- Detalles
O mércores 16 de xuño houbo unha reunión da Comisión de Persoal. Aprobáronse: RPT de Medio Rural, integración do persoal do Centro Económico e Social de Galiza, concurso de traslados das escalas de finanzas. E en rogos e preguntas: información xeral de concursos, integración da Escola superior de hostelaría e Agader, información xeral de RPTs, horario de verán, tribunais de ensino, problemas co carné xove.
RPT da Consellería de Medio Rural
A primeira memoria que presentou Función Pública ata esta da CP non foi modificada ningunha cuestión nin recollida ou respostada as nosas alegacións tanto expresadas na mesa xeral como as que presentamos para o seu anexo a acta polos problemas que ten para soportar as videoconferencias do equipo da administración do delegado que trataba este punto na mesa xeral. En definitiva consideramos que non houbo o cumprimento legal de negociación colectiva e solicitamos que quede este argumento descrito en acta da comisión de persoal para a xustificación do voto. Amais mantense a pretensión do traslado dunha praza de N18 do distrito III ao IV ocupado por una axente ambiental (que vai con ela) o que é na practica un concurso encuberto e non podemos aceptar este precedente na administración publica autonómica.
FP di que se inclúe na RPT unha praza cunha sentenza de consolidación que propuxo algún sindicato.
Ao non recoller o fundamental das propostas da CIG o noso voto é en contra.
Orde de procedemento de integración como persoal laboral do persoal laboral fixo do Consello Económico e Social (CES)
Non hai modificación sobre o documento que foi á Mesa Xeral. Na practica é unha integración de todo o CES a pesar da sua propia lei de creación xa que, tanto a xestión das nóminas, rede corporativa, habilitación, xa as usurpou a Xunta dende hai dous anos. Integrar ao persoal é o paso que queda e se fai coa escusa de posibilitar unha carreira e mobilidade ante a demanda do persoal. A nivel de xestión de persoal é mais semellante ao Parlamento, e o CES pode ter carreira propia, como tamén establecer acordos de mobilidade coa Xunta ou outras entidades públicas. E unha integración ad hoc, para unha categoría da que só hai dous empregados (gabinete técnico), pois o resto do persoal fixo non entra (van legalizar as reclasificacións primeiro).
Xa avisamos na Mesa Xeral que era ilegal xa que o CES está regulado pola súa propia lei, e a Lofaxga só se pode aplicar de forma subsidiaria en cuestions reguladas pola propia lei do CES, como é o persoal. A xustificación da primeira páxina ten frases escollidas e é torticeira. Se manteñen a intención de camiñar cara aí o noso voto é negativo e mais anunciamos demanda xudicial.
FP di que están pendentes dun informe da Asesoría Xurídica.
Votamos en contra.
Convocatoria de concurso de traslados das escalas de finanzas
O DXFP di que dentro da convocatoria incorpóranse, a petición dunha OOSS (parece que CSIF) os cursos impartidos polas OOSS homologados pola EGAP.
Nós valoramos que:
- A antigüidade ten un peso insuficiente
- Os méritos específicos teñen demasiado peso
- O traballo desenvolvido é excesivamente desequilibrante
- Non engaden a titulación académica
- E sobre todo, incluen cursos do Colexio de Rexistradores
Ao non recoñecer ningunha destas alegacións temos que votar en contra.
Rogos e preguntas
Dende a CIG formulamos as seguintes preguntas:
Concursos:
Xeral: previsión de datas para o baremo provisional. Antes de agosto?
Veterinarios: borrador recibido en xaneiro/2020. Nunca mais soubemos nada.
Especiais: que digan en que ano o teñen previsto (xa non en que mes)
Laboral: reclamamos que se cumpla o previsto no convenio. Que convoquen.
FP di que do concurso xeral é posible que saian o baremos este mes, eso é o que pode comentar. Do resto, nada.
Integración da Escola superior de hostalaría e Agader:
Quedou paralizada dende hai tempo. Preguntamos en MX 9/6/21 (e anteriores), sen resposta.
