Novas por contido

Despois de esixir durante anos que os impulsen, aceptan retomar os concursos de traslados xa convocados e poñer en marcha os que faltan. As tomas de posesión das persoas que están en destino provisional e das que aproben os procesos selectivos serán en postos definitivos unha vez resoltos os concursos de traslados

Na última Xanela (febreiro/2025), volviamos a esixirlle á Xunta que axilizara os concursos de traslados. Na Comisión de Persoal do venres 7 de marzo, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) anunciou: que aceptan dar prioridade a convocar e resolver os concursos de traslados; que as tomas de posesión dos procesos selectivos serán directamente definitivos, unha vez resoltos os concursos de traslados; excepciona os procesos de persoal laboral e de escalas en que non existe persoal funcionario, nos que directamente haberá toma de posesión definitiva sen agardar por un concurso de traslados.

Esto é o anunciado pola DXEP na Comisión de Persoal:

  • Dos concursos de traslados
    • Van impulsar e axilizar os concursos de traslados xa convocados. Son seis: corpos xerais, especiais (enxeñarías, arquitecturas e ciencias), gardacostas, consumo, axentes ambientais e escalas do SPIF.
    • Na próxima semana informarán da data de publicación en DOG da resolución de prazo para acreditar méritos e elección de postos do concurso de corpos xerais. O listado de persoas admitidas/excluídas será posteriormente (non entendemos esta orde, pero efectivamente foi así noutros concursos).
    • Nos meses de marzo e abril negociaremos as convocatorias dos restantes concursos que están pendentes de convocar. Menciona expresamente, a modo de exemplo, os seguintes: escalas sociais, veterinarios/as, mantemento, limpeza e cociña.
    • Non haberá concurso de traslados naquelas escalas/especialidades nas que non existe persoal funcionario de carreira. Tampouco nas categorías que quedan de persoal laboral, por decisión política para forzar á funcionarización. Neste punto NON PODEMOS ESTAR DE ACORDO: todo o persoal laboral fixo ten que ter o dereito a participar en procesos de mobilidade.
    • Informarán posteriormente de cales son esas categorías/escalas/especialidades nas que non van convocar concurso de traslados por non ter persoal funcionario de carreira en destino definitivo.

  • Dos procesos selectivos
    • Os destinos serán definitivos.
    • A próxima semana comezarán a publicar no DOG as resolucións das eleccións de destino dos procesos de categorías/escalas/especialidades nas que non van convocar concurso de traslados.
    • Nos procesos en que hai convocado ou van a convocar un concurso de traslados, a medida que vaian rematando os concursos, irán convocando as eleccións de destino.

  • As tomas de posesión dos concursos, aínda que se resolvan antes, e os destinos definitivos, realizaríanse simultaneamente. E non debería pasar moito tempo entre a resolución e a efectiva toma de posesión.

  • Solicitamos información, aínda que fose orientadora, das súas previsións temporais (convocatorias e resolucións de concursos, datas de tomas de posesión). A DXEP limítase a dicir que non dará previsións ata que teñan todos os concursos convocados.

A ÚNICA SOLUCIÓN VIÁBEL E XUSTA

Dende a CIG consideramos que no actual estado de cousas, a única solución que pode abrir camiño para resolver todos os procesos pendentes (concursos, destinos provisionais, procesos selectivos) é a que nos acaban de anunciar: IMPULSAR OS CONCURSOS DE TRASLADOS.

Esta era a solución lóxica, e que lle levamos esixindo dende hai moito tempo. A idea da Administración de dar destinos provisionais ás persoas que aproban procesos selectivos sen pasar as prazas por un concurso de traslados é ALTAMENTE perigosa, porque ALTERA A PRELACIÓN DE DEREITOS DAS PERSOAS EMPREGADAS PÚBLICAS.  E isto é así a raíz dunha sentenza do Tribunal Constitucional que, independentemente do que poidamos opinar sobre a sentenza, establece que a administración non pode dar destinos provisionais. Isto da lugar a que persoas que estaban en destino provisional demandaran a conversión do destino provisional en definitivo en postos que non pasaron polo concurso de traslados previamente.

Esta é unha situación que non se tería dado se a Administración tivera convocado concursos anuais en todas as categorías/corpos/escalas, pero tras dez, quince ou máis anos sen concursos, o lio está montado.

As persoas que acudiron ao xulgado teñen dereito a facer valer os seus intereses ante o mal funcionamento da Administración respaldadas por unha sentenza do Tribunal Constitucional. Pero dito isto, a CIG defende que EXISTE unha ORDE DE PRELACIÓN entre os dereitos que se confrontan á hora de escoller destino: sempre defendemos que as persoas que poden participar nos concursos de traslados teñen dereito a optar a absolutamente todas as prazas vacantes dos seus corpos e escalas na Administración; seguidamente, aquelas que están en destino provisional por orde de promocións; e finalmente as persoas que aproben os procesos selectivos en marcha.

Se isto vai acompañado da medida de realizar simultaneamente as tomas de posesión, para a CIG será a única fórmula para garantir os dereitos de todo o persoal. Estaremos vixiantes para que dunha vez cumpran.

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...
Xoves, 04 Xuño 2026

Escolas infantís: falta de previsión ou caos a sabendas

Será posible que ninguén pense nas crianzas e nas traballadoras? O persoal das escolas públicas de cero a tres anos, pendentes de incorporación aos novos postos o 1 de setembro, pregúntase como se van organizar para atender ás familias e ás crianzas no tempo que se establece na Resolución de adxudicacións de prazas que se publicou en marzo (na que se contemplan só tres días...
Luns, 08 Xuño 2026

Inicio de curso nas escolas infantís

Na Comisión do venres 5 de xuño trasladamos o que xa rexistramos ante a Consellaría de Política Social a respecto do inicio de curso nas escolas infantís.  As familias nestes días de matrícula están preguntando polo inicio de curso, e as respostas actuais son, por unha banda, incertezas e, pola outra, temos a resolución publicada co inicio de curso para o día 4 de setembro...