- Detalles
De entrada percibimos erros e faltas, como os postos do Consorcio, Illas Atlánticas, Educación, etc. Aos listados provisionais engaden outros que poden excluír prazas dos primeiros.
A Xunta convocounos para este venres co fin de explicar este galimatías. Agardamos ter canto antes uns listados en condicións para presentar achegas.
Función Pública non autoriza a difusión e advirte que: “trátase de documentos de traballo que conteñen información de detalle sobre os servizos públicos autonómicos e os empregados públicos que prestan servicio neles, por esta razón, prégase destinar esta información exclusivamente aos fins de consulta e alegacións solicitados e evitar a súa difusión fóra dos canais que a Xunta de Galicia pon a disposición das organizacións sindicais para exercicio das súas funcións”.
ISTO É TAL CUAL O QUE ENVÍAN DENDE FUNCIÓN PÚBLICA
Buzón 1
- Inclúe os postos ocupados ininterrompidamente (*) e con toma de posesión con anterioridade ao 01/01/2016 (<01/01/2016).
Figuran tanto os postos adxudicados no concurso F0219 por estaren pendentes de toma de posesión dos seu titulares, así como aqueloutros ofertados e convocados en procesos selectivos e pendentes da súa resolución definitiva.
Total 4098 postos
Buzón 2
- Inclúe os postos ocupados ininterrompidamente (*) e con toma de posesión entre os anos 2016 e 2017: (>=01/01/2016<01/01/2018).
Figuran tanto os postos adxudicados no concurso F0219 por estaren pendentes de toma de posesión dos seu titulares, así como aqueloutros ofertados e convocados en procesos selectivos e pendentes da súa resolución definitiva.
Total 206 postos
Buzón 3
- Inclúe aqueles postos ocupados por persoal indefinido non fixo que polas súas características especiais non están incluídos nos buzóns 1 e 2.
Total 50 postos
Nota (*). Ininterrompidamente: A estes efectos de documentos de traballo entenderáse ata un máximo de 3 meses sen ocupación.
Entes instrumentais:
Achéganse dous arquivos excel:
- Un arquivo relativo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (inexistente)
- Outro arquivo relativo aos restantes entes instrumentaisfundamentalmente sociedades e fundacións. Non se inclúen postos de Expoourense, Fundación Semana Verde de Galicia, Fundación Pública Artesanía de Galicia e Xesgalicia por comunicar que non teñen postos que incluír.
E a efectos informativos achégase outro arquivo excel que recolle as prazas convocadas e que polo tanto non poden formar parte desta oferta extraordinaria (986 prazas)
Criterios comúns empregados na elaboración dos distintos buzóns de postos:
- Teñen que estar ocupados: a data do 30/12/2021
- Son postos con forma de provisión: Concurso e Concurso específico.
- Postos das relacións de postos de traballo (RPT)
- Postos vacantes, ocupados por persoal interino, temporal ou indefinido (SAI01.- SERVICIO ACTIVO DE INTERINOS, SAI02.- SERVICIO ACTIVO LABORAL TEMPORAL, SAI03, SAI04, SAI05, SADI1, SADI2.- SERV.ACTIVO LABORAL INDEFINIDO NON FIXO).
- Recolle os postos da disposición transitoria décima 1ª e 2ª parte do V Convenio Colectivo
- Detalles
Temos constancia a través de Función Pública de que a toma de posesión do concurso de corpos xerais vai ser para maio-xuño.
Isto indica que non parece que queiran cumprir coa palabra dada polo director xeral de Función Pública nas últimas reunións, de que na primeira semana de maio se publicaría a resolución e na primeira quincena sería a toma de posesión.
Intuímos que se a resposta é “maio-xuño”, a idea que teñen é que se prolongue ata aí, e desmintiría así o ruxe-ruxe que está a circular que fala de setembro. E xunto con esta toma de posesión ten que haber simultaneamente a das persoas que están en provisional despois dos procesos selectivos de promoción interna e libre anteriores.

