Novas por contido


Ante a denuncia da CIG a responsábel da EGAP manifestou que non suprimiu nada, só cambiou o «xeito» no que se celebran as nosas Letras con respecto a anos anteriores. 

A xuntanza complementaria (06/02/25) ao consello reitor de 26 de decembro de 2024 trouxo cola e temos que ir por capítulos. Dado que a dinámica habitual da dirección da EGAP é dar a calada por resposta, por parte da CIG reiterámonos en todos os asuntos expostos no consello reitor, entre os que está a supresión dos actos conmemorativos oficiais do Día das Letras Galegas de 2024, que se viñeron celebrando ininterrompidamente dende hai 38 anos.

Ante as novas peticións de aclaracións durante a xuntanza sobre os motivos que levaron a esta supresión, a dirección da Escola insistiu en que non ten ningún problema co Día das Letras Galegas nin co galego. Porén, a directora fixo depender a celebración das Letras da súa continuidade no cargo tras a toma de posesión de Rueda en abril de 2024, nun acto narcisista de personificación da institución nela mesma. Despois de confirmar esa continuidade, e ver que non había tempo suficiente para as celebracións tradicionais, a directora manifestou que optou por «mailear» (enviar por email) un vídeo sobre a intelectual homenaxeada, motivo polo que —segundo ela— non se pode dicir que non se fixo nada… Ese vídeo, sinalou, «meneouse» e obtivo moitísimas descargas, aínda que di non lembrar cantas, pero a EGAP comprobouno e trasladoullo ao Consello da Xunta nun informe.

Na CIG consideramos que esta é unha escusa intolerábel e inadmisíbel máis para xustificar o inxustificábel: o incumprimento reiterado dos fins para os que a EGAP foi creada, entre os cales se atopa a difusión e a normalización do galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal empregado público e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galegas. Os actos conmemorativos oficiais do Día das Letras Galegas, realizados por este organismo, non poden nin deben depender dos medos dunha persoa a perder o seu cargo público.

Todos estes feitos cobran maior relevancia, se cabe, se temos en conta o contexto de emerxencia lingüística na que nos atopamos, motivo polo que hai convocada unha manifestación nacional este 23 de febreiro en Compostela (12 h na Alameda) , á que che convidamos a asistir. 

Lingua Vital Xa na EGAP!

Outras novas recentes

Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Venres, 13 Novembro 2026

Agacal, Gain e Intecmar quedan para a seguinte OEP de funcionarización

A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse. Sen convocatoria á CIG para as negociacións...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...