Novas por contido

A última sentenza do TSXG gañada pola CIG remata coa chantaxe ao que estaba sometido o persoal laboral fixo para cobrar a carreira profesional: xa non é necesario funcionarizarse.

A Xunta resposta atropeladamente á sentenza contra a Orde de confección de nóminas do 2019 enviando para aprobar a toda presa na mesa xeral a RPT das prazas a funcionarizar para apurar a toma de posesión e manter a chantaxe, a pesar de que non temos negociados os dereitos laborais.

Na CIG solicitamos unha xuntanza con Función Pública para executar a sentenza e que abra un novo prazo para poder solicitar a carreira a todo o persoal, fixo, interino e temporal.

No decreto de funcionarización non hai ningunha referencia aos dereitos laborais

A maior parte dos postos que se funcionarizan teñen condicións laborais específicas como o traballo a quendas, as noites, a penosidade ou traballo con cargas ou tóxicos. A Xunta con CCOO e UGT negáronse a regular as condicións laborais e nin sequera garanten os dereitos que temos hoxe.

E non paran de chegar queixas das categorías que xa foron funcionarizadas, a pesar de que nos dixeron que “ian quedar igual”: neste nadal non cobramos a paga extra como antes, obrigáronnos a estar no centro cando pecha a usuarios e nos impuxeron horarios. Que cristo van armar agora coa funcionarización do persoal bombeiro, ou de centros educativos ou de residencias?

O persoal que se funcionariza vai quedar sen convenio e a Xunta, CCOO e UGT negáronse a traspasar os dereitos á Lei de Emprego Público. Na CIG opoñémonos a unha funcionarización sen regulación das relacións laborais e esiximos á Xunta, previa a funcionarización, un Acordo regulador das condicións de traballo.

Que perdemos coa funcionarización si non trasladamos os dereitos do V Convenio?

1. A negociación de carteleiras (o que na práctica supón imposición horaria e de quendas), as compensacións e os límites de fines de semana e festivos, etc.
2. O dereito a roupa de traballo anual, material…
3. As superiores categorías
4. As adscricións reguladas
5. Os trienios de 31,88
6. Os pluses salariais e a reclamación de cantidades
7. A promoción interna do 50%
8. Acudir ao xulgado do social se tes problemas (sen custes e rápido)
9. A posibilidade de presentar un conflito colectivo
10. A xubilación parcial anticipada e o resto de dereitos ancorados ao contrato de traballo

No DOG do 09/02/2022 a EGAP publica a Resolución do 8 de febreiro de 2022 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

A EGAP convoca 51 edicións e 2085 prazas en cursos de inglés, francés, alemán, portugués, italiano e lingua de signos.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización (día 23 de febreiro). As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a tres.

Debido á alta demanda dos cursos de idiomas na modalidade de teleformación, establécense as seguintes limitacións:

– Cada persoa só poderá solicitar un nivel por cada idioma ofertado na modalidade de teleformación.

– Non se poderá solicitar o mesmo nivel cursado na anterior convocatoria

Máis información.

Xa todo o mundo fala do venres 11 de febreiro como unha data clave do concurso de traslados de corpos xerais.. pero ainda hai moita confusión.

O propio director xeral de Función Pública referiuse a ese día 11 como a data en que se vai publicar a adxudicación definitiva das prazas no web de Función Pública, e que unha ou dúas semanas despois publicarían no DOG a correspondente Resolución. 

A toma de posesión en diferido

A toma de posesión segue a ser un misterio. Ao puro estilo PP, será en diferido? Moita xente fala de maio (cando se cumpren os 6 meses da ampliación de prazo para a resolución do concurso). Pero na CIG ata o poñémos en dúbida, pois temos o problema non resolto das algo máis de 80 prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo por sentenza, e que por lei calquera destas persoas poden tumbar o concurso xudicialmente se lles collen o posto antes de que se resolva o proceso selectivo que está actualmente en execución.

O director xeral non foi claro na súa información de cando sería a toma de posesión: non dá prazos nin motivos. O que manifesta é que a resolución do concurso coincidirá no tempo coa toma de posesión definitiva das persoas da anterior promoción interna e libre que actualmente están en destino provisional. Pero nada comenta dos procesos que están en execución, tanto de promoción interna como de libre, e que afecta a esas 80 prazas de persoal indefinido non fixo que poden tumbar o concurso.

Por tanto, xúrdenos dúbidas de por que non fai mención a isto último, e as posibilidade son moitas:

  • Que as 80 prazas non foran adxudicadas a ninguén no concurso, e Función Pública ao ter estes datos decida non agardar pola resolución dos procesos selectivos ao non haber o perigo de ocupar eses postos por concurrso antes que por proceso selectivo.

  • Que si haxa adxudicación dalgún deses postos no concurso, pero Función Pública decidira dalos igualmente, asumindo que o persoal que está neses postos poida ir ao xulgado e incluso gañar. Esto é, darlle unha patada para adiante ao problema e dentro dun tempo xa dirá a xustiza se hai que mover postos.

