Novas por contido

Igual que bloquearon a posta en marcha do grao II hai dous anos

Despois de termos unha xuntanza sobre os novos borradores de carreira profesional (cos eufemismos de chamarlle “carreira administrativa” para o persoal funcionario e “complemento de desempeño do posto” para o persoal laboral) todos se congratulan de que se pon en marcha unha carreira e que é universal. Recoñecen entón que a outra non o era?

O que pretenden con este novo modelo de carreira é AFORRARLLE Á XUNTA TER QUE PAGAR entre 1 e 3 anos ás persoas empregadas públicas, en concreto:

• 1 ano do grao II ás persoas funcionarias de carreira dos subgrupos C1, C2, AP e laborais fixos dos grupos  III, IV e V.
• 3 anos do grao I ás persoas funcionarias interinas e laborais temporais de todos os subgrupos.

Para tratar de disfrazar o seu recorte de dereitos e que perderon todas as sentenzas tratan de contarnos trolas para xustificar o ben que o fixeron, “parón xudicial”, “anulación”, ou ben confesar sen pudor na exposición de motivos do novo acordo que se confundiron, que o que acordaron non era o desenvolvemento da carreira profesional recollida no EBEP e na LEPG, senón unha “carreira administrativa”.

“Vamos con ello, pero es demasiado burdo”
Antonio García Ferreras

Por que non cobramos o grao II da carreira?

Segundo os seus panfletos “polo parón xudicial”. A realidade é porque Función Pública, coa complicidade de CCOO e UGT NON QUIXERON poñer en marcha a orde que regula o grao II, pois NON HABÍA NADA QUE LLO IMPEDIRA.

O grao II tiña que poñerse en marcha no segundo semestre de 2020 e ter efectos do 1 de xaneiro de 2021 para os subgrupos AP, C2 e C1 e do 1 de xaneiro do 2022 para o A1 e A2.

Por que non o puxeron en marcha? Segundo eles porque a CIG presentou unha demanda, algo que non cola, cando todo o mundo nunha Administración Pública sabe que UNHA DEMANDA NON INTERROMPE UN PROCEDEMENTO. En todo caso, as primeiras sentenzas foron moitos meses despois da data prevista para convocar o grao II.

Os novos borradores de carreira fan que sexa universal, din Función Pública, CCOO e UGT.

Segundo isto, se hai que facer un novo acordo de carreira que sexa universal iso significa que a de antes, asinada por CCOO e UGT NON O ERA. Ainda así, seguen a excluir ao persoal laboral que non quere funcionarizarse.

Hai que facer novos acordos porque “a CIG anulou a carreira”

FALSO, o que anulou o TSXG, e non a CIG, foi o acordo de concertación por discriminatorio e no fallo da sentenza do grao I se di literalmente “recoñecer o dereito destes colectivos a participar no procedemento de recoñecemento do grao I .”

Calquera pode entender que si este fallo recoñece o dereito a participar no procedemento do grao I, non pode ao mesmo tempo anular o procedemento e negar o grao I ao persoal funcionario. E calquera pode entender que o sentido do fallo é incluír a todo o persoal no sistema de carreira porque OBRIGA a que eses colectivos poidan participar.

Isto significa, e na práctica o vemos porque o estamos cobrando, que a sentenza non obriga a suspender absolutamente nada, senón a INCLUÍR. Por iso AS PERSOAS FUNCIONARIAS DE CARREIRA SEGUEN A COBRALO.

E a PREGUNTA DO MILLÓN: Se agora se pode incluír a todo o mundo, POR QUE ANTES NON SE PODÍA e por que nos fixeron perder todo este tempo?

A resposta é moi doada, PORQUE A CIG TIVO TRES SENTENZAS A FAVOR NO TSXG, contra o acordo de concertación, contra a orde que regula o grao I e contra a orde de confección de nóminas. E todas no sentido inclusivo.

Por iso, nos parece ben que se inclúa a CASE todo o persoal, a pesar de Función Pública, CCOO e UGT.

