Novas por contido

Suba salarial de 6000 € na Consellaría de Facenda e na Atriga nas prazas do nivel 28 e nivel 30. E o resto de persoal... que???

A CIG foi convocada a unha xuntanza coa Consellería de Facenda e Administración Pública o 4 de xuño de 2025 para tratar as modificacións das relacións de postos de traballo (RPTs) da propia Consellaría e da Axencia Tributaria de Galiza (Atriga).

A modificación de RPT que nos presentan, por unha banda, é para a adaptar a Consellaría de Facenda ao Decreto 141/2024 e as súas modificacións, onde se regula a estrutura orgánica da Consellaría; e por outra banda, os cambios da RPT son para a reorganización dalgúns servizos.

Non obstante, a modificación da RPT obedece, fundamentalmente, a darlle cumprimento á Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2025. Isto quere dicir que se pretende facer o mesmo que fixo Presidencia hai uns meses cando lle subiu máis de 5000 € ao persoal letrado de nivel 30, así como na parte proporcional no caso das prazas de nivel 28, para equiparalos|as ás remuneracións dos|as letrados|as do Consello Consultivo de Galiza.

Escala de Finanzas: suba de 6.000 € nos complementos específicos en prazas de nivel 30 e parte proporcional nas de nivel 28

Agora, a Consellaría de Facenda e Administración Pública e a Atriga, vanlle subir os complementos específicos tamén nunha contía de 6000 € na Escala de Finanzas para as prazas de nivel 30 e na parte proporcional ás prazas de nivel 28… En coherencia co dito canto á suba salarial dos|as letrados|as, manifestamos que na CIG non nos opoñemos á suba salarial dos empregados e empregadas públicas, pero si nos opoñemos a que esas subas salariais só lles afecten a un grupiño de postos, como se de castes administrativas se tratase.

Topamos aquí cunha decisión política do goberno do Sr. Rueda, presidente de todas e todos, pero máis dunhas|duns que doutras|os. Éche unha decisión imposta mediante a Lei de orzamentos, sen negociación, que deixa fóra a todo o resto do persoal que, recordemos, vai con niveis dende o 10 ao 30, con retribucións brutas anuais dende os 20.000 € até os 60.000 €. Salientamos como dato a ter en conta que tan só o incremento dos complementos de 6.000 € para o nivel 30, case iguala o total anual de específico que cobra unha persoa funcionaria de nivel 10 (uns 6.500 € anuais).

A CIG esixe a suba salarial para todo o persoal, a elaboración dun catálogo de postos de traballo con reestruturación de niveis e complementos actualizados e a revisión das retribucións da Administración Autonómica

Na xuntanza transmitímoslle á Consellaría de Facenda que á CIG estannos chegando queixas de funcionarios e funcionarias sobre esta modificación, xa que crea agravios comparativos moi graves co resto de funcionariado, tanto da escala de finanzas de niveis inferiores, como xefaturas de sección, área, etc., onde radica gran parte da carga de traballo, como do resto do persoal da Xunta de Galiza dos mesmos niveis, que ven como estas dúas castes van levarse ao peto unha cantidade substancial de cartos por facer o mesmo que levan facendo todos estes anos. Nin que dicir ten que o resto do persoal da Xunta tamén ten a mesma percepción, o que, dende logo, non vai axudar a promover un bo clima laboral.

Como solución a esta intención da Consellaría de Facenda e Administración Pública e a Atriga, a CIG úrxelle á Xunta de Galiza á elaboración dun catálogo de postos de traballo cunha reestruturación de niveis e de complementos actualizados, que se axusten á especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade de cada posto, entre outras circunstancias. Queremos unha revisión global das retribucións da Administración Autonómica de Galiza.

 

Outras novas recentes

Venres, 06 Marzo 2026

Incumprimentos do Acordo de Teletraballo e novas restricións inxustificadas

Tres anos sen convocar a Comisión Técnica de Teletraballo: a Xunta segue permitindo recortes arbitrarios nas xornadas de teletraballo Na Comisión de Persoal deste venres 6 de marzo de 2026 volvemos denunciar o incumprimento reiterado do Acordo de Teletraballo e a aparición de novas restricións arbitrarias que non teñen amparo na norma. A directora xeral de Emprego...
Venres, 06 Marzo 2026

A Xunta deixa de valorar a permanencia e medidas de conciliación nos concursos de traslados do seu persoal

A experiencia no mesmo posto durante anos, e o achegamento ao domicilio de fillos/as e persoas en situación de dependencia, deixan de ser un dos baremos para decidir os traslados do persoal funcionario. Nos últimos concursos de traslados, recentemente levados pola Xunta ás mesas de negociación e convocados (escalas de estatística, expertos/as lingüistas, educación infantil,...
Xoves, 05 Marzo 2026

RPT da Consellaría do Mar (MSF 03/03/2026)

Ademais da eliminación do R.I. do título profesional de capitá/n ou piloto da Mariña Mercante só para 2 dos postos de profesorado de navegación marítima (Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol), —mentres o resto de postos o conservan—, agora a DXEP quere incluír neses mesmos 2 postos ese R.I. convertido en mérito, cambiando deste xeito as condicións establecidas na...