Novas por contido

O xoves 29 de xuño tivemos unha xuntanza con Función Pública na que se tratou unha nova proposta de acordo para os FISP (Farmacéuticos/as Inspectores/as de Saúde Pública)

Con esta nova proposta xa van tres versións dun documento inicial ao que fixemos alegacións sen que tiveramos nin unha explicación por parte da Consellería de Sanidade nin puideramos discutir o documento nunha mesa de negociación propia.

Dende a CIG reclamamos a negociación por apartados nos que resolver as seguintes cuestións:

  • Funcións e traballo habitual dos novos postos de coordinadores/as.
  • Cadro de persoal para realizar todas as novas funcións e tarefas e cobertura horaria. Modelo de carteleira e proposta de RPT (Niveis 24 e 25).
  • Acordo de condicións de traballo, cumpre:
    • Solucionar os problemas do preámbulo (a Administración fai unha xustificación da imposición horaria baseándose nun decreto anterior non negociado)
    • Horarios de traballo. Seguen a presentarnos un horario raro, con fraccións de 15 min e superior a xornada ordinaria dos empregados públicos. Insistimos no horario de 7 horas/día ordinario e contabilizar o tempo nas gardas (presenciais ou non). É dicir, non aceptamos ampliacións horarias en cómputo anual sobre o máximo establecido no EBEP e na LEPG. O horario especial é unha distribución horaria irregular, non un exceso horario. Coa proposta da Administración poden sumar máis de 20 días de traballo consecutivos. Cuestionamos a necesidade das tardes e que se teña que cubrir toda a provincia.
    • Gardas localizadas e gardas de presencia fisica. Seguen existindo as dúas no texto pero solo se define a garda localizada. O horario por garda resulta excesivo, propomos reducir a 12 h. Non hai compensación de ningún tipo, nin en cartos nin en tempo, nin sequera prevén a axuda de custo para xantar e tampouco hai devolución do día consumido.
      Ademais non se aclara se unha garda se refire a un fin de semana completo ou cada garda é un día solto. Se se trata de garda=día=6 gardas non dan as contas en base o cadro de persoal actual, nen sequera cubrindo a provincia como pretenden. Demandamos unha carteleira de gardas equilibrada. Debe definirse que pasa cando coinciden varios festivos nunha semana. Consideramos que se debe sumar ao máis próximo, non ao seguinte. Coa redacción actual pode que o festivo sexa o luns e que se teña que sumar ao fin de semana seguinte.
    • As funcións dos coordinadores/as nos fins de semana e festivos non están definidas. Entendemos que deberan facer as mesmas que os FISP, se non aínda dan menos as contas para cubrir o servizo.
    • Compensacións. Mellora con respecto a proposta anterior por actualización das cantidades en base a subas salariais dende o 2008 (Veterinarios/as de Saúde Pública) pero segue a ser moi cutre:140 euros máis ao mes por traballar a quendas e gardas con todas as novas funcións. Hai que establecer claramente cal é o específico diferencial porque coa redacción proposta parece que o CE ordinario é diferencial, cando realmente está sumado.
    • As horas extras. Ou son horas extras por alongamento da xornada (ordinaria ou extraordinaria) ou son gardas. Debe definirse correctamente. Se son gardas non se deben atar a caídas, xa que é tempo efectivo de traballo.
    • Mobilidade. Na CIG rexeitamos o artigo da mobilidade. Se é necesario propoñemos que contraten a máis persoal ou que dimensionen adecuadamente o cadro de persoal actual.
    • Efectos económicos. O alongamento da negociación deste acordo é responsabilidade da propia Administración, polo que para evitar un prexuízo económico ao persoal afectado solicitamos que os efectos económicos sexan dende o 1 xaneiro de 2023 e non dende a data de sinatura.
    • Comisión de seguimento. Pedimos que estea conformada polas OOSS da MXEP na vez de polos asinantes. Entendemos que dá maior flexibilidade de convocatoria e resolución na interpretación e control. Estamos cheos de comisións de seguimento que nunca queren convocar.

A Administración finalmente dixo que vai enviar un novo borrador para ter unha última reunión o xoves ou venres da semana que vén, antes de levar o Acordo a aprobación na Comisión de Persoal. Aclara que as gardas son en lotes de fin de semana (un fin de semana=unha garda) e teima en que non se van compensar por que “son de dispoñibilidade” obviando a xurisprudencia que di que o tempo disponible é a tódolos efectos tempo de traballo.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de varias escalas do subgrupo C1, C2 e da agrupación profesional

No DOG do 30/09/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escalas técnicas de mantemento...
Martes, 06 Outubro 2026

Axentes ambientais: case un ano sen o plan de igualdade específico que esixe a lei

A Xunta suspende de novo en igualdade. A Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e medioambientais, establece unha obriga específica para as administracións competentes. O seu artigo 14 (Igualdade de xénero), dispón literalmente: As administracións responsables, de acordo co fundamento de actuación de igualdade de trato entre mulleres e homes do artigo...
Xoves, 01 Outubro 2026

A Xunta fabrica comisións de servizo: (con) concursos a contagotas e postos a dedo

Nestes días vanse dar máis postos en comisión de servizos que no concurso de traslados de corpos xerais. Remata un concurso de traslados de corpos xerais e volven dispararse as comisións de servizo. Nada novo baixo o sol da Administración da Xunta: dende o 16 de setembro de 2026 (día seguinte ao da resolución do concurso) xa se concederon 292 postos en comisión de servizo....