- Detalles
Na Comisión de Persoal que tivemos o venres 21 de xuño, quedaron aprobados os seguintes asuntos:
ORDE QUE MODIFICA O DECRETO 165/2019 (equivalencia categorías-escalas para a funcionarización)
Manteñen a rebaixa de grupo da categoría III-99 (coidador/a) que iría ao grupo C2 (escalas de auxiliares de clínica ou de auxiliares de coidadores). Non podemos aceptar un proceso no que o persoal laboral fixo do grupo III pase ao C2, cando lle correspondería o grupo C1 nunha escala de coidadores a crear. Reclamamos que mentres non se solucione a baixada de grupo, non se obrigue a funcionarizarse para manter a carreira profesional. CIG e CSIF votamos en contra da proposta. CCOO e UGT abstivéronse.
RPT DE FUNCIONARIZACIÓN A C1 E C2
A proposta está chea de erros. A DXEP anuncia a retirada do punto para a súa reformulación.
RPT DA ANTIGA CONSELLERÍA DE CULTURA
Eliminan tres postos de arquiveiro/a-A2 para crear outros tres de arquiviero/a-A1, o que permitirá dar toma de posesión ás persoas que superaron o proceso selectivo.
CIG, CSIF e UGT votamos a favor. CCOO vota en contra.
RPT DE ATRIGA
Consideramos insuficientes os tres postos creados en Vigo para desempeñar o traballo feito anteriormente polos traballadores e traballadoras que pertecían ao Órgano de Recadación de Vigo, xa que os números do volume de traballo en comparación con outras delegacións territoriais, indica unha clara necesidade de máis dotación de persoal para Vigo.
Non podemos aceptar a moficificación de acceso ao posto de xefatura de servizo de Concurso Específico a Libre Designación en base a “funcións Inspectoras” non acreditadas por parte de Atriga, e que non se contemplan tampouco nas funcións relacionadas nos distintos decretos de estrutura da Axencia.
CIG vota en contra. CCOO, CSIF e UGT votan a favor.
- Detalles
Na Comisión de Persoal do venres 21 de xuño volvimos a solicitar información de se tiñan pensado manter ou non as datas de exames anunciadas polo Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o 28 de decembro de 2023 (coincidindo coa convocatoria de eleicións ao Parlamento de Galiza). Esta solicitude de información viña arrastrando dende a semana anterior, sen que tivesemos resposta. Onte, xoves 20, presentamos un escrito reiterando a nosa petición de información.
Do suspense estaban afectados numeros procesos convocados a finais do ano 2023, como son a promoción interna a corpos xerais e algúns postos de acceso libre, que van dende novembro do 2024 ata xaneiro de 2025.
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), deu resposta na Comisión de Persoal, no sentido de que se comprometían a poñer os medios necesarios para que se puidera cumprir o calendario anunciado.
- Detalles
No DOG do 21/06/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2024 pola que se convoca o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).
Convocan as actividades do programa de autoformación que figuran nesta resolución, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas nos anexos I e II.
A inscrición para o acceso aos contidos poderá facerse en calquera momento a partir do 23 de xullo de 2024, día seguinte ao da finalización do prazo de matrícula da proba de avaliación das actividades do programa de autoformación.
Poderase acceder aos ditos contidos na aula virtual da EGAP desde a inscrición de acceso ata o 30 de decembro de 2024.
O prazo de presentación de solicitudes de participación nas probas de avaliación será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e ata o 22 de xullo de 2024.
O número máximo de probas de avaliación das actividades do programa de autoformación que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a catro.
- Detalles
Un dos deberes da Administración da tolerancia cero contra a violencia machista que estaba "aprazado"
A Xunta achega o borrador de protocolo da violencia de xénero para facer alegacións
A CIG reclamou este protocolo que tiña que estar negociado e formar parte do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza aprobado o 27 de outubro de 2023.
