argumenta a direccción que cando a Administración non pode levar a cabo unha tarefa co nivel de calidade que se lle presume á tarefa en cuestión, o que hai que facer é externalizar, indicando neste senso que as academias son as que están ao día.

Dende a Escola indicábasenos a primeiros de ano 2025 que a EGAP ían contactar con Emprego Público para trasladarlles a necesidade de orientación bibliográfica e lexislativa para as persoas que opositan, e que non tiñan problemas para pendurar no web o que Emprego Público lles facilite. Non volvemos ter máis noticias.

Na CIG opoñémonos á deixación de funcións da EGAP, e estamos en contra, firmemente, de calquera tipo de externalización de tarefas que entran dentro das súas responsabilidades e competencias. Dicimos «non!» a temarios elaborados por entidades con ánimo de lucro, seleccionadas a dedo pola vía dos contratos menores, e cuns orzamentos que a todas luces supoñen non só un sobrecusto pagado con cartos públicos, senón tamén un traballo que non conta coas mínimas garantías para o persoal sobre a calidade e fiabilidade dos textos, como xa nos demostrou a licitación dos temarios da escala de orientación laboral.

Se queres facernos chegar as túas impresións, contacta coa CIG-Autonómica.

 

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...