- Detalles
O director xeral da Función Pública convocounos a unha videoconferencia sobre a RPT de funcionarización de Política Social, que vai ser o xoves 3 de febreiro.
A convocatoria xa nos demostra o interese que teñen en facer as cousas de xeito falado e negociado:
- Convocan a unha xuntanza "explicativa". É dicir, que nos van contar o que hai, e punto
- A convocatoria e documentación recibímola a véspera, mércores 2 de febreiro, e por tanto sen moito tempo para estudala polo miudo
E menos mal que a convocatoria chegou o día 2 de febreiro, porque levamos agardando algún tempo máis, dende que o pasado 23 de novembro o director xeral dixo, da súa boca, que nuns días remitirian a RPT de funcionarización (non só de Política Social), que abrangue a preto de 2.000 postos de traballo, e de seguido a do Consorcio, que a tiñan practicamente rematada.
- Detalles
Estamos convocados a unha reunión (Mesa Xeral de Empregados Públicos) o luns 7 de febreiro para tratar tres asuntos:
- Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Axencia de protección da legalidade urbanística (APLU) e a súa adaptación á Lei 2/2015 de emprego público de Galiza. Descargar
- Modificación da RPT do Instituto de Estudos do Territorio (IET). Descargar
- Regulamento de funcionamento da Comisión negociadora para a elaboración do Plan de igualdade na administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Descargar
Se queres comunicarnos algo, contacta coa CIG.
- Detalles
No DOG do 01/02/2022 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2022 pola que se convocan as actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galiza para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza e das entidades locais, así como para o persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
A solicitude faise dende o web https://egap.xunta.gal/matricula
O máximo de actividades formativas que podes solicitar son tres.
- Detalles
No DOG do 01/02/2022 publican a Resolución do 27 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se dá publicidade da campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2022 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza.
É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galicia, agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.
A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galicia) ou do Opax (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).
A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude. Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento, que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.
O prazo de inscrición rematará transcorridos 4 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.
- Detalles
Os responsables desta situación deberían plantexarse que sentido ten a teima de dar a roupa de inverno no verán e a de verán no inverno, así ano tras ano
No mes de setembro de 2021 a CIG xa denunciou que o persoal interino levaba sen roupa de traballo dende o 17 de marzo. Após a denuncia da CIG, a roupa foilles entregada o sábado 18 de setembro, nin máis nin menos que seis meses despois de solicitarlle ao persoal que indicara as tallas da roupa.
Desta volta, a situación estase a repetir de novo. O 28 de novembro de 2021, seguindo instrucións da subdirección, apremouse ao persoal interino para que indicase as súas tallas co fin de entregarlles un buzo e un anorak.
Dous meses despois, semella que para a consellería xa non é urxente dotar a parte do seu persoal da roupa de traballo axeitada. Mentres o persoal fixo xa dispón desas dúas prendas, o persoal interino segue agardando. Semella que para a consellería hai persoal de primeira categoría e persoal de segunda.
Mentres os responsables están co cu quente sentados no despacho, o persoal está a saír ao mar en pleno inverno cun xersei e un cortaventos.
Instamos de novo ao Servizo de Gardacostas e á Consellería do Mar a que entreguen xa, sen máis demora, a roupa de traballo ao persoal interino, que deixen de repetir esta situación caótica ano tras ano e que traten ao seu persoal con dignidade, dotándoo dos medios necesarios para que poida traballar con seguridade.
- Detalles
A DXFP ten enriba da mesa unha nova sentenza gañada pola CIG que recoñece o dereito a cobrar o complemento de carreira a todo o persoal que cumpra cos requisitos de anos de servizo e formación. A nova sentenza bota por terra a chantaxe de esixir a funcionarización para cobrar o complemento de carreira.
A CIG ven de gañar unha nova sentenza no TSXG que anula a instrución 3ª da Orde de confección de nóminas de 2019 “...por entender que a mesma vulnera o dereito á igualdade e non discriminación (art.14 CE) do persoal laboral da Xunta de Galiza (fixo, indefinido e temporal)...impedíndolle participar no sistema de carreira profesional establecido e pactado coas centrais sindicais, privándolle do seu dereito á promoción profesional.”