- Detalles
A CIG denunciou ao Consorcio na Inspección de Traballo e Seguridade Social para que se apliquen medidas correctoras da situación de risco. A autoridade laboral obriga ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a avaliar de novo os riscos psicosociais por non ter adoptado medidas correctoras tras as avaliacións de 2017
A CIG ten denunciado ante a autoridade laboral, en numerosas ocasións, que non se tiveran adoptado medidas correctoras das avaliacións de riscos psicosociais dos centros de traballo. Estas avaliacións, realizadas en 2017, xa se fixeran daquela grazas ás denuncias na Inspección de Traballo e Seguridade Social das delegadas de prevención da CIG.
Ademais, despois de avaliados os riscos no departamento de persoal no ano 2020, o Consorcio agachou os resultados e as medidas correctoras, polo que as compañeiras da CIG tivemos que denunciar de novo ao Consorcio. Así obtivemos a documentación na que observamos riscos inaceptables para a saúde das/os traballadoras/es deste departamento e demandamos medidas correctoras, como o aumento do cadro de persoal, que na actualidade é o mesmo dende 2008 a pesar de que se multiplicou o número de persoal que xestiona.
O martes 19 de abril de 2022, ven de constituírse o grupo de traballo a nivel autonómico para planificar e organizar todas as avaliacións de riscos psicosociais nos centros do Consorcio que durarán varios meses. Os primeiros centros en avaliarse van ser as escolas unitarias, nas que coincidirá no mesmo día o simulacro de incendios e a realización da enquisa.
Agora, aínda que o Consorcio non fixo nada para evitar estes riscos sicosociais, a Inspección de Traballo requírelle avaliar de novo todos os centros de traballo xa que pasou demasiado tempo da anterior avaliación.
Amplíase esta avaliación, tamén por denuncia da CIG, ao departamento de escolas infantís de Servizos Centrais, no que se están a producir numerosas baixas pola presión e trato inaceptables da xerencia adxunta.
Se non hai participación nas avaliacións de riscos psicosociais non se detectan e polo tanto non se aplican medidas
Animámoste a participar nas avaliacións e cubrir as enquisas para detectar situacións de abuso, falta de conciliación ou de carga de traballo, por exemplo, e que se poidan aplicar as medidas correctoras que minimice este risco laboral que tamén afecta a nosa saúde. Por ti, por min, por todas.
- Detalles
A lei da temporalidade obriga a ter publicada a oferta de emprego público de estabilización antes do 1 de xuño deste ano. A Xunta vai con atraso e presenta uns criterios para elaborar a oferta sen listaxes de vacantes nin descrición da súa situación
Apenas quedan dous meses e Función Publica convocounos o venres 8 de abril unha reunión informativa sobre un BORRADOR DE CRITERIOS COMÚNS PARA A APLICACIÓN DO PROCESO DE ESTABILIZACIÓN DERIVADO DA LEI 20/2021, DE 28 DE DECEMBRO, DE MEDIDAS URXENTES PARA A REDUCIÓN DA TEMPORALIDADE NO EMPREGO PÚBLICO (descargar), que ven sendo a súa adaptación da resolución da Secretaria do Estado dun conxunto de recomendacións para a aplicación da lei. Temos ata o día 21 de abril para enviar alegacións.
A día de hoxe aínda non enviou ás organizacións sindicais a listaxe de vacantes totais con información do estado de cobertura e data de ocupación que lle levamos pedindo dende o mes de febreiro para facernos un mapa de como están as cousas na función pública autonómica, máis cando nalgúns sectores a temporalidade supera amplamente o 50%. O que si afirmou Función Pública é que nos vai dar as listaxes para a oferta a cachos: o luns remitiran 600 e pico prazas dalgunhas escalas e máis adiante din que enviarán unhas 2.000 das 4.000 que van a ir aos procesos de estabilización.
Ten toda a pinta de que a Dirección Xeral de Función Pública non ten interese en buscar o consenso nunha cuestión tan delicada e que afecta a tantas persoas. Vaise atrever a seguir na súa tónica xa habitual de impedir a negociación colectiva e a participación dos traballadores e traballadoras dando información a contagotas e con prazos ridículos?. Non llo imos pór doado. Se queres facer as túas achegas contacta coa CIG.