  • Que hipoteticamente si puideran ser adxudicadas pero Función Pública decidira retiralas do concurso de tapadillo, sen dar explicacións. 

Fai máis dun ano que a CIG ofreceu ao director xeral a solución de retirar eses 80 postos do concurso e ofertalos no seguinte. Abertamente, non de tapadillo. Se tivera feito así, o concurso podía estar resolto fai moitisimo tempo.

Con este escenario, alguén se atreve a falar de maio para a toma de posesión?

Pao xudicial á Xunta polas prórrogas non motivadas das comisións de servizo. A CIG denunciou no 2019 a prórroga non motivada de 347 comisións de servizos por falta de xustificación da sua prórroga, algunha dende o ano 2010. 

A mala xestión das persoas responsábeis da Dirección Xeral de Función Pública cos concursos de traslados fixo que a comisión de servizo fose para moitas compañeiras e compañeiros a única opción de mobilidade ou, incluso, de ter algo de carreira administrativa. Para máis, a súa concesión opaca e sen criterios obxectivos de selección asenta na administración xeral un sistema caciquil e vergoñento de provisión de postos. A Xunta non dá datos de quen solicita a comisión, non motiva a decisión da persoa seleccionada, nin o tempo, ou os motivos da prórroga. 

Por iso a CIG, logo de recompilar unha a unha máis de 347 comisións de servizo de longuísima duración, algunhas de máis de 10 anos e por tanto que se pasaban do prazo legal, e que nin sequera se ofertaron en concursos de traslados, denunciámolas ao tempo que seguimos a reclamar un sistema de provisión de postos áxil e transparente pos as comisións deberan ser algo puntual xa que a fórmula ordinaria debera ser o concurso de traslados (permanente ou anual). E para que as comisións non sexan “a dedo” necesitamos un decreto de provisión que as regule de forma clara e con baremo. 

O fallo do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Compostela, obrígalle a Xunta a respostar en 30 días á solicitude da CIG, polo que deben xustificar todas e cada unha das prórrogas de comisións de servizos que se pasaban de dous anos no 2019. Se a Xunta non motiva adecuadamente a súa excepcionalidade (e vai telo difícil), a CIG esixirá responsabilidades.

Na CIG vemos positiva esta sentenza  que supón un chanzo máis na loita contra a nefasta política de persoal da Xunta, mostra de que non vale o nepotismo instaurado por Función Pública e imos facendo camiño para que o persoal empregado público teñamos dereito a acceder en igualdade de condicións a unha praza en comisión de servizos.

Estamos convocados a unha Comisión de Persoal para o mércores 9/2/2022, onde se vai aprobar:

  1. Proposta de modificación da RPT da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Descargar

  2. Proposta de modificación da RPT da Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación. Descargar.

  3. Proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 37/2006, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Descargar.

  4. Regulamento interno de creación e funcionamento da Comisión negociadora para a elaboración do Plan de Igualdade na administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Descargar.

Esta convocatoria, coa correspondente documentación, foi enviada antes da Mesa Xeral de negociación, o que indica que non teñen vontade algunha de mover unha letra.

No DOG do 07/02/2022 publican as resolucións polas que fan público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de oposición dos seguintes procesos selectivos:

O prazo é de 10 días hábiles a contar dende o seguinte a esta publicación ( ata 21 de febreiro). 

O proceso é o mesmo para todos os procesos. Será o seguinte:

  • Acceder ao expediente no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/funcion-publica/expediente-administrativo
  • Unha vez no expediente hai dúas opcións:
    1. Validar a información que figura no expediente por estar completa. Marcar opción de validar e no motivo poñer: fase de concurso de proceso selectivo ( opción 2). A continuación xerar PDF que será o xustificante de validación e conformidade do procedemento.
    2. Mostrar a disconformidade. As fases a continuación son:
      • Completar ou correxir a información
      • Xerar impreso de enmenda. No motivo marcar a opción 2 :fase de concurso de proceso selectivo. Nos datos da unidade de persoal en “nome “ poñer: Dirección Xeral da Función Pública e en “dirección” poñer: Edificio Administrativo de S. Caetano. Santiago de Compostela
      • Pechar e xerar impreso de enmenda. Rexistrar xunto coa documentación acreditativa dos méritos alegados na enmenda.

Os procesos afectados son:

  • A2 Enfermería: méritos ata 6 novembro 2019
  • A2 educadores: méritos ata 6 novembro 2019
  • C2 auxiliar de enfermería:méritos ata 25 febreiro 2019
  • II-007 titulado medio: méritos ata 26 novembro 2019
  • V-003 ordenanza: méritos ata 11 marzo de 2019
  • III-002 e III-062 administrativos: méritos ata 25 de novembro de 2019
  • A1 Bioloxía: méritos ata 28 de novembro de 2019
  • Ap, subalternos: méritos ata 11 marzo de 2019

Hai un teléfono para incidencias: 881 99 98 83

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a súa proposta de Relación de Postos de Traballo de funcionarización de postos que irían ás diferentes escalas e especialidades de varias consellerías (Presidencia, Xustiza, Sanidade, Política Social, Cultura, Educación, Mar, Economía, Medio Rural).

