Novas por contido

Durante anos sen convenio, sen trienios... e agora queren meter o acelerador para que apandemos con todo o que queiran impoñer

A directora xeral de Emprego Público e o xerente do organismo propoñen niveis e salarios máis baixos que na Xunta para o persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar.

A nova RPT chega nos últimos días do ano 2024, non negociada, inzada de centos de erros e sen a debida documentación que posibilite a máis mínima negociación e a súa tramitación; e sen que sexa de ningunha maneira factíbel a revisión destes 1804 postos en 2 días; motivos máis que suficientes para que esixamos:

  • A súa retirada
  • A entrega de todas as memorias, datos e a documentación corrixida e sen as deficiencias detectadas
  • O  tempo preciso para poder valorala, atender a todas as reclamacións e queixas do persoal do Consorcio e presentar alegacións en detalle e con coñecemento de causa
  • A negociación en condicións admisíbeis

Lembrámoslles tanto á directora xeral de Emprego Público como ao xerente do Consorcio que todos estes postos teñen persoas detrás deles, e que o Consorcio non é unha estrutura abstracta.

Pola súa banda, tanto a directora xeral como o xerente recoñecen que non houbo negociación nesta nova RPT 2024, e admiten que hai moitos erros (non erros illados), polo que lles esiximos que nos remitan a proposta actualizada para poder estudala. A resposta, tanto da directora como do xerente, foi que ían remitir o luns 16 de decembro a versión corrixida (de momento seguimos á espera...), dando un prazo de alegacións até as 10 h do mércores 18 de decembro e recoñecendo, tamén, que a nova versión vai seguir contendo erros, dado que o xerente do Consorcio non vai molestarse en corrixilos todos. Anticiparon que van seguir sen estar todos os datos de todo o persoal con sentenzas de indefinición e de fixeza. Aínda así, e con erros sen corrixir, queren darlle para adiante, para logo, supostamente, parcheala... Disque agora necesitan a RPT para que os centros poidan seguir funcionando!

Erros e chapuzas da RPT do Consorcio

Traen á Mesa unha RPT de persoal funcionario, cando todos os contratos do Consorcio son, de momento, de persoal laboral. A Dirección Xeral sempre informou que primeiro ían ser de persoal laboral e logo transvasaríanse á RPT de persoal funcionario. Consecuentemente, esiximos que todos os postos de RPT sexan de persoal laboral, pois este é o vínculo xurídico do persoal traballador no Consorcio. Incluso as sentenzas gañadas de indefinición son de persoal laboral. A xurisprudencia do Supremo é clara e coñecida.

- Carece de memoria económica e dunha memoria funcional cuns mínimos

Carece dunha mínima táboa de equivalencias das categorías profesionais, niveis e escalas do Consorcio coas mesmas ou comparábeis da Xunta. Esiximos que a presenten. Os niveis das distintas categorías do Consorcio teñen que ser iguais ás mesmas categorías da Xunta.

- Non se fan constar todos os postos da RPT ocupados polo persoal fixo, polo persoal con sentenza de fixeza ou persoal con sentenza de indefinición, postos que se ofertan á estabilización

- Saen na RPT datos que non se corresponden coa realidade dos servizos prestados no Consorcio, como prazas xa existentes que aparecen con itinerancias e non as teñen; ou como os postos de inclusión, que aparecen con dúas escalas (pedagoxía/psicoloxía ou educación social/traballo social). Esiximos coñecer con que criterios se establecen as itinerancias en cada caso, ámbitos, tempos e xustificación da súa creación, con independencia das flutuacións futuras nas matrículas de crianzas en centros do rural. No caso dos postos de inclusión, deben de aparecer como están neste momento e como foron ao proceso de estabilización.

- Opoñémonos a que se limiten as coordinacións e direccións a determinadas titulacións. Indicamos que estes postos deben abrirse a todas as titulacións da mesma área, dado que pode haber dificultades para cubrilos.

- Opoñémonos ás amortizacións de prazas de psicoloxía e traballo social ocupadas sen posto en RPT para crear coordinacións de centros da área de Benestar.

- Opoñémonos ás direccións de CEMVI e centros de maiores por libre designación.  Advertimos que as LDs  só poden ser ocupadas tanto en comisión de servizos como en propiedade por persoal funcionario de carreira.

- Nomean ao persoal  da categoría de técnica/o en Xardín de Infancia (educación infantil) como axente en Educación Infantil. Preguntamos: van crear esta nova «categoría» na Lei de Emprego Público, vía Lei de medidas, para non pagar os mesmos salarios? Esiximos que se nomeen as categorías segundo se recolle na Lei de emprego público de Galiza.

- Non se dotan do persoal necesario determinados servizos, ou a dotación é insuficiente. En moitos casos nin se recollen no borrador os postos que xa están dotados de persoal. Solicitamos que para a dotación de persoal dos centros se siga o mesmo criterio.

Contacta coa CIG, no caso de que teñas observacións, reclamacións ou detectes máis irregularidades.

Outras novas recentes

Xoves, 18 Xuño 2026

Contra o decretazo nas listas de substitución da Xunta: folga de 1 hora

Dado que a Administración segue adiante coa aplicación do Decreto 40/2026, que modifica o 37/2006 de listas de substitucións chamamos a todo o persoal que forma parte das listas de contratación e ao que está en activo a una folga o vindeiro día 23 de xuño de 11h a 12h. Este problema afectanos a todas e todos. Ó persoal que forma parte das listas que ve recortados os seus...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27. Os...
Luns, 22 Xuño 2026

RPT de Aturga, concursos de traslados, vacacións e asuntos propios, devolución de taxas (MSPF 19/06/2026)

Na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSFP) do venres 19 de xuño tratamos a modificación da RPT de Aturga, e preguntámoslle á DXEP sobre varias cuestións a respecto dos procesos en marcha: as tomas de posesión das escalas sociais, as devolucións dos pagamentos de taxas de procesos selectivos do SPIF anulados, o concurso F0425, a IT no momento da elección de destino e as...