Seguiremos negociando para que cumpran e executen as sentenzas, pero non imos asinar un acordo:

  • Que non recoñeza o dereito á carreira ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar, é máis cunha sentenza gañada contra a Orde de confección de nóminas que anula as disposicións que obrigan a funcionarizarse para cobrar a carreira.
  • Que non recoñeza que o grao II do persoal dos subgrupos C1, C2 e AP comece no 2021 e que non reduza a 2 os anos para igualar o grao II dos subgrupos A1 e A2 aos prazos do resto dos subgrupos.
  • Que non recoñeza os efectos retroactivos ao persoal que se lle negou o dereito á carreira.
  • Que non estableza un novo prazo para o acceso ao grao extraordinario para aquelas persoas que agora cumpran os requisitos.

As bases dos procesos selectivos de concurso-oposición e de concurso de méritos están aínda en negociación con Función Pública mais xa se avanzaron cuestións básicas.

Ante a multitude de informacións que corren polas redes queremos aclarar qué hai de certo, de falso ou de media verdade coas condicións do persoal no Consorcio.

A CIG expuxo na mesa de negociación as premisas básicas para garantir no máximo posible que o persoal propio teña a posibilidade de acadar unha praza logo do proceso selectivo. Estas cuestións foron, na súa maior parte, aceptadas por Función Pública, que di que agora está traballando para solucionar por lei problemas pendentes de titulacións e escalas e que vai traer unha proposta para asegurar o maior valor do tempo traballado para quen ocupe unha praza da categoría/escala na administración convocante. Así a todo queda moito por avanzar na negociación e a CIG sempre está preparada para o conflito se a situación se estanca ou retrocede. A próxima reunión da mesa de negociación está prevista para o 4 de outubro.

COMO ESTAMOS HOXE


O Acordo de Integración e as condicións laborais

Logo de conflito co Consorcio e ir á folga masivamente, a loita contra a precariedade e polos dereitos laborais remata coa sinatura no 2016 do Acordo de Integración do Consorcio de Igualdade e Benestar na Xunta. Os dereitos laborais comezan a facerse efectivos daquela coa adhesión ao V Convenio Colectivo Único, ademais dos salariais cos trienios e o aumento do soldo para recortar a diferenza salarial co persoal da Xunta a razón dun 20% anual, ate chegar a equiparación, que se completou na primeira nómina de 2022.

Outras cuestións quedaron estancadas pola inutilidade de Función Pública para cumprir as ofertas de emprego. O Consorcio tampouco foi quen de elaborar a RPT (relación de postos de traballo) nin tampouco foi capaz de levar adiante o concurso de traslados do persoal fixo. Na CIG denunciamos este desastre na xestión en numerosas ocasións e chegamos a acudir aos tribunais en multitude de ocasións: pola carreira profesional, polos dereitos na conciliación ou recentemente de novo polas suspensións nos contratos no período vacacional.

 

A estabilización do persoal

No Consorcio temos un cadro de persoal de 19..., das que 192 son fixas e o resto temporais. Traballamos nas escolas, centros de día, residencias e centros de I+B, por exemplo, e tamén nos servizos centrais. A estabilización saen 162 prazas de concurso-oposición e 1207 de concurso de méritos. Consideramos que faltan prazas e, coa CIG, presentamos reclamacións (moitas foron aceptadas) e tamén presentamos demanda no xulgado para que as recoñezan e as sumen á OEP. Por outra parte quedan conflitos por resolver de titulacións tanto na oferta como na RPT e Función Pública manifestou a vontade de arranxar os conflitos de titulacións.


As bases das convocatorias

Coa oferta de estabilización do 2022 derivada da aplicación da Lei 20/2021, derrogáronse as ofertas anteriores e se recompilaron as prazas co novo sistema extraordinario para combater a temporalidade, a maioría das prazas do Consorcio van para o concurso de méritos pois o persoal temporal acumula moitos anos en fraude de lei. As bases están en negociación mais quedou claro que vai primar a experiencia sobre calquera outra.


