Novas por contido

En plena paripé de negociación da "repesca" da carreira profesional, Función Pública convocounos para o venres 22 a unha Comisión de Persoal na que se van votar os mesmos borradores da carreira profesional que se estiveron "negociando" hoxe mércores 20 e mañá xoves 21.

Que significa isto? Pois que as xuntanzas previas non serven para nada porque non moveron nin unha sóa coma duns borradores aos que non deron tempo a analizar polo miúdo, sen período de alegacións previo e que foron amañados coa participación cómplice dalgúns sindicatos.

Borrador carreira profesional persoal funcionario. Descargar

Borrador complemento desempeño persoal laboral. Descargar

Borrador modificación RPT de Política Social e Xuventude. Descargar

No DOG do 20/12/2023 publican a RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos e escalas que se relacionan no anexo I desta resolución, así como para o desempeño temporal de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que se relacionan no anexo II.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, htz://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes).

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

As persoas que solicitaron a inclusión electronicamente a través de fides.xunta.gal deberán acceder a fides.xunta.gal e realizar as alegacións que consideren oportunas; fides.xunta.gal permitirá xerar un documento para remitir a través dun rexistro presencial a documentación que deba presentarse e que non sexa copia auténtica ou non fose posible comprobala automaticamente. Só se admitirán as alegacións que se realicen por medio desta aplicación informática para as solicitudes que se presentaron a través de fides.xunta.gal

O director xeral de Función Pública convocounos a unhas xuntanzas da Mesa Sectorial de Funcionarios Públicos e da Mesa Xeral de Empregados Públicos que terán lugar respectivamente o 20/12/23 e o 21/12/23 para tratar os seguintes asuntos :

  1. Proposta de Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do Emprego Público de Galicia, para o persoal funcionario. Descargar
  2. Proposta de Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. Descargar
  3. Modificación da RPT de Política Social e Xuventude. Descargar

A bote pronto e a falta dunha análise polo miúdo, Función Pública trae a negociar de xeito exprés e sen período de alegacións previas unhas propostas de ordes da carreira profesional e complemento de desempeño que abondan na discriminación entre o persoal empregado público, que non corrixen as eivas anteriores nin recoñece os efectos económicos dende o 1 de xaneiro de 2019 nin sequera do 1 de xaneiro de 2022. Outra vez unha carreira chapuza, rebaixada e excluínte.

Se tes algo que comentar, contacta coa CIG.

O director xeral de Función Pública convounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que terá lugar o mércores 20/12/23 cos seguintes puntos na orde do día:

  1. Proposta de acordo para a formación dunha unidade móbil especializada da escala de axentes forestais e medioambientais. Descargar
  2. Modificación da RPT da Presidencia da Xunta de Galiza. Descargar
  3. Dar conta da proposta de modificación da RPT de Facenda e Administración Pública aprobada na Comisión de Persoal do 22/11/23. Descargar

Función Pública enviounos os borradores das convocatorias dos seguintes procesos selectivos, todos de acceso libre e promoción interna para que presentemos alegacións:

Escala  Total prazas  Discapacidade  Promoción interna  
C2 xerocultor/a 13 2 4  Descargar
C2 persoal de servizos xerais (PSX) 83 12 21  Descargar
C2 auxiliar laboratorio 12 1 3  Descargar
B téc. educación infantil 124 16 31  Descargar

 

Ao tempo, envían unha modificación da convocatoria do proceso de A2-escala de inspección turística, publicada no DOG do 07/07/23, consistente na imposición do requisito de permiso de conducir B, e un curso selectivo de formación. Descargar.

Se é do teu interese, podes achegarnos as túas consideracións: contactar coa CIG.

O director xeral de Función Pública convocounos a unhas xuntanzas que serán o luns 18/12/23, para tratar sobre:

Acordo para a formación dunha unidade móbil especializada da escala de axentes forestais e ambientais

Descarga a proposta da Administración

Proposta de modificación da RPT de Política Social

Non envían documentación, pero probablemente sexa sobre a recualificación a xornada completa das prazas de xornada parcial pactado no Acordo de condicións de traballo nos centros de Política Social.

