Novas por contido

Na CIG consideramos unha promesa baleira o anuncio do Goberno de negociar un acordo salarial e chamamos á mobilización para acadar incrementos dignos que permitan reverter a perda de poder adquisitivo. Ademais, iniciamos unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a PNL coa que demandamos unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC para todo o persoal empregado público.

Na Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Saúde e CIG-Ensino) entendemos que non hai nada que celebrar na «intención» do Goberno español de sentar negociar un novo acordo retributivo para o persoal empregado público. Criticamos que as direccións de CCOO, UGT e CSIF se apresuren a vender como un éxito sindical este anuncio, cando se trata dunha promesa baleira, que pretende desactivar o crecente malestar do persoal e que, ademais, nin sequera se formula no ámbito da Mesa Xeral de Negociación.

Advertimos que, unha vez máis, se pretende negociar só cunha parte das organizacións sindicais con dereito a representación, fóra dos marcos institucionais que corresponden, e sacar un acordo pola porta de atrás que —moito nos tememos— seguirá afondando no deterioro salarial.

Neste contexto, na Área Pública da CIG avanzamos a convocatoria de mobilizacións para que tanto os orzamentos xerais do Estado como os orzamentos da Xunta de Galiza contemplen incrementos retributivos que revertan a continua perda de poder adquisitivo que ano tras ano sofre o persoal empregado público.

Anos de incumprimentos

Lembramos que o Goberno español leva anos incumprindo os compromisos asinados, mantendo conxelados os orzamentos, atrasando procesos selectivos e perpetuando a precariedade e a paralización nas administracións. Denunciamos que o chamado «diálogo social» se converteu nun teatro de xestos e titulares, nos que unhas persoas finxen negociar e outras fan de comparsa.

Dende a CIG levamos tempo advertindo da perda brutal de poder adquisitivo, iniciada co recorte directo do 5% das pagas extraordinarias —que nunca se recuperaron na súa totalidade— e agravada pola firma de acordos por debaixo do IPC e a renuncia dos grandes sindicatos estatais a defender en serio os intereses da clase traballadora.

Fronte ao conformismo e a submisión, na CIG apostamos pola mobilización constante, tanto nas rúas como nos centros de traballo, reclamando salarios dignos, estabilidade e respecto ao público.

Cláusula de garantía e incremento do 5%

Neste camiño, na Área Pública da CIG iniciamos unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a proposición non de lei (PNL) rexistrada no Parlamento galego, coa que demandamos unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC para todo o persoal empregado público. Manifestamos que non se trata de caridade nin de peticións «razoábeis», senón de xustiza social e de recuperación do que nos roubaron durante anos de recortes e inflación.

Ademais, dende a CIG reclamamos un incremento salarial do 5% para este ano no conxunto do sector público, como paso imprescindíbel para comezar a compensar as perdas acumuladas, que dende 2010 xa suman preto dun 20% da capacidade adquisitiva.

Así mesmo, insistimos na necesidade da mobilización e da presión social, porque entendemos que o futuro das condicións de traballo na Administración non se defende só nas mesas de Madrid, senón tamén nas rúas e na acción colectiva. O que nos xogamos non é unha porcentaxe de suba salarial, senón a dignidade de quen sostén día a día o servizo público e o dereito da cidadanía a unha Administración ao servizo do pobo.

Campaña de recollida de sinaturas

Poñemos á túa disposición os pregos de sinaturas en todos os locais da CIG. Tamén podes poñerte en contacto connosco e pasaremos polo teu centro de traballo.

Contamos contigo!

Manifestáronse en Compostela para denunciar a situación de abandono, a desigualdade e mala xestión por parte da Xunta de Galiza.

