Asistimos á Comisión de Persoal do venres 4 de xullo, onde quedou aprobada a convocatoria do proceso selectivo para a agrupación profesional de recursos naturais e forestais. A CIG demandou que a convocatoria fose por concurso-oposición, e que exista promoción interna horizontal que permita un cambio de escala dende outras de agrupación profesional. Ante a negativa da directora xeral de Emprego Público (DXEP), CIG votou en contra. Os demáis sindicatos: CSIF en contra, CCOO e UGT abstención.
Na rolda aberta de intervencións, a DXEP informou:
- Prazas en resultas de persoas xubiladas que participan en concursos: dá resposta á pregunta da CIG nunha mesa anterior. Informa que as prazas das persoas que concursan e que se xubilan antes da adxudicación dun novo posto, non serán adxudicadas en resultas. A CIG non comparte esta decisión, pois o que están a facer é gardarse un número de postos para ofertalas en comisións de servizos.
- Concurso de escalas sociais: decidiron retirar do concurso de traslados de escalas sociais que será convocado nas seguintes semanas, as escalas de A1-Educador/a Infantil, e C1-Educación infantil. Para esta decisión tiveron en consideración que o número actual de persoas destas escalas que poderían participar é de 39, fronte ás 128 que quedarían fora por estar pendentes de funcionarización (son persoal laboral fixo do consorcio que superaron o proceso selectivo no ano 2008 e que teñen o exame de funcionarización o sábado 5 de xullo). Estas dúas escalas terían un concurso de traslados con posterioridade á funcionarización. O concurso continuaría coas seguintes escalas: C1-gobernantas/es, C2-aux. clínica, A2-enfermaría. A2-fisioterapia, A2-traballo social, A2-terapia ocupacional, A2-educador social, A1-medicina, A1-psicoloxía, A1-pedagoxía.
A maiores, a CIG preguntou o seguinte:
- Exame subalternos D.I. do fin de semana pasado: denunciamos que a estas persoas non se lles facilitou copia calcante da folla de respostas como se fai en todos os procesos selectivos. No seu lugar, indicóuselles que copiaran as respostas nun folio en branco. A DXEP resposta que a folla de respostas que se lles ofrece é adaptada e non teñen máquina que as poida ler. Non ofrece solución. Para a CIG é inaceptable que as persoas que fan un exame non poidan levar copia das respostas, por se teñen que reclamar.
- Convocatoria de procesos selectivos de C1-C2 Cociña e C2 Aux. Coidadores: na CP do 24/06/25 a CIG advertiu de que co cambio de modelo de exame que presentaron a última hora (desdobran 1 exercicio con 2 partes en 2 exercicios), eliminaron a exención dunha parte do exame das persoas de promoción interna. Na publicación das convocatorias en DOG non corrixiron, e solicitamos que fagan unha corrección de erros. A DXEP afirma que revisarán e valorarán unha corrección de erros coa exención dunha parte para promoción interna.
- Promoción interna corpos xerais: xa está previsto para outubro a convocatoria da promoción interna de A1, A2, C1 e C2 de corpos xerais, e a maioría dos exames para maio ou xuño. E mentres tanto, aínda non está aberta a fase de concurso da convocatoria anterior, polo que as persoas interesadas aínda non saben se aproban a anterior convocatoria. A xente aspirante demanda saber se teñen que estudar, pagar na academia, etc., polo que preguntamos cando van a abrir a fase de concurso e cando a publicación do resultado. A DXEP di que revisarán o estado dos procesos para ver se poden abrir xa a fase de concursos para non solapar.
- Solicitamos a negociación do encadramento correcto na LEPG as escalas de cociñas xa que sairon as convocatorias no DOG do día 30 (casualidade, o mesmo día en que a CIG convocou manifestación en Compostela). Reiteramos o que xa manifestamos na negociación das convocatorias: entendemos que non se pode pedir unha titulación de maior nivel ao grupo que esta prevista na Lei do emprego público de Galiza (LEPG). Queremos que se negocie de forma urxente as escalas na LEPG e se forme unha estrutura profesional nas cociñas da Xunta de Galiza. Non é admisible que na Consellería de Educación sexan C2-auxiliares as persoas responsables das cociñas escolares. Preguntamos canto se está a aforrar a día de hoxe a Consellería de Educación con este persoal? (a maiores das cotizacións por desemprego están todas as diferenzas salariais xudicializadas que xa non retribúen). A DXEP di que toma nota. Afirma que si hai algo de aforro pero que descoñece o importe.
- Solicitamos a negociación das condicións laborais do persoal de administración e servizos (non docente) dos centros de ensino. Afeamos a ausencia da Consellería de Educación na Comisión de Persoal (algo habitual nesta consellería). Lembramos que o anterior DXFP (Jose Maria Barreiro) comprometérase a comezos do 2024 a abrir unha negociación das condicións de traballo do persoal dos centros de ensino. A DXEP non resposta.
- Solicitamos que resposten aos escritos da CIG dirixidos á DXEP. É unha falta de respecto que non se dignen en respostar. Como non, a DXEP non resposta.
- Calendario: as persoas demandan información para organizar a súa vida, e solicitamos:
- Cando van ser os segundos exames que están pendentes de poñer data? A DXEP resposta que as datas dos 2º exercicios das convocatorias do 2023 e 2024 xa están publicadas as ampliacións de prazo. Os que se van a realizar antes do verán xa estarían convocados.
- Preguntamos se teñen xa previsión da finalización dalgúns concursos de traslados e tomas de posesión? Resposta só ao concurso de enxeñarías, para dicir que non teñen datas para publicar a resolución. Engade que teñen que levar ao tempo as tomas de posesión de quen está en provisional, e que están a analizar a data das tomas de posesión e os listados de postos.
- Cando van ser os segundos exames que están pendentes de poñer data? A DXEP resposta que as datas dos 2º exercicios das convocatorias do 2023 e 2024 xa están publicadas as ampliacións de prazo. Os que se van a realizar antes do verán xa estarían convocados.
Comisións de servizos a prazas C2-axentes forestais: Para rematar, xurde un debate sobre a concesión de prazas en comisión de servizos na escala de axentes forestais-C2 a persoas doutras escalas de C2, algo que a LEPG permite cando é distinta escala no mesmo subgrupo e ninguén da propia escala o solicita. Non quedan claras as explicacións da DXEP, pero o que resulta evidente para a CIG é que aínda que os postos sexan C1/C2, non poden dar comisión como C2-axente forestal por ser unha escala declarada a extinguir.