Información RPT´s:
Pídese a FP que envie unha circular a tódalas consellerías para que na información e datos que se aportan as organizacións e especialmente nas RPT se aporten os datos de si están ocupadas e no seu caso quen as ocupa con datos de nome e apelidos tal e como se recolle na sentenza 1338/2020 ……
Horario de verán:
Constatamos que en varios centros non queren aplicar o horario de verán.
A Consellería de Cultura di que hoxe pola maña se mandou unha nova nota interna onde se define exactamente a situación en base a instrución de FP. Non aclara mais. Entendemos que lle seguen negando este dereito ao persoal que traballa a quendas.
Tribunais de Ensino, problemas de interpretación:
A Consellería de Educación reitera que a participación do persoal non docente cos tribunais e voluntaria e que tiveron reunión cos presidentes de todos os tribunais e así llo fixeron constar. Os tribunais saben que si nalgún centro educativo o persoal non quere colaborar non hai problema. Que non teñen constancia de ningún conflito, e que si nós temos que llo fagamos saber, cousa que facemos ao rematar a CP.
Falta de persoal Carné Xove:
Facemos a queixa polo exceso de traballo e mala planificación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no tema de Carné Xove e campaña de verán.
- Detalles
No DOG do 16/06/2021 a EGAP convoca as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.
- Detalles
No DOG do 15/06/2021 publican as listas provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza de determinados grupos e categorías: grupo I, categorías 2 (médico e outras), 6 (titulado/a superior psicólogo/a) e 11 (titulado/a superior pedagogo/a), grupo II, categorías 2 (ATS e outras), 6 (educador/a, profesor/a especial), 11 (fisioterapeuta), 17 (asistente social) e 20 (terapeuta ocupacional), grupo III, categoría 50 (técnico/a especialista en xardín de infancia) e grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica e outras).
As listas poderanse consultar no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, apartado de <listas de contratación>, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo).
As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública. Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
- Detalles
(Preme na imaxe para entrar na asemblea)
Xa pasou pola Mesa Xeral o proxecto de Orde pola que se procede ao nomeamento como persoal funcionario ao persoal laboral fixo de determinadas categorías que superaron o proceso de funcionarización convocados en febreiro de 2020. A intención é que a toma de posesión da praza co novo vínculo xurídico sexa inminente, o día 1 de xullo.
Ante a urxente necesidade de tomar a decisión final, a CIG convoca unha asemblea a través de YouTube. Tentaremos resolver as dúbidas que ainda poidas ter e poderás facernos preguntas a través do propio chat de YouTube. Vai ser o xoves 17, ás 19:30. Ir á asemblea.
A Orde refírese exclusivamente ao persoal laboral fixo que tivese superado un proceso selectivo, pero centrado desta volta nas categorías que teñen previsto o seu encadre en corpos xerais e escalas de informática. Queda para despois do verán o procedemento das categorías que irán a escalas de servizos sociais (psicoloxía, mediciña, pedagoxía, enfermaría, educadores, fisioterapia, traballo social, terapia ocupacional, xardín de infancia e auxiliar de clínica).
Chegamos así ao punto final desta quenda de procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, que comezou con mal pé, polo tellado, grazas ao amancebamento de Xunta-CCOO-UGT, sen que existira previamente un concurso de traslados, un proceso selectivo libre e promoción interna, chantaxeados coa carreira profesional, sen trasladar previamente á Lei de emprego público de Galiza as melloras do V Convenio e, a día de hoxe, ainda con moitas dúbidas sobre a distribución e futuro das retribucións.
O proxecto de Orde, que ainda ten que pasar pola Comisión de Persoal con carácter previo á súa publicación no DOG, regula o cambio de vínculo xurídico, os prazos e outros aspectos:
- O cambio de vínculo xurídico:
- Proceden a regular os aspectos derivados do cambio do vínculo xurídico coa Administración.
- As categorías profesionais ligadas aos centros de servizos sociais serán obxecto dunha orde posterior.
- Regulan o prazo de toma de posesión como persoal funcionario de carreira
- O prazo comezará o primeiro día hábil seguinte á publicación da Orde no DOG.
- As persoas interesadas deben asinar o acordo de conformidade do seu cambio de vínculo xurídico.
- A extinción do vínculo actual estará condicionada á efectiva toma de posesión como persoal funcionario de carreira.