O concurso de méritos

Trátase dun proceso extraordinario (por unha soa vez) que non ten fase de oposición. O mérito con maior peso, e que poden chegar a sen definitivos á hora de conseguir praza, son o tempo traballado na categoría/escala da administración convocante, e grazas a presión da CIG, todo apunta que só se valorarán os servizos prestados como temporal.

As prazas van ser todas de persoal funcionario de carreira; é potestade da administración que deseñou unha funcionarización masiva no 2018 tras o acordo de Concertación asinado con CCOO e UGT. As escalas están creadas e identificadas pola Lei de Emprego Público de Galiza e as equivalencias categoría-escala establécense por decreto.

A administración convocante no Consorcio vai ser Función Pública pois é un ente integrado na Administración Xeral. Con isto todo o tempo traballado nunha mesma categoría/escala vai ser valorado igual no Consorcio que na Xunta, tanto para as prazas do Consorcio como para as da Xunta.

A vantaxe en estar as prazas do Consorcio co resto das da Xunta reside en que se elimina a posibilidade de acaparamento de prazas por persoas de moita antigüidade (poderían presentarse a dous procesos, Xunta e Consorcio, e acadar dúas prazas) ademais de ter máis opcións ao ter máis prazas nas que participar.

Así, aínda que hai categorías do Consorcio que non teñen réplica noutras consellerías (singularizadas), no caso de estar nunha común dentro de toda a administración xeral, poderiamos presentarnos en igualdade de condicións que o resto do persoal.

No Consorcio non temos procesos selectivos dende o ano 2008, pero a maioría do persoal traballa de forma continuada mentres que as compañeiras da Xunta acumulan substitucións e tiveron procesos que provocaron mobilidade, isto as pon en desvantaxe polo que é lóxica a súa preocupación, por iso a nosa loita prioritaria foi para que sexan ofertadas todas e cada unha das prazas ocupadas en fraude de toda a Xunta.

Os postos administrativos dos corpos xerais van participar con todos os postos de igual corpo ou escala de toda a Administración Xeral: van saír todas as prazas xuntas.

 

Entón, se todo isto queda claro, cal é o problema?

Para algunhas compañeiras ser funcionarias de carreira e conseguir a estabilidade non é suficiente, o que buscan é quedarse no mesmo posto onde están, manter o status no caso de ter un posto de mando ou responsabilidade, para outras o obxectivo é asegurar que non haxa mobilidade e quedarse no posto que hoxe ocupan como temporais.

 

Na CIG loitamos polas nosas compañeiras

Para a CIG o prioritario é a estabilidade, que se remate dunha vez coa incerteza e precariedade no emprego e avanzar nos dereitos laborais, e máis se temos en conta o historial de abusos do Consorcio.

A mobilidade e a promoción profesional conséguese mediante os concursos de traslados e a promoción interna ademais doutras fórmulas, pero antes temos que ser fixas e xa levamos demasiado tempo esperando unha oportunidade.

Mais a negociación ten outras partes que aínda non están claras e estamos na mesa de negociación para pelexalas: a valoración dos exames dos procesos selectivos de temporais ou a formación impartida polo Consorcio son só dous exemplos.

Niso estamos agora, tratando de mellorar as bases tendo en conta que o obxectivo final é que existan procesos de estabilización reais, cousa que parece que vai encamiñada pero onde non imos baixar a garda nin renunciar a ningunha fórmula de loita no caso de que isto se torza.

Procurando a igualdade de oportunidades, fai uns días solicitamos nas mesas de negociación o adiamento do primeiro exercicio das oposicións de certas escalas moi vinculadas co servizo de incendios, xa que despois dun verán intenso (e ainda estamos en período de alto risco), o persoal interino non puido adicar tempo ao estudo. O director xeral da Función Pública non respostou, pero só uns días despois publicaron no DOG a data do primeiro exercicio: o día 1 de outubro.