A orde impugnada excluía do acceso ao grao I do sistema de carreira ao persoal laboral fixo que non presentase a solicitude de funcionarización (ou non superase o proceso). E no caso de que incumprise o compromiso tería que devolver os importes percibidos.
O fallo é moi claro en canto que o dereito á carreira é universal para quen cumpra os requisitos de anos de servizos e formación
A Lei de emprego público XA recoñece o dereito do persoal funcionario interino á carreira profesional grazas as demandas da CIG
Despois dos recursos da CIG, da campaña de fake news de CCOO e UGT, da paralización do grao II, a Xunta, á vista das sentenzas, tivo que recoñecer que a carreira profesional ten que estenderse a todo o persoal. E isto faino coa aprobación no Parlamento do proxecto de lei de medidas que ven de modificar a LEPG para que, no canto de referirse ao persoal funcionario de carreira no relativo á carreira profesional, o faga ao persoal funcionario en xeral (de carreira e interino).
Tal e como recolle a lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas na súa exposición de motivos: “Modifícase a disposición transitoria oitava para, ademais de aclarar a regulación da consolidación de grao, estender o dereito á carreira profesional a todo o persoal funcionario, sexa de carreira ou interino, deixando así recollido na normativa os pronunciamentos xudiciais existentes en canto a este aspecto.”
Este era o único xeito de rematar coa causa de nulidade, que todo o mundo entendía como de sentido común, menos CCOO e UGT que azuzaban á Xunta de Galiza para retirar a carreira profesional a todo o mundo.
Non quixeron implementar o grao II como chantaxe para que retirásemos as demandas que sabían que íamos gañar
Con isto non rematan as mentiras, porque CCOO+UGT+Xunta negaron dende un principio o acceso anticipado ao grao II. O acceso ao grao II anticipado e o grao I ordinario tiña que estar convocado moito antes de que saíra a primeira sentenza gañada pola CIG, e a súa posta en marcha era un feito que dependía só dos asinantes do acordo e non de ningunha demanda, pero para xustificalo utilizaron como escusa da súa ineptitude a mentira de que non se podía facer porque o impedía a CIG.
Agora que unha norma con rango legal habilita para estender ese dereito a todo o persoal, grazas ás sentenzas gañadas pola CIG, non lles vai quedar outra que sentarse a negociar un acordo inclusivo e pagar o retraso do grao II a todo o persoal. E se alguén o impide será a súa responsabilidade.
- Detalles
A través da páxina de transparencia da Xunta pódese acceder ao borrador do proxecto de decreto de modificación do artigo 12 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.
O cambio proposto fai referencia ao prazo de actualización anual de méritos que no actual decreto establece que se fará anualmente no mes de febreiro e na modificación proposta esta actualización omite fixar prazos mantendo únicamente que se fará mediante resolución da Dirección Xeral de Función Pública que se publicará no DOG.
A xustificación deste cambio segundo manifesta a administración, é porque nalgunhas listas de persoal funcionario (caso de subalternos, administrativos e outros) deben puntúar, tras os procesos de funcionarización, o tempo traballado en varias categorías de persoal laboral e polo tanto precisarían máis tempo para actualizalas.
O prazo para remitir suxestións: 31/01/2022. Contacta coa CIG.
- Detalles
O 30 de decembro entrou en vigor a LEI 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reducción da temporalidade no emprego público
Esta lei nace, supostamente, para adaptarse á lexislación europea e á xurisprudencia en base a directiva 1999/70 CE, e como condición necesaria para poder optar aos fondos europeos das medidas sinaladas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Recolle as medidas previstas do acordo de CCOO, UGT e a CSIF co goberno do estado español trasposto ao RDL 14/2021 e é froito do pacto con varios grupos do Congreso.
A lei introduce a novidade dun proceso de estabilización extraordinario por concurso de méritos que suscita moita controversia no persoal e enche de incerteza o acceso á función pública. Xera discriminacións entre todo tipo de persoal, como con quen aprobou unha oposición e non tivo a oportunidade da mobilidade, como coas persoas que levan anos preparando procesos selectivos, como o actual persoal funcionario de carreira que se enfronta ás durísimas probas de promoción interna, ou incluso entre as que concorreron a convocatorias diferentes dentro do mesma corpo ou escala.