As claves da proposta de Función Pública para a oferta
- A data de referencia sen continuidade de permanencia: 30 de decembro de 2021 (o día no que entra en vigor a lei).
- Concepto de ocupación ininterrompida: se considera ocupación ininterrompida cando entre nomeamentos de varias persoas interinas non transcorra menos de un mes. No caso de persoal fixo-descontinuo non conta o tempo de suspensión do contrato como interrupción.
- Persoal indefinido non fixo: as prazas inclúense na OPE de estabilización para corpos e escalas de persoal funcionario, agás no caso daquelas prazas de persoal indefinido nas que a sentenza obrigue a convocalas como persoal laboral, como sería o caso das prazas da DT 10 1ª parte co V Convenio. Inclúen tamén as de sentenza posterior ao 31 de decembro de 2021.
- Persoal sen posto en RPT que ocupa praza estrutural: saen a oferta e dáselle código antes do nomeamento.
- A oferta vai ser conxunta coa taxa de reposición ordinaria e adicional de estabilizacion. As ofertas de emprego anteriores quedan derrogadas e as prazas non convocadas engadense a esta nova oferta.
- O límite de temporalidade na Administración Xeral a Xunta fixao no 7% .
- Ofertarán tamén as prazas a tempo parcial (laborais).
- Prazas a concurso de méritos (DA6 e DA8): prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal ininterrompida dende antes 1/01/2016 e adiciónanse aquelas que están ocupadas por interinos/as con antigüidade anterior ao 1/01/2016, sempre que a praza non estea reservada a persoal funcionario de carreira (substitución). Identifican as prazas a 31/12/2020 pero teñen que seguir ocupadas ao 30/12/2021.
As claves da proposta para os procesos
- Estabilización ordinaria: acceso mediante concurso-oposición (40/60). Terase en conta maioritariamente a experiencia no corpo, escala, categoría ou equivalente de que se trate. Os exercicios serán eliminatorios.
- Estabilización extraordinaria (DA6 e DA8): acceso mediante concurso de méritos non restrinxido baremo a negociar na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos.
- Toma de posesión provisional: Función Pública ofrecerá as prazas en concurso de traslados previo para o persoal funcionario, pero mentres non se realice ofertará esas prazas para a toma de posesión provisional das persoas que superen eses procesos. En destino provisional previo ao concurso se ofrecerán as prazas ocupadas por persoal interino de maior a menor antigüidade na Administración.
Identificación das prazas
- A Xunta non identificará os códigos das prazas afectadas pola lei da temporalidade na OEP.
- Considera que debe informar ao traballador/a de que a praza que desempeñaba vai ser ofertada cunha comunicación realizada no Diario Oficial de Galiza.
A novidade: se cobras a compensación quedas fora das listas de agarda
As compensacións que establece a lei da temporalidade para as persoas interinas que non superen os procesos selectivos condicionará os futuros chamamentos das listas, Así indica textualmente: “a suspensión de chamamentos nas listas de contratación temporal establecidas ao abeiro do Decreto 37/2006, do 2 de marzo”.
Temos ata o día 21 para presentar alegacións. Contacta coa CIG.
- Detalles
Nota: a media mañá do 11/04/22, recibimos un novo listado de prazas que substitúe ao anterior. Este é o novo listado.
A Dirección Xeral de Función Pública envía unha proposta de prazas dispoñíbeis para a elección de destino dos funcionarios e funcionarias de promoción interna e acceso libre que están actualmente en destino provisional.
A relación de prazas son resultado das vacantes do concurso de traslados de corpos xerais e, segundo a DXFP, serían TODAS prazas sobrantes do concurso de traslados coa única excepción de A2, que por falta de postos necesitaron botar man de prazas vacantes de nivel 18 en Compostela que non pasaron polo concurso.