 

  

Arredor de 400 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDIF) mobilizáronse este xoves dende a Consellaría de Medio Rural até o complexo administrativo de San Caetano para denunciar a situación de abandono, desigualdade e mala xestión por parte da Xunta de Galiza que, ano tras ano, pon en risco a seguridade do persoal e da poboación. Durante a protesta, convocada pola CIG, reclamouse un servizo de extinción de incendios 100% público e único, no que todo o persoal teña as mesmas condicións laborais e salariais, se amplíe o tempo de traballo e se garanta a saúde e seguridade.

   

   

A CIG denunciou que a mobilización se realiza 15 días despois de rematado o dispositivo especial e sen que por parte do Goberno galego se producise nin unha soa autocrítica ou asunción de responsabilidades polo acontecido este verán, cando persoal sen experiencia nin formación axeitada estivo dirixindo o lume ou traballando nas brigadas de extinción.

Neste senso, púxose énfase en que situacións como as vividas neste verán evidencian a necesidade de contar cun operativo profesionalizado, que traballe todo o ano e en condicións de dignidade laboral e salarial. A CIG salientou, así mesmo, que a actividade non remata cando se extingue un incendio forestal, senón que cómpren tarefas de prevención continuadas que permitan mitigar a virulencia dos lumes.

Preto de 1.000 persoas deixarán de traballar o 15 de novembro

No SPDIF traballan sobre 2.400 persoas, das que unhas 983 deixarán o servizo o 15 de novembro. A CIG reivindicou que urxe realizar tarefas de restauración das zonas queimadas para evitar a contaminación das bacías da auga, e este persoal que se vai debería estar facendo eses labores. Fronte ao actual modelo que deriva parte do servizo aos concellos mediante a subscrición de convenios de prevención e extinción, o sindicato nacionalista reclamou un servizo 100% público, único e profesional.

 

Apuntando á virulencia que acadan os lumes, a CIG advertiu que moitas veces os concellos subcontratan estes servizos e o que se ve é que no mes de agosto se incorporan persoas ás tarefas de extinción sen a formación axeitada. Isto é unha enorme irresponsabilidade porque pon en risco a estes compañeiros e compañeiras. Non se pode xogar así coa vida do persoal e da poboación que vive no rural.

Segundo a CIG, é inadmisíbel que en plena vaga de incendios, no mes de agosto, se contrate a 200 persoas para unhas prazas que estaban sen cubrir, e reiterou a necesidade de cubrir todas as prazas e ampliar o tempo de traballo do persoal fixo-descontinuo dos oito aos 12 meses.

Estender o acordo de melloras

Sobre as condicións laborais, explicaron que no servizo hai persoal laboral cunhas condicións de hai 20 anos e persoal funcionarizado ao que se lle aplica un acordo de melloras. Por iso, outra das demandas do colectivo é estender este acordo a todo o persoal do SPDIF e rematar coas discriminacións entre compañeiros e compañeiras que realizan as mesmas tarefas, pero cobran diferente e teñen condicións distintas.

CIG criticou tamén a xestión que a Xunta fai do persoal, tanto no nivel de contratación como na disposición da cobertura do territorio, que se reduciu ao 50% nos dous últimos anos. O sindicato salientou que isto tradúcese en maiores tempos de reacción.

Neste contexto, a CIG lamentou que o Goberno galego, a diferenza doutros executivos autonómicos, non teña amosado ningunha disposición para sentar negociar a dignificación laboral deste colectivo, a ampliación do tempo dos contratos de traballo e como implementar a xestión.

extinción de incendios é un servizo público, e hai que traballar sobre o territorio, pero non se quere facer unha planificación preventiva, concluíu a CIG. É urxente erradicar a precariedade laboral e facer unha boa xestión do territorio e do persoal, porque se non hai un servizo profesionalizado, ben formado e espallado no territorio non se pode apagar o lume.

 

 

 

 

 

                                                                                                                                                                                              

  Dercarga o MANIFESTO 

No DOG do 28/10/2025 publican:

- RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1.

- RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2.

- RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1.

- RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galiza (DOG)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal achéganos as bases e o listado de prazas do concurso de traslados das especialidades de educador/a infantil (técnicos/as facultativos e axentes técnicos/as facultativos) e da excala de auxiliar de coidadores. Os sindicatos temos prazo para presentar alegacións ata o luns 3 de novembro, así que se tes algo que dicir, contacta coa CIG antes desa data.

Seguimos adiante na loita aínda que CCOO, UGT e CSIF intenten deixar vendido ao persoal do Servizo de Incendios Forestais

Denunciamos a actitude desleal e irresponsable de CCOO, UGT e CSIF, que solicitaron DESPOIS DA CONVOCATORIA DA MANIFESTACIÓN, unha reunión coa Consellería do Medio Rural excluíndo a representación maioritaria do persoal.

Esta manobra, xusto antes da mobilización do 30 de outubro, busca desmobilizar, dividir e confundir, freando a loita colectiva por acadar melloras laborais e dignidade profesional.

Trátase dunha práctica propia do sindicalismo amarelo que prefire ir contracorrente cando hai mobilizacións e refuxiarse no colo da empresa antes que defender os dereitos do persoal. Romper a unidade ten consecuencias, e este tipo de accións traizoan ao conxunto do persoal empregado público.

Cómpre lembrar que a mobilización SI dá resultados. En comunidades como Asturias, Aragón ou Andalucía, as protestas e a presión do persoal fixeron posible negociar melloras reais para o colectivo de bombeiros forestais. É que a CCOO, UGT e CSIF non están de acordo con avances que se conseguiron?

Non é novo: xa deixaron vendido ao persoal do SPIF cando pactaron antes da negociación formal un Acordo só para funcionarios, sacrificando ao persoal laboral. Dende a CIG, tratamos de paliar as eivas e incluímos unha adenda para que se estendera a todo o persoal confiando e “pecando de boa fe” en que se fixera efectiva. Porén, dous anos despois, nin Medio Rural nin os outros sindicatos, quixeron cumprir este compromiso e as consecuencias páganas hoxe máis de 1.000 traballadores e traballadoras do servizo.

 

👉 O 30 de outubro, ás 11:00 horas, diante da Dirección Xeral de Defensa do Monte.
Aí é onde se defenden os dereitos: na rúa, co persoal, e non agochados nos despachos!!

A CIG-Autonómica esiximos á Xunta de Galiza que aplique de oficio a sentenza do Tribunal Supremo nº 820/2025, do 25 de xuño, e que retribúa de forma completa e con carácter retroactivo os complementos salariais polas gardas, quendas, nocturnidade, domingos e festivos.

O Tribunal Supremo vén de establecer que cando as gardas, nocturnidade, domingos e festivos ou productividades por razón de servizo, cando se prestan dentro da xornada ordinaria, os complementos deben incluírse tamén nas pagas extraordinarias, vacacións, permisos retribuídos e situacións de incapacidade temporal, ao consideralas retribucións fixas e periódicas (aínda que varíe a súa cantidade).

A CIG-Autonómica esixe á Xunta que pague de oficio 

Esta sentenza marca un antes e un despois na política retributiva da Xunta, que ata o de agora só aboaba estes conceptos cando se traballaban de maneira efectiva. Non imos aceptar que o persoal teña que acudir individualmente aos tribunais para reclamar un dereito que xa foi recoñecido polo Supremo, aumentando os custos para as persoas traballadoras e para a propia Administración, e saturando os xulgados.

Por iso demandamos que a Xunta acate esta sentenza nas nóminas mensuais e nas pagas extraordinarias, incluíndo a parte proporcional destes complementos, e que faga de oficio o pagamento dos atrasos  a todos o persoal afectado.

Remate co descontrol das nóminas 

Esperemos que ao aplicar a sentenza e cobrar mes a mes os conceptos completos, remate  a desorde na percepción dos salarios. Moito persoal —como bombeiros e bombeiras forestais, axentes ambientais, entre outros colectivos que traballan as 24 horas e en quendas rotatorias— padece habitualmente atrasos e irregularidades no cobro destes complementos, que chegan a percibirse cada 3 meses ou mesmo unha vez ao ano. 

