- Detalles
O persoal desenvolveu novas protestas en defensa das súas condicións laborais
As traballadoras e traballadores dos centros de atención directa da Consellaría de Política Social seguiron na mañá do xoves 5 de novembro coas protestas que manteñen dende hai meses en demanda da recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise en 2012 e para esixir uns servizos de atención ás persoas 100% públicos e de calidade. A CIG denuncia ademais a falta de medidas de prevención en moitas destas instalacións, o que está a provocar un aumento de casos de contaxio da covid entre o persoal e as persoas residentes e usuarias.
Algo está a facer mal a Xunta se sete meses despois da primeira onda do virus as residencias continúan a rexistrar altos niveis de contaxio. En concreto, denunciamos que os responsábeis autonómicos se neguan a revisar as avaliacións de risco e a analizar o que aconteceu despois de cada contaxio para que non volva suceder.
- Detalles
Carreira profesional
Polo Acordo de concertación, no segundo semestre do 2020 tiñan que publicar a convocatoria para que aquelas persoas que teñan recoñecido o grao I e conten cunha antigüidade de 11 anos poidan solicitar o encadramento no grao II. Estamos en novembro e non hai novidades. O director xeral di que non pode comentar nada ata falar con Orzamentos.
Concurso de traslados (corpos xerais e veterinarios/as)
- Volvimos a demandar información da situación do concurso de traslados de corpos xerais. Como aconteceu na xuntanza da semana pasada, o director xeral non di nada e escúdase en que está pendente de que lle envíen información a el.
- Preguntamos polo concurso de traslados de persoal veterinario. En xaneiro enviáronnos un borrador da convocatoria ao que presentamos alegacións. Dende entón non se soubo nada máis. O persoal de novo ingreso xa tomou posesión provisional, e non pode ser que estean nesa situación durante anos. Así que queremos que se retome o concurso. O DXFP explica que daquelas (xaneiro-febreiro), unha das consellerías pretendía amortizar moitos postos e modificar a RPT, o que paralizou o proceso. Por outra referencia que fixo posteriormente, podería ser a DX de Saúde Pública.
Elección de destinos
- Corpos xerais: van convocar unha xuntanza para fixar criterios polos postos de corpos xerais A1, A2 e C2 de libre e promoción interna. A elección sería en novembro.
- Gardacostas: para novembro terían a elección de destino definitivo.
Procesos selectivos cos tribunais constituídos e pendentes do primeiro exame
Trasladamos un ruxe-ruxe que anda a circular segundo o cal as autoridades sanitarias pronunciáronse en contra de facer procesos de máis de 1000 persoas, polo que pedimos información. O DXFP nega tal información e manifesta que están en contacto permanente con Sanidade avaliando a situación.
Problemas no acceso a centros de traballo
Denunciamos que delegados/as sindicais da CIG están a ter problemas para acceder a determinadas instalacións da Xunta. Mencionamos casos como Atriga-Ourense, San Caetano ou algún centro de ensino. O DXFP comprométese a interesarse polo asunto e dar resposta.
- Detalles
O director xeral de Función Pública acepta darlle unha volta ás limitacións que se autoimpuxeron, e que impedirían teletraballar a determinados colectivos, que fixan un máximo de xornadas no 50%, que obrigan á presenza do 40% do persoal, ou o requisito de levar dous anos no posto de traballo.
Na xuntanza entre CIG e director de Función Pública, martes 3 de novembro, o primeiro que reclamamos ao director foi que ante a situación de alerta sanitaria, tiñan que potenciar sen máis dilación o teletraballo COVID e a necesidade de que o servizo de prevención adapte os protocolos ás novas evidencias científicas de propagación do virus mediante aerosois.
Trasladámoslle que algunhas consellerías xa de motu propio extenderon o teletraballo con carácter xeral, e insistimos en que esto é unha medida básica para minguar os contactos entre o persoal e, por extensión, o risco de posibles contaxios.
Expusémoslle que non entendíamos as limitacións que se autoimpoñía a Administración. Ao noso ver, a decisión de conceder ou non o teletraballo debe estar en función de se esta modalidade de traballo cubre as necesidades do servizo público. Neste sentido non entendemos que se poñan limitacións a priori, como son:
- A exclusión de determinados servizos.