A Administración aprobou un Plan sen este documento fundamental para protexer ás vítimas de violencia machista na contorna laboral e estableceu como unha das Medidas do Plan a elaboración deste protocolo.
O Protocolo ten que establecer un conxunto de medidas que inclúen aspectos informativos, laborais, económicos, preventivos, asistenciais. Tamén aspectos formativos e de sensibilización para contribuír á erradicación da violencia de xénero e establecer os procedementos para facilitar a protección das empregadas públicas da Administración xeral da Xunta de Galiza que sexan vítimas de violencia de xénero.
Este documento ten que dar apoio as mulleres empregadas públicas, vítimas de violencia de xénero, exercida directamente sobre elas ou baixo a forma de violencia vicaria. Ten que protexelas no ámbito laboral, facilitarlles a continuidade laboral e establecer o procedemento de comunicación e as garantías de confidencialidade, intimidade e dignidade para as vítimas de violencia de xénero.
A CIG non asinou o I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza porque faltaban documentos e análises imprescindibles para a legalidade e utilidade dun Plan de Igualdade. Por iso seguimos a reclamar contar cun verdadeiro Plan para avanzar na conquista de dereitos. E así, para cando a valoración de postos de igual valor, para cando o rexistro retributivo e para cando a auditoría retributiva?
Estamos fartas dos lavados de cara que fai a Administración para cumprir o mínimo e aparecer como os heroes da igualdade. Non admitimos “medidas” sen contido, que non engaden nada novo ao que xa recoñece a normativa. Avancemos na igualdade e demos exemplo dende as Administracións públicas.
Fóra lavados lila!!!
- Detalles
O venres 21 estamos convocados a unha Comisión de Persoal. En anteriores xuntanzas, os días 13 e 14 de xuño, formulámoslle á directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), a pregunta que non respondeu relativa a si se mantiñan ou non as datas previstas para a celebración dos primeiros exercicios da promoción interna (14 de decembro).
No mesmo anuncio feito polo Presidente da Xunta (28/12/23), aparecían tamén determinados procesos de acceso libre, polo que tamén poderían estar afectados.
Algúns dos procesos selectivos de libre derivados das mesmas ofertas que os de promoción interna, e que constaban no anuncio, xa están feitos, algúns nun estado avanzado de desenvolvemento, e mesmo algúns rematado.
Hai milleiros de persoas, funcionarias e de acceso libre, pendentes destes procesos, moitos deles e delas con vacacións aprazadas ata o mes de novembro para estudar, outras pagando academias, outras sen buscar emprego centradas na preparación do proceso selectivo, e outras sinxelamente queren poder organizar a súa vida persoal.
Por todo isto, a CIG solicita, novamente, á DXEP, que na Comisión de Persoal do venres 21 de xuño nos dea unha resposta clara sobre se os procesos selectivos para os que o Presidente da Xunta xa anunciou a data de exame, se manteñen ou non, e neste caso, cal é a nova data para permitir que as persoas aspirantes poidan organizar a vida.
A Consellería do Mar convoca, a instancias da CIG, a comisión de seguimento do Acordo de Gardacostas
- Detalles
O día 18 de xuño dende a CIG presentamos unha solicitude de xuntanza coa Consellería do Mar en relación a varios asuntos pendentes e que requiren una axeitada solución, que pasa porque a consellería actúe.
As catro cuestións básicas que se deben atender, habendo máis que tratar, son:
1. Instar a implantación dos coeficientes redutores do persoal do servizo de Gardacostas.
2. Revisión do acordo de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas …
3. Adaptación do encadramento das escalas do persoal gardacostas.
4. Cobertura de baixas e vacantes no Servizo de Gardacostas.
Hoxe día 20 a consellería atende a nosa solicitude e vén de convocarnos para o día 26 de xuño á Comisión de Seguimento da Orde de 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos de compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza
- Detalles
O persoal substituto de determinadas categorías do antigo persoal laboral da Consellería de Educación que necesita roupa de traballo para prestar o seu servizo, atópase con que a Consellería non a facilita, e teñen que recorrer a levala da casa ou a mercala eles mesmos.