Debido ás numerosas preguntas que se nos fai en relación á información sobre os actos de elección de destino das escalas de enxeñaría agronómica, técnica agrícola, montes e técnica forestal, compre que a Administración defina a orde na que se van a realizar eses procesos.

Partimos de que nas catro escalas hai dous procesos selectivos en cada unha delas (un de libre e outro de estabilización) e en todos os procesos hai unha quenda de promoción interna.

En procesos separados de promoción interna non habería dúbida na orde que habitualmente se emprega: promoción interna, estabilización e libre.

Neste caso, si se interpreta que as declaracións de Función Pública de que primeiro irían os procesos que tiveran unha promoción interna como aqueles nos que hai algún aprobado na promoción interna, isto produciría a seguinte secuencia das eleccións de destino: promoción interna, libre e estabilización.

A realidade é que haxa ou non haxa aprobados a quenda de promoción interna está en todos os procesos e era así para garantir a orde de prelación que derivaría se os procesos no canto de separados fosen xuntos.

Por iso se nos apunta a idea de alternar a orde dos procesos do seguinte xeito:

1. Quenda de promoción interna do proceso de estabilización.
2. Quenda de promoción interna do proceso de libre.
3. Quenda de acceso libre do proceso de estabilización.
4. Quenda de acceso libre do proceso de libre.

Esta orde que sería lóxica ao ser convocados todos os procesos no mesmo día, parecería a de sentido común. Neste caso se ningún aspirante superou a quenda do punto 1, deberíase continuar co resto dos puntos nesa orde.

Estamos á espera de que Función Pública nos dea a resposta.

No DOG do 15/12/2023 publican a RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

A Canle de emprego público de Galicia (FIDES) constituirá a plataforma de acceso ao expediente persoal electrónico.

O expediente persoal electrónico (en diante, expediente) é o instrumento onde se integran todos os datos e documentos persoais e profesionais do persoal incluído no ámbito de aplicación destas instrucións, nun soporte electrónico interoperable e multidisciplinar, que posibilita a xestión integral do seu currículo nun contorno propio, flexible, áxil e actualizable ao longo do tempo.

O expediente incluirá datos persoais e identificativos, así como académicos ou profesionais, e calquera outro dato que se considere necesario para a xestión dos procedementos de persoal. Os datos de contacto que figuren no expediente usaranse de xeito preferente para as comunicacións e notificacións que teñan que realizar os órganos competentes, salvo que a normativa específica na materia estableza outras canles ou criterios.

As persoas interesadas poderán solicitar a actualización ou modificación dos datos que consten no seu expediente. As persoas interesadas terán que iniciar este proceso electronicamente a través da Canle do emprego público de Galiza (FIDES) para actualizar a información nas epígrafes correspondentes a cada mérito e xerar o documento de solicitude a través do sistema.

Podemos permitirnos este xogo de palabras porque o resultado das nosas accións foi satisfactorio: dende a CIG esixirámoslle á Función Pública que resolvera o problema das convocatorias de promoción interna das antigas categorías de persoal laboral (agora escalas de persoal funcionario) como:

  • Escala técnica de mantemento de servizos, (subgrupo C1).
  • Escala técnica de análises de laboratorio, (subgrupo C1).
  • Escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade de capataz, (subgrupo C1).
  • Escala auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidade de oficial, (subgrupo C2).
  • Escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos e bibliotecas, (subgrupo C2).

A raíz da nosa demanda fíxose unha corrección de erros que non solucionaba o problema fundamental pois non permitía a promoción interna vertical cruzada dende os grupos V ao C2 e dende o IV ao C1 do persoal laboral fixo que superou os exames de funcionarización pero que non foran aínda nomeados.

No DOG de hoxe recóllese o que dende un principio reclamamos e por fin se permite ás persoas das categorías inferiores acceder a promoción interna destas novas escalas.

 

O luns 11 de decembro constituíuse a Comisión de seguimento do Acordo de centros de Política Social. Nesta sesión:

- O director xeral de Función Pública comprometeuse a enviar o listado dos 145 postos de xornada inferior que pasan a xornada completa. Catro deles xa están a xornada completa, e os 141 restantes pasaranos de inmediato.