A CIG enviou unha carta ao consellerio do Medio Rural solicitando que interveña nesta cuestión. Este é o contido da carta:

Señor conselleiro,

É vostede coñecedor da enorme carga de traballo que tivo que soportar o persoal do SPIF durante este duro verán. Entre este persoal atópanse os enxeñeiros e enxeñeiras técnicas forestais e o persoal enxeñeiro de montes, xefes/as de distrito.

E tamén é coñecedor da demanda para que non se realizasen nestes momentos os exercicios do proceso selectivo para o ingreso nesta escala da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, posto que aínda nos atopamos en período de alto risco de incendios forestais despois duns meses de alta tensión laboral que non lle permitiu ás persoas que adican os seus esforzos a loitar contra os incendios forestais poder afrontar a preparación destas probas coas mínimas garantías de igualdade de oportunidades.

Durante estes últimos meses as enxeñeiras de montes e enxeñeiros técnicos forestais tiveron que dedicar todos os seus esforzos a loitar contra a peor vaga de incendios forestais que lembramos. Non tiveron tempo, nin ánimo, nin folgos, para preparar unhas probas das que depende a súa continuidade no servizo.

Todo este persoal, preparado e bregado na loita contra o lume vai ter moi difícil poder superar este proceso selectivo, do que está previsto o primeiro exercicio para o próximo día 1 de outubro.

É inédita e non se entende unha situación de apuro tan grande agora que choca coa lentitude habitual nos procesos selectivos da administración galega. Pisar o acelerador xusto agora con estes procesos selectivos de concurso-oposición parece que busca castigar ao numeroso persoal interino/a das escalas onde a temporalidade e fraude de lei ocupa mais da metade do cadro persoal e que non tiveron oportunidade dende hai 20 anos a presentarse a procesos selectivos solventes. Este apuro nos exames da oposición son un agravio máis ao persoal das escalas de funcionarios/as convocadas a mala fe o 17 de decembro, apenas uns días antes da entrada en vigor da lei 20/2021.

Quen convoca estes procesos é a dirección xeral da Función Pública, dependente da consellaría de Facenda e Administración Pública, e pedímoslle que medie no Consello da Xunta para que se aprace a convocatoria do primeiro exercicio facilitando así a igualdade de oportunidades para todas as persoas que optan ao proceso selectivo.

A Dirección Xeral da Función Pública achegounos o criterio para a selección de prazas e o listado das seleccionadas para a elección de destino dos procesos selectivos de acceso libre e promoción interna ao corpo superior-A1.

O destino vai ser provisional.

A CIG-Área Pública vén de dirixirse por escrito á ministra de Facenda e Función Pública para exixir á convocatoria inmediata da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas co obxectivo de iniciar canto antes a negociación das medidas de recuperación dos salarios e dos dereitos do persoal empregado público que debe conter o Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2023.

A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) rexeita que o Goberno español pretenda puentear a Mesa Xeral (na que están presentes as centrais sindicais máis representativas no ámbito da función pública) ao convocar unha reunión só con tres sindicatos (CCOO, UGT e CSIF) para abordar e pactar unha suba salarial que afecta a todo o persoal empregado público.

Se o Goberno ten interese en facer unha rolda previa de contactos, a Área Pública da CIG reclama non ser excluída e que, na súa calidade de sindicato máis representativo, sexa tamén convocada á reunión do próximo mércores para explicar as súas propostas.

Marco legal de negociación

En todo caso, lembra que o ámbito legal de negociación das condicións laborais e económicas dos traballadores e das traballadoras ao servizo das Administracións é a Mesa Xeral. Que o Goberno español pretenda chegar a acordos fóra deste marco, contando só cunha parte da representación sindical, furta o dereito fundamental de participación das miles de empregadas e empregados públicos galegos que escolleron á CIG como sindicato de referencia.

A CIG non vai tolerar que, unha vez máis, o Goberno busque pactar con aquelas forzas sindicais que entende como 'amigas' unha suba salarial para todo o persoal empregado público e despois levar este acordo á Mesa Xeral como unha proposta pechada, sen posibilidade de cambios, e coa que as demais organizacións sindicais, ás que non se lles permitiu participar da negociación, teñan que comungar.

Este procedemento de negociación escurantista fóra dos ámbitos legais vivímolo recentemente na modificación do Estatuto Básico do Empregado/a Público e o resultado non puido ser máis desastroso para o conxunto das administracións.

Existe un marco legal que o Goberno español e as centrais sindicais estatais teñen que respectar. A CIG, que ostenta a condición de sindicato máis representativo no ámbito do persoal empregado público de Galiza, non consentirá que se pretenda usurpar o marco propio de negociación baixo a coartada do diálogo social, intentando ademais por esta vía desactivar as mobilizacións e protestas no sector público.

A CIG-Área Pública exixe a convocatoria inmediata da Mesa Xeral para tratar a recuperación dos salarios, das condicións laborais e dos niveis de emprego nos termos da proposta trasladada pola central nacionalista ao Ministerio de Función Pública. Despois de máis dunha década de recortes e desmantelamento dos servizos públicos, cunha perda do poder adquisitivo acumulada que supera o 17% e o custe da vida medrando sen control, cómpre que recoñeza o esforzo soportado durante a crise polas persoas empregadas públicas e se restitúan os dereitos e as condicións de traballo suprimidas.

Esiximos ao Goberno de Madrid que se articule a xubilación do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios aos 60 anos

CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá reclamamos o recoñecemento, este ano 2022, do dereito á xubilación aos 63 anos sen penalización, e aos 60 esta lexislatura, do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios.

Solicitamos aos partidos políticos con representación en Madrid que prioricen este asunto e que, mostrando o seu claro compromiso con este persoal esencial, condicionen os seus votos para a aprobación dos orzamentos á aprobación deste dereito.

A Lei 40/2007, de medidas en materia de Seguridade Social, prevé que a idade mínima de xubilación se poida rebaixar por Real Decreto, para grupos ou actividades profesionais, categorías e especialidades cuxo traballo sexa de natureza penosa, tóxica ou perigosa. Tamén se terán en conta os efectos do traballo en quendas (penosidade por traballar en quendas de noite) e o esforzo físico para o desenvolvemento do traballo que se realiza.

O que demandamos é a aplicación da lei 40/2007 para que o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, póidase xubilar sen as penalizacións que marca a actual lexislación. E que ademais perciba o complemento de xénero.

Tamén instamos o goberno a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, e a que non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.

As organizacións sindicais CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá instamos a que durante esta Lexislatura se abra un proceso negociador para a modificación da Lei 40/2007, para que o persoal comprendido neste ámbito de aplicación poida acceder á xubilación cando cumpra os 60 anos, e teña 35 anos cotizados.

Diminuír os centros públicos e pagar a empresas privadas, dende escolas infantís a residencias de maiores

A Xunta comezou este ano a aplicar a gratuidade para as persoas usuarias das escolas infantís de cero a tres anos. Até aí, perfecto.

A perversión da medida radica en que isto non consiste en crear máis centros públicos senón en pagarlle con cartos públicos a empresas privadas.

Deste xeito, este curso, en determinados núcleos de poboación, a matrícula das escolas infantís públicas baixou alarmantemente para subir na privada. Lembramos que até o de agora só se concedían axudas para ir á privada se non se obtiña unha praza nas escolas públicas.

Estamos xa a comprobar que esta medida supón un xeito eficaz de desmantelar os servizos públicos (onde a calidade está garantida) para que o acceso á privada sexa de balde. Pero non é unha cousa nova no PP da Galiza, hai moitos anos que non se fai unha residencia de maiores pública a pesar da forte demanda, e en vez diso o que fan é privatizar directamente as feitas con diñeiro público ou “subvencionar” prazas públicas na privada, nutrindo sen despeitearse o modelo de negocio de fondos de inversión que xogan coa saúde e o benestar das nosas maiores.

O fin do PP: regar con cartos públicos a empresas privadas a conta de desmantelar os servizos públicos

Este modelo de negocio privado a costa de todas e todos é o primeiro paso para privatizar os servizos públicos. Primeiro inxectan diñeiro público, despois repártense os usuarios entre toda a oferta de todo tipo de centros; cando baixe a matrícula nos centros públicos, amortizan prazas de persoal, peche de centros…e o cadro final será un mosaico de empresas privadas prestando servizos públicos pagados a prezo de ouro polas contribuíntes.