As claves da Lei
Trátase dunha norma de carácter básico e de obrigado cumprimento para as administracións. Divídese en dúas partes: a primeira, con vocación de permanencia, modifica o texto refundido do Estatuto básico do empregado público (TREBEP) para definir ao persoal funcionario interino e os seus dereitos, así como regular compensacións económicas; a segunda parte regula o plan de estabilización nas administracións públicas.
Artigo 1. Modificación do TREBEP (queda case igual que o icetazo)
O nomeamento do persoal interino poderá facerse en determinadas circunstancias e, como regla xeral, por un prazo máximo de 3 anos. Establece as causas que supoñen a fin da relación de interinidade.
Clarexa que en ningún caso os procedementos de selección do persoal funcionario interino darán lugar ao recoñecemento a condición de funcionario de carreira.
Regula un sistema de compensacións económicas (non son indemnizacións) para o persoal funcionario interino e laboral temporal nomeado/contratado a partir da entrada en vigor da lei cando se produza un incumprimento dos prazos por parte da administración.
Para a selección do persoal laboral tamén se definen os mesmos principios de selección e, no caso do temporal, fai compatible a compensación económica coa posible indemnización que poidera corresponder, pero restándose unha da outra.
Anuncia responsabilidades para as administracións que incumpran, pero non as define. Iso si, declara acto nulo o incumprimento dos períodos máximos de permanencia na praza, cargando a responsabilidade ao persoal co “premio de consolación” da compensación económica.
Artigo 2. Estabilización do emprego
Permítese unha taxa de reposición adicional para estabilizar prazas (non persoas) obrigatoria para as administracións públicas, que deberán identificar as prazas a estabilizar. Recupera as prazas das anteriores Ofertas de Emprego Público (OEP) de estabilización que non foron convocadas ou sendo convocadas e resoltas, quedaron sen cubrir.
- Proceso de concurso-oposición. Para prazas estruturais orzamentadas ocupadas temporal e ininterrumpidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.
- Proceso extraordinario de concurso de méritos. Para as prazas ocupadas temporal e ininterrumpidamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.
Sinala unha compensación económica para o persoal interino e temporal que non superara os procesos selectivos de estabilización.
A norma obriga ás administracións a chegar a acordo coas organizacións sindicais, sendo o noso marco de negociación a Mesa Xeral de Empregados Públicos, onde se terán que definir os criterios e o miúdo das convocatorias. Ademais, estes procesos son compatibles coa promoción interna e os concursos de traslados.
Na CIG esiximos á Dirección Xeral de Función Pública que á maior brevidade posible poña á nosa disposición os criterios cos que se van desenvolver estes procesos, tanto os derivados desta lei como os de promoción interna e libre, e a relación de todas as prazas vacantes, tanto as que cumpran os criterios fixados nesa lei como as que non.
- Detalles
Trala avaliación de riscos laborais dun centro de traballo da provincia de Pontevedra recoñecese a exposición a axentes canceríxenos do persoal que traballa na extinción de incendios
No Plan de Acción requiriuselle á Administración para que implante medidas correctoras no prazo de 3 meses
Esta avaliación deixou de manifesto as eivas en canto a riscos laborais dos centros de traballo do SPIF. Pero ademáis, o documento do Plan de Acción recolle que o persoal das brigadas forestais desenvolve un traballo que implica unha posible exposición a hidrocarburos aromáticos policíclicos (son produtos canceríxenos recoñecidos) presentes na borra, a través dos restos cos que queda impregnada a roupa despois das actuacións. Dende CIG insistimos en que este risco é inherente ao persoal que desenvolve labouras de extinción de incendios forestais e debía contar cunha medida correctora axeitada
Pois ben, en aplicación do RD 665/97, de 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo, establecéronse coma accións requiridas para realizar por parte da Administración no prazo de 3 meses as seguintes:
- Deben existir lugares para o almacenamento separado de roupa de traballo ou de protección. O empresario será o responsable do lavado e descontaminación da roupa de traballo, e está estritamente prohibido ao persoal levar dita roupa para as súas casas con este propósito.
