Novas por contido

O martes 27 de outubro, tivemos unha xuntanza coa DXFP para a constitución do grupo de traballo para o desenvolvemento normativo do teletraballo.

Como CIG remitímonos as alegacións presentadas e esiximos como premisa de inicio a instauración con carácter inminente do teletraballo COVID como a mellor ferramenta para a protección da saúde do persoal. Lembramos tamén que cumpre modificar os protocolos actuais para adaptalos á nova realidade que supón o contaxio por aerosois en lugares pechados, facendo fincapé no servizo de transporte de empregados públicos. Consideramos que nalgúns aspectos este borrador dá pasos atrás con respecto á regulamentación do teletraballo vixente.

Tras as intervencións do resto de sindicatos, Función Pública fixo as seguintes consideracións:

  • Contempla o teletraballo presencial como “principal” e como un servizo á cidadanía, aínda que algúns temas se poidan levar ao ámbito non presencial.
  • Manifesta que durante o estado de alarma estivo a teletraballarse de xeito xeralizado, pero non se pode dicir que aceptablemente ben porque non se conta cos medidores correspondentes para avaliar como foi realmente ese teletraballo. Afirman que si houbo moitas queixas da cidadanía en canto á atención telefónica.
  • Persoa supervisora: será o titular do órgano de adscrición de posto e con carácter xeral será o/a subdirector/a xeral ou no seu caso, o/a xefe/a de servizo ou o seu equivalente nas entidades do sector pùblico autonómico.
  • Farán unha regulación das funcións e a supervisión, cando menos fixar os obxectivos do órgano e dos postos e definir os indicadores que permitan informar e valorar da forma máis precisa posible o cumprimento dos obxectivos e realizar o seguimento, a verificación e a avaliación de resultados coa finalidade de tomar as decisións necesarias para conseguir os obxectivos fixados.
  • Establecerán nun artigo os dereitos de carácter individual e colectivo:
    • Dereitos individuais: dereito á carreira profesional, a formación e a promoción profesional, dereito ao horario flexible e ao rexistro horario, dereito á prevención de riscos laborais e á aplicación da normativa preventiva no traballo a distancia, dereito á intimidade, á protección de datos e á desconexión dixital nos termos previstos na lexislación vixente.
    • Dereitos colectivos: dereito a exercer os seus dereitos de natureza colectiva co mesmo contido e alcance que o resto das persoas traballadoras e dereito a poder participar efectivamente nas actividades organizadas ou convocadas polos representantes legais ou polo resto das persoas traballadoras na defensa dos seus intereses laborais como o exercicio presencial do dereito ao voto nos procesos de elección para representantes legais.
  • Xornada: entenden que si ten que establecerse unha franxa horaria de dispoñibilidade como é a das 9 ás 14.30 na que din e que a persoa ten que estar dispoñible , non necesariamente traballando, pero si dispoñible. Pon o exemplo dunha persoa que teña unha función de atención telefónica, terá que saberse cando atende á cidadanía. Valorarano de novo.
  • Postos non susceptibles de ser desempeñados en teletraballo: Valorarán as alegacións. Mirarán de darlle unha redacción alternativa. Consideran que hai algúns postos que non poden ser. Outros si. Para Función Pública a atención á cidadanía é indispensable polo que hai que intentar conxugar as dúas cuestións.
  • Requisitos: chámalle a atención porque son os mesmos requisitos ou case idénticos da actual regulamentación de teletraballo de 2013 e 2014. Din que con esta regulamentación vixente xa se resolveron dous concursos de traslados e que ata agora non tiñan coñecemento desta problemática plantexada agora. Mirarano.
  • Xornadas a desenvolver: Teñen os datos do teletraballo ordinario concedido, din que o 20% teñen tres xornadas máximas de teletraballo o que implica e que o 80 % restante teñen de máximo dúas xornadas de teletraballo. Daranlle unha volta.
  • Día de presencia ou día do contaxio: daranlle outra redacción.
  • Presencia do 40 %: valorarán de novo este apartado.
  • Non ven a compatibilización do teletraballo co traballo presencial, consideran que non facilita a conciliación da vida laboral e familiar e que o tempo en itinere dun lado para outro é unha perda de tempo importante.
  • Procedemento: debe resolvelo o titular do órgano directivo. Din que se simplificaron os trámites ao desaparecer o informe conxunto previo e preceptivo de Función Pública coa dirección xeral de Calidade e Reforma Administrativa.
  • Farán unha redacción para as xefaturas territorias e os servizos periféricos dado que non está recollida no borrador.
  • Mirarán de establecer un prazo mínimo de entrega do material. Falarán con Amtega.
  • Obxectivos e plan individual de teletraballo: vai agora neste borrador de teletraballo pero entenden que é unha cuestión que se ten que estender tamén ao traballo presencial co establecemento duns indicadores ou duns medidores do traballo que se fai.
  • Réxime especial: matizarán algunha cuestión como o dos maiores de 60 anos e algunha máis.
  • Comisións técnica e comisión de seguimento: entenden que deben manterse as dúas comisións porque na técnica trátanse cuestións que son potestade da administración, pero contemplan a posibilidade de convocar a comisión de seguimento 48 horas ou unha semana como máximo despois da comisión técnica.
    • Con respecto á comisión de seguimento, dende a CIG lembrámoslle que na anterior orde de teletraballo nesa comisión estaban todos os sindicatos con representación na Mesa Xeral de negociación de empregados públicos e que agora nesta comisión de seguimento só estarán os asinantes, o que ao noso entender conculca o dereito á negociación e a boa fe negocial que deber rexir toda negociación. Din que a xurisprudencia existente sostén que esas comisións son legais. Solicitamos estar en ambas comisións.
  • Mirarán de aquilatar o prazo de tres meses respecto ás solicitudes de teletraballo en curso nestes momentos.
  • Derrogación normativa: concretarano un pouco máis.
  • Valorarán tamen a inclusión da comunicación ás organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Persoal Empregado Público da Xunta de Galicia da relación de solicitudes de teletraballo autorizadas e denegadas, tal e como figura na regulamentación vixente.