Esta situación afecta, tanto a súa seguridade como á dos seus usuarios, dando á súa vez unha mala imaxe corporativa das persoas empregadas públicas da Xunta de Galiza.
Dende a CIG vimos de esixirlle á Consellería que adopte as medidas necesarias para garantir que a todo o persoal que realice substitucións se lle dote da roupa de traballo necesaria, dende o primeiro día da súa contratación, cumprindo así coa normativa vixente en materia de seguridade e saúde laboral, independentemente da natureza ou da duración do contrato.
- Detalles
Achegámosche, para a túa información, cales foron os asuntos tratados nesta xuntanza:
1. Entrega de EPIs e cumprimento dos elementos de identificación das diferentes escalas
Levamos sen entrega normalizada de EPIs dende hai case 2 anos, polo que esiximos que se axilice esta entrega de equipos e de toalliñas hixiénicas ao persoal participante na extinción de incendios forestais, e que se cumpra rigorosamente a orde de uniformidade de axentes.
A Administración indicounos que se van entregar estes lotes de EPIs e equipamento nas seguintes datas:
- Xuño 2024: 2.630 botas da empresa Fall; 500 cascos; lentes marca Bollé; semimáscaras con filtros físicoquímicos
- Xullo 2024: 5.600 cubrecalugas, chaquetas e pantalóns (2 equipos por axente e por bombeiro/a), que cumprirán a orde de uniformidade (axentes) e disporán de escudo e a denominación Bombeiro/a Forestal (bombeiros/as)
- Agosto 2024: sopradores-aspiradores de batería para limpeza e descontaminación derivada dos hidrocarburos aromáticos policíclicos (entregarase 1 por vehículo).
2. Entrega dos autorrescatadores
Esta é unha vella demanda da CIG, e trátase dun paso moi importante para a seguridade do persoal do SPIF. Función Pública di que a entrega rematará antes de xullo. Tamén pedimos que se trate coa máxima urxencia a compra dunha mochila ou outro sistema para poder levar o autorrescatador, botica de primeiros auxilios individual, cantimplora e semimáscara. En conxunto este equipamento pode pesar arredor de 5 kg, peso que consideramos excesivo para portar sen elementos adicionais de suspensión.
3. Protocolo de descontaminación de EPIs
A pesar de que é unha boa iniciativa por parte da Administración o uso de sopradores-aspiradores portátiles para minimizar a exposición a hidrocarburos aromáticos policíclicos, é preciso un protocolo claro para establecer as accións preventivas e as accións necesarias para acadar o mínimo risco para o persoal. Neste senso a Administración vai con moito atraso. Na CIG xa temos elaborado un documento, polo que urximos á Administración a que redacte dito procedemento, no que, por suposto, estamos dispostas a participar.
4. Dotación de auriculares para o persoal condutor de Bulldozer
Dende a CIG pedimos que se faga a compra antes da campaña de alto risco, para garantir a seguridade do persoal que durante a extinción requira a presenza do Bulldozer, xa que a correcta comunicación entre persoal SPIF e maquinaria pesada é garantía de maior seguridade e calidade nas operacións que se realizan en conxunto.
A Administración, aínda que é reticente, está a valorar diversos modelos e fala de mercalos en breve.
5. Plan de formación 2024. Simulacros
A Administración informa de que se van a impartir 37 cursos, cuxa programación saíu publicada no Pladiga. Porén, dende a CIG manifestamos que o plan formativo elaborouse sen contar coa parte sindical, e esiximos que se escoite ao persoal. É importante que se incremente o nivel formativo actual para todos os grupos e escalas, e que se mellore a formación da categoría de vixilantes, xa que son quen poden achegar mellor información na detección do lume.