- A toma de posesión será o día 1 de xullo de 2021.
- Regula outros aspectos
- Cómputo de prazos en caso de permisos, licenzas ou incapacidade temporal:
- O cómputo comeza cando finalicen os permisos ou licenzas.
- No caso de IT, o cómputo do prazo iniciase a partir da alta.
- Está pendente o cómputo en casos de maternidade/paternidade.
- Incumprimento de prazos
- Implica o desistimendo, polo que decae dos seus dereitos.
- Non se producirá o cambio de vínculo xurídico.
- Excedencias:
- A persoa traballadora conservará as excedencias concedidas noutras categorías laborais.
- Trienios
- Quen se funcionarice continuará percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba a percibir como persoal laboral, nun concepto da nómina.
- O primeiro trienio que se perfeccione como funcionario non terá unha contía inferior ao que se percibiría como laboral.
- Consolidación do grao persoal
- Comezará no nivel mínimo correspondente ao Corpo ou Escala, non no nivel no que quede encadrado o novo funcionario ou funcionaria.
- Persoal en adscrición temporal
- Poderá continuar prestando servizos no mesmo posto mediante unha comisión de servizos, sempre que o posto da adscrición temporal tamén sexa obxecto de transformación en posto de persoal funcionario.
- E sempre que a persoa cumpra cos requisitos do posto.
- Compatibilidades
- Quen teña recoñecida a compatibilidade para o desempeño doutra actividade, ten un prazo máximo de dez días hábiles (dende o seguinte ao da toma de posesión) para solicitar a nova compatibilidade.
- Quen teña recoñecida a compatibilidade para o desempeño doutra actividade, ten un prazo máximo de dez días hábiles (dende o seguinte ao da toma de posesión) para solicitar a nova compatibilidade.
- Cómputo de prazos en caso de permisos, licenzas ou incapacidade temporal:
A Orde nada di da situación en que queda o cobro de nocturnidade cando é esporádica. A resposta do DXFP é que eso se tratará cando se regule o procedemento das escalas de servizos sociais.
Engade o DXFP que o complemento de funcionarización conterá dous subconceptos:
- Complemento de funcionarización persoal, que compensará as posíbeis perdas de retribucións como funcionario/a. Serán 12 pagas. Afirma que o 80% das persoas non terán este complemento (pois as diferenzas irán no complemento específico).
- Complemento de funcionarización antigüidade: para manter os trienios, en 14 pagas, non absorbible. O primeiro trienio será recoñecido na contía que mais lle beneficie.
A maiores, informa o DXFP:
- Nocturnidade seguirá a cobrarse.
- A que non se presentou ao proceso de funcionarización ou suspendeu, comunicaráselle a suspensión do cobro do grao I da carreira profesional. Non se aplicará esta suspensión a quen non puido superalo por non ter a nova titulación requirida.
- Sobre o anterior, insiste en falar de suspensión, non de devolución. Esta declaración contradí a Orde de confección de nóminas, que fala claramente de devolución. Primeiro suspende, despois xa veremos.
- Detalles
Función Pública vai publicar a seguinte nota sobre o horario de verán do 2021:
HORARIO DE VERÁN 2021
Horario oficial:
Do 16 de xuño ata o 15 de setembro deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15:00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.
Horario flexibilidade automática:
Do 16 de xuño ata o 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas diarias continuadas de traballo entre as 8:00 e as 15:00 horas. O cálculo do cumprimento da xornada laboral será en cómputo diario.
Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño. O tramo horario de compensación será de 8:00 a 15:00 horas.
Horario flexibilidade conciliación:
Do 16 de xuño ao 15 de setembro, deberán realizarse 6 horas de traballo diarias na franxa horaria autorizada pola Secretaria Xeral Técnica na resolución de concesión de flexibilidade por conciliación. O cálculo do cumprimento da xornada laboral, será en cómputo mensual.
Ata o 30 de xuño será posible compensar débeda do mes de maio e ata o 31 de xullo débeda da primeira quincena do mes de xuño.