Mañá remitirán un novo borrador.

SITUACIÓN ACTUAL:

  • Recoñecen un maior número de casos de covid 19 que hai uns meses pero din que o nível de hospitalización é menor. os datos que manexan a día de onte din que a porcentaxe dos contaxios no persoal do ámbito de FP é a metade en relación co resto da poboación. Fan seguimentos diarios. Poñen o exemplo dos colexios e institutos onde entre persoal docente, non docente e alumnado son máis de 35,000 persoas e que están a “traballar con normalidade” pese a ser moita máis aglomeración de xente que nos edificios administrativos.
  • Recoñecen que a situación pode cambiar, pero polo de agora non ven a necesidade de instaurar o teletraballo COVID como se fixo no anterior estado de alarma. Lembran que continúa vixente o teletraballo por circunstancias especiais para aquelas persoas que teñan algunha patoloxía.
  • Con respecto aos autobuses de transporte de empregados públicos din que se toman as mesmas medidas que para o resto de transporte de viaxeiros autorizadas polas directrices sanitarias e que en todo caso é responsabilidade da dirección xeral de Mobilidade.
  • Informan que a Vicepresidencia primeira está en trámite de adquisición de máscaras para todo o persoal de oficina do ámbito de Función Pública que non se lle dera xa. Contan con facer a entrega ao longo de novembro.
  • Falarán co servizo de prevención de riscos para valorar unha posible modificación das instruccións ditadas por ese organismo.
  • Están axilizando ao máximo a resolución e concesión das solicitudes de teletraballo.

ROGOS E PREGUNTAS:

  • CIG pregunta que pensa facer FP cos procesos selectivos, se contempla paralizalos ou seguir adiante. Din que ao longo do mes de outubro levan feito exames de 12 procesos selectivos sen problema ningún. Respecto aos procesos pendentes do primeiro exame, están agardando pola autorización das autoridades sanitarias. Levan traballando tempo con Sanidade e unha vez que teñan a súa autorización enviarán unha previsión de datas de exames que poderá ser adiada sempre en función da evolución sanitaria. Contan con dar as datas previstas de exames na semana que vén.
  • Contemplan a realización dos exames dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e agrupación profesional de persoal subalterno tanto de acceso libre como de consolidación e PI do A1, A2, C1 e C2 ademais da OEP social incluído biólogos.
    Estanlle buscando o encaixe para facer nun prazo breve de tempo os que poidan. Recoñecen que non é o mesmo un proceso de 100 aspirantes que un de 12.000 ou 15.000, polo que as datas dalgúns destes procesos poden ser a dous ou tres meses.
  • Lembran que o Real decreto publicado o domingo 25 de outubro autoriza os desprazamentos entre CCAA para a realización de exames oficiais. Sinalan que a Administración do Estado non suspendeu os seus procesos selectivos e que nunha mesa celebrada onte en Madrid insistiulle as comunidades autónomas en acelerar os procesos de estabilización de emprego.
  • Contemplan a multisede e a realización de exames en distintos días e incluso en varias quendas. Van enviar un borrador de protocolo para a realización dos exames ás autoridades sanitarias antes de remitilo ás OOSS. Contan con manter a previsión respecto aos contaxios e corentenas como suposto de forza maior para a non realización das probas. Nese senso, pretenden facer coma nos procesos de funcionarización, para o que solicitarán informes xurídicos para confirmar se se pode facer ao tratarse de procesos de concorrencia competitiva.
  • Manteñen o compromiso de avisar das datas cun mes ou catro semanas de antelación.
  • Elección de destino e tomas de posesión: nesta semana haberá unha xuntanza para ver os criterios a seguir. Adiantan que en moitos casos non chegan as prazas vacantes puras.
  • Concurso de traslados: non se pronuncian mentres non fagan as consultas correspondentes coa subdirección que leva o tema.

 

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

Convocatoria do Consello Reitor da EGAP (26/12/24)

O 17 de decembro recibimos a convocatoria da EGAP para asistir ao Consello Reitor, que este ano se estableceu o 26 de decembro de 2024. Como é habitual na EGAP, a convocatoria non se remite coa documentación a tratar na xuntanza (a secretaria da EGAP indica que se enviará en "datas próximas"), quizais coa expectativa de que a leamos por Noiteboa ou Nadal... Entre os puntos...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...