Novas por contido

O martes 3 de xuño quedou aprobada na Comisión de Persoal o modelo de bases para a cobertura dos postos mediante concursos específicos, unha forma de provisión de postos pensado nalgunhas xefaturas de seccións, direccións de centros e sobre todo xefaturas de servizo, que non sexan nin de concurso ordinario nin de libre designación.

Trátase 861 prazas que van dende o nivel 20 ata o 28, ocupadas en comisión de servizos moitas delas dende hai máis de 10 anos (dende que a Lei do emprego público de Galiza do ano 2015 creara esta forma de provisión). Por fin no ano 2022 publicaron o Decreto 151/2022, que regula a provisión dos postos. Pero a mediados do 2025 seguimos igual.

O modelo de bases de concurso específico aprobado o martes 3 de xuño, no lugar de poñer orde e coherencia na política de persoal da Xunta de Galiza, déixalle a cada consellaría que realice estes procesos de selección ao seu antollo, pois nin pon prazos (poderían seguir outros 10 anos en comisións de servizos?), nin pon a valoración de cada mérito (poderían “personalizalos” para a cobertura de cada posto), nin van ter un control externo (queda todo en mans de cada consellería, sen que a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal xogue algún papel na redacción de cada convocatoria, a fixación dos méritos, ou a elección das persoas que formarán das comisións de selección).

Polo tanto, consideramos que iso vaise traducir en continuar coas cacicadas e amiguismos ás que nos teñen afeitas/os as cúpulas das consellarías e os seus seguidores e seguidoras.

As persoas elixidas para cubrir un posto de concurso específico, despois de ser seleccionadas mediante un baremos “adaptado” a cada caso, van permanecer no posto durante cinco anos. Por tanto, a Xunta de Galiza está a colocar as persoas que elixa (nalgúns casos validas, noutros simplemente fieis ou amigas), e endosárllelas ao goberno seguinte.

Aos cinco anos, o nomeamento pode ser revisado tras un proceso de avaliación. Isto vaise traducir na perda de independencia do funcionario/a, que pode “prestarse” ao que lle pidan con tal de non obter unha avaliación negativa. Ao Presidente da Xunta de Galiza soamente lle preocupa o control e a manipulación da Administración Pública, non lle interesa unha boa xestión dos servizos públicos, senón castigar ás pesoas que non actúan como queren os/as responsables das consellarías; de xeito que obedece de maneira exclusiva a intereses partidistas e que pouco teñen que ver co interese xeral.

DOPAXE

A Xunta pretende vulnerar o principio de igualdade e o de obxectividade DOPANDO con puntuación extra a determinado persoal, precisamente aos mesmos que eles previamente xa elixiron para prestar servizos nos postos de traballo convocados en comisións de servizos. Pretenden valorar a experiencia profesional no mesmo posto obxecto da convocatoria, ao que só persoas designadas a dedo puideron optar.

ELECCIÓN POR COOPTACIÓN

Tanto no caso da comisión de valoración como na de avaliación, os membros van ser nomeados por cada consellería e un por Emprego Público e teñen que ter, nun caso un grao superior ao do posto que se convoca, ou noutro on nivel xerárquico superior. Isto implica que o que xa temos denunciado como o “lobby" dos/as subdirectores/as xerais onde tamén se inclúen algúns xefes de servizo, vanse repartir os postos de concurso específico entre eles.

TRAXE A MEDIDA

O deseño das bases é un exercicio de xastrería para facer traxes a medida das persoas que previamente foron seleccionadas. Teoricamente o 55% dos méritos a valorar (primeira fase) serían obxectivábeis e só o 45% (segunda fase) serían apreciacións de carácter subxectivo sobre as aptitudes e capacidades da persoa candidata. A trampa está en que para cada un dos ítems que forman parte tanto da primeira como da segunda fase, a consellería convocante do posto decide o peso que lle da a cada un. Por tanto, o peso de cada mérito pode ir en función da persoa cooptada polo "lobby".

ENTROIDO NA PROVISIÓN DE POSTOS

Todo isto se fai para DISFRAZAR DE OBXECTIVIDADE UN PROCESO DISCRECIONAL. O que pretenden é facer colar como un proceso de concorrencia competitiva, o que antes facían nun descarnado proceso de libre designación. Disfrace de obxectividade, de modernidade na carreira directiva para un proceso clásico de enchufismo e dedocracia.

TRADICIÓN TRIFÁSICA

Se estivésemos noutra administración poderíamos entender que incluso a valoración subxectiva de méritos feita polas comisións de valoración se faría con criterios de profesionalidade e imparcialidade.

Na Administración da Xunta de Galiza puidemos conseguir que os procesos de acceso ao emprego público e de provisión de postos de carácter xeral fosen aparentemente LIMPOS. Pero onde nunca puidemos conseguir que se actuase do mesmo xeito foi cos postos de xefatura de servizo (excepto por un acordo do 2008 co goberno bipartito e que o PP decidiu anular en canto Feijoo chegou á Presidencia da Xunta).

Pois ben, se neste caso a Xunta seguiu ata o de agora coa tradición enchufista, como imos confiar en que unhas comisións de valoración designadas polas consellerías e con sistemas de cooptación, e un amplo nivel de discrecionalidade, van a desempeñarse con profesionalidade e imparcialidade?

Outras novas recentes

Xoves, 21 Mai 2026

A CIG solicitou unha reunión de urxencia co conselleiro de Facenda ante o pasotismo da directora xeral de Emprego Público respecto ás tom...

Este luns 18/05/26, a CIG solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza para dar solución e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto. As case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das...
Martes, 19 Mai 2026

Escola infantís: ten Función Pública todo previsto para o inicio do curso escolar en setembro?

E quen será a dirección nas escolas do Consorcio… (será un paquete sorpresa?) Na mesa de negociación de hoxe, 19/05/26, dende a CIG quixemos trasladar unha serie de cuestións que preocupan ás traballadoras das escolas infantís, e así vimos recollendo, ante a previsión de comezar o vindeiro curso 26/27 nos novos destinos e así non interferir no traballo educativo que supón o...
Luns, 18 Mai 2026

A Xunta de Galiza quere modificar o protocolo de acoso e violencias sexuais e psicolóxicas no traballo saltándose a comisión negociadora ...

Recibimos como punto da orde do día da Mesa Xeral do luns 18 de maio unha modificación da claúsula terceira do protocolo e o sorprendente son dúas cuestións de moito calado: 1. Pasan directamente de convocar á comisión negociadora que é quen ten a capacidade de diálogo para levar a cabo modificacións e saltan a unha Mesa Xeral sen ningún tipo de apuro. Así que a través do...