Novas por contido

Dende a Dixección Xeral de Emprego Público acaban de comunicarnos que o vindeiro día 2 de maio de 2025 publicarase no Diario Oficial de Galicia, a Resolución pola que se convoca o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.

O prazo para a presentación de solicitudes de participación rematará o día 16 de maio de 2025.

Ao longo do día de onte recibimos información de compañeiras das residencias de maiores, rede pública da Xunta de Galiza,  que referían a que nunha das “reunións obrigatorias” que teñen coa dirección, esta lle comunicou ao persoal de enfermería que acababan de recibir unha “información de arriba” conforme a partir de agora debían de facer elas as valoracións de dependencia dos ingresos de emerxencia social que cheguen ao centro sen valorar. No día de hoxe, venres 25 de abril estase a impartir un cursiño para capacitar a este persoal para facer ditas valoracións.

Unha vez que contrastamos a veracidade desta información denunciamos este xeito absolutamente afastado da legalidade de proceder do que xorden varias preguntas que lle imos facer chegar á Xunta e que en caso de persistir na idea levaremos ao xulgado:

- Estase abrindo un “xeito b” para valorar as situacións de dependencia das persoas usuarias das residencias que cheguen sen valorar?

- Quen vai asinar as valoracións de dependencia así realizadas?

- Este “cursiño express”, quen o imparte?, que cualificación técnica ten?, é habilitador para poder facer unha valoración de dependencia?

- De onde parte a instrución dada?, quen a asina?

Dende a CIG seguimos incidindo que o único xeito de garantir o dereito á dependencia pasa por reforzar o sistema de xeito integral, reforzando entre outras cousas as equipas de valoración. En canto que a Xunta persista en solucións pseudolegais e chapuceiras o único que se consegue é que as demoras neste dereito as sigamos sufrindo as persoas en situación de dependencia e as familias que soportan este desleixo institucional.

Ante esta situación dende a CIG recomendamos que se solicite a orde por escrito e en caso de que se neguen a entregala e teñas algunha dúbida de como proceder contacta coa CIG.

No DOG do 25/04/2025 publican a RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan os criterios de repartición e convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2024 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Este acordo ten por obxecto aprobar os criterios de repartición e a convocatoria do Fondo de Acción Social do persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, relativo á axuda para a atención de persoas con discapacidade correspondente ao ano 2024.

O importe da axuda será de 2.160 euros por persoa causante, con rateo da dita cantidade para o caso de que o recoñecemento ou cualificación da discapacidade se producise con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2024 ou a convivencia non se mantivese durante todo o exercicio. A axuda aboarase na conta consignada para o ingreso da nómina.

A solicitude será única, con independencia do número de persoas causantes con discapacidade polas cales se solicita a axuda, e xerarase de forma telemática desde a internet: http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm. Presentarase dentro do prazo dos dez días hábiles seguintes ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galiza de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.gal/portada) mediante o trámite de solicitude xenérica, a través do servizo PR004A –Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado– e dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, unidade Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. No obxecto do asunto indicarase: «Convocatoria do Fondo de Acción Social do ano 2024». Xunto coa solicitude achegaranse tamén as copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos que se aleguen.

Emprego Público vén de informarnos da publicación inminente no DOG da seguinte convocatoria da axuda á atención de persoas con discapacidade (o mal chamado FAS2024):

  • Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galiza pola que se autorizan os criterios de reparto e convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do 2024 relativos á axuda para atención de persoas con discapacidade.
  • Publicación no DOGvenres 25 de abril de 2025 
  • Apertura da plataforma para as solicitudes: luns 28 de abril de 2025 (día seguinte ao da publicación no DOG)
  • Prazo de solicitudes: 10 días hábiles

 

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) remitiu aos sindicatos unha segunda versión do que sería o modelo xenérico de bases de concursos específicos. Descargar.

Este modelo de bases xa pasou o trámite de negociación na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF). A DXEP convocounos a unha xuntanza para o martes 29 de abril, previa á aprobación definitiva en Comisión de Persoal (pendente de convocar).

O novo borrador ten algúns cambios respecto do que enviaran para a MSF (31/01/25), basicamente na primeira fase (valoración de méritos):

  • Suprimen o mérito por grao persoal consolidado.
  • Limitan o traballo desenvolvido ao traballo desenvolvido en postos da mesma área funcional ou con funcións similares ao convocado.
  • Cambian a redacción da formación, copiando a dos concursos de traslados ordinarios.
  • Para a experiencia profesional específica só terán en conta a experiencia no mesmo posto obxecto do concurso (queda fora a experiencia no mesmo servizo ou unidade organizativa). E como todos estaban en comisión de servizos, iso é o que van valorar.
  • En medidas de conciliación, inclúen unha puntuación extra para as familias monoparentais.
  • O coñecemento de idioma estranxeiro valorarase só para postos nos que as funcións o requiran.
  • Inclúen o baremo do grupo de clasificación

Na segunda fase (memoria e currículo) e no resto do texto tan só hai cambios menores ou correccións.

Con estes cambios, mantemos o que xa dixemos tras a MSF:

Este tipo de concursos, pensado principalmente para xefaturas de servizo e de sección, foi un invento da Lei de emprego público de Galiza, e dende entón (ano 2015), todos os postos foron cubertos mediante comisións de servizos, polo que as persoas que os ocuparon mantiñan bloqueados outro posto. O último movemento foi en setembro do 2022, cando publicaron o Decreto de mobilidade que di pouco máis que o xa previsto na LEPG. Afecta a 861 postos (6 de nivel 20, 40 de 21, 2 de 22, 82 de 25, 33 de 26 e 698 de 28). Ver información en boletín de abril/2024.

Vai ser unha tomadura de pelo, no sentido de que non queren regular a puntuación de cada mérito, e quedará ao que decidan as consellerías en cada convocatoria. Así van poder adaptar as bases das convocatorias segundo conveña en cada caso, para axustalas o máximo posible a unhas persoas funcionarias determinadas que queiran colocar nas prazas. Dende a CIG non podemos consentir que cada consellaría faga o seu “cortijo”, cremos que tampouco responde a unha administración seria e rigorosa.

Ademais, néganse a poñer un calendario para que as consellarías convoquen a cobertura dos máis de 800 postos de concurso específico, polo que veremos como seguen as comisións de servizos en fraude de lei, moitas delas con máis de 10 anos. 

Chama a atención que o borrador das bases que nos entregou a Dirección Xeral de Emprego Público inclúe que o tempo en comisións de servizos sexa puntuable, cando todas as persoas que se atopan ocupando prazas de concurso específico foron escollidas totalmente de xeito discrecional, sen atender a ningún tipo de criterio ou transparencia. Estas convocatorias deben ser o máis transparentes posibles e que garantan o dereito de tódalas persoas funcionarias a poderen acceder a este tipo de prazas en igualdade de condicións; máxime cando estas prazas son revisables ao cabo de 5 anos, polo que condiciona en gran medida a política en materia de persoal aos gobernos seguintes.

O día 11 de abril do 2025 reuniuse de xeito ordinario o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Rural. A CIG solicitou que se convocara o CSSL por incumprimento da Lei de riscos laborais. A presidenta comprometeuse a facelos de xeito trimestral e emprazou o próximo comité para a terceira semana de xuño. Temas tratados:

1. Prego de prescricións técnicas do acordo marco para a subministración sucesiva por prezos unitarios da uniformidade de axentes ambientais e roupa de técnicos/as durante os anos 2025, 2026, 2027 e 2028: dende a CIG instamos a que o servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta corrixa a insistencia da Consellería de Medio Rural para que Axentes e Técnicos/as leven durante toda a súa xornada de traballo botas con punteira reforzada. O servizo de PRL sinala que cada EPI debe usarse para o risco para o que foi previsto e non para o uso xeral.

2. Rodas de inverno para os vehículos que traballan en zonas de alta montaña: de volver a producirse algún caso de que dende algún taller se negue a poñer estas rodas que se chame á Consellería a Santiago que tratarán de corrixilo inmediatamente. 

3. Ruído dentro do habitáculo dos vehículos Toyota e Skoda entregados na primavera do 2023: segundo a Administración só quedan 5 vehículos cos protectores que facían o ruído e seranlles retirados o día 22.04.2025.

4. Lavado de roupa de extinción do persoal do SPIF: entendemos que debe tratarse no comité da operativa de incendios e non no da consellería. Aproveitamos a ocasión para pedir que volvan enviar o protocolo de limpeza ao persoal, xa que parte deste transmitiunos que non recibiu instrucións claras. 

5. Avaliacións de riscos nas bases de bombeiros forestais: solicitamos a inclusión das bases de Guizán (Mos) e Areas (Tui) na previsión de avaliacións de riscos da consellería para o ano 2025, ambas as dúas do distrito XVIII. Non é a primeira vez que solicitamos a avaliación de Guizán, ocupada desde o ano 2023 e aínda sen avaliación inicial, e que xa denunciamos en inspección de traballo (ao igual que a base de Vincios, do mesmo distrito, que pecharon este ano). Pero un ano tras outro sempre se esquecen de avaliar estas bases da provincia de Pontevedra.

Incidimos en que case ningunha base está adecuada para as quendas de 10 horas nin para as horas de comida. Tampouco están preparadas para o doffing (ou retirada dos equipos de protección individual con feluxe). Outro caso grave é o da base de Xeve (tamén DXIX) que teñen a área de comida no mesmo habitáculo onde gardan a maquinaria e o combustible da mesma, problemas de cortes de luz que implica falta de auga quente, e inexistencia dun mínimo confort térmico.

Asi mesmo, solicitamos unha avaliación de riscos psicosociais no DXVII. Aceptan iniciar a avaliación e usala como modelo para o resto dos distritos.

6. Proposta de prego de prescricións da contratación por procedemento aberto do acordo marco para a selección de subministradores de vestiario e calzado laborais para o persoal ao servizo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria: solicitamos que se activara unha mesa de traballo específica para a roupa de traballo de AGACAL. O comité aproba a proposta da CIG, e por primeira vez dende a creación da axencia en 2019 e xa antes na extinta INGACAL imos negociar a calidade da roupa de traballo. A CIG levaba 4 anos reclamando esta negociación que acadamos por fin. Hai que lembrar que o último prego nin chegara a negociarse porque cando chegou ao comité xa tiñan o contrato en licitación, e a calidade da roupa foi nefasta. Teremos a primeira reunión o 25.04.2025.

 7. Sobreesforzos en AGACAL por falta de persoal: a Consellería comprometeuse (novamente) a solicitar de Función Pública a exención da autorización conxunta para os chamamentos das listas de contratación e recoñecen que non pode haber unha persoa traballando sola nunha quenda de traballos de campo.

Solicitamos un protocolo de actuación de como proceder nos traballos de campo cando non hai sequera as persoas previstas nos servizos mínimos e solicitamos que nos indique a quen debe dirixirse o persoal das quendas (tardes e festivos) ante o abandono absoluto da directiva de AGACAL. 

8. Desfibriladores externos no AGACAL: AGACAL instalou desfibriladores externos nos seus centros e vai dar unha formación voluntaria para o seu manexo, impartida pola Cruz Vermella. Solicitamos que esta formación, que ten que ser renovada cada dous anos, sexa extensiva a todo aquel persoal que a solicite e con opción de facela dentro da súa quenda de traballo. Dende a Xerencia da axencia comunícannos que están vendo as solicitudes para facer o curso e que non van impoñer unha limitación de prazas. 

9. Rogos e Preguntas:

  • Mandarán de novo o protocolo de como proceder en caso de picadura de carrachas e, despois da nosa insistencia, tras asinalo o distribuirán entre os/as traballadores/as
  • Pedimos protección solar (gorra con viseira, gafas de sol e crema solar) para todo o persoal de campo da consellería. 
  • A Consellería de MR contratou 294 vehículos novos e deu 264 baixas e 294 altas. O problema é que moitos dos vehículos máis antigos e con máis km non foron renovados. 
  • Estudaran a responsabilidade dos Técnicos/as de distrito no Plan de Acción. 
  • Solicitamos a avaliación do novo risco debido á introdución de vacas de raza rubia na sala de muxido do CIAM. 
  • Con data 08.04.2025 a CIG presentou un escrito sobre as medidas de seguridade nos laboratorios de Sanidade Animal da consellería. Preguntamos polas medidas que van tomar e a presidencia do comité contesta que non tiveron tempo para analizar o escrito.