Horario redución de xornada de traballo diaria:
Do 16 de xuño ao 15 de setembro, deberá realizarse diariamente dentro da franxa horaria autorizada polo órgano de persoal correspondente para a concesión desa redución de xornada o tempo de traballo que se determine mediante a seguinte fórmula:
0.80 x XR*
*XR = nº de minutos traballados diariamente en xornada reducida
Queda excluído o persoal suxeito a horarios especiais e persoal a quendas, segundo dispón a Instrución do 20 de xuño de 2013.
Así mesmo, e por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, os empregados e empregadas públicas que teñan ao seu cargo persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33% sempre que convivan co solicitante e dependan deste, poderán acollerse a esta modalidade de xornada ata o 30 de setembro”.
Seguimos como sempre e volven a aprobalo sen negocialo coa representación do persoal. Seguen excluíndo ao persoal que traballa a quendas. A CIG demanda que o horario de verán sexa de aplicación a todo o persoal, e se non pode ser aplicado que se ofreza algún tipo de compensación en forma de descanso.
Ao tempo, na CIG seguimos a esixir a ampliación do horario de verán para quen teña conciliación familiar, do 1 de xuño ao 30 de septembro, a semellanza do que dispoñen as traballadoras/es da AGE como un dereito consolidado desde o ano 2016:
E a mesma esixencia mantemos coa famosa bolsa de horas do 5%, vinculada á conciliación, que continúa sen regularse. Na AGE xa a están a gozar hai tempo. Ao longo da negociación do Acordo de concertación que asinaron UGT e CCOO, a CIG defendeu que esta bolsa de horas do 5% non estivese ligada exclusivamente á conciliación, senon que fose de aplicación a todo o persoal, de xeito que se puidese converter nunha especie de “bolsa de horas positivas”. Pero, unha vez máis, non quixeron.
- Detalles
Nestes derradeiros días Función Pública agasállanos cunha nova “Instrución pola que se modifican as instrucións de 29 de marzo de 2021, sobre a cobertura mediante determinadas figuras de provisión temporal de postos clasificados como de persoal laboral”.
Xa non lle vale a do 29 de marzo porque hai que facer outra chapuciña e poñer outro parche, que é o funcionamento habitual do Señor director xeral de Función Pública.
No comezo do ano Función Pública denegou sistematicamente adscricións temporais e superiores categorías a certo persoal porque se ía funcionarizar.. e tivo que recuar, xa que se estaba a eliminar un dereito recollido no V Convenio que, de momento, é de aplicación.
En marzo, o Señor Barreiro ditou unhas instrucións con data de caducidade do 30 de xuño de 2021, pero, oh sorpresa!, agora decátase de que no verán ten un problemiña con determinadas categorías que non vai dar cuberto (sobre todo de servizos sociais).. Pois sacamos outra instrución e emendamos a anterior. A estes que me fan falla... amplíolle a caducidade ata o 30 de setembro e así teño o verán "apañao".
Señor Director, o persoal está farto de parches e chapuzas.
- Porque non lle posibilitou a promoción interna, polo que o único recurso que ten son os traballos de superior categoría.
- Porque non lle deu opción dende hai 10 anos dun concurso de traslados, polo que o único recurso que ten son as adscricións temporais.
- Porque o vai a funcionarizar e a vostede non lle da a gana de establecer previamente as condicións, evidentemente porque de establecelas non podería ir modificándoas segundo "vaia vindo".
A CIG-Autonómica recórdalle que os dereitos recollidos no V convenio son para a todas as categorías alí recollidas e non soamente para as que a vostede lle interesa, polo que o instamos a facer extensiva esa modificación a todas e a que se continúe coa concesión de adscricións provisionais e superiores categorías a todo o persoal que o solicite e cumpra os requisitos cos prazos previstos no V convenio.
Señor Director, deixe de improvisar e ningunear o persoal. Barreiro dimisión, por inútil na xestión!
- Detalles
1. No dog do 14/06/2021 publicase o Acordo do 9 de xuño de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2. Orde do 22 de novembro de 2019, polo que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio do proceso selectivo
Data:
20 de xuño de 2021
Quendas:
- Maña: chamamentos de 08:50 a 09:15 de Queijeiro Fernández, laura ata Díaz Soto, Vanesa
- Tarde: Chamamentos dende 16:20 a 16:45 de Díaz Valiño, Alba María ata Puzas Dacosta, Mª del Pilar
2. Tamén no mesmo DOG publícase o Acordo do 9 de xuño de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 001 do grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, polo que se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio do proceso selectivo.
Data:
20 de xuño de 2021
Quendas:
- Maña: chamamentos de 08:50 a 09:15 de Quian Regaldíe, María Victoria ata Díaz Seoane, José Teodoro
- Tarde: Chamamentos dende 16:20 a 16:45 de Domínguez Fontenla, José Antonio ata Prego Ramas, María José
Sedes:
- Silleda ( Recinto da Feira Internacional de Silleda, Recinto Feiral, s/n, 36540 Silleda) para os/as aspirantes con enderezo fixado na provincia de A Coruña e noutras comunidades autónomas,
- Vigo ( : Instituto Feiral de Vigo, Ifevi. Avda. do Aeroporto, 772, 36318 Vigo) para os/as aspirantes con enderezo nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra
As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, lapis do nº 2 e goma de borrar.
Non se permitirá o acceso ao recinto en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
- Detalles
Coa entrevista co grupo parlamentario popular rematan as xuntanzas mantidas cos diferentes grupos do Parlamento de Galiza. O martes día 1 de xuño foi co BNG e o luns 7 de xuño co PSG.
A CIG-Autonómica mantivemos varios encontros cos grupos parlamentares para tratar achegas aos estatutos básicos de bombeiros e axentes forestais. Amais denunciamos a falla de vacinación do persoal esencial do SPIF e tratamos os problemas que trae a obrigatoriedade da comunicación dixital nos servizos forestais.
Reclamamos iniciativas na defensa da xestión propia das funcións estatutarias do noso País, pero tamén que estas leis marco ou estatutos básicos sirvan para dar cobertura ás competencias estatais na aplicación dos dereitos á xubilación anticipada e a seguridade e saúde laboral e instar a un catálogo de enfermidades profesionais. Tratamos a falta de vacinación do persoal do SPIF ás portas da tempada de verán de alto risco. Reclamamos a necesaria negociación previa a elaboración dos documentos tamén coa CIG, por ser máis representativa a nivel estatal e ter presencia na Mesa Xeral de Administracións Públicas.
Estatuto básico de bombeiros forestais
Presentamos achegas ao “borrador de contenidos para un anteproxecto de estatuto básico de bombeiros forestais” no marco dun proceso de participación pública. Este documento ten grandes eivas e incluso reduce os dereitos laborais que agora teñen os bombeiros forestais na Galiza, como son:
• Formación. Dar formación debe ser unha esixencia para a administración pública como empregadora. Defendemos unha formación profesional continuada para todo o persoal, en tempo de traballo, coa PRL transversal e encaixada no marco do sistema de acreditacións profesionais.
• Dada a dispersión da poboación e a cantidade de zonas forestais temos que poder traballar noutras continxencias sempre e non de forma excepcional. O traballo habitual en multiemerxencias no medio natural e rural debe vir contemplado na lei marco.
• Con respecto a xornada para a CIG todo o tempo é efectivo, os nosos incendios son unha emerxencia habitual, e agora temos uns máximos limitativos de 12 horas. Non podemos ir a peor deixando uns tramos de ata 18 horas de traballo.
• A segunda actividade debería estar considerada por cuestión de idade, non só por cuestión de saúde. Non concordamos coa esixencia dos 25 anos de experiencia como lexislou Galiza na lei de medidas que acompañou a de orzamentos de 2021.
• Saúde laboral. Aledámonos de que se propoña elaborar unha lei de prevención de riscos propia pero botamos en falta xa un estudo para a determinación das enfermidades profesionais e destacamos o impacto que tantos anos de lumes continuados esta a facer na saúde do bombeiros e bombeiras.
• A xubilación anticipada con coeficientes redutores non ven prevista, e este é o sitio onde debería regularse. Defendemos o 30% de factor de redución pola lesividade do traballo de incendios.