- Fixar un máximo do 50% da xornada mensual.
- Esixir a presenza física do 40% do persoal.
- Ou requirir unha antigüidade de dous anos no posto de traballo.
O director comprométese a darlle unha volta a esta petición da CIG. Recoñece que teñen a suficiente capacidade autoorganizativa como para valorar cada caso individualmente e, xa que logo, non é preciso poñer límites previos.
En canto ao horario de presenza obrigatoria en teletraballo (de 9 a 14.30), manteñen a súa intención, pero valoran facer matizacións. A ver co que nos veñen.
Defendemos que a representación do persoal ten que ter coñecemento das solicitudes de teletraballo concedidas e denegadas. E volven coa chantaxe habitual de permitir estar na “comisión de seguimento” só ás organizacións sindicais asinantes.
Este asunto vai ir a unha próxima Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos (xa convocada para o luns 9); en principio irá co borrador que xa temos, pero seguirán as negociacións de cara á Comisión de Persoal onde definitivamente se aprobará o texto.
En canto á situación polo Covid, o director limítase a dicir que:
- Di que están con seguimento diario e contacto permanente con Sanidade, e non descarta ampliar o teletraballo Covid.
- Falarán co servizo de prevención polo tema das novas evidencias científicas da propagación do virus a través dos aerosois.
- Detalles
Publicada no DOG do 3 de novembro de 2020 a resolución da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2019, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.
Pódense consultar as listaxes definitivas das axudas aprobadas e denegadas na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS.
O Fondo de Acción Social foi un dos recortes derivados da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta lei "naceu" inicialmente cunha vixencia temporal de dous anos, pero oito anos despois, os recortes temporais continúan. Desde a CIG continuamos na loita pola derrogación desa lei e por recuperar todo o arrebatado e incrementar as axudas.
- Detalles
No edificio no que traballan 50 persoas non hai espazo para manter a distancia de seguridade pola covid
A CIG vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense contra o delegado territorial da Axencia Tributaria de Galiza (Atriga) por non tomar medidas preventivas para evitar contaxios entre o seu persoal e as persoas usuarias.
Este centro atópase nun entrechán do número 38 da rúa Progreso, nun inmoble con pouca altura e pouco espazo físico, o que dificulta que se poida manter a distancia de seguridade recomendada, xa que ademais do público que se atende traballan arredor de 50 persoas.
O que máis destaca deste centro de traballo da Xunta é que está situado nun edificio privado cunha grande dificultade para gardar as distancias tanto dentro como nos accesos, e aínda que se colocaron anteparos entre postos os espazos de circulación son cativos. Ao que hai que sumar que a ventilación actual non garante a renovación do aire para evitar contaxios por aerosois e o feito de que o delegado territorial segue sen proporcionar máscaras de protección ao seu persoal.
Cun escenario de confinamento por un nivel de positivos inasumíbel na cidade, que xa ten colapsado o sistema sanitario, non entendemos como a Xunta, e nomeadamente o delegado territorial de Atriga, aínda non aplicase as mínimas medidas de protección fronte ao virus.
Nin o persoal nin a representación sindical coñecen que haxa nin tan sequera unha simple avaliación de riscos laborais do centro ao risco biolóxico da covid. Non informan dos positivos se os hai, nin das medidas de prevención, nin se establecen medidas organizativas para evitar a coincidencia como o teletraballo e quendas de presencia; de feito, nin se autoriza o teletraballo ordinario nin hai quendas de entrada e saída; e tamén se descoñece o plan de limpeza.
Medidas insuficientes
Esta situación obriga o persoal a traer as súas propias máscaras e a ter que limpar o seu posto de traballo co seu propio xel hidroalcólico. A Xunta so se preocupou de establecer un sistema de cita previa e uns anteparos, como se o persoal se teletransportara até o seu posto e non respirara. Por iso consideramos insuficientes as medidas para un centro de traballo ubicado no entrechán dun edificio cun pequeno ascensor e escada de acceso, con tres salas para máis 50 persoas empregadas públicas e un bo número de atencións diarias, que hoxe mesmo superaron o centenar.
Para rematar, cando un delegado/a da CIG quere ir ver en que situación se atopan os traballadores/as deste centro o propio delegado territorial prohíbelles o acceso, polo que tamén denunciamos este feito na Inspección por vulnerar o dereito de representación do persoal.
