Novas por contido

Xa está, xa nos meteron o dedo ben metido no ollo, xa temos mobilidade, xa retornamos ao LD-dismo de Fraga. E algúns fican contentos.

UGT e CSIF apoiaron a Función Pública na súa reforma, contando o conto de que con elo suavizaron a mobilidade forzosa e meteron algunha mellora no texto mentres que CIG e CCOO non quixemos negociar.

Toda unha trapallada que comezou fai tan so unha semana cando tentaron forzar unha modificación da lei sen tempo de reacción, cun festivo por medio, utilizando a Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta. Nesa ocasión atopáronse con que os catro sindicatos plantamos aos responsábeis políticos e a prensa se fixo eco das nosas demandas. Pero a unidade e o plante non foi posíbel repetilo porque UGT e CSIF agacharon as orellas para que en troques de dez paus, so recibamos nove.


Temos claro que o motivo fundamental da reforma era retornar á situación de clientelismo co nomeamento discrecional dos xefes de servizo, sendo a mobilidade forzosa un obxectivo secundario, a carnaza que atraería a atención dos empregados públicos e restara atención ao principal da reforma.

Antes de coñecer a integridade do texto anunciaron aos medios de comunicación unha reforma dura que implicaría comisións de servizo forzosas, e centraron sobre esta unha negociación que non existiu, a presas, ás agachadas, coa mesma celeridade doutras ocasións infames que non vemos noutros asuntos.

A CIG-Autonómica, lonxe de entrar ao trapo resaltou que a reforma contiña varios puntos que se resumían na potestade que se lle daba ao "dedo omnímodo" de Feijoo de nomear e trasladar a quen quixera.

A Xunta intentou escenificar unha negociación en torno á mobilidade e dous sindicatos, UGT e CSIF entraron ao trapo centrando as súas reivindicacións nun punto que estaba preparado pola Xunta para ir cedendo gradualmente mentres non se tocara o tema das LD dos Xefes de Servizo.

A nosa posición foi clara: inda que con algunha cousa positiva, estabamos ante unha reforma demasiado seria como para ventilala a toda presa, e había que retirar o texto na súa totalidade. Non se trataba de buscar fórmulas paliativas á mobilidade forzosa senón de retirala do texto xunto coa libre designación de xefes de servizo, a vergoñenta exclusión dos asesores da lei de incompatibilidades, a posibilidade de indulto para empregados públicos delincuentes ..

UGT e CSIF mostraron a súa disposición a negociar a mobilidade e os resultados foron os seguintes:

  • A Xunta consegue o obxectivo principal de nomear a dedo aos xefes de servizo.
  • Conseguen o obxectivo secundario, a mobilidade do persoal funcionario. Non vai ser xa mediante a fórmula da comisión de servizo forzosa, que implica desprazar á persoa pero conservar o posto de orixe, senón algo mais grave: a posibilidade de adscribir tanto á persoa como ao posto, a outra consellaría, localidade ou chiringuito. UGT e CSIF berran a victoria pola desaparición das comisións de servizo forzosas do texto, algo xa previsto pola Xunta no proceso negocial, pero ocultan que o sistema utilizado vai ser máis gravoso para os empregados públicos que o da proposta orixinaria.
  • Aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid, fomentan tamén as comisións por acumulación de tarefas en lugar de só aquelas que tiñan un posto vacante que era necesario a cubrir. Ten sentido dende o punto de vista organizativo, pero a nivel de colectivo de persoal interino supón decirlle adeus aos chamamentos por acumulación de tarefas.


Dende a CIG-Autonómica non lle dimos carta de natureza a esta negociación-trampa que so servíu para deteriorar á Administración Pública. Tratarán agora de vendernos que non hai mobilidade forzosa porque xa non consta a figura da comisión de servizo forzosa, e ocultarán que se poderá adscribir o posto e a persoa a outras unidades e localidades cando así o quixer o Consello da Xunta que dun plumazo poderá adscribir postos dunha determinada unidade a calquer outro órgano ou ente. E o venderán como froito dunha victoria na negociación onde eles aparecen de salvadores dos empregados públicos.

Supoñamos que non cheguen a utilizaren a formula da reasignación forzosa: cos movementos de prazas que producirán as comisións voluntarias, ten algún sentido a existencia de concursos de traslados? Estaremos ante un novo sistema de provisión voluntario para estómagos agradecidos?

Tampouco dirán nada sobre o retorno ao sistema de libres designacións para as Xefaturas de Servizo. E a maiores dirán que como froito da negociación se conseguiron non sabemos que outras cousas, como a funcionarización do persoal laboral (algo xa recollido no EBEP, e no Acordo para a mellora de emprego a iniciativa da CIG), unha nova Lei de Función Pública para o 2011 (cando en novembro xa tiña que estar negociada segundo anteriores promesas).

A traizón e mala fe está consumada: as diversas relacións de postos de traballo que, paseniño, se foron actualizando, contiñan unha importante redución dos postos de LD; e na negociación do actual concurso de traslados de funcionarios dos corpos xerais a CIG xa demandou que se ofertasen todos eses postos. Función Pública prometeu nese intre que para decembro do 2010 estaría en marcha un concurso "especial" para as xefaturas de servizo. Pero o conseguido nas bases e nas prazas era insuficiente polo que a CIG non o apoiou. Agora que esqueceron a súa promesa, agora que amosan a verdadeira faciana do que tiñan argallado, que cara lle queda aos sindicatos que si apoiaron o concurso de traslados?

Descarga: texto consolidado da reforma da Lei da función pública.

Outras novas recentes

Martes, 30 Setembro 2025

Campaña de vixilancia da saúde 2025/2026 para persoal non docente de centros de ensino

Aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme ás instrucións deste...
Mércores, 01 Outubro 2025

RPT de Medio Rural e RPT da administración especial para poder finalizar o concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias

O venres 26/09/2025 celebrouse a Comisión de Persoal onde se levaban dous asuntos,   RPT de Medio Rural Estamos en contra dunha modificación de RPT na que se amortizan 14 postos de traballo para crear 7. Sen os postos derivados do decreto de estrutura temos que se destrúen 7 postos para crear 2 e para financiar a inmoral e insolidaria suba do complemento específico dos...
Venres, 03 Outubro 2025

Persoal da Xunta de Galiza reclama unha solución inmediata á parálise dos concursos de traslados (Concentración 30/09/2025)

A CIG demanda unha prelación xusta, axilidade na resolución, máis medios e a duplicidade dos postos bloqueados por medidas xudiciais Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza concentráronse na mañá do martes 30 de setembro de 2025 diante do edificio administrativo de San Caetano para esixir unha solución inmediata aos concursos de traslados, paralizados dende hai...