• Suspende en igualdade. A linguaxe machista percorre todo o articulado e non promove ningunha soa medida que fomente o emprego de mulleres nesta profesión con alta infrarrepresentación. Para máis a conciliación ou a necesidade dun plan de igualdade específico se nomea de pasada e con termos futuribles e non impositivos. Destacamos o problema dos EPIS “unisex” que non están adaptados á anatomía feminina.
• Na CIG defendemos a subrogación do servizo da empresa privada cara ao público.
Preguntas ante a necesidade dunha lei básica de axentes forestais
No 2018 aprobouse no Senado unha lei básica de axentes parcial e que deixaba fóra ás funcións nos incendios forestais, que non regulaba a xubilación anticipada nin tampouco os accidentes laborais. Para máis, a proposta sometía aos axentes a ser auxiliares dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Opuxémonos e fomos ao Congreso a tratar de parala e emendala antes do seu trámite. Estase a mover un novo intento, cun proceso previo de participación pública no mes de decembro de 2020, que trata dun cuestionario dirixido a validar o anterior anteproxecto.
Agora cos grupos políticos do Parlamento de Galiza reclamamos a necesidade de negociar un documento novo que resolva cuestións de ámbito estatal, como os coeficientes redutores para a xubilación anticipada e as enfermidades profesionais, pero sobre todo que de freo a invasión competencial dos corpos e forzas de seguridade do Estado dándolle a volta a intención inicial da lei marco.
Para nós é importante a inclusión en ambas normas da salvagarda de poder acollerse a lei básica de bombeiros, subsidiariamente e de xeito complementario, polas funcións de coordinación e DTE de incendios dos axentes forestais e ambientais adscritos ao SPIF na Galiza.
Avisamos da posible modificación da LECRIM na que se quere retirar a condición de policía xudicial xenérica e administrativa especial, algo que non se pode consentir xa que non se deben poñer trabas os profesionais máis cualificados na investigación de delitos Medioambientais.
Deixamos claro o noso malestar en que a Xunta de Galiza estea a formar a corpos estatais para a realización de traballos que son de competencia autonómica.
A vacinación da que nada se sabe a poucos días do comezo da campaña
Os bombeiros e axentes ambientais da Galiza son persoal esencial que non foi vacinado contra a Covid a día de hoxe. Como é posible cando o SPIF é un corpo de emerxencias e si se vacinou xa a protección civil ou aos bombeiros dos parques comarcais? Recordamos o peche de unidades e incluso o confinamento de distrito do pasado verán. Que pasaría hoxe no caso dun positivo en plena campaña de verán? Instamos a se vacine xa a este persoal antes do comezo do alto risco previsto para o 16 deste mes. Nesta cuestión todos os grupos amosáronse sorprendidos pola falla de vacinación deste persoal esencial.
As obrigas de administración dixital das persoas do rural
A consellería do Medio Rural meteu a machada a obriga de relacionarse dixitalmente a todas as persoas usuarias sen ter feito antes o Inventario de dixitalización previsto na LEXIDGA. Para solicitar un permiso de corta, queima ou incluso un dano por animais salvaxes é unha odisea. Ademais de boa conexión e de coñecementos dixitais para manexar a aplicación esixe a declaración dunha chea de datos como a referencia catastral da parcela, cubicación, afección de zonas de protección ou especies afectadas. Ao fin aboca a contratar unha xestoría cun custe elevado por permiso de corta por exemplo ou arríscanse a unha multa por non ter ben feita a xestión. Nós propoñemos que se pare a obriga ata ter feito o inventario previsto na lei e establecer medidas urxentes como o funcionario/a habilitado de rexistro nas oficinas agrarias ou do distritos e comarcas forestais que acompañen e asesoren as persoas nestes trámites.
En conclusión, parece viable que amais de tratar as achegas ás normas básicas nos seus partidos a nivel estatal, os deputados e deputadas que nos atenderon tomaran conciencia da realidade deste servizo público no medio rural. Acollimos positivamente a idea dunha iniciativa apoiada por todos os grupos que se dirixa ao Goberno na defensa das competencias propias de Galiza, e duns estatutos marco que protexan a seguridade e saúde do persoal.
Compromisos adquiridos
Por parte do BNG, presentar unha pregunta parlamentaria sobre a vacinación do servizo de incendios e preocuparse polo estado das normas.