- Detalles
O venres 30 de outubro recibimos o segundo borrador de acordo de teletraballo, coa indicación de que fixeramos alegacións antes das 14 horas do martes día 3 de novembro.
A verdade que van á súa bola. A cousa semella que está verde. E ante a situación que temos no País, o que corre presa é o teletraballo COVID ata nadal.
- Detalles
Función Pública envíanos os buzóns de postos dos corpos superior, de xestión e auxiliar de corpos xerais derivados dos procesos selectivos da OEP de 2017, para alegacións.
O prazo para alegacións é de 3 días.
- Detalles
Este domingo 25 de outubro atopámonos coa mala nova da aparición de 66 casos de contaxios COVID19 na Residencia do Maior “Nsa Sra dos Miragres” en Cabeza de Vaca – Barbadás.
En primeiro lugar, dende a CIG queremos amosar a nosa solidariedade co persoal e usuarios da residencia e apostar por unha pronta recuperación de todos eles/as. Dito isto, non é óbice para manifestar que o contaxio xeneralizado nesta residencia e en outras similares non é máis que unha crónica anunciada. Dende a CIG levamos tempo denunciando o oscurantismo da Xefatura Territorial de Ourense e, nominalmente, da súa xefa territorial, onde se negan constantemente a facilitar datos de contaxios e, sobre todo, a facilitar os medios de protección axeitados.
Na CIG apostamos dende o primeiro día que empezou a segunda onda en previr as consecuencias e, de acordo con isto, poñer todas as medidas de prevención que foran necesarias, empezando pola dotación de persoal suficiente cos medios individuais de protección axeitados, consistentes en máscaras fpp2, monos de un só uso, etc… Non é momento de pedir responsabilidades, é hora de estar unidos na loita contra esta pandemia, pero iso non quita que sexa a nosa responsabilidade denunciar as anomalías que atopamos no funcionamento dos servizos públicos e, sobre todo, esixir os medios necesarios para combater esta lacra.
Dende a CIG esiximos que se dote de máis persoal as residencias públicas galegas e, nomeadamente, a Residencia do Maior de Cabeza de Vaca, onde é urxente o incremento de máis persoal, tanto de servizos como de atención clínica, para facer fronte a esta pandemia.
- Detalles
O martes 27 de outubro, tivemos unha xuntanza coa DXFP para a constitución do grupo de traballo para o desenvolvemento normativo do teletraballo.
Como CIG remitímonos as alegacións presentadas e esiximos como premisa de inicio a instauración con carácter inminente do teletraballo COVID como a mellor ferramenta para a protección da saúde do persoal. Lembramos tamén que cumpre modificar os protocolos actuais para adaptalos á nova realidade que supón o contaxio por aerosois en lugares pechados, facendo fincapé no servizo de transporte de empregados públicos. Consideramos que nalgúns aspectos este borrador dá pasos atrás con respecto á regulamentación do teletraballo vixente.
Tras as intervencións do resto de sindicatos, Función Pública fixo as seguintes consideracións:
- Contempla o teletraballo presencial como “principal” e como un servizo á cidadanía, aínda que algúns temas se poidan levar ao ámbito non presencial.
- Manifesta que durante o estado de alarma estivo a teletraballarse de xeito xeralizado, pero non se pode dicir que aceptablemente ben porque non se conta cos medidores correspondentes para avaliar como foi realmente ese teletraballo. Afirman que si houbo moitas queixas da cidadanía en canto á atención telefónica.
- Persoa supervisora: será o titular do órgano de adscrición de posto e con carácter xeral será o/a subdirector/a xeral ou no seu caso, o/a xefe/a de servizo ou o seu equivalente nas entidades do sector pùblico autonómico.
- Farán unha regulación das funcións e a supervisión, cando menos fixar os obxectivos do órgano e dos postos e definir os indicadores que permitan informar e valorar da forma máis precisa posible o cumprimento dos obxectivos e realizar o seguimento, a verificación e a avaliación de resultados coa finalidade de tomar as decisións necesarias para conseguir os obxectivos fixados.