- Propoñen constituír as seguintes subcomisións técnicas de traballo:

  • Para o punto C da cláusula 9ª: definición das necesidades de servizos e intersubstitucións, regulación das consecuencias e pagamento ou compensación.
  • Para o punto E: estudo das causas de absentismo, proposta de medidas para a sua rebaixa, estudo e proposta de medidas para evitar a sobrecarga de traballo no funcionamento dos centros como consecuencia das adaptacións dos postos de traballo.
  • Para o punto F: estudo e proposta de un protocolo e plan de actuación fronte aos ataques físicos ou verbais que se poidan sufrir no posto de traballo.
  • Para o punto G: estudo e determinación para a proposta do uso do comedor en todos os centros que teñan comedor xestionado directamente pola Administración a cambio dunha contrapestación económica por parte do/a usuario/a.

Todos os demais puntos abordaranse na Comisión de seguimento. As subcomisións técnicas para os puntos F e G, deberían rematar no momento en que se chegara a acordo.

Nesta semana será a constitución completa das subcomisións técnicas, para o que Función Pública pedirá ás organizacións sindicais os nomes das persoas integrantes. As subcomisións terán o mesmo número de membros que a Comisión de seguimento: dúas persoas por sindicato asinante (8 persoas) e o mesmo número por parte da Administración. Na subcomisión técnica do punto F, indica que debería estar presente na parte da Administración, unha representante da Vicepresidencia 1ª, da que depende Riscos Laborais.

Todas as organizacións sindicais aceptamos a proposta

Os criterios que aplicaron para a elaboración da súa proposta de carteleiras son:

  • Nocturnidade: desconto de tres horas por noite traballada, o que vai implicar aumento de persoal
  • 5 xornadas continuadas como máximo
  • 2 noites consecutivas como máximo
  • Manterase o número de presencias actual
  • O número máximo de fins de semana traballados non poderán exceder do 60%
  • A xornada máxima anual será de 1442 horas, con 35 noites mais ou menos

A aplicación destes criterios implica a creación de mais de 100 efectivos, que nos transmitirán nos vindeiros dias.

Valorarase a itinerancia, e a intersubstitución, que en ningún caso sería superior ao 50% en cada unha delas (ter en conta que son dúas cousas diferentes). 

Convocaranse xuntanzas nas xefaturas territoriais para estudar as propostas de carteleiras igual que ate o de agora. As carteleiras que ao desenvolver individualizadas teñan problemas, ou non cumpran os criterios, levaranse á Comisión de seguimento para o seu estudo.

Os domingos e festivos pagaranse coa nómina de decembro nun concepto aparte, dende o mes de xaneiro de 2023 ate o mes de outubro inclusive. No Consorcio pagarase ate o mes de novembro inclusive.

O persoal que nos estea traballando actualmente na Consellería, pero estea en activo noutra consellería, cobraría os domingos e festivos feitos, de oficio.

Pendente de mirar como se paga ao persoal que estea cesado neste momento, ou se xubilase este ano. 

Aplicarase a todo o mundo a compensación por coincidir o 24 e 31 en domingo, co que se aplicarán os 8 días de asuntos propios que aparecen no Portax. O prazo para pedilos, será ate o 31 de marzo.

Outras novas recentes

Luns, 08 Xuño 2026

Caos nas listaxes de contratación

O venres 05/06/26 na Comisión de Persoal, dende a CIG, demos aviso de que as listas de contratación estaban resultando un caos, e que así o estaba reclamando o persoal a través de queixas por rexistro que nos están facilitando, xa que están recibindo chamadas para incorporarse no posto unha hora despois e senón serán penalizadas; e notificacións con coberturas que, en vez...
Venres, 05 Xuño 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión

Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice. Aínda que non...
Luns, 08 Xuño 2026

Inicio de curso nas escolas infantís

Na Comisión do venres 5 de xuño trasladamos o que xa rexistramos ante a Consellaría de Política Social a respecto do inicio de curso nas escolas infantís.  As familias nestes días de matrícula están preguntando polo inicio de curso, e as respostas actuais son, por unha banda, incertezas e, pola outra, temos a resolución publicada co inicio de curso para o día 4 de setembro...