O mércores 16 de abril foron aprobadas as convocatorias dos concursos de traslados de profesores e mestres das escolas nautico-pesqueiras, axentes de extensión pesqueira, arqueólogos/as, restauración, delineantes, arquivos, bibliotecas e museos. Na rolda aberta de intervencións, tratáronse os seguintes asuntos: RPT das oficinas de emprego, RPT da categoría I-40 (titulado/a superior lingüista), e cambios no teletraballo.

A maiores de corrixir algún erro que detectamos, nas bases dos concursos de traslados referidos aceptaron unhas modificacións que propuxemos. Mantemos as discrepancias nalgún baremo, pero recoñecemos que en xeral, son unhas bases aceptables, para uns concursos demandados polo persoal. As bases foron aprobadas polo voto favorable das catro organizacións sindicais con presencia na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CISF e UGT).

Da reforma da Relación de Postos de Traballo de Oficinas de Emprego, que motivou a retirada de moitos postos vacantes do concurso de traslados de corpos xerais, xa están a circular uns borradores polas oficinas. Porén, as negociacións coa representación legal do persoal aínda non comezou. Por iso, a CIG reclamou que a consellería envíe a documentación e convoque de inmediato ás organizacións sindicais.

Reclamamos a renegociación da RPT da categoría I-40. Aí está incluído o persoal que imparte os cursos Celga, pero cunhas condicións inaceptables: son postos descontinuos de 7 meses ao ano, e media xornada durante eses meses. Sería máis ou menos o mesmo que traballar 3 meses e medio ao ano, e así non se pode vivir. Nen sequera se lles está a pagar os gastos de desprazamento aos lugares en que se imparten os cursos, ou os desprazamentos para entregar os exames corrixidos. E cando os cursos son por teleformación, teñen que utilizar os seus ordenadores persoais (que con eses ingresos, non supoñemos que non serán moi novos nalgúns casos). Esta situación está a ocorrer mentres temos milleiros de empregados/as públicos/as que non poden acceder aos cursos de linguaxe administrativa por falta de oferta.

En canto a información de que en moitos servizos se están a restrinxir os luns e venres como días de teletraballo, a directora xeral de Emprego Público volve a respostar que se informará, e xa nos contará. Non esquezas que unha resolución só se pode modificar con outra resolución, non de palabra.

No DOG do 16/04/2025 publican:

- RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de inspectoras e inspectores de consumo e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo.

Todas as persoas participantes están admitidas.

- RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de inspectoras e inspectores de consumo, e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo, convocado pola Resolución do 6 de febreiro de 2024.

Publican as puntuacións provisionais das persoas concursantes admitidas para cada un dos postos solicitados no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, na epígrafe de concurso de traslados (https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/consulta).

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o mércores 16 de abril, na que se aprobarán as bases dos seguintes concursos de traslados:

1. Arqueoloxía, restauración, delineantes, arquivos, bibliotecas, museos. Descargar bases e prazas.

2. Profesores/as numerarios/as e mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, e axentes de extensión pesqueira. Descargar bases e prazas.

Se é do teu interese, tes a túa disposición o que se tratou na Mesa Sectorial do 11/04/25 sobre estes puntos.

O pasado venres 11 de marzo, tivo lugar unha xuntanza da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, na que se trataron os seguintes asuntos: 1) concurso de traslados de profesores e mestres de escolas náutico-pesqueiras, e de axentes de extensión pesqueira, 2) concurso de traslados de arqueólogos/as, delineantes, arquivos, bibliotecas e museos.

Na rolda aberta de intervencións, a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) deu información das previsións dos próximos concursos de traslados, carreira profesional, concursos específicos e teletraballo.