Toda esta formación debe encadrarse nas correspondentes unidades de competencia, reguladas pola norma estatal, para permitir que o investimento formativo leve á obtención das certificacións profesionais normalizadas que se están a instaurar en toda Europa. Precisamos pechar o círculo investimento-formación-certificación.
A Administración informou tamén sobre os simulacros realizados. Dende a CIG insistimos na necesidade de que se aplique a circular de simulacros en todos os distritos, e se cumpra o nela estipulado, pois segue habendo distritos onde non se fixo ningún simulacro.
6. Información de alertas meteorolóxicas para vixilantes
No último comité a CIG formulou a necesidade de establecer un procedemento obxectivo para limitar o acceso ás casetas de vixilancia en circunstancias de condicións meteorolóxicas adversas. Neste senso a Administración trae a este Comité un procedemento asociado aos niveis de risco e ás condicións meteorolóxicas que, cando se perfeccione, establecerase como unha orde. A priori este documento parécemos correcto, aínda que faltan afinar algúns puntos.
7. Outras peticións por parte da CIG
Na CIG recibimos algunhas queixas pola excesiva anchura da forma da bota de extinción actual, o que está a producir danos nos pés das e dos traballadoras/es.
Tamén manifestamos que se debe mellorar inmediatamente o punto de encontro de Meis (Pontevedra), onde o persoal non dispón de neveira nin dos elementos básicos para poder facer unha comida; e onde non hai butacas ou sofás para poder descansar cando sexa preciso.
Igualmente, indicamos a necesidade de engadir na botica de primeiros auxilios as pinzas especiais para retirar carrachas.
Para calquera aclaración ou consulta sobre estes ou outros asuntos, podes contactar connosco dende aquí.
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) vén de convocarnos para o 20 de xuño de 2024 a unha Comisión de Persoal onde se someterán a votación os seguintes asuntos:
- Proposta de anteproxecto de Orde pola que se modifica o Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia. Descargar proposta
- Modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo administrativo da administración xeral (subgrupo C1), corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial (grupo B) e no corpo de axudantes de carácter facultativo da administración especial (subgrupo C1); no corpo auxiliar da administración xeral (sobgrupo C2) e no corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial (subgrupo C2), da Administración xeral da Comunidade Autonóma de Galicia. Descargar proposta
- Proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da extinta consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Descargar proposta
- Proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA). Descargar proposta
Se tes algo que comentar, contacta coa CIG.
- Detalles
Este sindicato ten constancia de que non se está a convocar a Comisión de Listas, en prexuízo da transparencia e seguridade xurídica destes procedementos de selección de persoal e da xestión de chamamentos para a cobertura con carácter temporal.
O procedemento que regula a cobertura temporal de postos de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria figura na Resolución do 20 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, e afecta ás seguintes listas de colectivos profesionais do ámbito da comunidade autónoma galega:
- Lista de persoal inspector médico
- Lista de persoal inspector farmacéutico
- Lista de persoal farmacéutico/inspector de saúde pública
- Lista xeral de persoal licenciado sanitario: licenciaturas en Medicina e Cirurxía, Farmacia, Ciencias Químicas, Ciencias Biolóxicas e Psicoloxía
- Lista de persoal subinspector sanitario
- Lista de ATS/DUE
A Administración está a incumprir este prodecemento, dado que non está funcionando a comisión para o seu seguimiento e control, a cal corresponde á representación legal das/os traballadoras/es.
Esiximos que no prazo máis breve posíbel se convoque a xuntanza da Comisión de Listas, permitindo así que este órgano actúe dentro do ámbito das competencias que ten atribuídas, teña coñecemento de todas as decisións adoptadas e poida velar pola correcta xestión destas listas e dos correspondentes chamamentos, garantindo rigorosamente o cumprimento do procedemento e a máxima transparencia no acceso a estes postos.