- Establecerán nun artigo os dereitos de carácter individual e colectivo:
- Dereitos individuais: dereito á carreira profesional, a formación e a promoción profesional, dereito ao horario flexible e ao rexistro horario, dereito á prevención de riscos laborais e á aplicación da normativa preventiva no traballo a distancia, dereito á intimidade, á protección de datos e á desconexión dixital nos termos previstos na lexislación vixente.
- Dereitos colectivos: dereito a exercer os seus dereitos de natureza colectiva co mesmo contido e alcance que o resto das persoas traballadoras e dereito a poder participar efectivamente nas actividades organizadas ou convocadas polos representantes legais ou polo resto das persoas traballadoras na defensa dos seus intereses laborais como o exercicio presencial do dereito ao voto nos procesos de elección para representantes legais.
- Xornada: entenden que si ten que establecerse unha franxa horaria de dispoñibilidade como é a das 9 ás 14.30 na que din e que a persoa ten que estar dispoñible , non necesariamente traballando, pero si dispoñible. Pon o exemplo dunha persoa que teña unha función de atención telefónica, terá que saberse cando atende á cidadanía. Valorarano de novo.
- Postos non susceptibles de ser desempeñados en teletraballo: Valorarán as alegacións. Mirarán de darlle unha redacción alternativa. Consideran que hai algúns postos que non poden ser. Outros si. Para Función Pública a atención á cidadanía é indispensable polo que hai que intentar conxugar as dúas cuestións.
- Requisitos: chámalle a atención porque son os mesmos requisitos ou case idénticos da actual regulamentación de teletraballo de 2013 e 2014. Din que con esta regulamentación vixente xa se resolveron dous concursos de traslados e que ata agora non tiñan coñecemento desta problemática plantexada agora. Mirarano.
- Xornadas a desenvolver: Teñen os datos do teletraballo ordinario concedido, din que o 20% teñen tres xornadas máximas de teletraballo o que implica e que o 80 % restante teñen de máximo dúas xornadas de teletraballo. Daranlle unha volta.
- Día de presencia ou día do contaxio: daranlle outra redacción.
- Presencia do 40 %: valorarán de novo este apartado.
- Non ven a compatibilización do teletraballo co traballo presencial, consideran que non facilita a conciliación da vida laboral e familiar e que o tempo en itinere dun lado para outro é unha perda de tempo importante.
- Procedemento: debe resolvelo o titular do órgano directivo. Din que se simplificaron os trámites ao desaparecer o informe conxunto previo e preceptivo de Función Pública coa dirección xeral de Calidade e Reforma Administrativa.
- Farán unha redacción para as xefaturas territorias e os servizos periféricos dado que non está recollida no borrador.
- Mirarán de establecer un prazo mínimo de entrega do material. Falarán con Amtega.
- Obxectivos e plan individual de teletraballo: vai agora neste borrador de teletraballo pero entenden que é unha cuestión que se ten que estender tamén ao traballo presencial co establecemento duns indicadores ou duns medidores do traballo que se fai.
- Réxime especial: matizarán algunha cuestión como o dos maiores de 60 anos e algunha máis.
- Comisións técnica e comisión de seguimento: entenden que deben manterse as dúas comisións porque na técnica trátanse cuestións que son potestade da administración, pero contemplan a posibilidade de convocar a comisión de seguimento 48 horas ou unha semana como máximo despois da comisión técnica.
- Con respecto á comisión de seguimento, dende a CIG lembrámoslle que na anterior orde de teletraballo nesa comisión estaban todos os sindicatos con representación na Mesa Xeral de negociación de empregados públicos e que agora nesta comisión de seguimento só estarán os asinantes, o que ao noso entender conculca o dereito á negociación e a boa fe negocial que deber rexir toda negociación. Din que a xurisprudencia existente sostén que esas comisións son legais. Solicitamos estar en ambas comisións.
- Mirarán de aquilatar o prazo de tres meses respecto ás solicitudes de teletraballo en curso nestes momentos.
- Derrogación normativa: concretarano un pouco máis.
- Valorarán tamen a inclusión da comunicación ás organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Persoal Empregado Público da Xunta de Galicia da relación de solicitudes de teletraballo autorizadas e denegadas, tal e como figura na regulamentación vixente.
Mañá remitirán un novo borrador.