E o máis grave de todo, se nos situamos na folla de ruta do PP: este modelo pode ser exportado para universidades privadas, centros de maiores privados, etc. Van a utilizar a gratuidade nos centros privados para desmantelar os servizos públicos? Está garantida a calidade da atención educativa nas escolas infantís privadas?

Nestas escolas infantís, que son mais ben garderías na maioría dos casos se atendemos ao modelo de servizo que se presta en moitas delas, as ratios de persoal por aula son moito menores pero ofrecen horarios para o alumnado máis amplos e tamén horas de permanencia nos centros, aínda que moitas das veces rocen a ilegalidade.

O público é servizo, o privado beneficio!

No DOG do 27/09/2022 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2022 pola que se convoca, con carácter extraordinario, o programa de autoformación para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como para o persoal da Administración de xustiza de Galiza e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG). 

Convocan as actividades do programa de autoformación que figuran nesta resolución, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas nos anexos I e II.

Todo o persoal destinado nas administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como o persoal da Administración de xustiza de Galiza de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG) que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e, concretamente, na base primeira do anexo II, pode acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP, no enderezo <https://egap.xunta. gal/matricula>

A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Pode participar nas probas de avaliación das actividades do programa de autoformación o persoal destinado nas administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así como o persoal da Administración de xustiza de Galiza e de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG), que non se encontre en situación de servizos noutras administracións públicas diferentes das que sexan obxecto desta convocatoria, excedencia voluntaria e suspensión de funcións, e reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos neste anexo II. Está exceptuado o persoal docente da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o persoal das escalas dos corpos da policía de Galiza e o persoal do Servizo Galego de Saúde, non entendendo por tal o persoal empregado público da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 14 de outubro de 2022.

A CIG preguntou na Comisión de Persoal do día 20 sobre as seguintes cuestións:

Concurso administración especial: está parado pola RPT de Veterinarios-Sanidade. Na CP do 29/07/22 o director xeral dixo que esta RPT xa a están traballando e iría a negociación en setembro. Ademais para comezar a negociar o concurso non é necesario que estea publicada a modificación da RPT. Cando vamos a negociar o concurso?

Non contesta.

Proceso selectivo enxeñeiros técnicos forestais: as persoas das escalas de enxeñería de montes e de enxeñería técnica forestal que están a traballar na Xunta piden un adiamento da data do primeiro exame dos procesos selectivos convocados o 17 de decembro de 2021 logo dun verán cheo de lumes e coa campaña aínda sen rematar.

O director xeral non contestou a esta pregunta, e non só iso, senón que o día 23 publican no DOG que as datas dos exames serán para o 1 de outubro.

Comisión de servizos cruzadas: está conforme o director xeral co sistema abusivo de cruzar comisións de servizos? Séguese a producir nesta tempada posterior ao concurso un uso abusivo deste sistema na mesma magnitude que en tempos anteriores onde hai xente que leva máis de 10 anos alternando dous postos en comisión turnándose en ocupalos dúas persoas.

Non contesta.

Que vai pasar coas persoas das categorías de gobernantes e subgobernantes que están nas listas do C1 e na RPT aínda non se reflicte a condición das prazas?

Di que van facer as reformas correspondentes e acelerar o proceso o máis posible.

 

Outras información que da o director (xa que non nos contesta a moitas das preguntas) son:


Lei de impulso demográfico: por cuestións alleas á DXFP non se puido facer unha instrución pero van tratar de facela recollendo o asunto da conciliación ata a maioría de idade do menor.

Prazas de Orientación Laboral: seguirá o proceso negociador.

Decreto de mobilidade: entrará en vigor en outubro e logo se farán paulatinamente as convocatorias e a partir de aí se “liberarán” as comisións de servizos.