Inclusión do dereito na lei de orzamentos galega

A CIG-Autonómica está a trasladar á Xunta e aos grupos do Parlamento unha proposta para que esta medida se incorpore á nosa normativa coa Lei de Orzamentos de Galiza para 2026, de xeito que quede asentada na lexislación galega e se estenda tamén ao persoal laboral. 

Deste modo, todo o persoal funcionario, laboral e estatutario teremos dereito a percibir as retribucións por gardas, noites, domingos e festivos nas pagas extraordinarias, nas vacacións e nas baixas, tal e como recoñece a citada sentenza do Tribunal Supremo, que xa crea xurisprudencia.

É hora de por fin a esta situación e garantir o cobro regular e xusto do salario real de cada mes! 

No DOG do 27/10/2025 publican a RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2024, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Fan públicas as listaxes definitivas das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2024, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade, na páxina web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS

A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) vén de iniciar a recollida de sinaturas da Proposición Non de Lei (PNL) para blindar por lei a revalorización salarial na administración xeral, o ensino e a sanidade

 A Área Pública da CIG  compareceu en rolda de prensa este luns para reiterar as demandas para garantir a recuperación da capacidade adquisitiva do persoal empregado público e dar a coñecer a campaña de recollida de sinaturas da PNL para o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real.

As federacións da Área Pública denunciaron que o Goberno do Estado aínda non trasladou ningunha proposta de incremento para este exercicio ou os vindeiros, malia que xa nos atopamos no último trimestre do ano. Dende a CIG-Administración Pública lembrouse que a última revalorización salarial que tivo o persoal empregado público foi o cobro dos atrasos correspondentes á suba do 0,5%, que se debería ter aplicado xa en xaneiro. Un incremento que para nada compensa a perda acumulada do 2,30% que supuxo a estafa do acordo marco 2022-2024, asinado polos sindicatos españois co Goberno.

Para reverter os efectos prexudiciais deste “pacto de perdas”, para este 2025 reivindicamos un incremento dos salarios do 5%, con carácter retroactivo a xaneiro; a recuperación íntegra das pagas extraordinarias recortadas dende 2010 no salario base e os trienios (conceptos que dependen do Estado); e a incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC.

Reclamamos tamén que a negociación de calquera acordo plurianual se realice en base a estes principios e que se acorde un plan de recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos 15 anos que, co acumulado deste 2025, xa supera o 20%.

PNL por unha cláusula de garantía salarial       

Este deterioro continuado provocou que a día de hoxe moitas persoas traballadoras da administración teñan serias dificultades para facer fronte aos gastos derivados da vivenda ou mesmo para cubrir necesidades básicas. De feito, os soldos dalgúns corpos e escalas básicas xa están igualados co SMI e soben grazas á alza do salario mínimo, revelando así o nivel de deterioro retributivo do persoal público.

No camiño da recuperación dos soldos, a CIG iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a Proposición Non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que presente de inmediato unha proposta lexislativa que estabeleza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os seus salarios se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Unha suba, que debe ser independente e complementaria dos incrementos salariais que poidan acordarse no ámbito da negociación colectiva xeral.

Neste senso, cuestionamos que CCOO, UGT e CSIF anuncien agora mobilizacións e ameacen cunha convocatoria de folga cando foron partícipes dos acordos asinados co Goberno español que impediron a recuperación dos salarios e afondaron no empobrecemento do persoal empregado público; e cando non asumen a necesidade de blindar por lei a revalorización conforme ao IPC na administración pública. Vai ser complicado que un acordo da mesa xeral que non teña xa recoñecida esta cláusula nos deixe nunha situación de recuperación de dereitos e moito tememos que quedemos nas mesmas condicións de perda de poder adquisitivo.