O PSdeG vaise pór en contacto cos representantes estatais para a redacción das leis de bombeiros e axentes.
E o PP de Galicia vai falar co conselleiro de sanidade para poñer fin a esta humillación e falta de respecto por non ter vacinado o persoal do servizo de incendios antes da campaña de alto risco.
Todos os grupos quedaron en manter vindeiras reunións para afondar en reunións centradas en áreas especificas de Medio Rural e Función Pública.
- Detalles
A CIG denuncia que a consellaría de Política Social está a facer un uso propagandístico das crianzas das escolas infantís do Consorcio e máis da Consellaría, enviando a fotógrafos profesionais -previa autorización das familias- a facer fotos de cada unha dos cativos e cativas matriculadas en todos os centros do País.
Así agradece o esforzo das traballadoras e traballadores, nenas e nenos e familias: cunha nova sobrecarga de traballo e sen material nas escolas. Non temos para pan.. e gastamos en estampiñas.
Denunciamos que é un traballo feito sen ter consideración polas necesidades das meniñas e meniños e interrompendo o seu ritmo diario, o que está provocando un estrés engadido, neste ano tan difícil que vivimos nos centros por mor da pandemia e dos estritos protocolos.
O obxecto das fotos, segundo a Consellaría de Política Social, é agasallar as familias cunha fotografía para rematar este ano difícil. Entrementres, os centros de traballo non contan cos materiais necesarios (xoguetes, contos, etc.), nin cos estándares de calidade pedagóxica actualizada. Teñen eivas graves nas instalacións, non se lles subministran máscaras ffp2 ao persoal como indicou a Inspección de Traballo tras as denuncias da CIG. Porén a Consellaría aposta por facer campaña publicitaria en lugar de solucionar estes problemas.
Nas escolas infantís públicas, desde sempre, xa se fan fotos e vídeos das crianzas para amosarlles ás familias a vida diaria nos centros. Este curso faise con redobrados esforzos xa que os centros, que son de portas abertas. Pero este ano teñen restrinxido o acceso, polo que estamos ante un incumprimento dos estritos protocolos Xunto: mentres que nos centros se seguen protocolos estritos para manter as burbullas e protexer as crianzas dos contaxios, pasan a fotografar a nenos e nenas percorrendo centros e espazos diferentes. Ademais, témense que ocorra como no Nadal do 2019 no que o persoal recibiu indicacións para que as traballadoras e traballadores ensobraran as fotos facendo así que, o persoal, fixese de axente de propaganda.
Por iso a CIG manifesta o seu rexeitamento contra estas prácticas impresentables mais tamén contra a utilización do diñeiro público para intereses partidistas.
- Detalles
A CIG demandou ao conselleiro de Facenda o cese do director xeral da Función Pública
Delegados e delegadas da CIG Autonomica concentrámonos o xoves 3 de xuño diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano, tras celebrar unha asemblea no edificio Cersia, para demandar o cese do director xeral de Función Pública; denunciar os efectos da funcionarización; exixir o 1º e 2º grao de carreira profesional e a convocatoria do concurso de traslados xa.
Responsabilizamos ao director xeral de Función Pública do desastre na xestión do persoal da Xunta de Galiza, da alta temporalidade e da destrución de postos de traballo para sustentar esa administración paralela coa entrada de empresas absorbendo emprego público.
É a persoa responsable de precarizar, nos 13 anos que leva no posto, as condicións do persoal mantendo os recortes das crise do 2012, paralizando a mobilidade do persoal sen convocatorias de concursos de traslados e con promocións internas ridículas. Tamen é responsable do alto índice de temporalidade na Xunta, e xunto con CCOO e UGT, da funcionarización obrigatoria e sen garantías, da exclusión do persoal temporal e interino da carreira profesional, da falta de proporcionalidade da mesma nos tramos e nas contías.
Con todo, tan só a resposta da Xustiza ante a demanda da CIG pola carreira profesional discriminatoria bastaría para esixir a súa dimisión.
Lamentamos que con Jose María Barreiro á fronte, a función pública galega perde a oportunidade da modernización e da renovación e ampliación dos cadros de persoal que dean frescura a unha administración que quedou obsoleta, rancia e excesivamente burocratizada.