- Extremar a hixiene persoal despois destas actuacións. Igualmente a hixiene destas instalacións
- Adoptar medidas hixiénicas, en particular a limpeza regular de pisos, paredes e outras superficies
- O persoal será debidamente informado e existirá unha vixilancia periódica do seu estado de saúde
- Disporase de retretes, cuartos de aseo, duchas e vestiarios apropiados
- Despois de cada actuación que implique a exposición mencionada, os/as traballadores/as disporán de como mínimo dez minutos para o seu aseo persoal dentro da xornada laboral
Por todo isto, vimos de solicitar que se cumpra o requirido, e tendo en conta a eiva xeral na cuestión da responsabilidade do lavado e descontaminación da roupa de traballo, que a Consellería do Medio Rural poña en marcha con celeridade as accións precisas para solucionala, para este centro de traballo e para tódolos centros de traballo e todo o persoal que participa na extinción de incendios
- Detalles
Após da demanda da CIG no 2020, o tribunal sentenza que as funcións que a Consellería de Cultura deriva son competencia exclusivas de funcionarios/as públicos que a Xunta despediu para contratar esta empresa.
A sucesión de encomendas, e xa van 9 dende o 2018, para o informe e inspección arqueolóxica na que gastou máis de 2.225.726 euros foi declarada ilegal e anula o ultimo contrato vixente. Nesta sentenza ao longo de 32 páxinas evidénciase o malfacer da Xunta de Galiza e cárgalle custas.
Así a Xustiza é clara cos seus argumentos neste fallo:
• Afecta a competencias propias da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e do seu Servizo de Arqueoloxía, xa que están previstas prazas na RPT e a escala na LEPG.
• Trátase de funcións exclusivas de persoal funcionario público (informes técnicos que teñen que garantir a salvagarda de intereses xerais e o valor probatorio dos informes)
• Non se xustifica a urxencia cando se enlazan encomendas sucesivas
• As funcións encomendadas non concordan nada co obxecto social da empresa TRAGSATEC e tampouco ten a consideración de medio propio.
• A empresa TRAGSATEC contratou a 16 das 17 persoas que tiñan que realizar as funcions encomendadas polo que se demostra que non tiña suficiencia técnica nin persoal, constituíndo unha infracción aos requisitos de suficiencia, eficiencia e idoneidade.
• Nas listas de contratación da Xunta había máis de 130 arqueólogos/as polo que non se xustifica tampouco a falta de persoal.
Na CIG valoramos positivamente esta sentenza que pon freo a proliferación descontrolada de encomendas e asistencias técnicas da Xunta nos últimos tempos e que para dar validez probatoria a un informe de obras e actuación que afecten a intereses xerais como o patrimonio cultural, a saúde pública ou o medio ambiente debe ser realizado por un funcionario/a público.
Lembramos que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no ano 2018 decidiu que para facer os informes técnicos de arqueoloxía era máis doado conveniar con Tragsatec que crear prazas de arqueólogos na RPT, ou mesmo cubrir as que tiña vacantes. E comezou a facer encomendas de xestión a esgalla ( ata o día de hoxe van 7).
Dende a CIG xa advertimos a ese centro directivo da desfeita destes convenios que eran manifestamente ilegais por extraer da esfera pública un traballo que só debería facer o persoal funcionario.
Amáis gastábase unha inxente cantidade de diñeiro que ben podería servir para crear esas prazas estruturais en RPT da escala de arqueólogos.
E sen mencionar a fraude que se lle facía ás persoas apuntadas nas listas de contratación, que eran directamente ignoradas nos seus dereitos ou mesmo contratadas de novo por Tragsatec; pero claro con peores condicións económicas e laborais.
A CIG denunciou esta situación e interpuxo un contencioso no 2020 que acaba de resolverse, botando por terra todo este amaño e anulando a encomenda de xestión feita por Patrimonio Cultural.
Cun razoamento contundente, ilegaliza todos os actos e institúe as funcións de inspección, elaboracións de informes e asesoramento técnico nos corpos funcionariais, neste caso de arqueólogos pero serve de “aviso a navegantes” para outras consellerías (Política Social, Mar, Medio Rural) que andan xogando coa mesma dinámica de externalización do traballo funcionarial.
E agora…
quen se vai responsabilizar dos 2 millóns dilapidados? como se van prover as prazas de funcionarios da escala de arqueólogos? quen vai dimitir por actuar contra a legalidade vixente?