Novas por contido

Os sucesos acontecidos neste tramo final do ano 2009 nos procesos selectivos dos grupos C1 e C2, foron de tal magnitude e gravidade que a cidadanía galega en xeral, e os empregados públicos en particular, esperaban unha explicación satisfactoria  por parte da Administración Pública galega, e medidas ao respecto acordes á relevancia dos feitos.

O cúmulo de circunstancias e decisións que nos trouxeron ata aquí, son de todos coñecidas:

A PORTA DE ATRÁS. A decisión política de suprimir o coñecemento do galego das probas selectivas, levou á DXFP a unha carreira desbocada, contrarreloxo, que sen medir as consecuencias e camiñando ao filo da lei levounos a modificar as bases das convocatorias e impoñer un prazo de matriculación extraordinario. Con el abríronse as portas para quen cometeu fraude nas oposicións. Sen el, isto non tería acontecido.


TRIBUNAIS POLÍTICOS. A decisión, tamén política, de impedir exercer a facultade das organizacións sindicais de propoñer un vogal nos tribunais, xunto coa designación política de tribunais con predominancia entre os seus membros de persoas que ocupan cargos de libre designación, configurou un modelo de tribunais de obediencia cega, onde a independencia que lles debería ser propia, é soslaiada pola submisión a quen lles concedeu a prebenda da libre designación.

A ZONA GRIS. A querencia histórica desta Administración pola contratación de empresas e servizos alleos sen que exista control da súa actividade, a entrega a mans privadas de toda a actividade loxística destes procesos e a non asunción por parte da Administración dos aspectos organizativos na súa integridade, levan á creación dunha zona gris onde á Administración Pública non chega e a empresa privada apodérase da intendencia dos procesos selectivos.

Todo isto abonou o campo para que florecesen as irregularidades nos procesos selectivos, e así o advertimos dende a CIG unha e outra vez.

  • Despois de dar un prudente marxe de confianza ao DXFP e de prestarlle o noso auxilio para tratar de determinar a natureza e alcance das filtración e a determinación de responsabilidades,
  • despois de coadxuvar a abrir unha nova liña de actuación presentando unha denuncia á fiscalía, achegando luz á investigación con novos datos,
  • despois de esgotar ata o límite os tempos necesarios para que a Comisión oficial de investigación, sen a nosa participación, puidese traballar e chegar a solucións concluíntes,

chegamos ao fin do traxecto sen nada substancial, sen propósito de emenda, sen determinación de responsabilidades administrativas e políticas e sen unha idea clara nin datos de que as filtracións só se limitaran aos casos xa coñecidos. 

A paciencia ten un límite.

A promesa de facilitarnos o informe da Comisión oficial de investigación foi incumprida ao sernos facilitadas simplemente dúas follas de conclusións baseadas unicamente en análises estatísticas, sen que se determine o modus operandi dos culpábeis, nin se determine que empresa ou empresas interviron nos procesos, nin quen son os responsábeis de que estes escandalosos sucesos se produciran.

Á luz do informe de FP non se pode concluír que o proceso das filtracións non fose máis aló de cinco persoas.

Nunca fixemos demagoxia e por iso nunca culpamos aos tribunais das filtracións, Pero si esiximos responsabilidades por unha simple cuestión de saúde pública e hixiene democrática. A nosa petición de cesar aos tribunais e substituílos polos suplentes non foi atendida. Eles son os responsábeis da custodia dos exames. Se non o fixeron porque se lles impediu deben dimitir. Se non o fixeron por falta de medios, deben dimitir. E si non o fixeron porque Función Pública se apropiou da competencia de organizar os exames para entregala a unha empresa privada, deben dimitir.

Os tribunais deben cesar. Eles son os responsábeis da custodia dos exames.

Os procesos débense paralizar preventivamente. Ata que se determine a orixe e o alcance da filtración, se cese aos tribunais e se pronuncie o Ministerio Fiscal sobre a denuncia presentada pola CIG.

A CIG, nun exercicio de responsabilidade, non esixiu nun primeiro momento a dimisión do director xeral porque existiran filtracións. Non é a nosa forma de proceder esixir dimisións alegremente e ponderamos os feitos, o tempo que leva no cargo, a herdanza do pasado é a iniciativa dun primeiro momento por intentar esclarecer os feitos.

A CIG, e con ela os cidadáns e os empregados públicos vímonos defraudados, e por iso, tamén nun exercicio de responsabilidade, esiximos agora que, quen tiña que adoptar medidas conducentes a garantir a limpeza dos procesos e quen tiña que adoptar medidas conducentes a esclarecer e determinar o alcance e contido das filtracións e non o fixo, asuma a súa responsabilidade.

Non o culpamos das filtracións, pero si de adoptar medidas lesivas para os intereses da administración publica galega que desembocaron no actual estado de cousas, de consentir a privatización dos procesos selectivos e de non adoptar medidas conducentes á clarificación dos feitos e que garantan uns procesos selectivos limpos.

 Por todo isto a CIG pide a DIMISIÓN DO DIRECTOR XERAL DE FUNCIÓN PÚBLICA

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...