Novas por contido

Os días 1 e 3 de xullo asistimos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e á Comisión de Persoal. En rogos e preguntas tratáronse os seguintes asuntos:

Roupa de traballo en centros de ensino: a CIG denunciou na Comisión de Persoal do 21 de xuño que a Consellería de Educación non facilita a roupa de traballo ao seu persoal de menos de 6 meses que a necesita para o traballo, e teñen que traela de casa. Non deron resposta, e insistimos en saber se fixeron algunha xestión coa consellería. -> Consellería de Educación: non teñen constancia desta problemática a nivel xeral pero enviarán instrucións ás unidades de persoal para que acheguen ás direccións dos centros para que os centros cumpran co acordado. De detectaren nalgún centro en particular que non cumpre, pide que se lles faga chegar a información.

Persoal temporal e interino en vacante que ten data de remate aos tres anos: pregunta feita na Comisión de Persoal anterior e sen resposta, repreguntamos si van producir ceses a partir do 8 de xullo ou os van a prorrogar por ter as prazas convocadas, e se os cesan, se van a facer novos chamamentos. -> DXEP: limítase a dicir que cumprirán co número 4 do artigo 10 da Lei 20/21 (non do nada novo).

Comisións de servizo de máis de dous anos: xa pasaron dous anos dende a resolución do anterior concurso de corpos xerais, polo que xa pasaron ou están a pasar os dous anos máximos de comisión de servizos segundo a Resolución do 27/03/2006 da DXFP. Preguntamos a Función Pública que previsión teñen, se van a prorrogalas ou chegan ao fin. -> DXEP: di que aínda non se deu o caso de superar os dous anos (non o cremos), e que cando chegue, decidirán.

Prazas de discapacidade nos procesos de estabilización: preguntamos que van facer coas prazas que non se cubran, se van acumulalas ás demais ou quedarían vacantes. Xa preguntamos fai meses polo asunto, e respostaron que se acumularían, pero non hai nada escrito. Solicitamos que polo menos resposten en mesa e conste en acta. -> DXEP (directora xeral de Emprego Público, antiga Función Pública): limítase a dicir que o estudarán.

Traspasos de persoal de Gain: a directora do ente anunciou que está aberta unha negociación para a transferencia de parte do persoal a Economía (Departamento de Enerxía e DX de Solo Empresarial) e Igape, e a distribución de competencias. Tamén parte do persoal de CIS Ferrol que non está claro que todo el vaia para Enerxía. A negociación está aberta pero non dan prazo de remate á vista e non teñen a lista de persoal afectado que se vai de GAIN. Polas intervencións dalgunha persoa, temos sospeitas de que Gain e polo menos un representante doutro sindicato están con negociacións de despachitos. A CIG preguntou á DXEP se existen esas negociacións ocultas, cales son os criterios de transvase. -> DXEP: non ten coñecemento das negociacións do acordo de transferencia e distribución de competencias entre Gain e consellerías.

Estabilización de Gain: informou o director de área de xestión, de que o proceso de estabilización está rematado (teñen estudadas e analizadas as reclamacións de puntuación provisional). Teñen problemas con 3 persoas que por puntuación obterían praza en gain e en Xunta simultaneamente, e segundo informou o director, fixeron consulta con FP (onde lle dixeron que a única solución é coordinar no tempo os dous procesos) e cun representante de CCOO e este fixo consulta con FP para ver como actuar. Preguntamos porque un representante doutro sindicato está informado e non a CIG. E cal foi a resposta de Función Pública? -> DXEP: os procesos de estabilización de Gain e FP coordínanse.

Oposicións veterinarios/as laborais en destino provisional: varios deles están no proceso de estabilización a veterinarios funcionarios. Preguntan cando vai ser a súa funcionarización, e así esquecerse da estabilización. -> DXEP: a funcionarización será antes dos procesos de estabilización.

Acordo de condicións de traballo do SPIF: irá ao Consello da Xunta neste mes de xullo.

Comisión de seguimento de acordo de centros de Política Social: insistimos en saber cal é previsión de convocatoria. -> DXEP: di que están co documento de criterios. En definitiva, “estamos en ello”.

Cando van a tomar pose os laborais funcionarizados na convocatoria de promoción específica? -> DXEP: cando rematen todas as RPTs de funcionarización.

Carreira profesional extraordinaria. Aínda queda xente que solicitou e está pendente de comezar a cobrar. -> DXEP: hai solicitudes pendentes, quedarán resoltas case ao 100% neste mes de xullo.

Erros en baremacións dos procesos de estabilización. Denunciamos numerosos erros, como son:

  • Non se bareman os cursos acreditados ate chegar ó máximo de 17.5 puntos porque no momento de confeccionar a lista aínda figuran en situación de ET (en trámite) ou P (pendente) en algúns expedientes; outras persoas teñen os expedientes coa documentación xa tramitada e validada e polo tanto sí lle puntúan todos os cursos. Evidentemente non podemos consentir que se faga unha baremación de méritos mentres toda a documentación da totalidade dos expedientes non estea tramitada completa e axeitadamente.
  • A moitas persoas non se lle están a baremar os cursos de Linguaxe administrativa/xurídica galega, equivalente a Celga 5.
  • En relación coa baremación provisional da escala 2051 (A2 Corpos xerais) non se lles valoraron de oficio os exercicios superados en procesos selectivos previos
  • No Consorcio o tempo traballado na categoría non está a ser baremado debido a que, aínda que a categoría está correctamente expresada, a denominación do posto é incorrecta: Mestra ou Educadora A2 aparece coa denominación de Enxeñeiro técnico, peritos e axudantes titulados (!!!) e estes datos están importados dende a Seguridade Social
  • No Consorcio non se está a ter en conta na puntuación os exames aprobados en procesos selectivos a pesares de ser da “administración convocante”, xa que o persoal fixo do Consorcio que vai ser integrado e funcionarizado na Xunta accedeu ós seus postos en virtude deses procesos selectivos convocados para cubrir prazas de persoal laboral fixo no ano 2008.
  • Na listaxe provisional do baremo de méritos da escala de Educación Social aparecen persoas (mínimo 14) que desistiron xa deste proceso porque xa acadaron unha praza derivada da OPE de 2019; isto pode estar a pasar en outras categorías.

-> DXEP: farán as correccións necesarias de oficio.

Persoal laboral fixo en adscrición temporal, pendente de funcionarización: van a prorrogar a adscrición? -> DXEP: como a funcionarización estaba prevista para o 1 de xullo e non se fixo, prorrogarán as adscricións provisionais.

Outras novas recentes

Venres, 17 Xullo 2026

Oposicións a enx.agronómica, agrícola, obras públicas, informática e arquivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial do xoves 16 de xullo, tratáronse as convocatorias de diversos procesos selectivos: enxeñaría agronómica e informática (A1), e enxeñaría técnica agrícola, obras públicas e arquivos (A2). Viña tamén o proceso selectivo de persoal veterinario, pero non enviaron a documentación polo que foi retirado da orde do día (probablemente quede para a semana que ven)....
Luns, 20 Xullo 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de educación infantil e auxiliar coidadores

No DOG do 20/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos,...
Luns, 20 Xullo 2026

Altas temperaturas no SPIF

Hidratación, avituallamento e medios de apoio A CIG solicita á Consellería do Medio Rural medidas preventivas para garantir a seguridade e a saúde do persoal que permanece longos períodos fóra da base durante episodios de calor. A SITUACIÓN Coas vagas de calor que estamos sufrindo, o persoal do SPIF está sometido a un estrés térmico engadido ao propio estrés térmico da súa...