Novas por contido

A piques de aprobarse o decreto que integrará ao persoal dos entes instrumentais na Administración Xeral da Xunta.

O xoves 29 de decembro tivo lugar a Mesa Xeral de Empregados Públicos onde sindicatos e administración tratamos o borrador de decreto que regulará o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais, consecuencia da LOFAXGA, lei apoiada polos sindicatos UGT, CCOO e CSIF.

A CIG non comparte os parabéns dos outros sindicatos, por canto que este decreto, lonxe de poñer un punto final ás contratacións de persoal por parte dos entes, deixa a porta aberta a que as sociedades mercantís e fundacións públicas sigan contratando persoal sen control co cal non estamos ante un punto final senón ante unha nova porta de atrás aberta.

O decreto establece que o persoal laboral fixo será integrado como persoal laboral da Xunta. A CIG non está conforme que a regulación disto conste no decreto, senón que debe ser obxecto de negociación nas distintas ordes, xa que temos moi diversos casos:

  • Hai persoal que no seu día aprobou un proceso selectivo como persoal laboral da Xunta e que co tempo remataron integrados en diversos entes, nalgúns casos baixa ameaza. É o caso, por exemplo, do CIXTEC. Non estamos conformes con que perdan a antigüidade do seu ente para concursos de traslados e promocións, ou que puidese darse o caso de que se integren nun grupo inferior ao que accederon no seu día mediante oposicións da Xunta.

  • Hai persoal que entrou directamente nos entes, mediante un proceso selectivo serio cumprindo todos os criterios establecidos.

  • Hai persoal que entrou directamente nos entes sen ningún tipo de control.

Os casos son distintos e merecen distinto tratamento. Non pode ser se estableza o mesmo criterio de antigüidade ou requisito de titulación.

Tampouco estamos conformes con que se poida dar o caso de que persoal laboral temporal da Xunta poida ser despedido para adxudicarlles as prazas ao persoal que se integra. Isto, a maiores dunha inxustiza, sería unha redución importante do emprego público e o decreto deixa a porta aberta a que nas diferentes ordes se poida facer.

O decreto establece que se respetará “preferentemente” a localidade. Existe persoal laboral da Xunta que leva anos tendo que desprazarse a outra localidade, ben porque hai poucas prazas na súa de residencia, ben pola lentitude dos concursos de traslados. Non se pode infrinxir o V Convenio adxudicando prazas sen que previamente pasen por un concurso de traslados.

Outro extremo a comentar é o das retribucións. Resulta que o persoal que ao integrarse pase a percibir retribucións inferiores, terán un beneficio durante seis anos: irán perdendo paulatinamente as súas melloras mediante un complemento transitorio até a súa igualación co resto do persoal laboral da Xunta. Porén, aqueles que ao integrarse pasen a percibir retribucións máis altas por teren salarios inferiores, tamén terán que agardar uns anos. A CIG non está conforme: se os van integrar, que sexa con todas as consecuencias, para o bo e para o malo. Como alternativa, que nos igualen a todos co persoal dos entes que teñan mellores retribucións.

O que si nos satisface, aínda que isto é insuficiente, é que, agás para as sociedades mercantís e fundacións, o resto de entes non terán persoal propio, rexeranse polas normas de función pública en canto a formas de acceso, concursos, relación de postos de traballo... Todo isto, supón un pequeno paso atrás na LOFAXGA para darlle a razón ao que vimos defendendo dende a CIG, aínda que como repetimos, as sociedades mercantís e fundacións van poder seguir facendo o que queiran en materia de persoal.

As intervencións dos outros sindicatos son difusas. Todos eles critican que haxa retribucións inferiores ás da Xunta, pero ninguén excepto nós critica que se poida integrar persoal con retribucións nalgúns casos propias dun conselleiro.

Función Pública xa nos adiantou que vai recoller algunha das alegacións dos sindicatos antes do día 3 de xaneiro, data en que xa nos adiantaron que quedará definitivamente aprobado na Comisión Superior de Persoal.

Descarga documentación para a Comisión de Persoal

Outras novas recentes

Venres, 05 Xuño 2026

Corpos xerais: modificación da RPT da administración xeral, datas de elección de destino e tomas de posesión

Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos que están pendentes de que ese acto se realice. Aínda que non se atenderon a algunhas das nosas...
Xoves, 04 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua do segundo semestre de 2026

No DOG do 04/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2026 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Convocan as actividades formativas que figuran no anexo II,...
Martes, 02 Xuño 2026

Corpos xerais: RPT para as tomas de posesión, as promocións internas e algo máis

Na reunión da mesa sectorial do luns 01/06/2026, se abordaron varias cuestións relativas ás tomas de posesión de corpos xerais.   A RPT para incrementar prazas para os actos de elección de destino En primeiro lugar, o asunto que se levaba á mesa era a RPT de administración xeral, onde se creaban postos para poder realizar as tomas de posesión. Créanse 341 postos e...