 

Na xuntanza da Comisión de Seguridade e Saúde laboral da Consellaría do Mar, celebrada o pasado 16 de outubro tratouse a problemática do radón, os resultados das avaliacións de risco (AR) de varios servizos, a necesidade de formación en condución segura así como aspectos relacionados coa roupa de traballo.

Medicións de Radón.

Das medicións levadas a cabo nos centros da Consellaría, tres superan os límites de 300 Bq/m3. As medidas correctoras que se implementarán serán as de ventilación forzada e arqueta de succión. Realizaranse novas medicións para comprobar a eficacia das medidas correctoras.

Reclamamos que se informe a traballadoras e traballadores dos centros afectados dos resultados das medicións e das medidas correctoras que se desenvolverán.

Avaliacións de riscos 

Informan das avaliacións de risco (AR) das bases de Ferrol, Coruña e dársena de Orza. As medidas correctoras foron efectuadas, quedando pendente reparación que requiren coordinación coa Autoridade Portuaria.

Pedimos información da AR de Gardacostas, e dende o Servizo de Prevención de Riscos Laborais comunícannos que está iniciado proceso para a AR de traballos de campo do ano 2025-2026 de Gardacostas, Inspectores Veterinarios, Servizos Centrais. Avaliaranse tamén os desprazamentos, axentes químicos e biolóxicos e traballo en ambientes hostís.

Reclamamos que se avalíen os desprazamentos en planeadoras do persoal de Mostraxe.

Formación en condución segura.

Continuando coa formación solicitada que se especifica na AR de traballos de campo, realizaranse dous cursos de condución segura con doce persoas por curso. Un será para a zona norte que se realizará en As Pontes, e outro na zona Sur, no Circuito da Madalena.

Reclamamos que se fagan extensivos a todo o persoal da Consellaría que fai uso dos vehículos oficiais e se renove con periodicidade suficiente. 

Sumámonos ás queixas do persoal que presta os servizos en Celeiro pola dificultade de acceso á formación e mesmo aos recoñecementos médicos. Pedimos á Consellaría que facilite a asistencia tanto á formación como á vixilancia da saúde.

Roupa de traballo.

Informa a Consellaría que se levará a cabo o tallaxe das persoas dependentes das Direccións Territoriais de Vigo e de A Coruña.

Os centros que teñen o seu propio subministro de roupa de traballo seguiran coas disposicións actuais.

Enquisa de riscos Psicosociais.

Reclamámoslle á Consellaría que lembre o compromiso de facer a AR psicosociais na Escola Náutica de Ferrol co inicio do novo curso.

Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA)

Segundo o establecido, débense implementar as medidas que se acordaron tras a realización da AR Psicosocial. Así mesmo vólvese a inquirir que se establezan solucións para o aumento de carga de traballo das auxiliares de laboratorio.

Asistimos á Comisión de Persoal do 21/10/25, onde quedaron aprobadas as bases dos procesos selectivos de promoción interna a corpos xerais (A1, A2, C1 e C2). Tamén quedou aprobada unha modificación puntual da RPT de Política Social para executar unha sentenza que afecta a tres postos da escala de Traballo Social. Na rolda aberta de intervencións falouse das prazas “con asterisco” dos procesos de estabilización e da situación que existe nos servizos técnicos de menores.

Promoción interna a corpos xerais

Na Comisión de Persoal do 21 de outubro, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, aprobou co voto en contra de todas as organizacións sindicais esta promoción interna. Ver borradores

Son as bases das convocatorias de promoción interna separada para o corpo superiro-A1, corpo de xestión-A2, corpo administrativo-C1 e corpo auxiliar-C2. Pasou pola Mesa Sectorial o 13/10/25. Falta a aprobación no Consello da Xunta e publicación en DOG.

Correspóndense coas prazas das ofertas de emprego público (OEP) dos anos 2022 e 2023. Non entran as do 2024 (a CIG solicitou sen éxito a sua incorporación). Tamén solicitamos que non exista límite de prazas posto que estas non consumen taxa de reposición de efectivos.