1) CONCURSOS DE TRASLADOS DE: ESCALAS DE PROFESORES E MESTRES DE INSTITUTOS POLITÉCNICOS MARÍTIMO-PESQUEIROS, AXENTES DE EXTENSIÓN PESQUEIRA

2) CONCURSOS DE TRASLADOS DE: ARQUEÓLOGOS, RESTAURACIÓN, DELINEANTES, ARQUIVOS, BIBLIOTECAS E MUSEOS

No concurso 1): listado inicial de postos a ofertar eran 75. A consellería retirou algún, quedando 72. Nas bases corrixen o erro de deixar sen máximo o baremo de permanencia e conciliación.

No concurso 2):

  • Retiraron a escala de expertos lingüistas porque está pendente da modificación da RPT de Agacal (había un posto en corpos xerais, e debe ir á escala de lingüistas). Eran 14 postos.
  • Retiran a escala técnica de restauración (3), por non existir ninguén en destino definitivo.
  • Retiran algún de delineante por proposta de amortización. Asegura que farán seguimento deses postos para a súa amortización efectiva.
  • Engadiuse algún posto vacante novo dende o anterior borrador de prazas
  • Partiamos de 171 postos vacantes. Quedan 153 postos.

Engaden novo baremo de puntuación polo grupo de pertenza. E engaden a documentación de penais por violencia sexual ou trata de persoas para os postos vinculados con menores.

No xeral, as bases son similares ás dos últimos concursos convocados, e en grandes liñas a CIG manifestou o seguinte:

  • As consellerías tiveron anos para modificar a súa RPT, polo que non aceptamos que agora retiren postos por propostas de amortizacións. Queremos que se convoquen todas as vacantes existentes. E se retiran algún, que se lles impida cubrilos en comisión de servizos. Queremos datos individualizados deses postos, para poder facerlles un seguimento posterior.
  • Que se estude a seguridade xurídica de poder incluír novos postos vacantes xerados entre a convocatoria do concurso e o momento de elección de postos.
  • Aumentar o máximo de anos de antigüidade (31 anos con estas bases)
  • Traballo desenvolvido: excesivamente desequilibrante.
  • Grao persoal: fixar o tope no grao 26, por ser o último conseguible por concurso ordinario.
  • Formación: faltan as escolas de idiomas. Non ao tope de 150 horas por curso.
  • Titulación académica: observamos unhs disfunción entre a equivalencia pre-Boloña e MECES. Pedimos revisión.

ROLDA ABERTA DE INTERVENCIÓNS

A DXEP facilitou a seguinte información:

Previsión de seguintes concursos de traslados: traballando no de escalas sociais (facultativos) e veterinarios e continúan traballando no resto de concursos que teñen incidencia para dar destinos nos procesos de estabilización.

Carreira profesional: analizando alegacións. En abril/maio comezarase a negociar a convocatoria en mesa.

Sentenza de destinos provisional-definitivo: están recorrendo as sentenzas e para que cause o menor dato, están convocando os concursos de traslados priorizando que teñen relación coas sentenzas.

Concurso específico: revisando alegacións. Como se quedara, convocarán unha xuntanza previa á Comisión de Persoal.

Teletraballo: pode establecerse ata 1 día fixo de presencia obrigatoria no traballo e o 40 % de presenza no servizo diariamente.

Comisión de seguimento do acordo de Política Social: será o venres 25 de abril. Enviarán a convocatoria e documentación probablemente a semana que ven.

Outras novas recentes

Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...
Venres, 12 Xuño 2026

Crónica dun enchufe anunciado: como a Xunta adaptou a praza da dirección do CGAC á súa candidata

A CIG denuncia que o nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe a crónica dun enchufe anunciado e exemplifica un padrón cada vez máis habitual na Xunta do PP, cando pretende favorecer unha persoa determinada: primeiro modifica o posto, despois adapta os requisitos de acceso e, finalmente, nomea a persoa que encaixa exactamente no...
Xoves, 04 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)

No DOG do 04/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2026 pola que se convocan actividades de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia e das entidades locais, así para o persoal...