No listado hai que destacar que desapareceron numerosas prazas. Hai que ter en conta o que din as bases do concurso de traslados: “A adxudicación dun posto de resultas estará condicionada a que o dito posto sexa de necesaria cobertura”. É dicir, que a Administración resérvase o dereito de retirar do concurso as prazas de resultas que considere que queren amortizar, por exemplo. Esto xa o fixeran no concurso anterior, convocado no ano 2015. Daquelas, foran 13 as prazas de resultas retiradas por proposta de amortización.
No momento da negociación do concurso, a CIG solicitou a retirada deste parágrafo, e que se ofertasen todas as prazas.
Temos de prazo ata o día 20 para alegar ao listado de prazas, polo que queremos saber as prazas retiradas do concurso e o motivo. Se queres achegarnos algo, contacta coa CIG.
- Detalles
Temas tratados este xoves no CSSL da Consellería de Política Social
Criterios concesión prestación de risco para o embarazo
Este é un problema que se leva tratando desde fai anos neste comité, debido a que traballadoras que ocupan un posto de igual ou similar características se lle concede a prestación nunha semana diferente de xestación, polo que se esixe que se dea solución a este tema. Pídese que se teña en conta o risco biolóxico para varias categorías profesionais que non se está a considerar (como pode ser o caso do colectivo de PSX, onde antes se tiña en conta e agora non), ao igual que ao manexo de citostáticos, xa que as traballadoras embarazadas non poden manipular estes medicamentos e deben quedar exentas de esta tarefa desde o primeiro momento.
O Coordinador de Ibermutua expón que trataran de corrixir estas incidencias e usar criterios iguales para centros similares. E o servizo de prevención tratará de dar solución a tema do manexo de citostáticos.
Xefatura Territorial de Política Social da Coruña
Detectáronse unha serie de deficiencias na avaliación de riscos feita recentemente, como son correntes de aire e mala insonorización de determinadas salas. A Xefatura Territorial xa está ao corrente e tratará de dar unha solución se é posible.
A maiores exponse que o Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e de moi fácil acceso desde o exterior, con risco de posibles agresións de familiares dos usuarios que xestionan, ao igual que acontece en outras Xefaturas. O servizo de prevención comprométese a facer avaliacións específicas para este servizo nas catro provincias.
Avaliacións de riscos psicosociais no departamento de persoal do CGSIB
Pídese explicacións porque non se informou a este comité da realización deste estudio, e a escusa foi que fora o anterior comité quén solicitara estudio, pero a este tampouco o informaron, así que solicitamos información do proceso e que isto non volva acontecer. Acordouse que a partir de agora o CGSIB debía comunicar aos membros deste comité todas as visitas de avaliación que fixese nos centros e os estudios psicosociais.
Estudios psicosociais RM de Carballo e Pobra de Caramiñal
Na RM de Carballo hai xa un estudio activo e na de Pobra de Caramiñal comezará de inmediato.
Comunicación avaliacións centros CGSIB
Os membros do comité seguimos sen saber en que datas e centros se están a facer as avaliacións, polo que volvemos a incidir en que se faga unha comunicación de maneira axeitada. Acordase o procedemento a seguir co que o CGSIB está conforme. Comprometéronse tamén a pasar a información das que xa están en execución e séguese adiante coa valoración de riscos do CAPM de Cabana de Bergantiños debido a que urxe o estudio.
Avaliacións de riscos psicosociais pendentes no CGSIB
Constituiranse grupos de traballo para tratar:
1.- Medidas que se están a aplicar no servizo de persoal do CGSIB despois da realización da avaliación de riscos psicosociais, feita sen seguir os pasos axeitados e obrigando á CIG a recorrer á Inspección de Traballo.
2.- Avaliación de riscos psicosociais do departamento de Escolas Infantís (SSCC) do CGSIB.
3.- Planificación avaliacións de riscos psicosociais en todos os centros do CGSIB.
Temperaturas elevadas na EI de Salvaterra
Maniféstase que hai zonas nesta escola onde as temperaturas son moi elevadas, problemática que segundo o Consorcio deberían estar solucionados desde a semana pasada que foron arranxalo. O servizo de prevención ten prevista unha avaliación neste centro onde comprobará se o problema segue a existir ou non.