Efectos da funcionarización
Na CIG opoñémonos a un réxime xurídico único “á baixa” no que as persoas máis afectadas son precisamente aquelas que teñen maior especificidade no posto con xornadas a quendas, noites, penosidade, toxicidade, entre outras.
Negáronse a negociar o traslado das melloras do V Convenio Colectivo Único para a lei de Emprego Público de Galiza e, ao tempo, aproveitar para recuperar aqueles dereitos suspendidos pola vaga de recortes do 2012 como o artigo 19.
Nestas condicións de incerteza para obrigar a funcionarizar o persoal fixo xogan dous elementos básicos: a carreira profesional e os concursos de traslados, porque o salario e a mobilidade quedan limitadas se o persoal opta por non se funcionarizar. Unha chantaxe á que a maioría do persoal tivo que someterse para non quedar amarrado para sempre na súa praza. Mais co persoal temporal o teñen máis doado: ou aceptan a conversión a funcionario/a interino/a ou á rúa.
Co beneplácito de COO e UGT, Función Pública precariza e abarata o despedimento
Denunciamos o papel de CCOO e UGT, que pactan coa Xunta e argallan na comisión de seguimento do seu Acordo de Concertación, para intentar arranxar a desfeita que provocaron, mentres a CSIF busca facer caixa enfrontando ao persoal funcionario e laboral.
Con todo, quen marca as regras do xogo nesta desfeita é a Dirección Xeral da Función Pública, que semella ter como fin último da funcionarización precarizar as condicións laborais do persoal e abaratar o despedimento de máis de 5000 temporais e indefinidos non fixos.
Plan de choque contra a temporalidade
Preto do 40 % do persoal da Xunta de Galiza é temporal en prazas estruturais. Unha porcentaxe que aumenta en sectores como incendios, educación, centros residenciais de política social ou en todo o Consorcio de Igualdade e Benestar. Cómpre eliminar as taxas de reposición para poder recuperar o emprego perdido e ter mellores OEPs, pero, en todo caso, é prioritaria a posta en marcha de procesos de estabilización reais, con criterios obxectivos nas bases das convocatorias favorecendo o mantemento do emprego. Lonxe disto, a Dirección Xeral de Función Pública segue a ignorar este problema e, como consecuentcia, os procesos de estabilización e consolidación están, na práctica, a ser procesos ordinarios de selección deixando ao abeiro da decisión de cada tribunal os criterios de corte na fase de oposición.
Carreira profesional
O director xeral de Función Pública agocha o segundo grao e bloquea o acceso ao persoal temporal no sistema extraordinario. Xunta, CCOO e UGT acordaron unha carreira profesional excluínte, limitada, a cachos e sen garantía orzamentaria. O persoal laboral fixo para poder cobrar a carreira profesional vése obrigado a funcionarizarse ou non cobrala.
Por esta discriminación, a CIG foi ao xulgado e gañou o primeiro grao extraordinario para todas, porén a Xunta recorreu en casación co fin de alongar a agonía. Entrementres, nada se sabe da orde de solicitude do segundo grao extraordinario, que está orzamentado, e do ordinario para aquel persoal que xa cumpre os requisitos. Xunta, CCOO e UGT non dubidan en culpabilizar a CIG por estender o dereito, cando o que na realidade fan é unha nova chantaxe para enfrontar o persoal e evitar a sua responsabilidade de asinar unha carreira ILEGAL.
Concurso de traslados
O 7 de maio publicouse a listaxe de persoas admitidas no concurso de traslados de corpos xerais que leva un ano e medio dende a convocatoria. Doutros concursos nada se sabe, como dalgunhas escalas e corpos especiais. Xa pasaron 9 anos dende a última convocatoria e do concurso de traslados do persoal laboral. Unha situación da que son responsables, de novo, os dirixentes de Función Pública que, deste xeito, vulneran dereitos nas tomas de posesión, afectan a vida do persoal e interfiren na súa promoción profesional, promovendo o clientelismo coas comisións de servizo.
Non queda outra: Barreiro dimisión, por inutil na xestión!