SITUACIÓN ACTUAL:
- Recoñecen un maior número de casos de covid 19 que hai uns meses pero din que o nível de hospitalización é menor. os datos que manexan a día de onte din que a porcentaxe dos contaxios no persoal do ámbito de FP é a metade en relación co resto da poboación. Fan seguimentos diarios. Poñen o exemplo dos colexios e institutos onde entre persoal docente, non docente e alumnado son máis de 35,000 persoas e que están a “traballar con normalidade” pese a ser moita máis aglomeración de xente que nos edificios administrativos.
- Recoñecen que a situación pode cambiar, pero polo de agora non ven a necesidade de instaurar o teletraballo COVID como se fixo no anterior estado de alarma. Lembran que continúa vixente o teletraballo por circunstancias especiais para aquelas persoas que teñan algunha patoloxía.
- Con respecto aos autobuses de transporte de empregados públicos din que se toman as mesmas medidas que para o resto de transporte de viaxeiros autorizadas polas directrices sanitarias e que en todo caso é responsabilidade da dirección xeral de Mobilidade.
- Informan que a Vicepresidencia primeira está en trámite de adquisición de máscaras para todo o persoal de oficina do ámbito de Función Pública que non se lle dera xa. Contan con facer a entrega ao longo de novembro.
- Falarán co servizo de prevención de riscos para valorar unha posible modificación das instruccións ditadas por ese organismo.
- Están axilizando ao máximo a resolución e concesión das solicitudes de teletraballo.
ROGOS E PREGUNTAS:
- CIG pregunta que pensa facer FP cos procesos selectivos, se contempla paralizalos ou seguir adiante. Din que ao longo do mes de outubro levan feito exames de 12 procesos selectivos sen problema ningún. Respecto aos procesos pendentes do primeiro exame, están agardando pola autorización das autoridades sanitarias. Levan traballando tempo con Sanidade e unha vez que teñan a súa autorización enviarán unha previsión de datas de exames que poderá ser adiada sempre en función da evolución sanitaria. Contan con dar as datas previstas de exames na semana que vén.
- Contemplan a realización dos exames dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e agrupación profesional de persoal subalterno tanto de acceso libre como de consolidación e PI do A1, A2, C1 e C2 ademais da OEP social incluído biólogos.
Estanlle buscando o encaixe para facer nun prazo breve de tempo os que poidan. Recoñecen que non é o mesmo un proceso de 100 aspirantes que un de 12.000 ou 15.000, polo que as datas dalgúns destes procesos poden ser a dous ou tres meses. - Lembran que o Real decreto publicado o domingo 25 de outubro autoriza os desprazamentos entre CCAA para a realización de exames oficiais. Sinalan que a Administración do Estado non suspendeu os seus procesos selectivos e que nunha mesa celebrada onte en Madrid insistiulle as comunidades autónomas en acelerar os procesos de estabilización de emprego.
- Contemplan a multisede e a realización de exames en distintos días e incluso en varias quendas. Van enviar un borrador de protocolo para a realización dos exames ás autoridades sanitarias antes de remitilo ás OOSS. Contan con manter a previsión respecto aos contaxios e corentenas como suposto de forza maior para a non realización das probas. Nese senso, pretenden facer coma nos procesos de funcionarización, para o que solicitarán informes xurídicos para confirmar se se pode facer ao tratarse de procesos de concorrencia competitiva.
- Manteñen o compromiso de avisar das datas cun mes ou catro semanas de antelación.
- Elección de destino e tomas de posesión: nesta semana haberá unha xuntanza para ver os criterios a seguir. Adiantan que en moitos casos non chegan as prazas vacantes puras.
- Concurso de traslados: non se pronuncian mentres non fagan as consultas correspondentes coa subdirección que leva o tema.
- Detalles
Nunha reunión da Mesa Xeral das Administracións Públicas do Estado, con presenza das organizacións sindicais CIG, ELA, CSIF, UGT e CCOO, así como representantes de todas as administracións autonómicas e da FEMP, o secretario de estado do Ministerio de Política Territorial e Función Pública presentou, tan só unhas horas antes da reunión do Consello de Ministros e cando xa as dera a coñecer á prensa, as novidades que se incorporarán no proxecto de Lei de orzamentos do estado para 2021 a respecto dos e das empregadas públicas.