Brote Covid na RM de Caranza sen reforzo de Enfermería
Pídese contas porque nunha situación tan crítica como a que existiu neste centro non se reforzou o servizo de enfermería, incluso habendo dous postos en situación de IT que non se chegaron a cubrir, así que non solo non se reforzou, senón que se estivo baixo mínimos. A Xefatura Territorial respondeu que non se actuou de outra maneira porque non se atopou persoal deste colectivo dispoñible para traballar, medida que consideramos non foi suficiente dada a situación existente no momento mencionado.
Reavaliación Centro de Día de As Neves
Segundo o servizo de prevención está xa incluída na nova programación.
Simulacros de evacuación e revisións de plans autoprotección
Exíxese unha actualización de plans de autoprotección dos centros que levan anos sen actualizar e están obsoletos, así coma a realización de simulacros. Comprometense a xestionar este tema, tanto de poñelo en funcionamento como despois de facer un seguimento e actualización, formando tamén ao persoal.
Control de Lexionela en centros do CGSIB
Houbo problemas coa empresa que estaba a xestionar isto e non daban atopado outra, polo que quedou descuberto un tempo, pero xa está feita unha nova adxudicación e retomaran os controis en breve.
Revisións médicas no CGSIB
Transmitise que o persoal do CGSIB leva tempo sen citar para as revisións médicas, pero ao parecer xa están empezando a citar en varias provincias para os controles. Tamén acalaran que a realización da proba de capacidade pulmonar volve estar dispoñible nos recoñecementos médicos de todo o persoal da consellería.
Apertura das portas de acceso nas E.I. do CGSIB
Pídese un criterio uniforme para todas es escolas, xa que en algunhas a xente da rúa pode acceder as aulas sen ningún tipo de control previo, pero responden que non é posible establecer un único criterio xa que hai moita diversidade de unha escola a outra.
Seguiremos pelexando pola mellora da seguridade e saúde laboral nos nosos centros de traballo
- Detalles
A CIG rexistrou na Dirección Xeral de Función Pública unha solicitude para iniciar de seguido as negociacións dun Acordo Marco regulador para o persoal da administración xeral da Xunta de Galiza.
Fixemos asambleas e visitas aos centros de traballo con moi boa acollida da proposta da CIG para un Acordo marco regulador e tamén do anexo das condicións específicas do servizo de incendios. Aportamos estos documentos como base para a negociación das condicións de traballo.
Lembramos temén que a funcionarización deixa sen convenio colectivo a maioría do persoal que non vemos recollidos os nosos dereitos na Lei de Emprego Público e, para máis, que o Acordo de Concertación asinado por CCOO e UGT coa Xunta so obriga a prestación dos servizos sen facer referencia algunha aos dereitos laborais.
Xa están tardando en iniciar canto antes o proceso negociador dun acordo marco que regule e garanta os dereitos laborais en base ao dereito á negociación colectiva e a participación da determinación das condicións de traballo previstos no EBEP e na LEPG.
- Detalles
O persoal laboral fixo que se funcionarizou nos corpos xerais da Admón da Xunta de Galiza, toma de pose o 1º de xullo do 2021, está a padecer o incumprimento do acordo de concertación, disposición 5ª, punto 3º, no que as retribucións se refire; este precepto, no seu apartado c), literalmente dí “Se lle garante ao persoal laboral funcionarizado, no primeiro trienio que cumpra coa condición de funcionario, unha contía económica non inferior á que lle correspondería a un trienio de persoal laboral.”
O persoal laboral fixo dos grupos IV e V, auxiliares e agrupación profesional, que se funcionarizou o 1º de xullo de 2021 e que perfeccionaron un trienio con posterioridade a esta data, percibiron unhas contías que se correspondían cos corpos de funcionarios da administración xeral; ou sexa, 20,03€ o persoal do corpo auxiliar e 15,08€ o da agrupación profesional, cando deberían cobrar 31,88€ polo primeiro trienio cumprido con posterioridade ao seu nomeamento como funcionario de carreira da Administración da Xunta de Galiza.