Corpo

Convocadas
 (OEP 2022 e 2023) 

 Superior-A1 40
 Xestión-A2 150
 Administrativo-C1 282
 Auxiliar-C2 185

O corte para o primeiro exercicio vai ser de 4 por praza, ata un mínimo do 40% das preguntas, aplicado ao conxunto do primeiro exercicio, non ás partes.

A Xunta está a limitar as escalas que se poden presentar. A CIG defende que sempre, en todos os casos reciprocamente, o persoal funcionario que cumpra cos requisitos de titulación poida moverse de escala por promoción interna vertical dende o subgrupo inferior e horizontal dende outra escala do mesmo subgrupo. A directora de Emprego Público non acepta.

Somos conscientes de que en moitos casos, superar a promoción interna implica cambiar de localidade. Iso é un problema especialmente nas localidades nas que non existen postos abondo. Por iso reclamamos que se articule algún sistema que permita a recualificación do posto ou algún outro sistema que limite os cambios xeográficos.

Na fase de concurso rexeitamos a puntuación do grao consolidado mentres non eviten que as comisións de servizo pervertan este mérito pola consolidación de grao que se da nun caso moi concreto.

En canto aos exercicios, defendemos a supresión do exercicio de temas en A1, e a proba de informática en C2 (propuxemos que fora substituída por un curso de formación posterior, non eliminatoria, para todos os corpos, adaptado ás súas necesidades funcionais).

CIG, CCOO, CSIF e UGT votamos en contra.

Modificación da RPT de traballo social

Trátase da modificación de tres postos da especialidade de Traballo Social do EVO en Pontevedra en execución dunha sentenza do TSXG que lles recoñece o nivel 22 do complemento específico para así equiparalo a outros EVO.

Rolda aberta de intervencións

Sentenza 9 abril 25 do TSXG, que ordena incluír 30 prazas con asterisco nos procesos de estabilización: temos sentenzas firmes en A2-forestais, e temos información de que tamén son firmes en A1-montes, A1-agrónomos e A2-agrícolas. Solicitamos información e que digan que van facer. A directora xeral afirma que non ten información de incidentes de execución de sentenzas.

Situación grave e urxente que padece o servizos técnicos e técnicas de menores. A DXEP limítase a dicir que toman nota para tramitalo no menor tempo posible.

Outras novas recentes

Luns, 17 Novembro 2025

A CIG centra a campaña do 25N na denuncia contra a violencia institucional

Baixo o lema «Retroceder en dereitos incrementa a violencia. Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade», a Secretaría das Mulleres da CIG acusa ao Goberno do PP na Xunta de Galiza de amparar comportamentos machistas. Este 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a Secretaría das Mulleres da CIG lanza unha campaña...
Xoves, 13 Novembro 2025

A CIG convoca mobilizacións o 19 de novembro por unha suba salarial digna para o persoal empregado público

A CIG ten convocadas concentracións para o vindeiro 19 de novembro, ás 11 horas, diante dos edificios da Xunta de Galiza das sete cidades en demanda da incorporación dunha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, pola mellora das condicións laborais e por uns servizos públicos de calidade. As protestas convócanse no marco do debate parlamentar da...
Mércores, 12 Novembro 2025

Promoción interna a PSX e acceso libre a corpos xerais (A1, A2, C1 e C2), psicoloxía e auxiliar de clínica (MSF 11/11/25)

Na Mesa Sectorial do día 11 onde se negociou a promoción interna separada a PSX, acceso libre a corpos xerais (A1, A2, C1 e C2) así como acceso libre e promoción interna a psicolxía e auxiliar de clínica, a DXEP presentou os seguintes cambios respecto dos borradores iniciais: Pasan o corte de 4 a 5 por praza Incluen o criterio de xénero para o desempate Aumentan o número de...