Funcionarización: comezarán polo persoal do grupo V e logo cos bombeiros forestais.

A pouca dilixencia da consellería de Educación en facer as súas previsións engadida aos recortes a nivel provincial que fixo Función Pública no persoal encargado da xestión das listas de contratación temporal provocou a saturación do servizo. A sobrecarga de traballo que soporta o persoal de listas de servizos centrais non se viu acompañada dun previsible e necesario incremento de persoal.

Comeza o curso e comezan os problemas

A Xunta coa modificación da RPT de Facenda cargouse o sistema de chamamentos provinciais tal e como xa anunciaramos aquí. Iniciado o curso 2022-2023 co novo sistema dependente de Función Pública e centralizado dende Compostela, comezan os problemas.

Os chamamentos de Educación non van pola vía da urxencia

Dende a CIG preguntámoslle aos responsables da consellería se non consideran urxente cubrir a praza de cociñeiro/a nun centro de ensino para evitar que trescentos pequenos e pequenas coman bocadillos durante tres días, ou cubrir a praza de coidador/a que necesita un cativo ou cativa para poder ser escolarizado nas mesmas condicións que o resto dos seus compañeiros/as.
De verdade non estamos a falar de situacións de urxencia? Para os responsables da Xunta semella que non.

O curso comezou máis tarde para as cativas e cativos con necesidades especiais pola falta de previsión nos contratos de persoal coidador

A Consellería de Educación ó comezo do curso crea as prazas de auxiliar coidador/a en función das necesidades que teñan os centros. Sendo certo que Educación debera ser máis previsora e non deixalo todo para o último intre, tamén é certo que cando os chamamentos se facían dende os servizos perífericos eran áxiles e estaban as prazas cubertas case ó momento. Este curso non foi así polo que os chamentos resolverónse tarde e a consecuencia desta situación é que alumnado con necesidades especiais non puido comezar o curso co resto de compañeiras e compañeiros, tendo que comezar, nalgúns casos, ata unha semana despois.

Falta de anticipación nos chamamentos, a tramitación non pode comezar ata a comunicación formal do cese

Outro problema serio é a imposiblidade que teñen dende as xefaturas territorias para solicitar a cobertura dunha persoa á que se lle adxudica unha adscrición temporal ou unha comisión de servizo por exemplo, xa que dende que o servizo está centralizado non se realiza o chamamento ata ter o cese da persoa que se vai, quedando descuberto o posto os días que se tarde en realizar o chamamento. Aparentemente isto podería non ser un problema en certos tipos de traballo, pero sí ten importancia cando isto supón que un centro non teña cociñeiro ou cociñeira porque cumpre lembrarlle aos responsables da consellería que o alumnado “acostuma” a comer todos os días…

Notificacións masivas para un posto

Tamén constatamos que para a cobertura dun único posto foron notificadas ata 40 ou 50 persoas. Esta situación non tería porque supoñer un problema a priori pero supuxo o colapso do sistema de notificacións facendo que os días 5, 6 e 7 de setembro houbera momentos nos que era imposible acceder o sistema de notifica.gal, que recordamos, non soamente se emprega para facer chamamentos de listas de contratación.

Chamamentos polo INEM pola saturación do sistema de chamamentos das listas

Déronse situacións, nalgunha provincia, que xa son totalmente surrealistas como a necesidade de facer seleccións de persoal con chamamentos polo INEM de persoal de limpeza ou de cociña porque non se poideron cubrír polo sistema ordinario de chamamentos pese a haber xente nesas listas e incluso en ámbitos limítrofes.

A responsabilidade única desta lamentable situación é de Función Pública e dos seus recortes cos que sobrecargaron de traballo ao persoal de listas de servizos centrais que se viu sobresaturado, desbordado de traballo e convertido nun damnificado máis da irresponsabilidade da Administración.

Función Pública ten que recuar e volver a restablecer os servizos periféricos

Por todo isto, dende a CIG esiximos que a Xunta recúe e que ademais de reforzar o persoal de servizos centrais restableza os servizos periféricos que funcionaban correctamente.