O persoal laboral que se funcionarizou e padeceu esta situación e aínda que presentou a oportuna reclamación na súa unidade de persoal, a que se contactou coa secretaría xeral da súa Consellaría e con Función Pública, segue percibindo este primeiro trienio con importes inferiores aos 31,88€ e incumpríndose fragrantemente o establecido nas normas de dereito positivo reguladoras da funcionarización.
Dende a CIG, esiximos de Función Pública así como das consellarías afectadas, especialmente Política Social, a inmediata adopción das medidas necesarias para que os importes do primeiro trienio devengado con posterioridade á funcionarización, non sexa inferior ao establecido para o persoal laboral da Xunta de Galiza.
- Detalles
O TSXG vén de confirmar a firmeza da sentenza gañada pola CIG
A CIG foi sempre moi combativa coa externalización do traballo público, e así levamos tempo loitando. Incluso coa externalización semipública a sociedadades como TRAGSA ou TRAGSATEC a través das encomendas de xestión, onde as propias sociedades públicas contratantes non tiñan nen capacidade técnica nen persoal para desenvolver tarefas propias das empregadas e empregados públicos.
Así o pasado mes de xaneiro, fíxose xustiza e a sala do contencioso do TSXG declarou ilegais as encomendas que a Consellería de Cultura estaba a facer con TRAGSATEC para elaborar os informes arqueolóxicos de obras e intervencións na contorna dos camiños de Santiago e bens protexidos.
A sentenza, demoledora no seu fundamento, fixo por de cor ao conselleiro e á responsable de Patrimonio Cultural que saíron sinalados como verdadeiros artífices desta desfeita.
Agora a sentenza xa é firme a través dun auto do TSXG e xa sabemos que estes actos eran ilegais.
Só queda solicitar a execución inmediata por parte dos xestores de Cultura, ou sexa a paralización da actual encomenda que aínda finaliza o 1 de xullo e o cambio nas políticas de encomendas (supoñemos que non se atreveran a seguir por este camiño, pois xa sería causa de prevaricación administrativa).
Haberá agora que pedir explicacións do gasto de máis de 700.000 euros de maneira ilegal, a ver quen os vai poñer do seu peto, porque son cartos de todos os galegos e galegas.
Póñanse logo a elaborar unha reforma da RPT onde se recolla a creación dos postos de persoal arqueólogo e arquitecto necesarios para acometer as competencias asumidas no patrimonio cultural galego.
- Detalles
O neno dos Peares, sindicalista combatente, funcionario por arte de Romay Beccaría, ten un pasado que convén lembrar porque quen aspira á Presidencia do Goberno do Estado pode ter nas súas mans os destinos das persoas empregadas públicas.
E isto é algo relevante pois na Administración Pública, a diferenza de calquera outra empresa, o noso patrón ten unha dobre condición de empregador e á vez de cargo electo, é dicir, cargo político. De aí que o proxecto político do partido que o sustenta, pero tamén a persoalidade e traxectoria de quen o dirixe teñan relevancia no noso eido laboral.
E para que lle poñas cara a ese proxecto, que durante máis dunha década implicou recortes nos dereitos laborais, salariais e nos servizos públicos, traemos aquí un vello Boletín editado no 2012 onde desvelábamos quen era Feijoo: un trasunto do Doutor Jekyll e Mister Hide, unha persoa amoral que defendeu dereitos cando lle afectaban persoalmente e que logo llos negou ás persoas empregadas públicas, aos seus antigos “compañeiros e compañeiras” cando cambiou de barricada.
Aquel que en 1985 aprobaba unha praza co Corpo Superior da Xunta grazas ao apoio "extra familiar" recibido polo seu mentor e case padriño Romay Beccaría, según di recentemente un alto cargo da Xunta e do PP, foi antes de adquirir a condición de funcionario de carreira, delegado sindical.
Transporte de balde para as persoas empregadas públicas, economato, subas salariais por riba do IPC, xornada semanal de 35 horas, freo as asistencias técnicas, estabilidade para o persoal temporal…case todo, todo, o que logo aplicou como Presidente da Xunta, non si?
Para coñecemento de todas e todos, vai o Boletín do ano 2012 coas obras e milagres de Don Alberto.