A confirmación da suba do 0,9% das retribucións así como pequenos cambios nos permisos regulados no EBEP ou o mantemento da taxa de reposición, sen ter enviado até agora ningún documento, foron as únicas novidades dunha reunión que foi abertamente criticada pola representación da CIG.
A reunión foi, por tanto, a demostración de que tamén a capacidade de negociar do actual goberno español está confinada. A perda de poder retributivo desde o ano 2010 mantense, malia a existencia nestes últimos anos dun acordo que foi vendido polos sindicatos asinantes como unha oportunidade para “recuperar o arrebatado”. A suba do 0,9%, que nin sequera inclúe cláusula de garantía salarial que compense desviacións do IPC, non servirá tampouco desta volta para camiñar nesa recuperación da perda de poder adquisitivo, que a día de hoxe rolda xa o 10%.
Por iso a Área Pública da CIG demandou un maior esforzo retributivo que venza as limitacións de tantos anos de recortes e do fracaso do pacto sindical co anterior goberno do PP.
Preocupación polo aplicación de acordos retributivos e carreiras profesionais no ámbito da Xunta
A central sindical foi a única que propuxo que a suba retributiva do 0,9% imposta polo goberno español non tivese carácter básico e que non limitase a posibilidade de aplicar outras subas retributivas pendentes nas diferentes administracións. Así, no ámbito galego, está pendente a carreira profesional no SERGAS e na Administración Xeral da Xunta e o último prazo do mal chamado acordo retributivo de homologación do profesorado; o mesmo sucede en varios acordos das administracións locais galegas. Se a suba do 0,9% se impón como un tope e non se dá cobertura legal á consecución dos obxectivos deses acordos ou carreiras pactadas, os incrementos pendentes serían eliminados. Porén, o secretariado de estado non deu resposta á nosa demanda.
Mantéñense as taxas de reposición
Malia a situación actual, con altas taxas de temporalidade, e unha vez que remata a vixencia do actual acordo sindical dos sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF, no que aceptaron o mantemento de distintas taxas de reposición até o ano 2020, o Goberno propón que a taxa se manteña durante o 2021 con lixeiros cambios.
Sorprendentemente, os mesmos sindicatos que deron o visto bo á situación actual co acordo co PP, demandan agora que se elimine o que eles apoiaron no IIº Acordo para o emprego público e condicións de traballo 2018-2020, sumándose á demanda que a CIG ven mantendo en solitario nos últimos anos de que se elimine calquera taxa de reposición (ou cando menos o seu carácter de normativa básica). Iso si, sen ningún rubor nin autocrítica polo pactado no 2018.
A proposta do Goberno é unha taxa do 110% no caso de sectores prioritarios (educación, sanidade, universidade, xustiza, ciencia…). Só se poderían convocar 110 prazas de oposicións por cada 100 xubilacións. Esta mesma porcentaxe se aplicaría a concellos coa débeda amortizada. Noutros sectores (administración xeral) a taxa sería do 100% ou mesmo do 115% no caso das forzas e corpos de seguridade.
A CIG reclamou a eliminación da taxa de reposición e lembrou que impoñer taxas desde o goberno central implica eliminar a capacidade das administracións autonómicas ou locais para crear emprego neto ou aprobar ofertas de emprego amplas, que dean resposta á alta taxa de temporalidade.
O propio secretario de estado recoñeceu unha taxa media superior ao 24% no conxunto do Estado, acusando ás CC.AA. de ser as responsables de manter esas cifras tan elevadas, ao tempo que se nega a eliminar o carácter básico das taxas de reposición. Cabe lembrar novamente que até o ano 2010 as taxas de reposición non existían en ámbitos como a educación ou a sanidade.
A CIG demandou tamén a derrogación da normativa limitativa de dereitos
A CIG demandou tamén a derrogación dos Reais Decretos-Lei que se foron impoñendo ao persoal das administracións públicas dende o ano 2010 polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP, a saber: RD-Lei 8/2010, RD-Lei 20/2011, e RD-Lei 20/2012, polos que se adoptaron medidas extraordinarias para a redución do déficit público, que implicaron a supresión de importantes dereitos laborais e salariais arrebatados ás persoas empregadas públicas neste período co pretexto da crise, pero unha vez máis os representantes do Goberno deron a calada por resposta.