A maiores dos anexos e taboas de equivalencias cos datos polo miudo de cada posto, vai outro arquivo que contén un resumo de criterios/orzamentos.

Se queres aportar algo, contacta coa CIG.

A semana pasada fomos convocadas pola consellería de Infraestruturas a unha reunión para darnos información aos representantes sindicais e delegados/as de prevención sobre as obras que se van a acometer no edificio.

Primeiro de todo congratularnos de que haxa consellerías que de motu propio facilitan información completa e axeitada de temas que afectan ao día día dos traballadores e traballadoras. Parabéns por iso e a ver se se estende a iniciativa ao resto.

En concreto, as obras van afectar ao denominado edificio dos espellos no que se vai a acometer o cambio do tellado e a retirada da fachada acristalada e a instalación dunha nova fachada con paramento e fiestras similares ao resto de edificacións de San Caetano.

O prazo de realización das obras será dun ano e comeza xa estes días. Efectuarase en sete fases comezando polo edificio de planta baixa e seguindo polo bloque de pisos.

É unha obra importante que implicará a construción interior duns novos tabiques temporais para aillar as zonas de traballo do persoal da zona de instalación da nova fachada. Informáronnos que a meirande parte do traballo vaise asumir polas tardes pero aínda así haberá traballo matinal, tratando de afectar o menos posible ao traballo administrativo.

De todos os xeitos cando sexa inviábel o traballo nas oficinas vaise conceder un teletraballo especial polos días de afectación das obras en cada unidade.

Agradecemos de novo a información e quedamos á túa disposición para recompilar as incidencias que haxa nesta reforma que esperemos que sexan poucas.

O director xeral da Función Pública convocounos a unha videoconferencia sobre a RPT de funcionarización de Política Social, que vai ser o xoves 3 de febreiro.

A convocatoria xa nos demostra o interese que teñen en facer as cousas de xeito falado e negociado:

  • Convocan a unha xuntanza "explicativa". É dicir, que nos van contar o que hai, e punto

  • A convocatoria e documentación recibímola a véspera, mércores 2 de febreiro, e por tanto sen moito tempo para estudala polo miudo

E menos mal que a convocatoria chegou o día 2 de febreiro, porque levamos agardando algún tempo máis, dende que o pasado 23 de novembro o director xeral dixo, da súa boca, que nuns días remitirian a RPT de funcionarización (non só de Política Social), que abrangue a preto de 2.000 postos de traballo, e de seguido a do Consorcio, que a tiñan practicamente rematada.

Estamos convocados a unha reunión (Mesa Xeral de Empregados Públicos) o luns 7 de febreiro para tratar tres asuntos:

  • Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Axencia de protección da legalidade urbanística (APLU) e a súa adaptación á Lei 2/2015 de emprego público de Galiza. Descargar

  • Modificación da RPT do Instituto de Estudos do Territorio (IET). Descargar

  • Regulamento de funcionamento da Comisión negociadora para a elaboración do Plan de igualdade na administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Descargar

Se queres comunicarnos algo, contacta coa CIG.

Outras novas recentes

Martes, 06 Mai 2025

Proposta modificación servizos veterinarios (05/05/25)

Ante a negativa unánime por parte das catro organizacións sindicais asinantes do acordo, remitirán en breve unha nova proposta na que quedaron en incluír as melloras organizativas.O pasado día 05 de maio de 2025 fomos convocados pola Consellería e Sanidade para unha xuntanza na que abordamos a proposta de modificación do acordo para a ordenación e mellora da prestación de...
Luns, 12 Mai 2025

Proceso selectivo C1-escala operativa Gardacostas, especialidades de patrón e mecánico (CP 14/05/25)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou Comisión de Persoal para o vindeiro mércores, 14 de maio, co seguinte punto na orde do día: proposta de convocatoria de proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso polas quendas de acceso libre e promoción interna, nas especialidades de patrón e mecánico da escala operativa do...
Mércores, 14 Mai 2025

Proceso selectivo gardacostas (patrón/patroa, mecánico/a): convocatoria aprobada en CP 14/05/25

Na Comisión de Persoal do mércores 14 de maio, quedou aprobada a Resolución pola que se convoca o proceso selectivo para as especialidades de patrón/patroa e mecánico/a da escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galiza. Son 23 prazas, mediante o sistema de oposición, repartidas do seguinte xeito: Patrón/patroa: 10 prazas, das que 1 está reservada para persoas con...