Novas por contido

A CIG trasladou as demandas do persoal axente ambiental nas reunións mantidas o 5 de marzo coa Consellaría do Medio Rural e na Comisión de Persoal do 6 de marzo. 

Procesos selectivos e concurso de traslados

A directora xeral de Emprego Público informa de que a elección de destinos publicarase, «como moi tarde, a principios de maio», coa previsión da toma de posesión «antes do verán».  Non se entende que o alonguen tanto, dado que cos prazos reducidos poden facelo moito antes, e así daría tempo a formar en condicións ao persoal de novo ingreso.

Xa advertiramos que acompasar as tomas, co ritmo que levan con este proceso selectivo, ía supor un atraso inxustificable na toma de posesión do concurso e… serán só 6 meses?

SPIF: cobertura de vacantes

Reclamamos a Medio Rural que, unha vez realizada a elección de destino do persoal do proceso selectivo, se oferten de inmediato en comisión de servizos todos os postos (coa nova solicitude única de petición por orde que presentaron) e que se realicen tamén os chamamentos das listas para iniciar a campaña co 100 % das prazas cubertas.

Se a data de referencia para que o persoal bombeiro forestal estea formado e operativo é o 15 de xuño, entendemos que debe aplicarse tamén ao persoal axente ambiental. A Lei básica e a LPRL indican que deben recibir formación do posto ao ingreso. Polo tanto, se o queren facer ben, cómprelles comezar moito antes cos chamamentos.

Grupo B e relacións de postos de traballo (RPTs)

A CIG insistiu de novo en que deben modificar as RPTs para permitir a toma de posesión do persoal axente técnico ambiental no grupo B. A obriga de tomar posesión como C1 supón perverter o resultado do proceso selectivo.

Emprego Público segue escudándose nunha suposta regulación do grupo B. Desde a CIG lembrámoslle moitas veces que está regulado con carácter básico nas leis de orzamentos, como calquera outro grupo ou subgrupo da Administración, e que, se obrigan a unha regulación específica, o prazo para facer o regulamento de axentes xa o levan incumprindo 10 anos. Non poden seguir adiando a súa aplicación polo seu pasotismo. 

Advertimos de que isto pode derivar en múltiples demandas xudiciais. Xa sería un despropósito obrigar a quen accedeu por un proceso convocado no grupo B a ter que acudir posteriormente a procesos de promoción interna. Volvemos, tamén, reiterar que deben eliminar o barrado ao C2 nas prazas das RPTs, rematando coas comisións de servizo nunha escala expresamente derrogada.

OEP 2026: esiximos novos procesos selectivos e a integración no B

Ante as numerosas xubilacións e a lentitude dos procesos, é evidente que para 2026 deberán convocar XA unha nova OEP e tamén a promoción interna separada para integrar ao resto do persoal no grupo B, e non seguir prolongando esta agonía. Moitas persoas imos xubilarnos esperando a que a Administración cumpra o que asinou!

Comisión de Seguimento do Acordo

Solicitamos de novo a convocatoria da Comisión de Seguimento do Acordo de Axentes Ambientais. A Administración indicou que prevé convocala proximamente e que debe coordinarse coa Consellaría de Medio Ambiente.

Mellora do Acordo de Condicións de Traballo e da Orde de horarios

Quedara pendente a negociación para mellorar o Acordo de condicións de traballo e a Orde de horarios co anterior secretario xeral técnico da Consellaría do Medio Rural, que ía estudar a proposta e convocar ás organizacións sindicais. Agora solicitan, novamente, a documentación, que volveremos enviar.

Máis agravios e todo por facer  

Dende a CIG seguiremos presionando para que estas cuestións se resolvan e contactaremos tamén con Medio Ambiente. Porén, á vista da falta de vontade da Administración para tomar decisións que xa deberían estar aplicadas hai anos, todo indica que o malestar vai ir en aumento.

PERO XA O SABEMOS... AO FINAL SÓ RESPONDEN ANTE O CONFLITO E A MOBILIZACIÓN!

Outras novas recentes

Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o buzón de postos e continuarán en breve, pero non da...
Martes, 15 Setembro 2026

A Xunta de Galiza discrimina na carreira profesional ás súas traballadoras en redución de xornada por conciliación

A CIG denuncia que Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras.Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver  denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez...
Martes, 22 Setembro 2026

A CIG denuncia o absoluto abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal pola Consellaría do Medio Rural

Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel...