O máis grave do contido dos Orzamentos da Xunta para 2013 (que reforzan e sobrepasan as restricións previstas os Orzamentos do estado) radica en que van provocar a desaparición non só de servizos públicos, senón tamén de unidades enteiras de traballo por mor das taxas de reposición 0, a non cobertura de vacantes e a amortización explícita que determina o artigo 24 do anteproxecto de Lei de orzamentos.
Deste artigo despréndese a perda de case 1.200 prazas directas da administración xeral galega, sen contar as futuras vacantes que se vaian producindo. Afondando así no deterioro da calidade dos servizos prestados.
Manifesto conxunto ao remate das manifestacións
As Organizacións Sindicais con representación no Sector Público autonómico rexeitan as medidas do Goberno
Dende o inicio da crise económica, no ano 2009, os Servizos Públicos e empregados/as Públicos, vivimos un permanente acoso que pretende a fin do Estado de Benestar que construímos con permanentes loitas e conquistas que fomos conseguindo ao longo de moitos anos.Esta agresión que os empregados/as públicos sufrimos pódese resumir nun case estado de excepción, no que se nos nega a negociación das relacións laborais sendo sometidos a un agresivo frenesí normativo que dita por decreto as nosas condicións de traballo, reducindo progresivamente os dereitos adquiridos ao longo de décadas. A salientar:
1º. Rebaixa salarial anual nunha media do 5%, en determinadas categorías de ata o 9%, no 2010 (RD Lei 8/2010), cun IPC do 2,9%. Ao tempo utilizábase como coartada que a porcentaxe de empregados/as públicos, dun 9,5%, era elevada obviando que a media da UE era do 16%, cun altísimo crecemento do emprego público dun 1% na última década, para unha poboación que medraba en 6 millóns de persoas. Tamén se esquecen que somos o país da UE que en termos porcentuais menos investimento efectúa no emprego público tal e como reflicte o elevado número de traballadores e traballadoras que son mileuristas.
2º. Conxelación salarial no 2011, que levou aparellada a conxelación de Ofertas de Emprego Público (Lei 39/2010, de Orzamentos Xerais do Estado), cun IPC do 2,4%.
3º. Supresión de dereitos e acordos sobre Xornada laboral (RDL 20/2011), e outros dereitos conseguidos.
4º. Ampliación da xornada mínima nas administracións, (Lei 2/2012, de Orzamentos Xerais do Estado), nova conxelación salarial, mantendo pagas extraordinarias reducidas e abundando na imposibilidade de incrementar as taxas normais de reposición de efectivos.
5º. Reforma Laboral, RD Lei 3/2012, que introduce o despedimento colectivo e individual do persoal laboral do sector público, por causas económicas, técnicas e organizativas. Expedientes que soamente poden ser de extinción de posto de traballo, non de redución de xornada ou suspensión temporal de contrato.
6º. Supresión de días adicionais de vacacións. Reducen os días de asuntos propios (APs) que pasan a ser unicamente 3 ao ano. Supresión da paga extraordinaria do Nadal (o que significa un 7% de redución salarial anual). Supresión dos acordos e pactos de dereitos sindicais. Anúlase a posibilidade de xubilación parcial dos funcionarios, así como as melloras económicas en IT, RD Lei 20/2012, e Lei 1/2012 Galiza.
Como novo ataque aos empregados/as públicos elabórase un anteproxecto de Lei que reduce o salario nunha media dun 4% para o ano 2013, en determinadas categorias de ata o 6%, minorando as pagas extraordinarias arredor dun 40%.
Por iso, dicimos basta, xa abonda, e rexeitamos esta nova medida en contra dos empregados/as públicos de Galiza, que sumará unha perda en tres anos de máis do 20% de salario.
Xaneiro de 2013. POLA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS